Bo Nadal

En Vieiros preparamos, para todos vós, un especial de Nadal atractivo e, basicamente, participativo. Dende aquí podedes mandar felicitacións e postais ós vosos amigos, saber cáles son os pratos máis recorrentes nas nosas ceas, unha guía onde vos ofrecemos productos e posibilidades para que os vosos galanos e o voso tempo de lecer sexan galegos, ademais de disfrutarmos das panxoliñas de María Manuela, Suso Vaamonde, Xoán Rubia, das receitas de Paco Feixó, o noso cociñeiro máis internacional, e dun anuario onde podemos saber qué pasou todo este ano xunto a un debate aberto sobre a emigración onde ti podes participar deixando as túas mensaxes.
Así foi 1997
Crónica anual dos feitos máis significativos que se produciron na rede, en Galicia e no mundo e que apareceron diaramente na nosa páxina principal.

Panxoliñas
Aquí poderás escoita-las composicións musicais de María Manuela, Suso Vaamonde e Xoán Rubia.

A emigración
Neste tempo de reencontro, ¿é posible o retorno dos galegos e galegas da diáspora?

Postais
Os traballos de Xaquín Marín, Sonia Álvarez, Xan Muras e Kiko Delgado serven para que felicitéde-lo nadal e aninovo a calquera punto do mundo.

Comidas do Nadal
As receitas de Paco Feixó e un taboleiro onde podes deixa-las receitas dos pratos que tradicionalmente xantades e ceades no Nadal.

Guía Vieiros
Fai un nadal máis galego coas rotas e os galanos que che propomos.

Antes da uniformización de boa parte dos nosos costumes diarios, o noso tempo de nadal vivíase dun xeito ben distinto. Un xeito propio de ver e senti-lo mundo, de vivilo, unha maneira distinta de facer e transmiti-la cultura milenaria. E unha desas tradicións que nos facían distintos e singulares eran os Cantares de Reis.

Chamados nalgúns lugares da nosa xeografía como reises ou aguinaldos, eran pequenas composicións cantadas sen acompañamento que os habitantes dos lugares e parroquias entonaban divididos en dous grupos e que narraban a historia do necemento do neno Xesús e a chegada dos reis Magos coas súas reliquias. Os Cantares de Reis, como tamén os Cantares de Aninovo e os de Nadal, foron a desculpa perfecta para faceren unha noite de alegría, de acompañamento, de ilusión... para moitos dos galegos e galegas que tiveron a súa vida no rural.

Estas composicións adoitaban presentar tres partes: a petición de licencia para o canto, a cantiga narrativa propiamente dita e finalmente, a petición de aguinaldo, que normalmente consistía en doces ou diñeiro. E tamén, en moitos lugares, aparecía a figura máxica do gaiteiro interpretando jotas e muiñeiras para abri-la festa.

Dende Vieiros tamén queremos facer un bo Cantar de Reis, un cantar no que a licencia sexa a petición de que compartas con nós este tempo de lecer e no que che propomos atractivas ideas; no que a cantiga narrativa sexa a historia deste ano que rematamos cheo de cambios e novidades para a comunidade internauta galega e, finalmente, no que o aguinaldo sexan os vosos desexos e peticións para o ano que comeza.

Vieiros