NADAL 2000
Así foi o 2000: Cousas de Galicia (1)
Lento foi o avance da Internet en Galicia no 2000. Se o mundo desenvolvido arrincou con forza e empezaron a consolidarse proxectos, en Galicia seguimos atrás, tanto en número de internautas como en proxectos anovadores. En porcentaxe de persoas conectadas, somos os terceiros pola cola do Estado cun 8,2% de internautas (só nos superan Estremadura e Murcia). A media española está no 15,8%, e a catalana no 18,6%. Como vemos, Internet segue a ser un fenómeno minoritario no país, aínda que xa poucas empresas quedan que non farden de ter páxina en Internet...

1. A Rede en Galicia
2. O mundo das telecomunicacións
3. Noticias na rede e novos medios ("A febre do ouro")
4. A cultura e o lecer na rede
5. A rede, o mellor lugar para reivindicar
6. Mundo empresarial e un incipiente comercio electrónico
7. O galego e a Internet
8. Internet na educación
9. A TVG e as cámaras web por todo o país
10. Eleccións e política
11. Emigración na rede
12. O deporte: un ano de éxitos
13. Turismo 'on line'


1. A rede en Galicia

Manuel Fraga dixo e repetiu ao longo de todo o ano a quen quixo ouvir que Galicia está "ao nivel dos países máis avanzados de Europa" en materia de novas tecnoloxías. Sen embargo, os datos foron deixando sen valor estas palabras. Segundo o Estudio Xeral de Medios, somos os terceiros pola cola do Estado cun 8,2% de internautas (só nos superan Estremadura e Murcia). A media española está no 15,8%, e a catalana no 18,6%.

Tampouco había ningunha web galega entre as 100 máis visitadas do Estado, segundo fixo público a AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación) cos resultados da 3ª Enquisa AIMC a Usuarios de Internet, que foi realizada de outubro a decembro de 1999.

Unha das áreas do Proxecto Galicia 2010 chamábase "Sociedade do Coñecemento". Na ponencia final, que se presentou o 11 de decembro, os expertos que analizaron este eido chegaron á conclusión de que Galicia necesita un plan de desenvolvemento da sociedade da información. Ademais, definían o usuario galego da Internet como un cidadán entre 18 e 40 anos, de clase media, residente na cidade ou en áreas próximas, que utiliza a rede desde o seu posto de traballo ou en establecementos especialmente dotados para o caso: cibercafés, centros de conexión... As preferencias de uso están na web, nos chats e no correo electrónico. Agora, o verdadeiro problema a solucionar é o acceso a Internet no medio rural. O BNG presentou en decembro unha proposición non de lei no Congreso na que insta ao Goberno a solucionar os problemas que ten a xente do rural para acceder a Internet. Os usuarios de Telefonía Rural de Acceso Celular (TRAC) non poden acceder á rede e a outros servicios avanzados de telecomunicacións en igualdade de condicións co resto da cidadanía. A petición foi aprobada, pero nada se dixo de como facelo.

Pero unha das cousas positivas do 2000 foi a creación de Eganet (Empresas Galegas en Internet) logo de varias xuntanzas entre compañías do sector e a iniciativa de Ramóm Nogueira e Dinaweb. Constituiuse oficialmente o 31 de marzo, e agrupa agora mesmo a 17 empresas.

A rede en Galicia deulle a benvida a varios novos portais, ou que así se autoproclamaban: U-lo!, portal xeralista, con buscador incluído; Vivebien.com, adicado á información de lecer; TodoVigo.com, un novo portal que engadirlle á cidade olívica; GaliciaDigital.com, tamén xeralista, ou Mercagalicia.com, adicado ás empresas. En outubro fíxose pública unha alianza entre R, a operadora galega de cabo, El Progreso e El Ideal Gallego, para desenvolver unha serie de canles interactivas de información. Ao mesmo acordo chegaron Caixa Galicia, Bancaja e Ibercaja.

Para potenciar a rede, a Xunta montou no mes de marzo un encontro informático para mozos chamado Xuventude Galicia Net (ademais de crear a web XeraciónNosa.com); a Mancomunidade de Vigo, a través do Proxecto Pegaso, organizou cursos de Internet, e a entre a Consellería de Industria, Caixavigo e Ourense e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia comprometéronse a crear un Observatorio de Tecnoloxías da Información e Comunicación que permitirá mellorar a competividade das pemes.

Acometéronse ademais varios outros proxectos para desenvolver o mundo das novas tecnoloxías e facilitar a formación. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, a Universidade de Santiago e as empresas Cisco Systems e o Grupo Academia Postal van implantar en Galicia o "Cisco Networking Academy Program" para a formación de milleiros de alumnos en novas tecnoloxías de infraestructuras para Internet. Ademais a Xunta asinou un convenio con vinteúnha empresas de telecomunicacións para promover o fomento das tecnoloxías da comunicación e a información no sector das pemes de Galicia. En xullo a Consellería de Cultura puxo en marcha en Santiago o proxecto "Cidades Dixitais", unha iniciativa promovida por Telefónica que suporá a expansión da Autopista Galega da Información aos municipios galegos e a implantación de servicios avanzados no medio rural.

E máis cursos de formación que houbo ao longo do ano: de xornalismo electrónico, organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia; ou o Programa de Formación 2000, de man do Centro Multimedia de Galicia (Xunta). Os conselleiros de Educación e Presidencia -Celso Currás e Jaime Pita, respectivamente- asinaron un acordo co director de Telefónica para Galicia e Asturias, Xosé Manuel Soto, para que todos os colexios galegos estean conectados a Internet a comezos do 2001. O obxectivo deste convenio é a implantación da rede en 670 centros de primaria a través da rede da Xunta.

Iso si, xurdiron algunhas webs e proxectos interesantes. Velaquí algúns exemplos:

  • Autostopcar.com, unha iniciativa do mozo ourensán Roi González, que creou esta páxina para que conductores solitarios e autoestopistas compulsivos unan os seus camiños.

  • EmpleoGlobale.com, unha publicación en liña dunha empresa coruñesa que se adica a ofrecer servicios de busca de emprego a través de Internet.

  • Proxecto Fiestras de R: a operadora de cabo buscaba proxectos anovadores que quixesen crear unha web con contidos. R ofrécelles aniñalo no seu servidor, ensinarlle a construíla, a desenvolver o proxecto e, ademais, logo de rematada pagará unha determinada cantidade de diñeiro segundo o número de visitas que consiga.

  • Abreak-e.com, consultoría e márquetin en Internet dende A Coruña, recoñecida en todo o Estado.


Webs importantes que se estrearon: Concello de Ourense, Eixo Atlántico, Consello Económico e Social de Galicia, Concello de Narón e moitas outras.

E os delictos por Internet tamén chegaron a Galicia. A Garda Civil detivo en Pontevedra en febreiro a dúas persoas como presuntas autoras dun delicto de prostitución e corrupción de menores a través de Internet. Esta operación, coordinada polo Grupo de Delictos de Alta Tecnoloxía da Garda Civil, iniciouse a comezos de setembro pasado a raíz da detección dunhas webs nas que se ofrecía acceso a material pornográfico con menores. A páxina estaba aloxada nun provedor sevillano e daba acceso a unhas 25 máis, todas en servidores estranxeiros. Gracias ao ISP, puideron identificar aos titulares da páxina, dous homes de 39 e 30 anos, de Vigo e Nigrán, respectivamente.


Arriba

2. O mundo das telecomunicacións

O 2000 foi o ano de despegue das empresas de telecomunicacións galegas. Vieiros fíxolles entrevistas a cada un dos seus máximos responsables: Arturo Dopico, director xeral de R; José Ángel Veiga, director de Telefónica para Galicia; Rosanna López Salgueiro, conselleira delegada de Retegal; Luis Suárez Jordana, director xeral de Comunitel; e a José Antonio Ferreira, director xeral de ITC Comunicaciones.

A empresa con capital autóctono máis potente, R, segue a ser unha incógnita. A finais de ano o número de clientes con cabo era indeterminado e en moitas das cidades aínda non daba ningún servicio. De todos os xeitos, presentou algunhas novidades interesantes, como unha tarifa telefónica única para toda Galicia. En maio instalaron a súa primeira cabina telefónica pública en Vigo. Por mor deste retraso no despregamento da rede, R adquiriu o negocio de acceso a Internet de Cesatel Soluziona gracias a un acordo ao que chegaron estas dúas empresas. Polo de agora, R dará acceso por redes IP e cando a rede de cabo vaia chegando a cada un deles, irán incorporando a tecnoloxía de fibra óptica aos xa ex clientes de Cesatel.

Mentres, Comunitel, con base en Vigo e en Madrid, rebaixaba o 15% as tarifas de fixo a móbil e chegaba a acordos de interconexión de fibra óptica coa empresa portuguesa Oni. Aínda que pouco tempo despois era absorbida por Med-Tel (Mediterranean Telecommunications) co obxectivo de construir a primeira operadora da Europa mediterránea. Pola súa banda, Comunitel pasará a posuír o 20 por cento de Med-Tel, empresa americana que ata o de agora estaba controlada pola sociedade de investimentos Warburg Pincus, que agora quedou co 40%. O resto do capital repártese entre outras sociedades absorbidas en Italia e Grecia e o seu equipo de xestión.

E a sorpresa da tempada foi o anuncio da existencia dunha nova operadora galega de telecomunicacións, ITC, que comezou a prestar servicios de consumo telefónico fixo doméstico a partir do mes de novembro.


3. Noticias na rede e novos medios ("A febre do ouro")
4. A cultura e o lecer na rede
5. A rede, o mellor lugar para reivindicar
6. Mundo empresarial e un incipiente comercio electrónico
7. O galego e a Internet
8. Internet na educación
9. A TVG e as cámaras web por todo o país
10. Eleccións e política
11. Emigración na rede
12. O deporte: un ano de éxitos
13. Turismo 'on line'

Vieiros | Así foi o 2000: Cousas de Vieiros | Nadal en Vieiros | Arriba