Antigamente, e ata hai ben pouco, antes da uniformización do Nadal, esta festa vivíase no noso país de xeito ben distinto. Unha das tradicións máis antigas e de maior raigame, aínda contada hoxe polos nosos maiores, era o cepo do Nadal.

      O cepo do nadal era unha cepa grande de madeira boa, de carballo polo regular, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da estadea, do acompañamento, de serpes, encantos, contos de rir..., e os máis cativos, menos amigos desas lerias, brincaban.

      Pero o cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun recuncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboeiras de verán como no anaco de inverno que aínda quebada por vir, collíase borralla do cepo de nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos.

      Hoxe, esta tradición que estivo moi viva no país, esmoreceu. Sen embargo, alenta no noso recordo e son tempos de ela rexurdir e arder máis unha vez.

      Desde Vieiros queremos prender un cepo grande. Que arda de novo o lume e nos xuntemos a parroquia cibernáutica galega. E ó seu carón veñan os galegos e galegas que están fóra da terra e nos digan como se vive o Nadal aló lonxe, e veñamos todos e todas e contemos historias e escoitemos panxoliñas. E que se fagan ascuas. E ó se apagaren, que as gardemos aí, nun recuncho do ciberespacio, para as prendermos cada vez que veñan tronos e lóstregos cibernéticos ou morriñentos, e así, o URL das ascuas (como se lle chamará á sección despois de ardido o cepo) cobre vida de novo e nos protexa.

      Arda cepo de carballo de cerne, faga ascuas e quente corazóns bos e xenerosos.


Colaboracións:

Milagros Oya
Carme Hermida
Mario Caneda

José Manuel Rodríguez
Claudio Gouvea
Eduardo Frá Molinero
Xallas
C. Rousia

Manuel Matalobos y Otero
Afonso V. Monxardín
Felisindo Rodríguez
Luis Bouza-Brey
Fernando Lamas
Gabriela Barcala

Camilo Regueiro: Terra (mid)
Camilo Regueiro: Barcala (mid)


Ir arriba