Carmen Beceiro e a novela folletín


Praza do mercado de Fene. (Doada por Ana María Monrubia).

A novela e o teatro foron xéneros que cultivaron -en menor medida que a poesia- as escritoras galegas do XIX. Nestas semblanzas de mulleres "esquecidas" xa temos lembrado a Fanny Garrido, Sarah Lorenzana, Sofía Casanova, Emilia Calé, Virginia Felicia Auber. E agora recordamos a esta escritora, Carmen Beceiro, cuxo perfil biográfico é abondo descoñecido. Porén, a sua actividade literária non é desdeñável. Escreveu tres novelas: El marino, que atinxiu unha segunda edición de 1887, feito pouco habitual naquela altura; La bella aldeana (1889) e La sortija del negro (1890).


Muiños de Santa Ana. (Arquivo Municipal).

Da sua aportación à novelistica queremos referir-nos a La bella aldeana, unha obra curiosa, ambientada en Galiza, que descreve usos e costumes da nosa terra. Inserida na estética decimonónica, abondo folletinesca, a autora, narradora omnisciente, introduce por veces a 1ª persoa para meter-se no meio da acción con pequenos discursos didácticos e moralizantes. A novela leva un prólogo introdutório reivindicativo da terra que a viu nacer, onde os campesiños -di Carmen Beceiro- comen o pan negro amasado co fel que brota do seu corazón... e son inxustamente desprezados por aqueles que devian atender ao seu engradecimento, mas que só lembran a Galiza para arrebartar-lle o que o seu chan produce. Dedicada a Susana Sáinz de Otero, "mi verdadera amiga, modelo de gallegas", a obra está estruturada en catorce capítulos, iniciados todos con cantigas populares e pequenos trechos poéticos de autores galegos como Curros, Alberto Camino, Barcia Caballero, etc. A acción localiza-se en terras de Fene, de onde é natural a heroína da novela. Sabela, a nena-muller que protagoniza esta história con tintes melodramáticos, orfa, filla de solteira, que cuida do gado e le Pablo y Virginia ("como se fose unha señorita"), à que lle acontecen todo tipo de desgrácias, incluído o acoso sexual por parte do seu protector, pero que, ao final -como acontece neste tipo de novelas- supera todos os obstáculos que se apresentaran: casa co misterioso galán que a pretendia, Augusto, unha vez salvado o impedimento da clase social. Se algo ten de interesante esta noveliña son as recriacións de ambientes e a narración de costumes populares que nos trasladan a Fene, Barallobre, Sillobre, Perlio... Polo demais achamos amores románticos, mulleres do povo seducidas, baixo o efecto dos narcóticos, protagonistas formosas e virtuosas, que se converten, como Sabela, en "anxos de Aldea", pais descoñecidos que afinal reaparecen e solucionan o problema amoroso dos protagonistas, etc. Alementos estes que nos lembran outras novelas, algunha escrita en galego. Só falta a loucura dalgunha personaxe.

Carmen Beceiro tamén cultivou a poesia dando à luz un livro de poemas intitulado Zarzamoras (1890). A sua asinatura achamo-la en El Fin del Siglo, nos suplementos literários que publicaba este xornal, en El Compostelano, en Galicia Recreativa, na Revista Gallega, en El Camarada (de Barcelona). Figura tamén entre as escritoras que a Real Academia Galega nomeou académica correspondente en 1906.


Aurora Marco en As Precursoras





Volver á Páxina da Muller .