Vieiros




Premendo na portada poderás descargar e visualizar o libro en PDF. É preciso ter instalado o Acrobat Reader.


¿Quen é Fran Alonso? Averíguao aqui.
Males de cabeza
de Fran Alonso



(1) Se Fran Alonso non fose escritor, el mesmo o manifestou, sería hoxe todo un axente forestal nun bosque canadiano. Menos mal que optou pola posibilidade primeira, daquela cómpre non desproveitar as ocasións para ler as súas propostas, gracias a iso podemos internarnos polo bosque das súas palabras.

(2) Males de cabeza é unha novela. A súa última novela. Unha fraga mesta e vizosa que medrou en aparencia espontaneamente, logo de ver un lado escuro do mundo pero moi próximo cunha ollada lúcida e comprensiva.

(1) Fran Alonso constrúe desde fins dos oitenta un enorme macrotexto literario. Nel danse a man a poesía, a narración curta, a novela de longo alento... De todo isto se rastrexan pegadas neste volume. Todo se entrecruza -Taquín, Cibrán, Milucho, Claudia- todo xorde e rexorde unha e outra vez...

(2) En Males de cabeza ollamos unha película estarrecedora. Dous planos, dúas liñas estíranse ata o máximo e converxen nunha sorte de final coppoliano. A voz narradora é plural e variada, aséptica pero non fría, escolle as secuencias, organízaas, mantense afastada, pero sempre presente..., talmente coma se fose unha cámara cinematográfica. Fíxense.

(1) Fran Alonso, por sorte, non se desprende aquí tampouco dunha visión humanista, transida de aceda tristura, inzada de comprensión para os que sofren a historia. A min iso gústame.

(2) Males de cabeza inclúe contos antolóxicos. "Desviación de chamada" é un dos que resultan extraordinarios. Realmente a nosa é unha nación un pouco esquizofrénica.

(1) Sabiamos que Fran Alonso tiña que ofrecer un libro así. Por máis que digan confírmase que a estética dos 90 latexa con forza propia, e velaí vén tamén na narrativa. Atención á pirámide canónica do noso sistema.

(2) Males de cabeza é un texto duro e cru, que transgrede as fronteiras dos contos tradicionais en ocasións, por veces con protagonistas próximos á impersonalización, tamén cheo de sensibilidade diante do cotián, desprende unha ironía gorentosa. Unha galería de situacións, de personaxes que han resoar no corazón dos lectores.

(1) Fran Alonso escribe con taquicardia, tamén co corazón e coa intelixencia. E iso nótase.

(2) Males de cabeza, non o dixen, é un libro que reflexiona sobre a tolemia -ese sombreiro de quita e pon-, a angustia, a psicose, a neurose, a paranoia e a esquizofrenia, claro, tamén sobre a lucidez dese tolo Bartolo nun mundo terrible que é o noso. Por fin alguén destapa esoutra realidade que a todos afecta e que ninguén quere ver. Quizais por medo a nós mesmos -¿u-la fronteira?-. Se cadra por medo a romper esa sinistra campá de cristal que nos goberna.

Ramón Nicolás


Males de cabeza | Fran Alonso | Vieiros