Vieiros


Fran Alonso

Portadas de libros
Fran Alonso


Fran Alonso (Vigo, 1963), poeta e narrador, é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e está profesionalmente vencellado ao xornalismo e á edición en lingua galega. Na actualidade é Subdirector para a Edición Xeral en Edicións Xerais de Galicia.

A súa traxectoria como narrador comeza con Tráiler (1991, Premio Blanco Amor de Novela), que xira arredor da vida e dos mitos dos camioneiros. Logo publicou Cemiterio de elefantes (1994), libro de relatos centrado no mundo da noite; Silencio (1995), que se adentra na esquizofrenia do mundo urbano a través dunha situación límite; e O brillo dos elefantes (1999), que conta a historia dun neno centroamericano acorralado pola miseria, a fame e a guerra.

Como xornalista é autor de Territorio ocupado (1998, Premio Losada Diéguez), unha crónica de literatura periodística sobre o conflicto saharauí.

Como poeta deu á luz A lúa no probador (1992), Persianas, pedramol e outros nervios (1992), Tortillas para os obreiros (1996), e Cidades (1997) Premio Rañolas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano, Accésit do Premio Lazarillo e o libro máis votado da Lista deHonra da revista Clij.

A súa obra narrativa está recollida nas antoloxías Relato contemporaneo (Xerais, 1995), O relato galego (Sotelo Blanco, 1995), Colloque sur la Jeune Littérature Européene (Bruxelas, 1996), Unha liña no ceo (Xerais, 1996) e ¡Va de cuentos! (Espasa Calpe, 2000). A súa obra poética está tamén recollida en antoloxías e revistas como Quimera (Barcelona, 1997), Grial (Vigo, 1999), D'efecto 2000 (Letras de Cal, 2000) e Letras para armar poemas (Alfaguara, 2000).

É responsable das coleccións de poesía Ablativo Absoluto e de narrativa Abismos e coautor da traducción ao galego do Polgariño de Charles Perrault. Editou e coordinou o libro Mini.relatos, onde participan 27 autores galegos novos, publicado pola Librería Cartabón (1999).


Males de cabeza | Reseña de Ramón Nicolás | Vieiros