En Ferrol, a xente fala en galego, pero non se sente



ON ME ACORDO do ano. O caso é que J.L. Álvarez Emparantatza, "Tixllardegi" pronunciaba unha conferencia no I.B. "Concepción Arenal -ata non sei se sería con motivo dun Día das Letras Galegas- e nun momento da súa intervención contaba unha anécdota persoal. Facendo a "mili" en Ferrol aló polos principios dos sesenta, chegaba á seguinte conclusión: "En Ferrol, a xente fala en galego, pero non se sente".

Recorrro á anécdota porque acabo de ler unha entrevista con Modesto Hermida no número 25 da Revista Galega de Educación na que, citando os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, apunta: "as estatísticas demostran que Ferrol (e falamos da cidade, non das zonas periurbanas) é a máis castelanizada de Galicia".

Por razóns obvias, non vou ser eu quen tente desmenti-los datos do Mapa pero, con toda a carga de subxectividade que isto encerra, penso que as estatísticas non fan máis ca reflecti-la apreciación de "Txillardegi": os niveis reais de uso e comprensión, cando menos, nos ámbitos privados, son superiores ós que indican as enquisas. E se non superiores, a sociedade civil desta bisbarra é capaz de xerar inciativas e proxectos de grande importancia para a extensión do uso do galego.

Sen ánimo de facer unha relación pormenorizada, pero coa sá intención de facer xustiza histórica, cómpre salienta-lo papel do Colectivo Avantar, non só coma ferramenta de renovación pedagóxica, senón na súa condición da autores dos primeiros libros para a disciplina de lingua galega no E.X.B. Na mesma onda, hai que facer referencia obrigada ós sindicalistas que conseguiron a edición en galego dos convenios colectivos de Bazán e Astano, uns dos primeiros que se editaron na nosa lingua; ás persoas desta cidade e da bisbarra que tiveron moito que ver na elaboración do Plano de Normalización do Ensino que subscribiron a práctica totalidade dos axentes sociais; ós creativos ferroláns que aportaron unha nova metodoloxía no enfoque das campañas de dinamización lingüística que mesmo chegou a aplicarse noutras comunidades lingüísticas coma a catalana.... por non falar doutros eidos ou de ilustres antecedentes históricos.

¿Que ten que ver todo isto co uso do galego nas empresas? Pois que se non tivesemos estas apreciacións e precedentes sería difícil explicar por que xorde o Centro de Estudios Lingua e Empresa (CELE), as iniciativas que promovemos e o feito de que as mesmas obtivesen o grao de repercusión social que acadaron.

O CELE nace hai catro anos como unha asociación cultural que promovemos persoas vencelladas ó mundo da empresa e da dinamización lingüística co obxectivo de constituír un foro estable que organice congresos, simposios e debates que contribúan a promociona-lo uso normal do galego nos medios de comunicación, na publicidade e nas relacións empresariais e mercantís.

Comezámo-la nosa andaina organizando as Xornadas "Lingua e Medios" que, ademais de aportar importantes conclusións a respecto de como propicia-lo uso do galego neste eido, animaron a un colectivo formado por lingüistas e xornalistas a actualizar un interesenatísimo traballo de investigación que acaba de editar edicións LEA co título "A información en galego".

Nese mesmo ano, estou referíndome ó 1993, celebramos en Ferrol a primeira edición das Xornadas "Vender en Galicia, Vender en galego" que organizamos conxuntamente coa AXEF e que, entre outras cousas, serviron para poñer de manifesto que importantes empresas galegas e do resto do Estado utilizaban as súas linguas propias nas relacións comerciais e na comunicación publicitaria sen que isto representase ningún tipo de diminución na súa conta de resultados. Deste xeito, e en base a experiencias empíricas, tirábase por terra o tópico "o galego non vende".

De tódolos xeitos, era necesario afondar nesta análise. Velaí polo que na segunda edición das Xornadas "Vender en Galicia....." procuramos contar non só con empresarios e publicistas, senón tamén con destacados sociolingüistas quen non fixeron máis que confirma-las teses anteriores.

A finais do 96, demos un salto cualitativo, formulando os retos que tiña que afronta-lo galego na chamada "sociedade da información".

Se tivese que responder a como repercutiu o noso labor no tecido social da comarca, pois non sabería expresalo con exactitude. Agora ben, o que si quero poñer de manifesto é que a confluencia de moitos vectores ós que aludín foron determinantes para que Gabriel Rei e Fernando Ramallo elaborasen o primeiro estudio sobre as actitudes dos consumidores ante o uso do galego nas relacións comerciais e na comunicación publicitaria; para que item:)aga promovera Vieiros, o barrio galego en Internet ou para que moitas empresas e organizacións empresariais de Ferrolterra comecen a utiliza-la nosa lingua a diferentes niveis.

Por se me esquezo dalguén, pido perdón de antemán, pero a modo de exemplo vou citar algúns casos que me parecen significativos: nas rebaixas, é doado comproba-lo número de comercios que seguindo unha iniciativa de A Mesa utilizan a nosa lingua para popularizar este período; aplicando o ollímetro, é doado comprobar que cada día hai máis establecementos comerciais que teñen a súa denominación e razón social en galego; a campaña de A Mesa, "a pedir de boca" tivo unha excepcional acollida nos restaurantes de Ferrolterra"; empresas como Golán, Asesoría Ocampo, Abisub, Xestoría López Ríos, Persianas Noroeste, Vivaflor, Ebanistería Núñez, Expublinorsa, Iris Vídeo Produccións, Sonimaxe, Marcos, A Queiroga, UCAFE, Catro Gatos, Café da Vaca, San Luis, Grándola, Galería Sargadelos...empregan o galego en determinados ámbitos e outro tanto sucede con diferentes organismos coma a Cámara de Comercio, FIMO ou as diferentes organizacións empresariais de Ferrolterra.

Por unha ou por outra razón, os tempos están cambiando e co labor de todos e todas estamos conseguindo facer realidade o desexo de Manuel Rivas quen, parafraseando a Celso Emilio, reivindicaba para o galego a condición de "lingua publicitaria -comercial e empresarial, engado eu interpretando o seu sentir- do meu pobo".

Ferrol, maio de 1996

Chelo Loureiro
Presidenta do Centro de Estudios Lingua e Empresa (CELE).
Volver a Mil Primaveras