O prodixio de Marzo
© 1997 Milagros Oya.
Sentada baixo unha maxestuosa cerdeira no medio dun verde prado, unha luminosa mañá de Marzo, unha vella grila con gafiñas prateadas e cun pano crema de encaixe de Camariñas na cabeza, arrolábase nun delicioso mexedor de cana amarela. O sol brillaba no seu negro rostro, raios de escintilante acibeche espallábanse polo seu redor e un sorriso de branco marfil anunciaba o principiar do prodixio.

Unha multitude de invitados, chegados dos confíns do prado, rodearon á protagonista; dúas formigas retranqueiras, unha carriola moi fachendosa, unha miñoca enxoiada de arriba a abaixo, un atlético besbello, unhaa xoaniña coquetona e moitos amigos máis, moitos, moitísimos máis ¡Estaban todos!. Nun abrir e pechar de ollos, o manto verde do chan esvaecérase e no seu lugar, acugulábanse os convidados cos ánimos exaltados e os corazóns conmovidos.

O mexedor seguía co seu acompasado abalar, dondo, doce, cadencioso, expectante. A grila observaba por riba das gafiñaas como se acomodaba a audiencia. Todo estaba presto e disposto para comenzar.

As formigas deixáronse de lerias, a carriola amañouse o seu refinado traxe, a miñoca ordenouse os aneis, o besbello rematou a conversa coa xoaniña e todos, todos sen excepción, incluída a grila de gafiñas prateadas e pano na cabeza, elevaron os ollos ó ceo agardando ansiosos o sinal.

O silencio era sepulcral, ata as abellas calaron o seu zoar, só ó lonxe, uns paxariños cantaban contándose non sei que historia, sobre un primo irmán dun que sufrira unha terrible indixestión por comer demasiados vermes no día do seu cumpreanos.

Ninguén movía un só músculo, ninguén ousaba nin sequera respirar. Tódolos latexos do universo detivéronse nese segundo. Tódalas bocas abertas cara ó sol, tódolos ollos abertos cara ó límpido teito azul. A piques estaba de estoupa-la maxia.¡A convulsión achegábase! Todos sabíano e devecían por saborea-lo sublime gusto da súa beleza.

-¡Que emoción! ¡Que nervios!- murmurou a xoaniña esmagándose as patas.

-¡Cala, moza!- rifoulle o besbello cun lene tremor na voz- ¡Isto comeza xa!

E de súpeto un refacho de aire bambeou a excelsa cerdeira.

-¡Ooooooooooooooooooooooooooooh!

A audiencia proferiu esta eterna exclamación, levada polo sobrecollimento e a euforia que os embargaba. ¡A chuvia branca caía xa encol deles!... ¡Era o sinal! ¡Chegara o momento! Unha morea de pétalos brancos tinxían o ceo azul de reflexos de neve quente e rosaba os sorrisos dos reunidos xenerosamente, coa branca suavidade do veludo dunha noiva . E á fin, a grila detivo o mexedor, sacudiuse o pano da cabeza, limpouse de flores o colo e sacou fastosamente un rexio libro de debaixo das saias .

-¡Plas, plas plas!

Os aplausos non se fixeron esperar. ¡As gargalladas estouparon! ¡Os parabéns anegaron a xuntanza! Todos celebraron a chegada da primavera cos corazóns exultantes de ledicia.

-¡Bravo! ¡Bravo! -clamaban pegando brincos as dúas formigas retranqueiras.

A grila axustouse as gafiñas ó rostro de acibeche e cun doce aceno acalou os berros dos convidados.

Solemnemente afastou as páxinas do lexendario volume e leu con voz alta e clara.

-XA É PRIMAVERA NO CORTE INGLÉS

-¡Plas, plas!

-¡Bravo, bravo!

-¡Iupi!

-¡Chachi piruli!

-¡Que guai!

As enfervorizadas declaracións de delirio estrondaron no mundo enteiro. A boa nova fora dada. A reunión, entre berros de paixón, apertas, bicos e algunha que outra bagoa despistada, chegara á súa fin.

Un camión dos nomeados grandes almacéns, achegouse ó lugar da celebración do prodixio. Con dilixencia e habilidade inusitadas, dous empregados da casa, desmontaron a maxestuosa cerdeira, pregaron o mexedor de cana amarela, gardaron o pano crema de Camariñas, pecharon nunha caixa de cartón o volume lexendario, meteron nunha funda raída as gafiñas prateadas e desinflaron nun chisco e sen ningunha dificultade á vella grila lectora de reflexos de acibeche. Embalaron rapidamente tódalas mercadurías sen esquecer recolle-los brancos petalos do chan.

-¿Para a planta de oportunidades?- preguntoulle un traballador a outro.

-¡Por suposto! Cunha pouca de sorte, nas próximas rebaixas desfacémonos desta merda e librámosnos da primavera para sempre

-¡Oxalá!, odio esta estación, énchese todo de bechos- dixo o traballador botándolles unna ollada ós que abandonaban a xuntanza.

Os vultos apiñáronse na parte traseira do camión. Os homes subiron ó vehículo e arrancaron o motor contemplando por derradeira vez o escenario do prodixio.

-¡Ata nunca! Se non hai primavera no Corte Inglés, ningún deses idiotas poderá inventala.

E o camión perdeuse máis alá da pradería.

 

Fin


Volver A Vieiros / Volver ao Día das Letras