![]() |
Anxel Fole: un narrador galego diferente Ánxel Fole Sanchez (Lugo, 1903-1986) é un dos escritores galegos máis importantes do século XX. Autor bilingüe en galego e castelan, cultivou ó longo da súa vida tódolos xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Mais o eido creativo polo que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra contística, encerrada, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981). Entre toda esta producción narrativa sobrancean os catorce relatos reunidos en Á lus do candil, así como tamén o cativante prólogo ficcionalizado que, baixo o título de "Terra do Caurel", dispuxo Fole como limiar do libro. Neste último texto danse as claves interpretativas para comprende-lo marco narrativo no que teñen lugar as historias do libro: un grupo de cazadores queda illado, por mor da neve, nunha vella torre do século XIV; fronte á imposibilidade de desenvolve-las súas afeccións cinexéticas deciden "mata-lo tempo" contando, alternativamente e por rolda, historias vividas por eles ou sucesos dos que foron sabedores. O conxunto deses relatorios e despois transcrito polo autor, que en forma de conto recolle para nos o alí narrado polos diferentes cazadores. Ora ben, "Terra do Caurel" vai máis alá da simple xustificación narrativa, pois constitúe, en por si, todo un asistematico e espontáneo tratado etnográfico das terras do sur de Lugo e, metonimicamente, de toda Galicia. Nada escapa ó interese de Fole, que trata aquí sobre as peculiaridades paisaxísticas, botánicas, zoolóxicas, antropolóxicas, sociolóxicas, climatolóxicas, xeolóxicas e lingüísticas daqueles lugares, debuxando con fina prosa un acabado retablo costumista da intrahistoria cotiá das súas xentes. Evidentemente, Anxel Fole non foi única e exclusivamente un autor sensibilizado coa nosa realidade material, mais ou menos folclórica, senón que tamén mereceu a súa atención a realidade inmaterial do mundo do parapsicolóxico ou metapsíquico. Sen embargo, foi indubidablemente un grande paisaxista, pintor con trazo firme do existir máis arredío e ríspeto duns homes e mulleres que, nos duros tempos da posguerra, (sobre)viviron humilde pero dignamente mantendo viva toda unha cultura material e espiritual sen a cal non sería posible entende-la nosa historia como comunidade diferenciada no conxunto das nacións peninsulares en particular e europeas en xeral. Precisamente por estas razóns, "Terra do Caurel" constitúe un inestimable etnotexto literario, pois a paisaxe e a paisanaxe que habitan nestas poucas páxinas ofricennos, aínda hoxe, a mellor radiografía dun singular xeito de ser no mundo: o galego, o do noso labrego e o seu contorno vital. "Terra do Caurel": cartografía foleana do mapamundi cultural galaico. |
Ir arriba |
Armando Requeixo Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus traballos sobre literatura galega destacan a edición da novela Esmoriz (1994), de Aníbal Otero, e o estudio introductorio á peza teatral A soldadeira (1996), de Luís Seoane. Colaborador habitual en diversas revistas e xornais tanto galegos coma foraneos, ten asinado diferentes artigos sobre a obra de Alvaro Cunqueiro, Antonio Noriega Varela, Xosé María Díaz Castro ou Claudio Rodriguez Fer, entre outros. Ó estudio da narrativa do escritor lucense Anxel Fole dedicou a súa Memoria de Licenciatura, que baixo o título A narrativa galega de Anxel Fole: estudio lingüístico e temático defendeu na Facultade de Filoloxía de Santiago en setembro de 1996. Con posterioridade, tense ocupado en repetidas ocasións da súa obra, colaborando en diversos traballos en varios monograficos e libros colectivos dedicados s autor. Recentemente publicou Anxel Fole. Aproximación tematica á súa obra narrativa en galego (1996) e, en colaboración con Luís Alonso Girgado, Anxel Fole e Á lus do candil (1997), nos que volve novamente sobre a analise da narrativa foleana.
|