Codax, Meendinho e Cangas

Ilustracion
Tralo acordo tomado pola Real Academia Galega, subscrito como seu posteriormente pola Xunta de Galicia, 1998 é o ano dos trabadores, ó dedicármo-lo Día das letras galegas, na súa trixésima quinta edición, ós cantores Joham de Cangas, Meendinho e Martim Codax.

Non semella, á vista dos documentos conservados, que os tres xograres, englobados xenericamente como da ría de Vigo, teñan unha consideración literaria digna de presidir, por eles mesmos, unha celebración tan significativa nos seus comezos e constituírense coma punto de referencia, polo menos desde un punto de vista educativo, de toda a sociedade galega camiño do século XXI. O que si debemos facer, seguindo as palabras de Henrique Monteagudo, é considerar a estes tres poetas enormemente populares nas súas orixes como exemplo e ferramenta para celebra-la extraordinaria eclosión de creatividade que estourou en Galicia, e en galego, durante o período trobadoresco.

Joham de Cangas, Meendinho e Martim Codax aparecen nun período da nosa historia como pobo no que a lingua, considerada habitualmente como galego-portugués, agromaba interna e externamente coa consolidación do seu léxico primeiro no que influíron empréstimos de procedencia galo-románica e condicionantes históricos como o fenómeno das primeiras peregrinaxes a Compostela.

A etiqueta de galego-portugués, no noso caso, ten un dobre sentido: por n lado designa o conxunto de falares da faixa occidental da Iberia na súa etapa medieval, e noutro máis específico, designa a koiné literaria na que se expresan os poetas da nosa tradición trobadoresca.

Os expertos consideran que o período ó que nos estamos a referir, aquel que vai desde fins do século XII ata os comezos do seculo XV, é o dunha Galicia completamente inserida na cultura do occidente e núcleo dun poder político que abranguía as actuais Castela, León e Estremadura.

En todo este territorio, aínda que só fose desde un punto de vista literario, a nosa lingua era lingua de cultura, de manifestacións artísticas que, como as realizadas polos nosos trobadores, beberon das súas fontes populares para, logo de seren traballadas, percorre-las cortes e os pazos.

A obra destes nosos cantores forma parte dun conxunto de 1679 textos profanos transmitidos á posterioridade en tres grandes cancioneiros manuscritos (cancioneiro da Ajuda, da Biblioteca Nacional de Lisboa e da Vaticana) ademais de en manuscritos soltos (Pergameu Vindel) e 427 cantigas relixiosas, as chamadas marianas, realizados por 153 poetas autores e que constitúen un dos movementos máis brillantes da historia cultural do medievo europeo.

Nun mundo que desde a nosa mentalidade adquire certas tintaxes de misterio, os xograis, segreis e trobadores non tiñan outra millor definición que a de diverti-los homes, definición que, nunha sociedade eminentemente feudal como aquela, determina ás claras a función dos participantes no xogo poético.

Moi pouco sabemos dos nosos homenaxeados, e son moi poucas, en contraposición a outros autores deste tempo, as pezas literarias que se poden asumir a Joham de Cangas, Meendinho e Martim Codax. Do primeiro deles conservamos tres cantigas de amigo, mentres que só unha de Meendinho, paradoxicamente quizá a máis coñecida pola súa versión musical, fronte ás sete que conservamos de Martin Codax, todas elas co mundo poético da ría de Vigo e os seus mois distintos lugares.

Estas páxinas contan co patrocinio de:
Xunta de Galicia
Portada | Historia do Día das Letras | As Letras do 98 | Mil primaveras máis | Os humoristas e a lingua | Que farías ti?