| O sector leiteiro en Galiza: dinámica recente e perspectivas Edelmiro López Iglesias Departamento de Economia Aplicada. Universidade de Santiago de Compostela A. A DINAMICA REXISTRADA POLO SECTOR DURANTE A PRIMEIRA DECADA DE INTEGRACION COMUNITARIA 1. Continuación a forte ritmo do crecimento da produción e as entregas á indústria; consolidación do sector lácteo como un sector estratéxico da nosa economia -Ao longo da primeira década de integración comunitária o sector lácteo proseguiu en Galiza cun forte dinamismo produtivo. En concreto (Informe Caixa Galicia 1995-1996, pp. 125 e ss.): *A produción total de leite aumentou no período 1986-1995 nun 28,3%. *Iso acompañou-se ademais dun notábel ascenso da porcentaxe da produción entregada á indústria (do 73,4% ao 90,4%). Polo que o volume destas entregas experimentou un crecimento muito maior: de 1.206 millóns de litros en 1985 a 1907 en 1995, o que supón un aumento de 700 millóns de litros (+58,1% en termos relativos). -Esa expansión, ainda que con oscilacións, deu-se de forma contínua durante o decénio, e prosegue nos anos recentes -até a actualidade-. -Ese dinamismo produtivo tivo dous efectos: *Nos últimos 11 anos aumentou de forma notábel a participación galega na produción láctea española. En concreto, fixando-nos nas entregas de leite á indústria (a magnitude mais relevante), Galiza pasou de aportar o 23,7% das entregas españolas en 1985 ao 35% -aproximadamente- na actualidade. O que se inserta, ademais, nun contexto xeral de lixeiro incremento da participación española no total das entregas de leite da UE: do 4,5% das entregas da UE-12 en 1984 ao 5,0% en 1996 (Situation et perspectives du secteur laitier, páx. 4). *E tamén aumentou a importáncia que o sector ten dentro da agricultura galega; consolidando asi o seu papel de núcleo básico e principal liña de especialización da nosa agricultura. Dous índices ilustrativos: =O peso do leite na PFA experimentou un novo incremento, pasando do 25,9% en 1985 ao 27,7% en 1994 (32,4% se excluimos o subsector forestal e as outras producións; ao que haberia que unir o 15,4% que aporta a carne e gando de bovino). =As explotacións de orientación láctea (bovinos de leite) incrementaron notabelmente o seu peso, até o ponto de que en 1993 supoñían o 30% do total pero contaban co 40% da SAU e da mao de obra, e xeraban o 53,7% do VAB (da MBT) da agricultura galega. -En conxunto, o sector lácteo constitue actualmente un sector estratéxico para o desenvolvimento económico e territorial de Galiza. Por tres razóns: *O peso directo que ten o sector (explotacións lácteas e indústria transformadora) na produción e o emprego. *Os seus efectos inducidos sobre outras ramas: compras de inputs intermédios (pensos, reparación de maquinária, ...); investimentos en bens de capital fixo; xeración de renda e efecto conseguinte sobre o comércio e as indústrias de bens de consumo. *A especial releváncia que ten en muitas zonas rurais. O que convirte ao sector lácteo nunha das bases fundamentais do sostenimento económico e demográfico desas zonas (elemento chave para frenar a desertización de amplas áreas rurais). 2. A intensa reestructuración que acompañou a ese dinamismo produtivo A expansión da produción acompañou-se na última década dunha intensa reestruturación do sector, cuxos elementos ou liñas esenciais podemos resumir asi: i. Importante redución da cabana de vacas de munxido, e mellora da sua calidade xenética (ao que hai que acrecentar os avances no saneamento da cabana). ii. Aumento conseguinte dos rendimentos (produción de leite/vaca/ano), que posibilitou que ese rendimento se fora aproximando á média da UE (ainda que continua sendo claramente inferior). Concretamente, no período 1987/1995: a produción total de leite aumentou nun 21,6%; a cifra de vacas de munxido reduciu-se nun 26%; de tal modo que o rendimento/vaca/ano incrementou-se de 2.881 litros en 1987 a 4733 en 1995 (+ 64,3%). Comparado coas tendéncias globais na UE, dous feitos a destacar: a redución da cabana de vacas de munxido foi en Galiza nese período similar ou mais intensa que a média da UE; pero, ao mesmo tempo, o incremento dos rendimentos foi mui superior (debido ao seu baixísimo nível de partida); sendo isto o que explica a notábel expansión da produción total (frente á sua diminución tanto na UE-12 como na UE-15) (Situation et perspectives du secteur laitier). iii. Acelerado proceso de desaparición e concentración de explotacións; que levou á progresiva consolidación dun estrato de explotacións medianas e grandes, ainda mui minoritárias en número pero que concentran unha proporción cada vez maior da produción e as entregas á indústria. Concretamente (Informe Caixa Galicia 1995-1996, pp. 105 e ss.; Enquisa de explotacións de vacún 1994): *O número de explotacións con vacas de leite pasou de 111.592 en 1987 a 68.541 en 1993 e 66.620 en 1994, o que implica unha redución dun 40% aproximadamente (ao redor dun 8% acumulativo anual). E na actualidade esta cifra é xa notabelmente inferior: en concreto podemos estimar que o número de explotacións que entregan leite á indústria non supera as 40.000. *Simultaneamente, a cifra média de vacas/explotación elevou-se de 4,8 en 1987 a 7,0 en 1993, un incremento do 46%. *Por estratos de dimensión, deu-se unha intensa desaparición de unidades con menos de 10 vacas, incrementando-se a cifra de explotacións por encima dese umbral. iv. Forte incremento dos níveis de mecanización, do parque de maquinária relacionada coa produción láctea (ainda que este proceso ralentiza-se notabelmente nos anos mais recentes, a partir de 1992/1993) (Informe Caixa Galicia 1995-1996). 3. O "modelo técnico" seguido polas explotacións dinámicas e os seus límites (a via da intensificación) -A pesar das transformacións sinaladas, hai que destacar que o sector continua apresentando na actualidade importantes deficiéncias. En concreto: *Continua existindo un elevado número de explotacións lácteas de pequena dimensión. O que fai que a cabana média (vacas de leite/ explotación) sexa só 1/3 da média comunitária: 7,0 frente a 21,0 na UE-12 (dados de 1993). *Os rendimentos/vaca seguen estando por baixo da média da UE: en 1995 eran de 4.733 litros/vaca/ano, frente a uns 5.300 de média na UE-15. *Como consecuéncia diso, a produción/ explotación, e o que é mais importante, a renda/explotación e a produtividade do traballo, continuan rexistrando no sector lácteo galego un valor mui baixo. Compre precisar, non obstante, que o baixo valor médio deses índices (en concreto a produtividade do traballo e a renda por explotación) esconden unhas enormes diferéncias internas; de tal modo que se nos centramos só nas explotacións con mais de 10 vacas, que son as que xeran xa a inmensa maioria da produción, o valor deses índices é muito maior. -Por outro lado, hai que sinalar unha importante limitación da reestruturación operada na última década: o incremento da cabana e dos volumes de produción, que levaron a cabo as explotacións dinámicas, non se apoiou nunha ampliación paralela da SAU destas unidades (xa fora mediante a compra ou arrendamento de terras adicionais, ou por médio da roturación de terreos de monte); polo que tivo que operar-se principalmente pola via dunha maior intensificación (aumento do número de vacas e do volume de produción por hectárea de SAU). Ilustración: os dados das EEEA de 1987 e 1993 (Informe Caixa Galicia 1995-1996, pp. 155-161) --> o incremento experimentado pola MBT/UTA -a produtividade do traballo- no sector lácteo no período 1987-1993 debeu-se integramente ao aumento da MBT/SAU -produtividade ou renda por hectárea-, mentres que a SAU/UTA -superfície agrária por traballador- (que é onde está a causa da baixa produtividade do traballo no sector) mantivo-se estábel. Ese proceso de intensificación viu-se facilitado (favorecido) pola mellora que experimentou nestes anos a relación "prezo do leite/ prezo dos pensos". Pero plantexa importantes problemas pensando no futuro, por vários motivos: *As dificuldades cada vez maiores para seguir avanzando por esa via; dados os rendimentos decrecentes aos que se enfrenta o proceso de intensificación, e que non é previsíbel que continue, a un ritmo similar, o abaratamento relativo dos pensos. De feito, xa na última década a via seguida -a intensificación- limitou a mellora lograda na produtividade do traballo. *A sua inadecuación nun contexto no que será cada vez mais difícil lograr incrementos sustanciais da produción, e a prioridade deberia dirixir-se, pois, á racionalización do uso dos factores e a consecución de sistemas produtivos a baixo custe. *E, quizá o mais importante, a utilización pouco racional que iso supón dos recursos do agro galego. Posto que, ao mesmo tempo que se contrae a SAU global -e se desaproveita grande parte da superfície susceptíbel de ser dedicada a pastos-, asistimos a unha crecente intensificación nunha porción reducida do território, cunha notábel dependéncia das importacións de alimentos para o gando. -Por ese motivo, ademais da continuación do proceso de reestruturación, unha tarefa imprescindíbel para o futuro é lograr reorientar o "modelo" seguido nos últimos anos: frenando a tendéncia á intensificación, e impulsando unha produción láctea baseada en maior medida na superfície forraxeira das explotacións (o que implica a necesidade de impulsar a ampliación da SAU dese estrato de explotacións dinámicas -->fomentando a mobilidade da terra e as roturacións de superfícies de monte). 4. A evolución da indústria transformadora (indústria láctea). Unhas breves notas -Elementos positivos na dinámica recente (durante a última década): *Forte aumento do volume de leite transformado en Galiza: todo o incremento das entregas nos últimos 10 anos foi transformado aqui. *Importante proceso de concentración do sector, e progresiva consolidación dunha estrutura cooperativa -asociativa- de certa entidade (no ámbito da comercialización e transformación). -Importáncia actual da indústria láctea: *Trata-se da rama mais importante da agroindústria galega, constituindo xunto coas indústrias cárnicas e de pensos o núcleo esencial da nosa indústria agroalimentária. *Concretamente, en 1992 o valor da Produción Total da indústria láctea alcanzaba en Galiza uns 100.000 millóns de pts, e o seu Valor Acrecentado Bruto superaba os 20.000 millóns. -Non obstante, a indústria láctea galega continua apresentando fortes debilidades: *Ainda hoxe o 25% da produción láctea galega é exportada en bruto a outras zonas do Estado (transformada fora). *Ademais, as indústrias galegas continuan centrando a sua actividade nos derivados de menor valor acrecentado e menor crecimento do consumo (e foi aqui onde se concentraron os investimentos dos últimos anos). *A maioria das empresas seguen tendo unha dimensión reducida. En conxunto, se no plano da produción láctea Galiza ocupa claramente hoxe unha posición de liderazgo a nível español -e consolidou esta posición no último decenio-, non pode afirmar-se o mesmo para a indústria transformadora. Esas debilidades da indústria e a auséncia dunha Interprofesional (que articule mellor o sector produtor co transformador) son as que explican que o prezo do leite percibido polos gandeiros sexa en Galiza inferior ao prezo médio español, o cal á sua vez está entre os mais baixos da UE. -A notábel expansión das miniqueixerias ou queixerias artesanais, que poden constituir unha saída para unha parte das explotacións (en particular as de menor dimensión), orientada á obtención de produtos locais, de calidade. Non obstante, este fenómeno enfrenta-se hoxe a un estrangulamento no ámbito da comercialización. 5. O comércio exterior -Evolución en conxunto favorábel do comércio exterior de produtos lácteos no período transcorrido desde a integración europea (dentro dunha tendéncia xeral á mellora contínua da balanza exterior agroalimentária galega no período 1988-1996, e xa desde 1980): *Galiza mantivo e mesmo incrementou lixeiramente as exportacións netas destes produtos (ainda que o incremento relativo das importacións foi superior ao das exportacións). *Deste modo, a nosa Comunidade efectua actualmente ao redor do 30% das exportacións españolas de produtos lácteos, mentres que tan só absorbe (ou canaliza) o 3% das importacións. *Hai que precisar que ese comércio exterior é basicamente intracomunitário: a inmensa maioria das exportacións van destinadas a outros países da UE, e o mesmo sucede para as importacións (estas proceden case integramente do resto da UE). -Daí caberia deducir que o complexo lácteo galego (sector produtor e indústria transformadora) respondeu até agora de forma bastante favorábel ou sólida á liberalización dos intercámbios, derivada: primeiro da integración comunitária e nos anos mais recentes do comezo da aplicación dos Acordos da Ronda Uruguai do GATT. -Non obstante, hai que sinalar que o comércio exterior destes produtos ten en Galiza unha importáncia global mui reducida; polo que a sua incidéncia na dinámica do sector é até agora limitada. O mercado fundamental segue sendo o español (o resto do Estado); e este foi tamén o que aborbeu na sua inmensa maioria o incremento da produción da última década. Concretamente, en 1992 (IGE, Contabilidade Rexional de Galicia): Galiza realizou unhas vendas netas de produtos lácteos ao resto de España por valor de 65.000 millóns de pts (o que supón o 62,5% da produción total; por tanto, case dos 2/3 da produción das indústrias lácteas galegas foi vendida ao resto do Estado); mentres que as exportacións netas ao estranxeiro limitaban-se a 3.846 millóns de pts (tan só o 3,7% da produción). Por tanto, o sector (en concreto a indústria láctea) continua estando volcado esencialmente para o mercado español; e sen que isto se modificara de modo significativo na última década. Daí desprende-se un importante corolário: aínda sendo importante a busca de novos mercados (na UE e en terceiros países), o futuro do sector vai depender fundamentalmente do que suceda coas suas vendas ao resto do Estado, da capacidade que teña de manter ou ampliar os seus mercados no ámbito español. B. A APLICACION DA POLITICA DE CUOTAS E O SEU IMPACTO NA DINAMICA DO SECTOR 1. Unha consideración xeral inicial -O sistema de cuotas, instaurado na CE a partir de 1984, pode ser adecuado para os países que contaban nesa data cun sector lácteo desenvolvido (maduro). Pero non sucede o mesmo para aqueles outros onde o sector apresentaba fortes deficiéncias estruturais e tiña ainda unha grande parte do seu potencial produtivo por desenvolver (estando ademais a produción por baixo do consumo interno). Nestes casos o sistema de cuotas, a menos que sexa aplicado de forma flexíbel, plantexa importantes problemas, xa que existe unha tendéncia de fondo á expansión da produción que o sistema non permite que emerxa. -Neste sentido, hai un dado significativo: dos 15 estados que integran actualmente a UE (e dos 12 que a integraban até 1995), tan só hai 4 nos que as entregas de leite á indústria aumentaron no último decenio -concretamente no período 1984/1996-. Estes 4 estados, non por casualidade, son os do sul da UE (os que contaban a mediados dos 80 cun sector lácteo menos desenvolvido): España, Itália, Grécia e Portugal (Informe da DG VI da Comisión: Situation et perspectives du secteur laitier). -Galiza constitue un exemplo especialmente destacado desa situación xeral do sul de Europa; ao tratar-se dunha zona que, polas suas condicións naturais e estruturais, ten un forte potencial lácteo, que estaba ainda por desenvolver na sua maior parte no momento da integración europea. Iso -unido ao volume da cuota aceptada polo Governo Español no momento da adesión- explica os enormes problemas que levantou aqui a instauración do rexime de cuotas, e as grandes dificuldades que ainda hoxe está orixinando a sua aplicación. 2. A aplicación do sistema de cuotas e a redistribución das cuotas -O primeiro a sinalar é que, a pesar do compromiso adquirido polo Governo español no momento da adesión, o rexime de cuotas non comezou a aplicar-se efectivamente no seu território até a campaña 1993-1994. Por tanto, durante os 7 primeiros anos de integración comunitária (1986-1992) o sector viviu aqui baixo unha situación de moratória de facto na aplicación das cuotas. Isto (deixando de lado as incertidumes) orixinou un contexto relativamente favorábel para o sector lácteo galego; que pudo expandir asi notabelmente a sua produción e o seu peso no total español. -A situación modifica-se co comezo da aplicación efectiva do sistema, a partir da campaña 1993-1994. Breve resumo sobre a posta en prática do sistema, a evolución da cuota global de Galiza, e a sua redistribución (Informe Caixa Galicia 1995-1996, pp. 129-133): *Asignación provisória efectuada en 1992. Asignación definitiva para a campaña 1993-1994, unha vez resoltos os recursos. Reparto da "reserva nacional", e conseguinte ampliación da cuota na campaña 1994-1995. A partir daí a cuota global asignada aos gandeiros galegos manten-se estábel, en torno a 1.650.000/1.680.000 Tm. *Forte redistribución ou reasignación interna da cuota no interior de Galiza: intensa redución do número de explotacións con cantidade de referéncia, e aumento da cuota média/ explotación. A pesar diso, na campaña 1996/1997 a cuota/ explotación limitaba-se aqui 32.990 Kg (1/4 aproximadamente da média da UE); e case a metade (o 47,7%) das explotacións tiñan asignada unha cuota inferior a 15.000 Kg. -A situación xeral que se dá nestes últimos 4 anos, e as tensións orixinadas pola aplicación do sistema. *Frente a unha cuota global que se mantén estábel (tan só co aumento derivado do reparto da "reserva nacional"), as entregas de leite continuaron aumentando a un importante ritmo (favorecido ademais pola conxuntura favorábel dos prezos). O cal orixinou nestes anos recentes un exceso estrutural, e cada vez maior, de entregas por encima da cuota. Exceso que na actualidade pode estimar-se como mínimo nunhas 350.000 Tm. *Dito doutro modo: a redistribución interna da cuota non está sendo suficiente para cubrir as necesidades de expansión das explotacións medianas e grandes. O que fai que unha grande parte destas explotacións se movan nunha situación permanente de sobrepasamento da cuota asignada. *Ese desequilíbrio estrutural non orixinou praticamente sancións económicas nas duas primeiras campañas (unha sanción mui pequena na de 1993/1994 e nengunha na 1994/1995), grácias ás compensacións efectuadas a nível español (a aplicación sucesiva de dous colchóns: reserva nacional, e transferéncias procedentes da venda directa). Pero na campaña 1995/1996 eses dous colchóns estaban xa agotados. O que provocou que o excedente galego se traducira nunha sanción (supertaxa) por parte da UE. Situación que se reproduciu na última campaña (1996/1997); e vai proseguir no futuro, a menos que se logre unha ampliación significativa da cuota global española (ou ben unha redistribución desta cuota en favor das áreas que, dentro do Estado, teñen unha maior especialización e mellores condicións para esta produción). 3. O impacto do rexime de cuotas sobre a dinámica do sector lácteo galego Dous son os aspectos nos que cómpre fixar-se: o impacto sobre o crecimento da produción; e sobre a evolución da estrutura produtiva do sector. -No que respecta ao primeiro, os dados fan pensar en princípio que o sistema non tivo até agora un impacto significativo, non frenou a expansión do output. Posto que o volume de produción e de entregas á indústria seguiu aumentando a un ritmo considerábel, non só durante os anos de moratória de facto na aplicación das cuotas, senón tamén nos anos mais recentes -estando xa o rexime en plena vixéncia-. Non obstante, iso require duas matizacións: *Ainda que a produción seguiu crecendo, observa-se unha ralentización do seu ritmo de crecimento respecto ao período 1977/1985 (os anos anteriores á adesión). *E tamén se constata nas cifras -sobre todo desde princípios dos 90- unha certa reorientación cárnica da gandeiria bovina galega (cunha reactivación da produción de carne), que sen dúbida hai que relacionar coa preséncia das cuotas para o leite. -No que se refire ao posíbel impacto sobre a estrutura das explotacións e os sistemas produtivos, son duas as observacións esenciais que poden facer-se: *Ao igual que sucedeu no conxunto da UE, a implantación do sistema de cuotas non levou aqui a un freo do proceso de reestruturación do sector, senón que este proceso continuou a forte ritmo e mesmo se acelerou. Neste sentido, pode afirmar-se que o sistema (ao limitar a expansión global da produción, e estabelecer-se programas de abandono subvencionados) contribuiu a acelerar a desaparición de explotacións lácteas. E, pola mesma razón, impulsou tamén a redución da cabana de vacas de leite. Non obstante, con vistas ao futuro, e dada a insuficiéncia actual da cuota galega, o rexime si pode dificultar a continuación desa reestruturación. Ao obstaculizar a expansión produtiva das explotacións medianas. *A segunda observación refire-se aos sistemas produtivos. A priori, a existéncia dunha limitación cuantitativa da produción deberia ter impulsado unha extensificación dos sistemas produtivos, co fin de reducir os custos (e tender asi a sistemas de baixo custo). Sen embargo, este fenómeno non se deu durante os últimos anos en Galiza; senón que, como antes vimos, proseguiu a intensificación da produción e o recurso crecente aos alimentos concentrados. A explicación, está probabelmente en dous factores: as dificuldades que existen en Galiza para a compra ou arrendamento de terras (os altos prezos e a falta de mobilidade da terra); e a evolución favorábel que rexistraron na última década os prezos dos pensos. C. A INFLUENCIA DOS ACORDOS DA RONDA URUGUAI E A REFORMA DA PAC. O IMPACTO PREVISIBEL DA AMPLIACION DA UE 1. Os acordos da Ronda Uruguai do GATT -Dos tres grandes apartados deses acordos, o relativo á redución da axuda interna vai ter un impacto escaso ou nulo sobre o sector lácteo (e sobre o conxunto da agricultura) na UE. Non sucede o mesmo, en cámbio, para os outros dous apartados (acceso aos mercados e redución das exportacións subvencionadas). Os compromisos que a UE deberá aplicar nestes dous ámbitos durante o período 1995-2000 van ter, como poñen de manifesto todos os estudos, duas consecuéncias: diminución das exportacións e incremento das importacións. En suma, pois, reducirán-se as saídas para a produción láctea europea. O cal, dacordo coas previsións, terá vários efectos: agudización da concurréncia intracomunitária, tendéncia á baixa dos prezos, e ∫posíbeis novas reducións -ou no mellor dos casos conxelación- das cuotas. -No caso concreto de Galiza, a principal consecuéncia será un notábel incremento da competéncia nos seus mercados tradicionais (o mercado español), tanto por parte de terceiros países como doutros sócios europeos (ao ver estes reducidas as suas exportacións subvencionadas). Aumento da concurréncia -tanto intra como extracomunitária- que corre o risco de levar a perder posicións nese mercado. En cámbio, vai ser inapreciábel o impacto directo derivado da redución das restitucións ás exportacións. Posto que as exportacións lácteas galegas a países extracomunitários (as que se benefician desas restitucións) son hoxe case insignificantes. 2. A ampliación da UE aos países da Europa Central e Oriental Duas consideracións: a. Dacordo coa Comisión, se os instrumentos da PAC (mecanismos de sostenimento dos prezos, axudas directas, etc) foran aplicados cos seus níveis actuais aos países da Europa Central e Oriental, isto no caso do sector lácteo orixinaria un aumento dos excedentes, co que se acentuaria o desequilíbrio do mercado comunitário previsto para comezos do próximo século. Daí deduce-se que a ampliación da UE probabelmente levará a, ou irá precedida de, novas reformas na OCM do leite e produtos lácteos na liña de reducir o nível de sostenimento oferecido. b. Outra consecuéncia previsíbel da ampliación, amplamente comentada nos últimos meses, é que se reduzan os recursos destinados pola Facenda Comunitária aos actuais estados membros, tanto os gastos do FEOGA-G como os destinados ás rexións atrasadas (Fondos Estruturais e Fondo de Coesión). 3. A reforma da PAC a. Impacto da reforma de 1992 As medidas de reforma aprobadas nese ano case non afectaron (de forma directa) ao sector lácteo. Non obstante, esas medidas si exerceron un impacto indirecto, que está ainda por avaliar ou cuantificar: ao abaratar os cereais comunitários (e por tanto os pensos), e non ser aprobada finalmente a prima/vaca nas explotacións extensivas que figuraba na Proposta MacSharry, esa reforma tivo o efecto de favorecer -dentro do sector lácteo- ás explotacións e rexións con sistemas mais intensivos; e en xeral impulsar a intensificación da produción (algo pouco favorábel, a médio prazo, para o sector no noso país). Ese efecto é recoñecido pola propria Comisión no Documento "Axenda 2000", mencionando-o entre as consecuéncias negativas da reforma de 1992 do ponto de vista ambiental: "l'avantage relatif conféré à l'élevage intensif grâce à l'abaissement des prix des aliments et l'octroi d'aides pour la production d'ensilage" (p. 2). b. As propostas da Axenda 2000 -Estas propostas veñen de ser apresentadas recentemente (en xullo de 1997) pola Comisión, e están actualmente a debate entre os Estados membros. Dacordo co que se manifesta no próprio documento, coas medidas propostas pretende-se continuar o proceso de reorientación da PAC iniciado a mediados dos 80, e sobre todo coa reforma de 1992; e tamén ir preparando a PAC para os novos retos que terá que afrontar a princípios do próximo século (ampliación da UE, nova ronda negociadora da OMC, etc). -No caso do sector lácteo, a Comisión parece optar en liñas xerais polo continuismo -o mantenimento do statu quo-; ou, nas suas próprias palabras, pola prudéncia. En concreto, as medidas que se propoñen son mui simples, e seguen en liñas xerais as que xa figuraban na Proposta MacSharry de 1991 (que despois non foran aprobadas na sua maioria en 1992): *Mantenimento do actual sistema de cuotas e tamén do volume das mesmas (a Comisión rexeita o que serian reformas profundas: forte caída dos prezos institucionais, eliminación das cuotas, ou estabelecimento dun sistema de doble cuota). *Redución moderada (-10%) dos prezos garantizados. *Compensación desa caída de prezos coa introdución dunha subvención directa: unha prima anual por vaca leiteira. -De entrada, resulta difícil valorar esa proposta, porque no documento non se aclara un ponto fundamental: que gandeiros poderian beneficiar-se desa nova prima -e da complementária de 70 ecus/ vaca que se propón na OCM da carne de bovino-. Recibirá-na todos os produtores lácteos ou só aqueles con sistemas de produción extensivos ?. O lóxico pareceria isto último. Posto que para aqueles gandeiros con sistemas intensivos a caída dos prezos do leite será compensada polo novo abaratamento dos cereais comunitários. Pero no documento non se precisa este extremo. Do mesmo modo, tampouco se precisa a forma concreta na que seria calculada a cuantia desa prima para os distintos gandeiros. Ainda que o parece deducir-se é que esa cuantia estaria en función dos rendimentos médios por vaca nas distintas rexións (ou da cuota/ vaca). Isto último seria mui pouco favorábel para nós. -En calquer caso, a reforma parece excesivamente tímida (ao contrário que nos cereais ou a carne de bovino), e non aborda os dous grandes problemas do sector: a perda de competitividade exterior, e os desequilíbrios internos no reparto das cuotas (e dos gastos do FEOGA-G neste mercado, que benefician basicamente aos países mais excedentários). Particularmente grave para os intereses galegos é que non se aborde en absoluto unha redistribución das cuotas a nível europeo, tendo presentes critérios distintos do que se veu aplicando até agora en exclusiva (os direitos históricos, a produción que tiña consolidada cada Estado á altura de 1984). D. AS PERSPECTIVAS DO SECTOR LACTEO GALEGO; ALGUNHAS IDEAS ESENCIAIS Primeira idea: os mercados O futuro do sector produtor e a indústria láctea galega vai-se xogar basicamente no mercado español. Razóns: é a este mercado a onde se dirixe hoxe a maior parte da produción; e ademais España é, xunto con Portugal e Grecia, o estado da UE cun menor consumo de produtos lácteos/habitante (a metade aproximadamente do que se dá nos países do centro e norte da UE); e, por tanto, é aqui onde existe un maior potencial de crecimento do consumo nos próximos anos. Iso non implica renunciar á busca de novos mercados (sobre todo para produtos especializados, de calidade) no resto da UE e mesmo en terceiros países. Pero as posibilidades, en concreto neste último caso -e particularmente nos mercados emerxentes de Asia- serán limitadas, dadas as dificuldades para poder competir con exportadores como Australia e N. Zelanda. Segunda idea básica: a competitividade da produción láctea galega En conxunto, o sector lácteo galego é mui competitivo a nível español, e asi o avala o sucedido durante a última década e sobre todo no período de "moratória" na aplicación das cuotas: a forte expansión da produción galega, e o aumento do seu peso no total español. Asimesmo, tamén é competitivo (e pode se-lo mais a médio prazo) no contexto da UE. Dados que o avalan: a evolución do comércio exterior de produtos lácteos nos anos transcorridos desde a adesión; o feito de que as explotacións galegas están sendo capaces de desenvolver-se, e manter elevadas taxas de investimento, cun prezo do leite claramente inferior á média da UE e sen recibir praticamente fondos do FEOGA-G. En cámbio, ao igual que lle sucede en xeral ao sector lácteo europeo, é mui difícil (a médio prazo) que poda ser competitivo no mercado mundial, frente a competidores como Australia ou N. Zelanda. Daí as escasas perspectivas de desenvolver as exportacións fóra da UE; e tamén os problemas que pode orixinar a apertura do mercado europeo ás importacións deses países. Neste sentido, a liberalización do comércio mundial, iniciada cos acordos da Ronda Uruguay e que vai proseguir coa nova ronda negociadora da OMC a partir de 1999, pode ter importantes repercusións para o desenvolvimento do sector. Non obstante, tampouco neste plano compre ser excesivamente "derrotistas". Posto que se os custos de produción do sector lácteo galego son mui superiores aos de Austrália e N. Zelanda, non sucede o mesmo frente a outros posíbeis competidores no mercado mundial (en concreto, os Estados Unidos teñen hoxe uns prezos só lixeiramente inferiores aos da UE). Terceira idea básica: o problema fundamental a curto prazo é a insuficiéncia da cuota asignada De todos modos, o problema fundamental (prioritário) ao que se enfrenta actualmente o sector é a insufiéncia da cuota asignada, e as dificuldades para amplia-la (ben sexa por unha redistribución da cuota española -o problema da rexionalización de facto das cuotas-, ou a través da ampliación da cuota atribuida a España pola UE). Esa cuota insuficiente está orixinando importantes problemas nos últimos anos, e distorsionando o funcionamento do mercado lácteo en Galiza. E a médio prazo pode actuar como un "corsé", que dificulte a continuación do proceso de reestruturación, obstaculizando asi a constitución dun estrato de explotacións viábeis. Cuarta idea básica: a necesidade dunha forte reestruturación do sector produtor e da indústria transformadora En calquer caso, o futuro do sector -no novo contexto que se aveciña- pasa por continuar a forte ritmo a reestruturación do sector produtor (a concentración de explotacións, e a consolidación dun estrato o mais amplo posíbel de explotacións medianas), ao mesmo tempo que se reorientan os sistemas produtivos (tendendo a sistemas mais extensivos, baseados nun mellor aproveitamento do potencial forraxeiro que ten o noso país). E tamén pasa ese futuro pola reestruturación da indústria láctea: tanto na dimensión das empresas como no tipo de produtos obtidos. |