Vieiros
Infovía Plus, Telefónica e nós: Opinións dos proveedores

Ao parecer o problema de Infovía Plus é un problema de infraestructuras. O principal hándicap é que a rede coa que conta Telefónica está anquilosada, non soporta o tráfico de tantos milleiros de usuarios. Pero ademais hai unha dificultade engadida: falla o software do servidor de túneles -a empresa 3Com- e provoca problemas cos "routers".

Un dos sectores máis afectados pola entrada de Infovía Plus, á parte dos internautas, son os proveedores de acceso a Internet, a quen Telefónica está a fundir, segundo eles. Quéixanse de que esta operadora non lles dá ningún tipo de información (nin sequera o ancho de banda que reciben), da penosa infraestructura, da competencia desleal co proveedor de Telefónica TeleLine, etc. Neste especial tamén lles prestamos atención a eles: Opinión dos proveedores galegos. Falan Cesatel, Cif&Net e Corevia.

  • Cesatel: "O funcionamento de Infovía Plus depende do momento: ás veces vai perfectamente e outras é un auténtico desastre. Non se pode dicir que sexa unha rede malísima, pero ten moitos problemas. Pero todo o que está a pasar é normal, levan pouco tempo..."


  • Cif&Net: "Telefónica segue exercendo o seu monopolio: non nos dá ningún tipo de información, só teñen un número de avarías para os proveedores e sempre responde un contestador. Agora está a facer competencia desleal con TeleLine, ofrecendo vantaxes que non están ao alcance do resto dos proveedores. E nós, por suposto, perdemos clientes. ¿Tarifa plana? É un imposible coa infraestructura actual: a rede reventaría. É posible en EEUU porque está cableado e o ancho de banda é infinitamente superior. De tódolos xeitos, o da tarifa plana é unha cortina de fume, porque o problema real é que a xente non pode conectarse e a rede vai lentísima. E o peor é que non hai ningunha asociación de proveedores que se mova...". Julio Pisos, administrador de Cif&Net, escribiu un artigo para este especial titulado Tarifa plana en "strictu sensu".


  • Corevia: "Infovía Plus vai fatal. Nós temos chamadas dos nosos clientes cada cinco minutos queixándose de que non poden baixar o correo, que vai lentísimo... E non sabemos que facer. Parece que Telefónica ten problemas de software con 3Com. ¿Tarifa plana? Uf! Colapsaría a rede totalmente. Sería un caos... E o de TeleLine é un abuso. Telefónica está a facer competencia desleal precisamente aos seus grandes clientes, nós os proveedores. Temos que tomar algún tipo de medida, pero non sabemos que facer aínda".

Agora mesmo algúns proveedores do Estado están a tentar organizar unha asociación que loite contra a primeira operadora, pero o asunto non é doado. Telefónica está en todas partes. A súa expansión en América Latina está a ser importante, e mesmo hai quen di que está a levar para alá a vella infraestructura que aquí xa non lles serve. Por outra banda, ten moito interese en potenciar Descubridor.com, que pretende ser o maior portal de negocios do Estado. Algúns van máis alá e sinalan que Telefónica ten a intención de facer tarxetas de pagamento por Internet que se paguen a través do recibo telefónico.


Vieiros | Infovía Plus, Telefónica e nós | Unha ollada atrás