Vieiros
Unha ollada atrás: Reivindicación dos internautas: a tarifa plana

Distintas cifras sobre a incidencia da folga
Martes, 2 febreiro-99 Coma en toda folga que se precie, os datos de seguemento sempre varían segundo a fonte. E a folga europea de non conexión do pasado domingo non foi unha excepción. Se onte a AI dicía que o seguemento fora do 80% (baixada nas "news" e nos correos), hoxe Telefónica fala dunha baixada do 4,94% nas chamadas con respecto ao domingo anterior. Pola contra, Nedstat, un servicio que audita no Estado 40.000 webs, sinalou que a incidencia fora do 23%, logo de ter analizado unhas 2.500 páxinas. Do que si que non hai ningún dato é da incidencia a nivel europeo.

Grande éxito na folga de onte
Luns, 1 de febreiro-99 O 80% por cento dos internautas do Estado español secundaron onte a folga europea convocada por diferentes asociacións en Francia, Italia, Portugal, Suiza, Holanda, Grecia e Polonia para pedir tarifas máis baratas de acceso a Internet, segundo informou Víctor Domingo, presidente da Asociación de Internautas (AI). Así, nos grupos de novas houbo un seguemento do 97%, nas canles españolas de Undernet, o 75%, no IRC Hipsano o 60% e utilizouse o correo electrónico un 87% menos que o pasado domingo 10 de xaneiro. Á espera dos datos definitivos que achegarán os proveedores, a primeira vista esta primeira folga europea foi un éxito. Estivo secundada por tódalas agrupacións de internautas (AI, Unión de Cybernautas, Timofonica.com, Plataforma La Huelga, ...) agás a AUI e foi seguida por webs como Yahoo.es, El Navegante de El Mundo, LaBrújula.net, etc. Nas páxinas da Asociación de Internautas poden atopar toda a información sobre os porqués des con PSOE e IU de cara a presionar ao goberno para a implantación da tarifa plana.

O 31-X, folga europea de internautas
Fin de semana, 29, 30 e 31 xaneiro-99 Este domingo, folga de non conexión e páxinas caídas en toda Europa. Esta macro folga dixital foi iniciativa dun grupo francés, e está apoiada por organizacións de Italia, Portugal, Suiza, Grecia, Polonia, Alemania, Bélxica e o Reino Unido. No Estado español esta convocatoria de protesta é respaldada por Timofonica.com, Unión de Cybernautas, Plataforma La Huelga e Asociación de Internautas, quen finalmente se sumou debido ao fracaso das súas negociacións co Ministerio de Fomento.

Tarifa plana por RDSI a 16.000 pesetas
Xoves, 28 xaneiro-99 Xa o anunciara o ministro de Fomento, Arias Salgado, a comezos de novembro, pero non se fixo realidade ata esta semana. O denominado Novacom Multiplan consiste nunha tarifa plana por RDSI para as empresas, ao prezo de 16.000 pesetas ao mes, que pode ser contratado no "servicio pemes" de Telefónica (900 111 022). Pero os comerciais desta operadora aínda non o teñen claro e están a por moitas dificultades.

Fracaso nas negociacións e nova folga
Luns, 25 xaneiro-99 A reunión mantida o pasado venres entre o Ministerio de Fomento e a Asociación de Internautas (AI) rematou nun fracaso (anunciado, iso si) que provocou a adhesión deste grupo á folga europea convocada para o vindeiro 31 de xaneiro. Fomento soamente presentou uns novos bonos de desconto xa coñecidos e o proxecto de tarifa plana con tecnoloxía ADSL. A AI afirma no comunicado posterior á reunión que "gracias á mobilización deuse un gran paso na dirección correcta, aínda que insuficiente ao non resolver de xeito inmediato o conflicto" e que van tentar atopar unha solución pola vía parlamentaria contando co apoio do grupo socialista no Congreso.

Posible tarifa plana a 6.000 pesetas
Xoves, 14 xaneiro-99 O Ministerio de Fomento e Telefónica, segundo publicou o diario ABC, pactaron a aprobación datarifa plana, que costaría unhas 6.000 pesetas ao mes. Estaría baseado na utilización da tecnoloxía ADSL, que facilita as conexións á rede, pero obrigaría a cambiar de módem e só sería posible nas cidades. Este acordo, que aínda non está asinado, xa provocou resposta nos internautas, que consideran abusivo o prezo. Hai quen fala tamén de que a filtración a ABC non é máis ca un "globo sonda" para observar as reaccións dos internautas. Poden atopar esta información e a opinión dos usuarios na web da Asociación de Internautas, xunto con recomendacións para cambiar a Infovía Plus.

Este novo xeito de acceder a Internet aínda segue a causar problemas, malia que o domingo 17 de xaneiro se eliminará definitivamente o servicio 055. Infovía Plus tén aínda defectos de funcionamento que están a provocar as queixas de internautas e servidores, xa que, por exemplo, o seu sistema de seguridade impídelle acceder aos usuarios de Macintosh e de Windows 3.1. Telefónica asegurou que hoxe vai poñer na súa web un script para amañar o problema nestes computadores.

Negociando a rebaixa das tarifas
Xoves, 17-decembro-98 Onte, día 16 de decembro, comezaron oficialmente as negociacións entre o Ministerio de Fomento e a Asociación de Internautas para negociar sobre o prezo das tarifas para os usuarios de Internet. Nesta primeira reunión conseguiuse un principio de acordo polo que Fomento se compromete a abaratar o custe e a ir preparando a introducción da tarifa plana, para o que é preciso antes mellorar as redes incorporando tecnoloxía de vangarda. Este é o comezo dunha negociación que pode dar proveitosos froitos. Seguirán as conversas despois do Nadal.

Proceso de paz... con Fomento
Fin de semana, do 4 ao 8-decembro-98 A Asociación de Internautas vén de desconvocar a manifestación que ía ter lugar en Madrid o vindeiro luns 7 de decembro pola tarifa plana. Malia a súa postura belixerante con Telefónica e con Fomento, este colectivo aceptou a proposta de diálogo do Ministerio para negociar a tarifa plana de acceso a Internet. Sen embargo, hai quen afirma que anularon esta proposta polas perspectivas de fracaso, xa que se organizaran viaxes en autobuses dende tódalas capitais de provincia do Estado e logo tivéronse que retirar polas poucas persoas apuntadas. Segundo o calendario de traballo pactado, a primeira reunión terá lugar o vindeiro mércores 16 de decembro. Segundo AI, o ministro Rafael Arias-Salgado aseguroulle ao presidente desta asociación que "a tarifa plana para Internet será realidade nuns meses".

Liberación das telecomunicacións
Martes, 1-decembro-98 Hoxe, 1 de decembro, ábrese no Estado español o mercado das telecomunicacións a calquera empresa e ponse fin ao monopolio de Telefónica. Así, varias empresas entran forte a polo negocio máis rendible do vindeiro século. As operadoras globais, ademais de Telefónica, son Retevisión, Uni2 (que o celebrou repartindo 250.000 flores) e Euskaltel. Na telefonía móbil está Airtel e agora súmase tamén Retevisión. Teñen pedidas licencias varias empresas máis, entre as que destaca BT (British Telecom). Agárdase dende o sector internáutico que esta liberalización supoña unha considerable rebaixa nas tarifas.

Web europea pola tarifa plana
Martes, 24-novembro-98 O grupo pro tarifa plana británico CUT puxo en marcha a primeira páxina web que integra diferentes plataformas e asociacións de internautas europeos. Aínda en construcción, nesta web os internautas manifestan o desexo de organizar un movemento a nivel europeo para que a Unión Europea adopte unha tarifa plana. A curto prazo teñen previsto facer un día de acción europea a comezos do vindeiro ano. Por certo, a versión galega e basca estará pronto en liña.

Uni2 comeza forte
Luns, 23-novembro-98 A terceira operadora de telecomunicacións acaba de entrar en xogo ofrecendo novidades interesantes aos clientes. Uni2 vén de anunciar que non cobrará polas chamadas, senón só polo tempo que se fale, ademais de presentarse en público cun prezo que supón un aforro de entre o 13 e o 29% (dependendo a franxa horaria) con respecto ás tarifas de Telefónica. Esta empresa, participada maioritariamente por France Telecom e o grupo Editel (do Banco Santander), prevé acadar unha cota de mercado do 7,5% no ano 2008 e unha facturación de 150.000 millóns de pesetas.

Todos pola tarifa plana
Luns, 16-novembro-98 O calendario internáutico das vindeiras semanas está ateigado de folgas pola tarifa plana. Esta nova modalidade de manifestación, inaugurada no Estado español contra os prezos abusivos de Telefónica, púxose de moda. E agora as folgas de páxinas "caídas" sucederán de país en país: a primeira terá lugar en Arxentina o 20 de novembro, logo Alemaña o 29, Suíza o 30, Portugal o 1 de decembro, no Estado español o 7 e no Reino Unido e en Francia o 13 de decembro. Así mesmo, a Asociación de Internautas informa de que está a estudiar a posibilidade de convocar unha folga destas características a nivel europeo.

Folga contra Telefónica en Arxentina
Xoves, 12-novembro-98 Os internautas arxentinos convocaron unha folga o vindeiro 20 de novembro contra as tarifas abusivas de Telefónica. Esta acción, promovida por GUIA (Grupo de Usuarios de Internet de Arxentina), propón a caída de webs e o non uso dos servicios de telefónica en 24 horas, a imaxe e semellanza das folgas que se produciron no Estado español. Os promotores do paro acusan a esta operadora de frear o desenvolvemento de Internet en Arxentina.

Euskaltel rebenta as tarifas
Mércores, 4 novembro-98 A operadora basca Euskaltel vai anunciar, segundo a Asociación de Internautas, unha oferta chamada Tarifa Especial Internet, que resulta moito máis económica ca Telefónica. Os prezos dunha hora de conexión é de 162 pesetas/hora (Telefónica, 270,55) e en tarifa reducida, 93,60 (Telefónica, 105,43). Estas e outras vantaxes son explicadas na web desta organización, que supón que haberá unha baixada de prezos tamén en Retevisión -socia de Euskaltel- para competir con Telefónica logo da liberalización destes servicios.

Folga polas tarifas na Alemaña
Luns, 2 novembro-98 O primeiro de novembro na Alemaña trouxo a este país a primeira folga de internautas contra as tarifas telefónicas de T-Online, propiedade da empresa Deutsche Telekom. Este paro de 24 horas, copia recoñecida das folgas españolas, tivo un 70% de seguimento, segundo datos dos convocantes. Miles de internautas secundaron a primeira InternetStreik, que se volverá repetir o vindeiro domingo, 8 de novembro.

Retevisión, un 30% máis barata
Xoves, 22-outubro-98 A web de Timofónica presenta en exclusiva os prezos de Retevisión para chamadas metropolitanas. Na súa páxina mostran unhas táboas comparativas entre os prezos desta operadora e os de Telefónica, que mostran unha rebaixa do 30%, como mínimo, a favor da primeira. Isto tradúcese en 100 pesetas menos por cada hora de conexión a Internet. Estes datos aínda non son públicos, pero prometen moitos movementos arredor deles.

Manifestación da Asociación de Internautas
Martes, 20-outubro-98 A recentemente creada Asociación de Internautas vén de estrear web e unha nova convocatoria reivindicativa: unha manifestación en Madrid o 7 de decembro. Esta organización, fundada o 10 de outubro en Madrid, presentouse onte publicamente no Senado, na Comisión de Internet, onde os representantes de tódolos grupos criticaron duramente a Telefónica e expresaron o seu apoio a esta nova asociación. A súa proposta de reivindicación é a tarifa plana por 3.000 pesetas ao mes.

Nova asociación de internautas
Martes, 13-outubro-98 As catro plataformas pro-tarifa plana -FrEE, GTP, PTP e Plataforma La_Huelga- impulsaron a pasada fin de semana a creación dun novo colectivo chamado "Asociación de Internautas". Esta nova fronte de presión pulará fundamentalmente por unha conexión a Internet a baixo prezo, ademais de protexer os dereitos dos usuarios da rede. O seu presidente é Víctor Domingo, actual director de márketing e comunicación de Medialabs e membro de FrEE.

Balance desigual sobre a Folga
Luns, 5-outubro-98 Seguindo as informacións das entidades organizadoras, por unha banda, e de Telefónica, pola outra, resulta difícil facer un balance máis ou menos exacto do seguimento da folga de conexión do pasado sábado día tres, Frente a porcentaxe situada entre o 70 e o 90% que lanza Víctor Domingo, representante de Fronteiras Electrónicas, a operadora de telefonía do Estado aventura que só o 4,5% dos e das usuarias da Rede secundaron a protesta. A pesar de ser imposible dar unha cifra exacta do seguimento, os canais de IRC e os grupos de discusión rexistraron unha forte baixa de actividade e moitas páxinas webpermaneceron "pechadas" ou mostraron faixas de adhesión á protesta.

O sábado, folga!
Fin de semana, 2, 3 e 4-outubro-98 "Non chames, non contestes, non te conectes". Esta é a máxima da folga do sábado, o 3-O, que convocaron os seguintes colectivos de usuarios de Internet contra a suba das tarifas de Telefónica: Fronteras Electrónicas (FrEE), Plataforma Tarifa Plana, Grupo Tarifa Plana e Plataforma La Huelga. O obxectivo común é obter unha tarifa plana de acceso á rede. Malia que o pleno do Congreso aprobou por unanimidade a petición ao goberno deste sistema de pagamento, esta decisión non é vinculante xa que Telefónica é unha empresa privada.

Mentres, en Alemaña está a organizarse outra folga para o primeiro de novembro contra as taxas da empresa Deutsche Telekom AG, a imaxe e semellanza da exitosa folga do 3-S no Estado español.

O Congreso pide a tarifa plana
Mércores, 30-setembro-98 Tódolos partidos, mesmo o PP, apoiaron onte no pleno do Congreso unha moción presentada polo PSOE na que se insta ao Goberno a establecer unha tarifa plana para o uso da rede. Os políticos reaccionan así ás protestas dos internautas polas novas tarifas de Telefónica, que xa voltaron a convocar outra folga de non conexión para o vindeiro 3 de outubro. De calquera xeito, esta empresa é totalmente privada, polo que esta unanimidade no Parlamento español non a obriga a nada.

Preparando a nova folga
Martes, 29-setembro-98 A nova folga convocada para o sábado 3 de outubro vai sumando cada día novos adeptos. Ducias de colectivos teñen xa un "banner" reivindicativo apoiando a iniciativa dos grupos FrEE, GTP, PLH, PTP, que se plasma nesta web conxunta informativa. Logo do fracaso da reunión do pasado 23 de setembro na ExpoInternet convocada pola AUI, segue o tira e afrouxa dos usuarios con Telefónica sobre o prezo das tarifas de acceso a Internet. Polo momento, a resposta política deuna o PSOE, que está a manter unha posición pública de apoio á tarifa plana, ó igual ca Convergència iUnió.

O PSOE pide a tarifa plana
Xoves, 24-setembro-98 Os socialistas presentarán a vindeira semana unha moción na que pedirán a tarifa plana, ademais de solicitar que se derogue a orde ministerial de suba telefónica ata que se auditen as contas de Telefónica e se desfaga o monopolio tamén nas chamadas metropolitanas. Convergencia i Unió tamén declarou que apoia esta medida. Namentres, a reunión de onte en ExpoInternet non serviu para arranxar nada. A folga do 3 de outubro segue convocada e a fenda aberta entre os usuarios parece que se vai agrandando máis.

Denuncian a Telefónica por fraude
Mércores, 23-setembro-98 A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) denunciou a Telefónica por cobrar as chamadas fallidas a Infovía, ó que se accede chamando ó 055. Segundo un estudio desta asociación, cada usuario ten uns 10 intentos fallidos ó mes por 11,4 pesetas, o que supón máis de vinte pesos que ha de pagar por un erro de Telefónica. Isto suponlle a esta operadora un ingreso anual de máis de 2.000 millóns de pesetas.

Nova folga o 3 de outubro
Xoves, 17-setembro-98 Varios dos grupos promotores da folga do pasado 3-S veñen de convocar outra para o vindeiro 3 de outubro para respostar á rebaixa das tarifas de Telefónica. Este novo paro foi acordado onte nunha reunión "virtual" nunha canle de IRC polos grupos Fronteras Electrónicas, GTP (Grupo Tarifa Plana), Plataforma La Huelga e Plataforma Tarifa Plana, que agrupan a máis de 10.000 subscriptores. Queren así manifestar o seu rexeitamento cara os plans de desconto de Telefónica que, na súa opinión, son puro márqueting. Ademais, critican a autodenominación de AUI como único interlocutor nas negociacións con esta operadora e afirman que non asistirán ó encontro en Barcelona do día 23 en Expointernet '98. Para consultar o texto completo da convocatoria, premer aquí.

Por outra banda, Retevisión está preparando unha demanda contra Telefónica por abuso de posición e prácticas monopolísticas e por difundir plans sen aprobación oficial, xa que as rebaixas afectan só á primeira operadora e non ás conexións de Redestb e Servicom, que pertencen a Retevisión. Tamén hai que lembrar o Congreso dos Deputados rexeitou o pasado luns unha proposta de tarifa plana, gracias aos votos en contra de PP e nacionalistas bascos e cataláns.

Telefónica rebaixa as tarifas
Mércores, 16-setembro-98 Telefónica anunciou onte unha rebaixa de ata o 51% en horarios nocturnos e na fin de semana. Logo de varias semanas cheas de rumores e negociacións, a operadora lanza por primeira vez unha oferta para aplacar a unha opinión pública que se puxo de lado dos internautas logo da folga do 3-S. Pero os usuarios da rede non se conforman cunha medida que está tan lonxe da solicitada tarifa plana. Polo momento, proseguen as conversas entre a empresa e a Asociación de Usuarios, co Ministerio de Fomento pedindo solucións, ante a presión dos usuarios-votantes. Aquí detallamos máis polo miúdo as dúas modalidades de rebaixa:

  • Plan Bononet: aplica descontos por bonos anticipados (de 20.00 horas a 8.00): un bono de 10 horas de 1.600 ptas; bono de 30 horas, 4.000 ptas; e bono de 100 horas, 13.000 pesetas.
  • Plan Masternet, que aplica descontos en función do volume de consumo, cun máximo do 15% en horarios normais.

Telefónica negocia con AUI
Fin de semana, 11, 12 e 13-setembro-98 Telefónica está a manter reunións coa Asociación de Usuarios de Internet de cara a solucionar o problema das tarifas. Tanto un coma outro, afrontan así a necesidade de atopar novos plans que se adapten aos diferentes usos e que melloren os servicios e os custos para os internautas. Polo momento, só se acordaron as datas do calendario de reunións para buscar solucións ao problema.

Inesperadas consecuencias da tarifa plana
Mércores, 9-setembro-98 Segundo persoas achegadas a Telefónica, a tarifa plana total acabará impoñéndose a curto-medio prazo, dependendo de como se desenvolvan as negociacións entre esta operadora e o Ministerio de Fomento. Pero este feito, que favorece aos usuarios, está xa a levantar ampolas entre os pequenos proveedores, que ven perigar o seu futuro debido ó aumento de caudal de información que vai supor a ilimitación do tráfico en Internet. Non poderán subir os prezos porque deste xeito non competirían coas grandes empresas. Se actualmente os proveedores cobran unha tarifa plana ó ano, sería posible que nun futuro cobrasen segundo a capacidade que utilice cada usuario.

En Galicia hai actualmente unha decena de proveedores e pecharon catro no que levamos de historia cibernáutica: Rianet, Anade, Hedra e Argonet. Velaquí unha lista dos actuais:

ACN (Sada)
ALSERnet (A Coruña)

Arnal (Vigo)

a-rede(Pontevedra)
Cesga (Santiago)
Corevia (Santiago)
Cif&Net (Ferrol)
Cesatel (A Coruña)
Instituto Tecnolóxico de Galicia
Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense)
Web3 (A Coruña)


Telefónica ofrece tarifa plana
Martes, 8-setembro-98 Telefónica vén de responder, se ben parcialmente, ás reivindicacións dos usuarios de Internet na folga do 3-S. Segundo informou o diario económico Cinco Días, esta operadora de telecomunicacións vai ofrecer, previsiblemente esta semana, unha tarifa plana, pero restrinxida a uns certos horarios. Así, por 2.000 pesetas mensuais os internautas poderán acceder ilimitadamente á Rede de dez da noite a oito da mañá e nas fins de semana, aínda que tamén se prevé unha reducción de prezos no resto dos horarios.

Deica o momento, as reaccións das asociacións dos usuarios foron de ledicia, aínda que moitos deles non se conforman con esta medida e seguen reivindicando a tarifa plana total por menos de 5.000 pesetas. Para acadar este obxectivo, fálase de proseguir coas mobilizacións e presionar na ExpoInternet do vindeiro día 23, onde terá lugar unha gran reunión entre proveedores, autoridades e Telefónica.

Éxito da folga
Fin de semana, 4, 5 e 6-setembro-98 As cifras do seguemento da folga de onte contra Telefónica foron dispares. Mentres a propia empresa dicía que as chamadas só baixaran un 12%, a Asociación de Usuarios de Internet falaba de máis do 50% e os servidores de Internet apostaban por un 35%. Sexa cal for a cifra real, o certo é que a presión surtiu efecto. O Ministerio de Fomento xa recoñeceu que está disposto a apoiar a tarifa plana, sempre e cando non implique un aumento de custes para os usuarios de teléfono normais. Sen embargo, Telefónica afirma que a decisión da suba das tarifas foi tomada polo Ministerio. Unha das webs máis reivindicativas nesta folga, Usuarios Puteados por Telefónica, afirma na súa páxina que esta foi pechada por orde xudicial.

Folga contra Telefónica
Xoves, 03-setembro-98 O 3-S está xa a abanear Telefónica. Toda a rede do Estado español semella querer plantarlle cara á primeira operadora de telecomunicacións, que na actualidade ten nas súas mans a xestión da conexión á Internet. O pasado 31 de xullo, e a pesar das propostas alternativas da Asociación de Usuarios de Internet e outras organizacións civís, o Goberno estatal aprobaba unha suba de tarifas para as chamadas locais proposta por Telefónica que supón un incremento de ata máis do 100% nas chamadas de longa duración, o que significa un duro golpe para o desenvolvemento da Internet, xa que a inmensa maioría das conexións á Rede son deste tipo.

A raíz da polémica decisión do Ministerio de Fomento, unha boa parte da comunidade internáutica de todo o Estado uniuse en varios colectivos para reivindicar un dispositivo para a discriminación de chamadas telefónicas por unha banda e conexión á Rede pola outra, que permitise a instauración dun sistema de tarifas planas. Con este motivo, organizacións como a Plataforma La Huelga, a Asociación de Usuarios de Internet ou a Plataforma Tarifa Plana denuncian a acción monopolística de Telefónica que, segundo eles, detén a expansión da Rede e a creación da incipiente industria que se está a crear ao redor dela.

A folga do 3-S chama á non conexión á Rede durante 24 horas, a manter os teléfonos descolgados e a presentar páxinas en branco. Esta primeira parada virtual da Internet no Estado virá seguida de outras medidas reivindicativas ao longo do mes de setembro, como a saturación dos números 900 de Telefónica, o envío masivo de correos a diferentes organismos, etc. Telefónica prepárase tecnicamente para se defender da avalancha dos e das internautas en folga que, a entender dos seus propios técnicos, pode ocasionarlle " trastornos graves". Para máis información:

La Brújula.Net Este xornal dixital para internautas recolle un diario pormenorizado da folga
Retevisión Segunda operadora de telecomunicacións do Estado
Usuarios Puteados por Telefónica. Grupo de hackers que prepara un boicot contra Telefónica
As novas tarifas. Táboa con tódolos datos das subas.

A Asociación de Usuarios súmase á folga
Mércores, 02-setembro-98 A Asociación de Usuarios de Internet (AUI) vén de sumarse á folga de non conexión a Internet que distintos colectivos convocaron para o xoves día 3 de setembro. Para protestar contra a subida das tarifas locais de Telefónica, mañá esta asociación porá a súa web en branco e non se conectará en todo o día. Unha das súas propostas é o diferenciamento do uso da liña telefónica para falar e para acceder ós servicios de información coma Internet. Para conseguilo, chaman á mobilización durante todo este mes levando a cabo diferentes accións de negociación e protesta que se poden consultar na súa web.

O xoves, folga contra a suba das tarifas
Martes, 01-setembro-98 O vindeiro xoves día 3 hai unha folga de non conexión a Internet convocada pola Plataforma La Huelga en contra da suba das tarifas locais de Telefónica, que afectan sobre todo ós internautas. Para máis información, pódese consultar o "Diario de la huelga".

Internautas reclaman tarifa plana
Fin de semana, 24, 25 e 26-xullo-98 A Asociación de Usuarios da Internet (AUI) e outras organizacións de usuarios e consumidores acaban de presentar á Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) a súa proposta para o establecemento de tarifas planas na navegación pola Rede, que paliaría a inminente suba do 34% nas chamadas locais. Ata o momento, a implantación de tarifas planas non era contemplada pola AUI como unha boa solución xa que, ao se establecer unha factura fixa, independentemente do tempo de duración da comunicación, os e as usuarias poderían permanecer conectados á Rede de xeito inninterrompido e isto produciría colapsos nas centrais telefónicas, como veu acontecendo ata hai relativamente pouco nos Estados Unidos. Con todo, os avances tecnolóxicos actuais permiten a utilización de métodos de xestión, xa activos en diferentes países europeos, que discriminan as chamadas de voz e das da Internet e evitan os antigos problemas. A CMT terá que elaborar agora un informe para o ministerio de Fomento e convocar as operadoras telefónicas para procuraren unha solución, porcanto o incremento das tarifas frearía drasticamente o desenvolvemento da Internet e con el o do comercio electrónico e o da incipiente industria de servicios da Rede.


Unha ollada atrás: Infovía plus, de onte a hoxe