Vieiros
Unha ollada atrás: INFOVÍA PLUS, de onte a hoxe

Nodo local en Vilagarcía sen avisar
Mércores, 3 febreiro-99 Telefónica nunca deixa de sorprender, pero nesta ocasión os máis asombrados foron os internautas da Arousa, cando se decataron de que había nodo local de Infovía Plus en Vilagarcía. A primeira operadora puxo a funcionar o nodo sen avisar a ninguén e publicándoo soamente aquí, na lista de números da súa web. Polo tanto, as consecuencias son previsibles: a maioría dos usuarios seguiron conectándose polo 901 (que seguía operativo, pero a unhas 2.500 pesetas a hora) e rematáronse dándose conta ao chegarlles a factura de teléfono. Para os máis despistados, agora quedan avisados: 986 396 000 é o número que deben marcar.

Multa de 580 millóns a Telefonica
Mércores, 3 febreiro-99 O Tribunal de Defensa da Competencia multou onte a Telefonica co pagamento de 580 millóns de pesetas por abuso de posición dominante. A primeira operadora discriminou ao seu rival BT e actuaou de xeito "predatorio" no mercado. Segundo a denunciou a operadora británica, Telefonica incumpría dende 1993 artigos da Lei de Defensa da Competencia e o Tratado da CEE ao "aplicar a BT prezos distintos aos oficiais polo aluguer de liñas e circuítos de comunicación só por ser un competidor, ademais de ofrecer aos seus clientes eses mesmos servicios con descontos para obstruir a competencia de BT". Telefonica anunciou que recorrerá o dictame.

Infovía Plus segue fallando...
Martes, 26 xaneiro-99 Onte pola tarde os usuarios de Infovía Plus non puideron conectarse de novo. Houbo un colapso nas liñas e as conexións caeron. Isto sen contar a lentitude da rede, queixa abandeirada da maioría dos internautas. Sen embargo, e para parar as avalanchas de críticas, Telefónica acaba de anunciar que pode solicitarse gratuitamente (chamando ao 1004) a facturación detallada das chamadas á nova rede de acceso e, consecuentemente, poderá ser posible saber cantas foron fallidas. Ata o de agora, había que pagar un suplemento de 500 pesetas para saber ao detalle as chamadas locais, nas que se inclúen as feitas aos nodos locais de Infovía Plus.

"Flibusteirismo" contra Infovía Plus...
Luns, 25 xaneiro-99 A revista en liña Çopyright vén de publicar un comunicado no que anima aos internautas a practicar o "flibusteirismo" contra Infovía Plus. Segundo se explica nesta web, esta é unha táctica empregada en certos parlamentos para impedir a aprobación de leis e que consiste no mantemento lexítimo do turno de palabra na palestra ata que expire o prazo legal para a aprobación da lei. Xa que logo, esta web recomenda que en caso de chamadas fallidas ou conexións lentas... hai que pasar á acción: chamar aos números gratuítos de Telefónica, explicar os termos da protesta (e estendela o maior tempo posible), solicitar o rexistro da reclamación e unha resposta por escrito pola súa anda, e pedir falar con empregados de maior xerarquía na operadora ata obter unha explicación satisfactoria. E, finalmente, solicitar a devolución do importe das chamadas fallidas a Infovía.

Todos temen Infovía Plus
Fin de semana, 15, 16 e 17 xaneiro-99 O domingo 17 vai ser moi probablemente un día negro para os e as internautas: desaparece definitivamente a vella Infovía e o 055 para abrir paso a Infovía Plus, que aínda está a causar grandes problemas a usuarios e proveedores. Unha boa porcertanxe de internautas segue sen poder conectarse ao novo sistema, xa que presenta serios problemas de infraestructura, segundo as empresas proveedoras galegas. Corevia, por exemplo, afirma que os nodos locais funcionan mal e non son quen de dar abasto á demanda. Este proveedor santiagués conta que nos últimos días recibiron milleiros de queixas dos seus clientes por erros na conexión, perdas de paquetes, etc. O mesmo apuntan os de Cesatel (A Coruña), que aseguran que o novo sistema non mellora en absoluto a vella Infovía, e os de Cif&Net (Ferrol), que falan de "catástrofe". Critican a Telefónica por non daren información e por lle botar aos proveedores tódalas culpas, ademais de desmantelar Infovía sen avisar. Dende o proveedor ferrolá afírmase que os usuarios de RDSI quedan enganchados e que a nova rede aínda non está preparada. O cambio a Infovía Plus é aínda máis complicado para os usuarios de Mac, pero agora Telefónica ofrece un script de conexión na súa web. Máis? Telefónica cobra indebidamente as chamadas do Plan Primanet -ademais das fallidas-, segundo denuncia a Asociación de Internautas.

Corte nas comunicacións con EEUU e Europa
Mércores, 13 xaneiro-99 Onte, martes 12 de xaneiro, produciuse un "corte accidental da mangueira de comunicacións de fibra óptica por obras na Nacional I", segundo Telefónica Transmisión de Datos, que impediu durante unhas cinco horas establecer comunicacións internacionais con Estados Unidos e Europa. Polo tanto, aqueles internautas que tentaran acceder a servidores de fóra do Estado español non puideron conseguilo na tarde de onte. E seguen tamén a producirse problemas debido á migración de usuarios cara a Infovía Plus, xa que este novo sistema aínda é inestable a falta de catro días para a eliminación definitiva do acceso pola vella Infovía.

Infovía Plus segue dando problemas
Martes, 12 xaneiro-99 A somentes cinco días da desaparición do acceso a Internet pola vella Infovía, o novo sistema, Infovía Plus, segue a dar problemas en case tódolos nodos do Estado. Telefónica xa puxo en marcha a operación de desmantelamento do 055 sen que o novo servicio estea completamente operativo. A pasada fin de semana foi negra para os internautas da Coruña e Santiago, que non puideron acceder a Internet por ningún dos dous sistemas, segundo informou o proveedor coruñés Cesatel. Onte luns e hoxe mesmo estánse a producir problemas nos accesos, sobre todo dende o nodo de Santiago. Telefónica está a pechar o 055 para que os internautas emigren definitivamente cara Infovía Plus antes do domingo 17 de xaneiro, pero tanto servidores coma usuarios dubidan do bo funcionamento e da calidade do novo sistema. Telefónica ofrece un servicio de información de balde, 900 500 055, no que aseguran que Infovía Plus funciona perfectamente.

Infovía Plus segue dando problemas
Mércores, 23-decembro-98 Infovía Plus e a nova rede IP de Telefónica seguen dando problemas. Segundo recoñeceu a propia operadora, a menos dun mes da desaparición de Infovía só o 26% dos usuarios desta se cambiaron ao novo sistema de acceso a Internet. Esta porcentaxe é a todas luces insuficiente e prevé novos problemas de cara ao cambio definitivo. Malia que Telefónica culpa á falta de información dos internautas e dos servidores, o certo é que Infovía Plus segue sen funcionar ben. En Galicia, por exemplo, o seu éxito é dispar: se o nodo de Ferrol traballa perfectamente, o de Santiago é un desastre. Veremos que pasa o 17 de xaneiro, data na que expira o servicio 055 de Infovía ao que aínda se acollen a maioría dos internautas.

Infovía Plus pode ser máis cara
Luns, 30-novembro-98 A entrada en funcionamento de Infovía Plus é a grande incógnita do acceso a Internet no Estado. Se o xoves pasado se aprazou a súa entrada en vigor ata o 11 de xaneiro, agora a dúbida está nos prezos. Segundo confirmou este medio, os usuarios de Infovía Plus que non posúan acceso a nodo local (en Galicia nas sete cidades e a súa área metropolitana), terán que pagar máis. A razón é a seguinte: estes usuarios deberán conectarse a través do número 901 505 505, que en principio Telefónica dixo que se pagaría como chamada metropolitana. O que non explicou esta operadora é que teñen un problema legal, que aínda non recoñecen publicamente, polo que non poden aplicar os descontos do Plan Primanet a este número, xa que non é unha chamada local e iso daríalle vantaxe a Telefónica con respecto ás outras operadoras, cousa que o Ministerio de Fomento non pode permitir. Este problema, de non solucionarse, afectaría sobre todo a Galicia, onde a poboación está moi espallada e os usuarios que se conectasen sen nodo local non terían ese 30% de desconto do Plan Primanet.

Aprázase a entrada de Infovía Plus
Fin de semana, 27, 28 e 29-novembro-98 A Comisión do Mercado das Telecomunicacións confirmou onte un rumor que corría de boca en boca dos usuarios: o aprazamento da entrada da nova rede IP de Telefónica, Infovía Plus, para o 11 de xaneiro. Isto quere dicir que continuará estando operativo o servicio 055 da vella Infovía, debido aos problemas de inestabilidade do novo sistema. Esta decisión vén adoptada pola protesta dos proveedores, que prevían un caos na rede de non aprazar esta entrada, que estaba prevista para o 1 de decembro. Este sector da comunidade internauta está moi molestopolo trato que lle dá Telefónica ao acusalos do fracaso de Infovía Plus. Ademais, as ISPs vense ameazadas pola chegada das operadoras de cabo e os anuncios de Telefónica, BT e Retevisión, que van regalar o acceso a Internet, co que só poderían sobrevivir aqueles proveedores que deran servicios de valor engadido. Como consecuencia das difícilesrelacións con Telefónica, estas empresas están a plantexarse medidas de presión contra a operadora e realizar unha páxina web conxunta coas queixas.

Nodo local tamén en Ferrol
Xoves, 5 novembro-98 Se onte informabamos que os novos servicios de Infovía Plus xa chegaban a toda Galicia, hoxe a noticia é que Ferrol tamén ten un nodo local. A partir de agora os internautas da súa área metropolitana terán que marcar o número 981 335 000 para acceder a Internet. Nunha noticia de onte informabamos dos números de cada cidade galega, pero para aqueles que teñan dúbidas poden averigualo aquí escribindo o seu número de teléfono.

Infovía xa cubre toda Galicia
Mércores, 4 novembro-98 Os nodos de acceso a Infovía Plus xa están operativos en toda Galicia. A partir de hoxe, 4 de novembro, aquelas poboacións que non teñan nodo local han de chamar ao número 901 505 055 (en lugar de ao 055) para conectarse á rede. Este número garantiza o acceso á Rede IP de Telefónica con tarifa metropolitana. Esta compañía instalou 71 nodos locais en todo o Estado, dos cales 6 están en Galicia. Apunten os números das cidades con nodo propio:
A Coruña: 981 165 000
Lugo: 982 286 000
Ourense: 988 379 000
Pontevedra: 986 777 000
Santiago: 981 529 000
Vigo: 986 396 000

Telefónica paga "ás agachadas" as chamadas fallidas
Xoves, 8-outubro-98 Segundo un lector de Vieiros, chamando ao número 1004 de Telefónica para reclamar as conexións fallidas ao 055 de Infovía, alí informárono de como reclamar. Cando chega a factura das chamadas, o usuario calcula o prezo das fallidas, chma ao 1004, dá os seus datos e Telefónica abonará o importe, "alomenos a primeira vez", segundo a persoa que o atendeu. Así que propoñemos aos nosos lectores que fagan o mesmo para que Telefónica devolva os 2.500 millóns que gaña cada ano cobrando estas chamadas. Lembramos que a OCU denunciou hai unhas semanas á operadora por este feito.

Telefónica presenta as redes IP
Fin de semana, 25, 26 e 27-setembro-98 Telefónica presentará o vindeiro luns nos Hostal dos Reis Católicos en Santiago a nova rede IP de telefonía para as empresas galegas. A primeira operadora conta con nodos locais na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Paralelamente, unha empresa galega, Aica, ofrecerá servicios de telefonía a través da rede, convertendo datos en voz. Tamen a compañía Pasum, con delegación en Vigo, pensa comercializar en Galicia a rede G-Matix cos mesmos servicios, que posúe 28 nodos en todo o Estado.

Denuncian a Telefónica por fraude
Mércores, 23-setembro-98 A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) denunciou a Telefónica por cobrar as chamadas fallidas a Infovía, ó que se accede chamando ó 055. Segundo un estudio desta asociación, cada usuario ten uns 10 intentos fallidos ó mes por 11,4 pesetas, o que supón máis de vinte pesos que ha de pagar por un erro de Telefónica. Isto suponlle a esta operadora un ingreso anual de máis de 2.000 millóns de pesetas.

Infovía Plus en Vigo e na Coruña
Martes, 01-setembro-98 Setembro comeza con noticias para os galegos conectados a Infovía. Telefónica vén de instalar esta semana nodos locais de acceso a Infovía Plus en Vigo e na Coruña, lanzando así os seus novos servicios IP. Antes de finais de ano tamén o fará Santiago e Ferrol. Telefónica ten previsto poñer 152 en todo o Estado español. Aquelas poboacións que queden fóra de cobertura terán que chamar a un número do tipo 901 5XX XXX, que contabilizará como unha chamada local. Así, a partir do 1 de decembro deixará de funcionar o servicio 055. Para consultar os números de acceso e máis información, premer aquí.


Unha ollada atrás: Reivindicacións dos internautas: a tarifa plana