. Vieiros . Vieiros Ferrol Colaboradores .



Bases, premio e xurado
Proposta gañadora

Portada



Dossier Vieiros
Por que convocamos este concurso

Francisco Franco Baamonde nace en Ferrol o catro de decembro de 1892. Con quince anos entra na Academia de Infantería, e comeza unha rápida carreira que o leva a xeneral aos trinta e tres e, pouco tempo despois, a ser o gran protagonista da guerra civil española.

No ano 1966 levántase na cidade de Ferrol unha estatua dedicada ao dictador Franco. Había trinta anos que se alzara contra o réxime lexítimo da República Española. A figura ecuestre, de escaso valor artístico ao decir dos expertos, foi proxectada polo escultor madrileño Federico Coullaut-Valera Mendigutía e posteriormente fundida nos estaleiros de Bazán, para o que se utilizou bronce doado pola Armada Española. O autor recibiu 1.255.000 pesetas polos seus traballos.

Desde entón, as persoas que visitan Ferrol atopan na primeira gran praza de entrada –anteriormente chamada Porta Nova e na actualidade Praza de España–, un monumento que o paso do tempo converteu nun dos sinais máis coñecidos da cidade.

Desde a morte do dictador houbo varios "amagos" de quitar do seu emprazamento esta estatua, pero por diversos motivos os seus 6.000 quilos de peso e seis metros de altura seguen presidindo o lugar. As presións mantivéronse desde moitos sectores da sociedade. De feito, a mesma continuidade da existencia da estatua, dedicada a un persoeiro clave da historia negra do noso país, segue sendo unha afronta para moitos ferroláns. Por outra parte, co pasar dos anos, a estructura e aparencia da praza quedaron anticuadas.

Se Ferrol pretende ser un lugar que aprendeu a renovarse, debe ter unha imaxe e unhas infraestructuras novas conforme os tempos que vivimos. Debaixo de onde se acha a estatua, proxéctase construír un aparcadoiro e crear novos servicios.

En fin, o "cabalo" ten que deixar de estar na porta da cidade. En pleno século XXI, non pode ser porta da cidade para uns e humillación e vergoña para outros. En Ferrol a xente é hospitalaria e respectuosa.

Por eso Vieiros e un grupo de colectivos cidadáns pon en marcha esta iniciativa. Somos unha cidade aberta, que te espera axiña. Ven a Ferrol.


Proposta gañadora