|
EN ARNADO
Pola ponte "José Luis Baltar" non se vai a ningures [31/05/2005 19:11] Puxéronlle o nome do patrón provincial e nin con esas, o paso pola ponte fica pechado, non ten continuidade con ningún vial que permita o acceso á aldea de Arnado, para o que foi construída. Así andan as cousas por Vilamartín. Ao alcalde, Manuel Candal (PP), faltoulle previsión ou confiou nas súas habilidades para "persuadir" á veciñanza. Os de Arnado non queren ser súbditos, piden un trazado da pista que non corte as súas terras á metade, "o único que temos é o chan e nolo queren derramar" sinalou o pedáneo Antonio Regueiro.
Á aldea de Arnado chégase polo Barco a través de Viloira e o polígono industrial da Raña. A ponte construída sobre o río Sil, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, acurtaría a distancia de Arnado con Vilamartín. O concello tratou da compra de terreos coa familia Iglesias, propietaria do pazo chamado popularmente "o castelo" e de fincas de gran tamaño, sen que chegaran a un acordo. Agora tampouco os pequenos propietarios están dispostos a sacrificar as súas propiedades, así pois o concello terá que recorrer á expropiación para que a ponte, que Candal se deu tanta presa en bautizar á maior gloria do presidente provincial do PP, poda cumprir a misión para a que foi construída.
Dadas as circunstancias, un tanto surrealistas do caso, non está claro se a ponte será inaugurada antes das eleccións do 19 de xuño. OUTRAS NOTICIAS
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||