Vieiros Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 A MAN

A información precisa para ter á vista: farmacias de garda, teléfonos e enderezos de interese, etc
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas que falan sobre O Barbanza.

 

O XENE DE CHUVIA
Multitudinaria estrea literaria de Xosé Ricardo Losada en Rianxo

[23/12/2005 12:31] A Casa de Cultura de Rianxo ficou pequena para acoller ao público que se achegou para dar a benvida á entrada no sistema literario galego (en palabras de Anxo Angueira) a Xosé Ricardo Losada. O venres 9 ao serán no Cuartel Vello (ás escolas vellas da República) un heteroxéneo grupo de veciños, amizades, alunado, xentes do ensino e da literatura, arroupou como se dun best seller se tratase a presentación do Xene da Chuvia, editado por Ediciós do Castro, o primeiro libro de relatos deste novo autor emocionado pola resposta do público e a acollida crítica e entusiasta doutros autores recoñecidos como o mencionado Angueira ou Antón Riveiro Coello.


Non era Manolo Rivas ou Suso de Toro, era Xosé Ricardo Losada quen xogaba en casa e poñía o cartel de non hai billetes na ateigada Casa da Cultura. E ten a súa importancia o xogar en casa propia, como o testemuñou desde o comezo da presentación o alcalde, Pedro Piñeiro, quen saudou ao autor como rianxeiro por nacemento e convicción. E é que Rianxo e o seu equipo de fútbol, o Unión de Asados tiveron ao longo desta velada literaria non pouco protagonismo. Rianxo presente para reiventarse en cada un dos relatos de X. R. Losada, quen creou unha nova xeografía da vila (verbas de Antón Riveiro Coello). E o Unión estivo presente non só nun dos relatos máis sinalados polos autores A internada pola banda de Laíño, senón para encontrar que ademáis da sintonía literaria entre os escritores existe un pasado común de xogadores de fútbol (Angueira e Losada no Unión, Riveiro noutro equipo) e iso certamente marca ás persoas.

Antón Riveiro Coello salientou que estamos perante un autor que nos trae unha literatura fresca, que ule a novo, dotado dunha técnica chea de audacias verbais. Mesmo reclamou para sí pola súa beleza empregar algunha das metáforas dos relatos que evocan lugares de Rianxo como ese regato de Cordabáns na que a roupa seca e blanquea co ar no lavadoiro. Riveiro sinalou tamén que agardaba este libro e non é para el unha sorpresa a valía literaria de X.R. Losada pois sabía polas publicacións na Voz de Barbantia, ese suplemento cultural da Voz de Galicia e da asociación cultural Barbantia, na que Losada é o seu actual secretario. Das colaboracións en prensa sabía que o libro tiña que chegar. Moitos nomes sairon á palestra para facer comparanza cos microrrelatos de Losada: Borges, Augusto Monterroso, Cortázar... Toda unha ilustre nómina de escritores que por momentos puxo rubio e emocionou ao autor.

Anxo Angueira, prologuista do volume, sinalou a andaina común de estudos no Instituto de Padrón (ao abeiro do seu profesor Bernardino Graña) e no Unión. Trazou tamén un lugar de encontro común ao longo das Terras de Iria e Arousa, sen fronteiras na Paradegua para unir Rianxo con Laíño, Castelao e Rosalía. Con intensidade e emoción na presentación se referiu a Rianxo con cariño para incluír a Losada na estela dos Castelao, Dieste ou Manuel Antonio, amantes fieis desta terra rianxeira, que se aborda desde o realismo, mais tamén desde a fantasía e a ficción nos relatos do autor. Reclamoulle a Losada manter o compromiso coa literatura, lembrou neste senso a filiación manuelantoniana de Xosé Ricardo e pediulle que desde aí, desde a literatura, naza o seu contributo tamén para co noso país. Para o final da súa intervención deixou Angueira o pasado común futbolístico nese Unión de paixóns, que foi cerne de andainas conxuntas, de amigos e adestradores na lembranza, das viaxes de autobús con cantos de José Afonso e de boleros, Bícame Moito, nos retornos de vitorias e derrotas.

Por último tomou a palabra o autor do Xene da Chuvia, emocionado polas citas literarias e pediu aos lectores cumplicidade e esforzo intelectual para ler o seu libro. Para abrilo e pechalo senón gusta. Un libro que conta historias mais sobre todo que as insinua. O autor sacou tamén a súa vea de docente de filosofía para preguntarlle a libro cuestións: que, como, onde, cando, canto... Sinalou tamén a soedade como un eixe da obra na que todas as personaxes están soas, e fixo tamén lembranza do Dieste dos arquivos do Trasno para reivindicar a súa mestría estilística e o dominio literario, en certa medida non recoñecido.

En fin, unha xornada intensa que permite albiscar que a Atenas de Arousa vai seguir contando con autores que garanten a continuidade deste Monte Parnaso da literatura galega que é Rianxo. Parabéns ao autor e que, como dicía Riveiro Coello, se impregne dese particular arrecendo do libro saído do prelo do Castro, arrecendo da obra primeira.



COMENTARIOS:

Hai 0 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa




© Vieiros