|
EXPOSICIÓN DE ANDREA COSTAS
Persoal e transferíbel [14/03/2006 18:17] O mércores 15 de marzo ás 19:00 inaugúrase na Fundación Torrente Ballester unha exposición da fotógrafa Andrea Costas Lago. É o resultado do proxecto que mereceu a 3ª Bolsa de Creación Fotográfica convocada polo Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago e o Centro de Estudos Fotográficos. O obxectivo desta Bolsa é ofrecer a posibilidade de elaborar e realizar un proxecto fotográfico propio, no que poden participar os mozos e mozas nados ou residentes en Galicia menores de trinta anos. A idea de Andrea Salas gañou por innovadora: rachar co alleamento do ser humano, coa comercialización dunha realidade estereotipada e co propio concepto de autoría.
Andrea Costas (Vigo, 1978) optou pola verdade. Polo retrato que nove persoas fixeron da súa vida, do cotián e do convencional. Durante dous meses e unha media de mil fotografías por persoa, a imaxe deixou de ser unha representación para convertirse en auténtica testemuña da vida. A fotografía como documento, sen máis filtros, recupera a idea de Hal Foster n'O retorno do real. A avangarda a finais do século (1996; Akal, 2001). O autor fala da arte contemporánea cun afán antropolóxico ou etnográfico, e da imaxe coma desentrañadora das estruturas que artellan unha cultura. Non hai presupostos sociais, políticos ou estéticos, non hai rituais (aniversarios, vodas, bautizos) convertidos en icona... O suxeito e o obxecto da produción artística son o mesmo. Quen olla a imaxe deixa de ser voyeur, de tentar decodificar o significado. Estas fotografías, máis ben, deconstrúen o significado, as estruturas xerárquicas socialmente enraizadas: a cultura, o xénero... Recuperan as identidades, retratando os intres da súa intimidade que non serían retratábeis polo canon. Por iso se decidu traballar en grupo, e particularmente un grupo heteroxéneo, integrado por persoas moi diferentes. Na época do "capitalismo de fición", do individualismo e o consumo rápido de produtos, a uniformidade coa que a realidade nos é presentada non é inocente: forma parte dunha estratexia. Por iso resulta tan provocador rachar contra ese sistema por medio dunha proposta que valora o asociacionismo e a cooperación na vez do individualismo competitivo, a experimentación por riba do conservadurismo, e o proceso máis có resultado final. De feito, as fotografías en si non son máis ca o residuo do verdadeiro proxecto: "o que vedes é unha excusa: o produto concentrado dunha destilación subxectiva e implacábel, os restos dun experimento longo e pesado, pero tamén enriquecedor e emocionante. A mediación pouco inocente, empaquetada e consumíbel que queda dunha experiencia de comunicación que, por si mesma, sempre foi o verdadeiro proxecto. OUTRAS NOTICIAS
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||