Vieiros Santiago

Edición xestionada por Vieiros
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 A MAN

Información precisa para ter á vista: farmacias de garda, teléfonos e enderezos de interese, etc
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas compostelás ou que falan sobre Compostela.

 

CONFERENCIA EN CIENCIAS DA COMUNICACIÓN
O xornalista Fernando Olmeda lembra os e as homosexuais do franquismo

[23/11/2005 18:34] Fernando Olmeda, xornalista e coñecido presentador de televisión, abordará na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela as vivencias dos e das homosexuais durante o franquismo. Investigador sobre este tema e autor do libro 'El látigo y la pluma', a conferencia enmárcase nunha serie de actos que lembran o 25º do movemento homosexual en Galiza.


'Homosexuais na ditadura de Franco' é o título da conferencia que impartirá o xornalista Fernando Olmeda o xoves 24 ás 19,30 h na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. O pasado ano, Olmeda publicou o libro "El látigo y la pluma", onde aborda a persecución dos homosexuais por parte do réxime franquista coa intención "de que non se esqueza a historia máis recente, a dobre moral que impuxo a indecencia do franquismo para que o coñezan as novas xeracións".

Precisamente, nun momento no que esas novas xeracións están inmersas en debates que concernen ós dereitos do colectivos homosexuais, cando se conmemoran 25 anos da primeira manifestación gailésbica de Galiza e 30 da morte de Francisco Franco, o Club Internacional de Prensa, o Colectivo Gai de Compostela e o colectivo de lesbianas BOGA organizan esta conferencia para afondar na memoria histórica do país e na realidade que lle tocou vivir aos homosexuais no franquismo.

Para escribir El látigo y la pluma, Fernando Olmeda realizou un amplo traballo de investigación recuperando todo o escrito sobre o tema, realizando entrevistas e buscando novos documentos. O xornalista recolle no libro 100 testumuños así como moitos documentos que non saíran á luz ata agora como expedientes de perigosidade. O autor recoñece que "o tema do libro é de tanta actualidade que non sabía como rematalo".A conferencia do xoves pode ser unha boa oportunidade para continuar afondando en moitos dos aspectos que se recollen no libro facer balance da evolución que viviu o colectivo homosexual desde entón ata agora.

Fernando Olmeda, licenciado en Ciencias da Información e Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu boa parte da súa actividade profesional en Telecinco, onde editaba e presentaba os informativos da fin de semana ata o pasado mes de setembro, momento en que foi nomeado responsable de programas especiais en informativos nesta mesma cadena. Ademais, Fernando Olmeda foi responsable dos informativo do canal autonómico Telemadrid e traballou como redactor de información local na Cadena Ser. El latigo y la pluma (2004) é o terceiro libro que publica despois de Españoles de oro (1999) y Medios de comunicación, sociedad y educación (2001).



COMENTARIOS:

Hai 0 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa




© Vieiros