|
RAIDA RODRÍGUEZ E FRANCISCO CASTRO GAÑAN OS PREMIOS ORGANIZADOS POLA ASOCIACIÓN CULTURAL GALEGA DE CORNELLÀ DE LLOBREGAT
Fallados os certames literarios Rosalía de Castro e Rosa Reboredo de Cornellà [29/11/2005 20:12] Os premiados do XIX Certame de poesía Rosalía de Castro foron Historia dos efectos, de Raida Rodríguez Mosquera de Barcelona, unha serie de poemas que falan do desamor; Contaminación Acústica, de Yolanda López López de Santiago de Compostela, e Mar, de Rafael Xoán Muñoz Castro de Girona. Informa Fina Iglesias.
Raida Rodríguez naceu en Ourense en 1980. Estuda filosofía na UB, ten colaborado en Vieiros Barcelona e xa publicou algúns dos seus textos nas Redes Escarlata. Podes ler un poema seu aquí: "Os bosques líquidos".
O premio Rosa Reboredo de narrativa foi para Venres desesperado, de Francisco Castro Veloso, de Vigo, e tivo unha mención especial do xurado Cando o mudo falou de Francisco Piñeiro González de Cervo. O xurado estaba presidido por Carlos Sixirei Paredes, Subdirector Xeral de Comunidades Galegas da Xunta de Galicia e como vogais formaban parte Miguel A. Fernán-Vello, poeta e dramaturgo, Rocío García, do concello de Cornellà, Mª Xesús Lama, profesora de Filoloxía Galega na UB; Lito Caramés, profesor e escritor, J. Mª Eguileta, profesor da UNED e arqueólogo municipal de Ourense, José Lamela, enxeñeiro industrial, e Miriam López Alvarado, responsable de cultura da A.C. Rosalía de Castro. En palabras de Míriam López, cómpre destacar a alta calidade dos textos nesta edición dos certames, e o feito de que o primeiro premio do Rosalía vaia para unha residente en Barcelona. Isto vén confirmar que fóra de Galicia seguen xurdindo novos escritores en galego. No certame de narrativa o bon nivel das obras fixo que o xurado outorgase, ademais do premio, unha mención especial. O Rosa Reboredo é un premio novo coa particularidade de que se poden presentar narracións en calquera das linguas do estado. A primeira edición foi para un texto en catalán e nesta segunda os dous premiados están escritos en galego. O certame de poesía Rosalía de Castro é un dos certames en lingua galega con máis prestixio fóra de Galiza no que, ademais, se abren paso as novas xeracións de poetas. Coincidindo con esta edición é noticia a recente publicación de Argilosa de Elvira Riveira, que acadou o premio Rosalía de Castro no 2003. Fina Iglesias
Hai 5 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa
OUTRAS NOTICIAS
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||