Vieiros Pontevedra

Edición xestionada por Óscar Sendón
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 A MAN

A información precisa para ter á vista: farmacias de garda, teléfonos e enderezos de interese, etc
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas pontevedresas ou que falan sobre Pontevedra.

 

ASEGURA QUE ENCE SEGUIRÁ EN PONTEVEDRA "DUNHA FORMA OU OUTRA"
Fraga suxire que ENCE debe seguir en Lourizán porque a ría xa está suficientemente degradada

[02/03/2005 19:08] O presidente da Xunta, Manuel Fraga, manifestou durante a visita que realiza a Uruguai que a fábrica de tisú se instalará nos terreos de ENCE en Lourizán "dunha forma ou outra" se o PP consegue renovar a maioría absoluta nas próximas eleccións autonómicas. "Hai moitas maneiras de facelo", afirmou Fraga, entre elas, a posibilidade de ampliar o Porto de Marín para que tamén englobe os terreos de Lourizán, que actualmente ocupa a celulosa. Fraga xustificou a ubicación da papeleira na Ría de Pontevedra, porque este espazo natural xa está suficientemente degradado. En concreto, afirmou que "non ten as características que tería unha ría na que nunca se fixera ningunha industrialización".


Segundo informa Europa Press, o presidente da Xunta recoñeceu que, a día de hoxe, "é posíbel" que non se localizase na ría de Pontevedra a celulosa de ENCE, pero puntualizou que, a pesar diso, esta industria "de momento logrou unha enorme riqueza para a cidade".

Ao seu xuízo, ENCE "tivo que superar ata agora moitas descorazonadas", ata o punto de que chegou a anunciar que renunciaba á instalación da fábrica de papel tisú en Lourizán, un proxecto que "ten maior valor engadido". "Iso foi o que conseguiron ata agora os señores Lores e compañía", engadiu.

Para Fraga, a papeleira de Lourizán "non ten nada que ver" coa celulosa que ENCE pretende abrir no departamento uruguaio de Fray Bentos, onde xa conta na actualidade cunha fábrica de estelas de eucalipto que opera na súa terminal loxística de M'Bopicuá, inaugurada en novembro do ano pasado. A factoría de Uruguai non suporía, segundo Fraga, ningunha competencia para a planta de Lourizán.

"Os ecoloxistas fanáticos teñen avariada unha parte"

Sobre o rexeitamento social que xerou o anuncio da construción da planta uruguaia de ENCE, Fraga afirmou que "hai quen interpreta fanaticamente o medioambientalismo", pero esas persoas, "non son de dereitas nin de esquerdas, senón xente que ten avariada unha parte". "Se houbese destes cando estabamos nas covas de Altamira, aínda estariamos nelas. Isto non é política medioambiental, é prexudicar o desenvolvemento sustentábel das sociedades", engadiu.






© Vieiros