G97 Eleccions comentadas


A Pesca en Galicia: A necesidade dunha revolución copernicán

Xavier Queipo


Ben mirado, sen prexuizos de cidadáns nos albores do século XXI, a pesca é, básicamente, unha actividade recolectora, e, polo tanto, propia de sociedades nómadas e paleolíticas. O esgotamento ou a sobrepesca dos caladoiros tradicionáis dunha flota (dunha tribu), leva sempre aparellada a migración de parte de esta flota (nomadismo) a mares cada vez máis lonxanos e máis distantes do porto base (sentimento de propiedade ou descuberta). Os avances técnicos que acompañan á actividade derivanse dista necesidade de distanciamento do porto base (sistemas de conservación, primeiro o salgado, logo o xelo ou a conxelación do peixe a bordo), da mellora na capacidade de detección de cardumes (sonares, sondas de profundidade, teledetección de cardumes por satélite) e incremento da capacidade extractiva (aparellos máis grandes ou que podan traballar a maior profundidade, en definitiva que atrapen máis peixe).

Simplificando os mecanismos, chegados a un punto crítico, logo dun gran desenvolvemento da flota pesqueira a nivel mundial (por mor da xeralización da conxelación a bordo e unha maior capacidade de detección e captura), onde a capacidade de renovación da meirande parte dos recursos mariños vivos é inferior ó potencial extractivo da flota pesqueira, o sistema productivo pesqueiro chega a unha situación de sobreexplotación e hai un risco serio de colapso de moitos recursos. Como tódalas xeralizacións, existen excepcións e calquer biólogo mariño podría contrapoñer a estes argumentos unha lista de algunhas espécies infraexplotadas a nivel mundial. O que me interesa constatar é que a situación é grave e dalgún xeito irreversible a medio plazo.

Por tratarse dun problema global, é necesaria unha revolución copernicán que modifique tanto as relacións de producción, básicamente precapitalistas, como a propiedade dos recursos (recursos de propiedade común), ou mesmo o acceso a explotación dos recursos (licencias de explotacióón, concesións, etc).

Este problema global ten en Galicia unhas connotacións certamente dramáticas, por ser a activiadede pesqueira e todas as industrias que dela dependen unha das fontes de riqueza (e se non se remedia de futura pobreza). Hai unha sensación de que "nos botan de todas partes". Iso é un proceso lóxico dende que o acceso ós recursos foi mermado polo establecimento das 200 millas de Zona Económica Exclusiva (alá no 1977). A pesca en augas de países do Terceiro Mundo básase nunha nova forma de colonialismo onde a Unión Europea "merca" dereitos de pesca e promete " cooperación". Todo o mundo sabe (e todo o mundo cala por medo) que estamos "expoliando" os recursos naturais dos países do Terceiro Mundo. Prometemos "cooperación" para pagar estos dereitos de pesca e isa "cooperación" consiste en contratos de adxudicación para as empresas dos países da Unión Europea (enxenería civil, construcción de hospitáis, fornecemento de tecnoloxías da comunicación...). Un negocio "redondo", aproveitámonos dos seus recursos e conseguimos contratos para as nosas empresas. Un caso de explotación dupla.

Por iso cando un analiza os programas dos diversos partidos e coalicións que se presentan ás eleccións o Parlamento Galego e constata, abraiado, que todos, sen excepción, piden :

* A defensa da flota. É dicir a perpetuación do "modelo precapitalista de explotación dos recursos".

* O acceso a novos caladoiros (non existen "novos caladoiros" fóra das aguas internacionáis que non estean nas augas doutro país) É dicir perpetuación do modelo de " neocolonialismo pesqueiro", indo a expoliar recursos a países canto máis pobres e máis corruptos mellor.

Claro que tamén hai quen pide "recuperar" o papel preponderante na pesca mundial que tiñamos hai trinta anos (o PP, por suposto, ancorado nos tempos do Imperio) e " impoñer" o noso peso específico nas decisións da Unión Europea.

O asunto é extremadamente complexo e será por iso que ningún partido se arrisca a plantexar un debate dende a base, a declarar en alta voz que non temos que ir a pescar a Marrocos, nen a Mauritania, nen ó Cabo Verde ou as illas Kerguelen, que o que temos que facer é repregar progresivamente as velas e voltar finalmente ó porto base e os caladoiros propios. Non é cuestrión de días, pero si de anos, e poucos. Temos que nos plantexar a explotación do mar como un todo, integrando a acuicultura, a pesca e as industrias derivadas nun Plan Integral de Ordeación da Franxa Costeira, en definitiva, pasar do Paleolítico (nomadismo das unidades productivas, recolección) ó Neolítico (asentamento da producción, ordeación integral dos recursos, cultivo do mar, transformación e valorización dos productos). Un país ten que vivir tanto dos recursos propios, como do libre comercio e do intercambio entre iguáis, sen necesidade de expoliar os recursos doutros países, ben porque estes sean probes ou subdesenvolvidos, ou ben simplemente malgovernados.

Ninguén quere meter mán no cerne do problema, ninguén quere chamar ás cousas polo seu nome, perderían votos e iso e non outra cousa é o que de ningunha maneira se poden permitir.


Vieiros respecta as opcións ortográficas de tódolos seus colaboradores.



Xavier Queipo é biólogo e narrador. Ten publicadas as seguintes obras: "Ártico e outros mares" (1990), premio da Crítica española; "Ringside" (1993), relatos; "Diario de un nómada" (1993); "Contornos" (1994); "O xardín das ideas circulares", relato incluído en Berra Liberdade (1996); "O paso do Noroeste" (1996), novela; "Nove metraxes", relato incluido no volume Narradores de Cine (1996); Mondiños (1996), "O paseo do Noroeste" que recibiu ex-aequo o Premio García Barros de Novela en 1996.


Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Revista de prensa