Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións


Noticias de portada en Galicia'97

Informacion outros dias

 Rajoy considera que a alternativa ó PP é "unha ensalada de 17 partidos". Chamando ó sentido común dos electores, o ministro do Goberno español pediu en Ferrol, diante dun público numeroso, o voto para o Partido Popular. Mariano Rajoy afirmou a noite pasada que fronte á candidatura de Fraga, a única opción é "unha ensalada de 17 partidos onde hai socialistas, comunistas expulsados, verdes, esquerdas nacionalistas, UPG, etc."
Pola súa banda, Manuel Fraga insistiu no compromiso de completar os catro anos de mandato se sae elixido na próxima lexislatura. O candidato do PP tamén declarou a intención do seu partido de remodelar, dentro da mellora xeral de estructuras viarias, a rede de ferrocarril en Galicia.

 "A estructura do narcotráfico apoia o PP", segundo Alfonso Guerra. As palabras de Alfonso Guerra quentaron onte a atmosfera de Vilagarcía perante un público entregado. O ex-vicepresidente do Goberno español declarou abertamente que "o narcotráfico nesta zona está aliado, colaborando con PP" e que se Manuel Fraga non entraba en debates era por motivos de saúde. Guerra e Rafael Ribó (Iniciativa per Catalunya), xuntos na palestra por vez primeira, fixeron o limiar para o discurso de Abel Caballero. O candidato da Coalición PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes volveu criticar a Manuel Fraga dicindo que a súa palabra "xa non vale nada" ao non defender as empresas públicas como prometera na anterior campaña.

 Beiras mantén alto o listón das críticas ao PP. Xosé Manuel Beiras, a pesar o ton moderado que adoita nos últimos tempos, non deixou de criticar onte en Ribadavia a campaña do PP. Para o candidato do BNG, "a campaña do PP é a máis indecente" e "tenta amedroñar co BNG aos galegos menos informados". Alén disto, Beiras adiantou que o BNG traballa na elaboración dun novo plano de emprego para Galicia. Noutra orde de cousas, unha moción de censura fai perigar a alcaldía de Castroverde, única do BNG na provincia de Lugo. Tres ex-concelleiros do BNG, dous do PP e dous concelleiros do PSdeG-PSOE presentaron a moción contra o edil nacionalista Miguel Rodríguez que ata agora gobernaba gracias ao apoio do Grupo Socialista.


Informacion outros dias

 Fraga mostra as súas forzas con cinco inauguracións nunha tarde. Durante a tarde de onte, Fraga demostrou que pode agotar ata ós periodistas. Santiago, Lugo, Taboada, Sober, Monforte, arredores de Monforte e Monforte de novo, foron as vilas que percorreu para inaugurar unha biblioteca, dous centros culturais, un salón de exposicións e presentou un libro. O día rematou cun mitin en Monforte de Lemos, onde asumiu o "compromiso sagrado" de gobernar durante outros catro anos.
Por outra parte, o presidente do Goberno, José María aznar, desembarcará na campaña electoral galega cun mitin co Coliseum coruñés, e contará tamén coa presencia do ministro de Sanidade, José Manuel Romay Beccaría.

 Francisco Vázquez pide ós simpatizantes de Anguita o voto para a coalición de Caballero. O dirixente do PSdeG-PSOE e alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, mostrouse onte en Boiro convencido de que se pode gañar á dereita. Considera que a unión da esquerda xa é un feito e, para non deixar cabos soltos, apelou ós simpatizantes de Izquierda Unida para que voten á coalición "progresista".
Por outra parte, a coalición de Caballero atopouse coa sorpresa de que xa esgotou as 1.500 copias do seu vídeo electoral en tres días de campaña. O director da campaña da coalición, Xosé Luis Méndez Romeu, manifestou que probablemente non haberá nova edición.

 As mocións de censura do PP nos concellos son mostra de "corrupción política", segundo Beiras. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, aproveitou onte a súa estadía nas Pontes para acusar ó PP de exerce-lo fraude e a corrupción política co emprego de mocións de censura para acabar cos Gobernos municipais do BNG, como ocorreu no mes de febreiro neste concello coruñés.
O ex-alcalde das Pontes, Víctor Guerreiro, denunciou diversas irregularidades do actual equipo de goberno deste concello, dirixido polo tránsfuga Vicente López Pena, ó que calificou coma "monicreque" en mans do PP.


Informacion outros dias

 Fraga califica á oposición coma "os do non". O candidato do PP á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, alertou onte nun mitin no Carballiño sobre os que "non queren que se faga nada" por Galicia. Calificou á oposición coma "os do non", que, engadiu, " queren un pobo ignorante e pobre". O candidato do PP por Ourense, Miguel Gantalices, manifestou que o BNG "intenta enganar ós electores "facendo uso de eslogans e mensaxes ambigüas". Por outra parte, o presidente do Goberno, José María Aznar, decidiu adianta-la súa participación nas eleccións galegas para contrarresta-la presencia de Felipe González onte en Ourense.

 González chega a Galicia e vaticina unha sucesión violenta no seo do PP galego. Foi Ourense, finalmente, a cidade que acolleu ó ex-presidente do Goberno, Felipe González, e foron cinco mil as persoas que comprobaron o sentido escénico do tamén ex-líder do PSOE. González elexiu a súa primeira incursión na campaña electoral galega para anunciar que non será candidato socialista nas próximas eleccións xerais. Tamén reflexionou sobre o pasado e o futuro de Fraga. Vaticinou que a sucesión de Fraga será violenta "porque está sentado nun niño de víboras" e asegurou que este "non acabará esta lexislatura" ó estimar que cederá o cargo a líderes máis xoves para evitar conflictos maiores no PP de Galicia.

 Calquera alternativa a Fraga pasa polo BNG, segundo Beiras. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, afirmou que o BNG é a única forza que leva dúas lexislaturas combatendo a Fraga e reiterou que calquera acordo político para desbancar ó PP será inviable se non se conta con esta forza política. Respecto ás críticas de Anxo Guerreiro ó BNG, Beiras dixo que o coordinador xeral de Esquerda Unida-Esquerda Galega está "definitivamente fosilizado". Por outra parte, o candidato número tres pola Coruña, Camilo Nogueira, lembrou que a reivindicación das autovías "foi feita polo nacionalismo galego en 1986, cando o resto dos partidos aprobaron en Madrid un plano xeral que ignoraba Galicia".


Informacion outros dias

 Incumpren os partidos a lei de protección contra a contaminación acústica?. Durante as campañas electorais sempre chega ata as nosas casas ese barullo que producen os coches mitineiros equipados de poderosos altofalantes. Pero esta é a primeira campaña que se fai, como nos lembraba Manuel Luis Casalderrey en La Voz de Galicia, no seo da Lei 7/1997 de protección contra a contaminación acústica. Esta lei non permite o emprego de dispositivos sonoros con fins propagandísticas, agás nos casos de alarma, urxencia ou especial significación cidadán. Non hai dúbida de que as vindeiras eleccións son de especial significación cidadán, pero o que xa non está tan claro é que se poida estender este evento durante toda a campaña electoral.

 Fraga destaca, con Arenas como testemuña, que as pensións están garantidas. O candidato do Partido Popular á Presidencia, Manuel Fraga, foi arropado onte polo ministro de Traballo, Javier Arenas, nun acto electoral en Ourense dirixido á terceira idade.
Arenas garantiu o apoio de Aznar a Galicia, "o que supuxo xa 600.000 millóns de pesetas". O ministro Arenas tamén destacou que ós socialistas xa se lles acabou o conto das pensións porque "co PP están plenamente garantidas e subiron mes a mes". Por outra parte, Xesús Pérez Varela insistiu nun mitin en Redondela que non pedía o voto para el ou para Cuiña senón "para Manuel Fraga, que soubo levar ós galegos ó lugar que se merecían".

 O candidato do PSdeG-PSOE pola emigración califica a viaxe de Cochón a Venezuela de fraude electoral. O candidato do PSdeG-PSOE en representación dos galegos no exterior, Xesús Novelle Amorín, calificou a viaxe do conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón , de oportunista e fraude electoral. Para Novelle Amorín, a viaxe é puramente de campaña electoral encuberta e engadiu que " é unha desvergonza que se pague con cartos oficiais da Xunta". Novelle Amorín calificou de pretexto o convenio que Cochón vai firmar entre o Sergas e a Irmandade Galega de Caracas. Por último, dixo que o PP está "moi preocupado polo resultado das eleccións e sabe que os votos dos galegos no exterior poden ser decisivos".

 Beiras culpa a Fraga da "dramática" situación do sector pesqueiro. No seu terceiro mitin electoral, na localidade de Cangas, o candidato do BNG, Xosé Manuel Beiras, centrou a súa intervención na situación do sector pesqueiro galego. Beiras culpou a Fraga da desfeita da pesca en Galicia e acusou a ministra Loyola de Palacio de facer caso omiso dos intereses pesqueiros dos galegos e de "confundi-la ría cunha acequia". Tamén aproveitou Beiras para critica-lo plan de resíduos sólidos do Goberno galego e incidiu no plan de reciclaxe que defende a súa formación política.


Informacion outros dias

 Cuíña afirma que Galicia sae beneficiada nos Orzamentos do Estado para 1998. O secretario xeral do Partido Popular en Galicia, José Cuíña, asegurou onte que Galicia é unha das comunidades "máis beneficiadas" no que respecta a infraestructura vial nos Orzamentos Xerais do Estado para 1998.
Por outra parte e con respecto á cuestión sucesoria, Cuíña reiterou que Fraga agotará no cargo a próxima lexislatura se sae reelixido. O secretario dos populares compareceu onte co Alcalde de Vigo para presenta-las liñas mestras da campaña do PP ós próximos comicios, campaña que se celebra baixo o lema Máis por Galicia, que xirará en torno á figura de Fraga e ós logros conseguidos na súa lexislatura.

 O vídeo da coalición de Caballero compara o PP cunha tartaruga. O xa polémico vídeo electoral da coalición PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes comezará a emitirse hoxe a través das televisións públicas. No vídeo aparecen unha tartaruga e un golfiño, e suxire, entre outras cousas, que José Cuíña, número un dos conservadores por Pontevedra, tenta nestas eleccións gobernar "sen pasar polas urnas", en relación á súa condición de sucesor oficioso de Manuel Fraga. Os deseñadores do vídeo tamén recorreron ás polémicas imaxes de José María Aznar e Ana Botella bailando "Macarena" na Moncloa.

 O BNG enfatizará na campaña o seu carácter de forza "xenuinamente" galega. O candidato do BNG, Xosé Manuel Beiras, rematou onte a precampaña electoral con outro exercicio de lección ética afirmando que "os galegos non somos nin máis nin menos que calquera outro. Pero somos nós. Non somos outros". Beiras tamén insistiu onte na sintonía do frontismo cos empresarios, despois de entrevistarse cos directivos de Coren e Leyma. A forza nacionalista tamén ten preparado o seu vídeo electoral, deseñado para enviar ó electorado a imaxe do que pode ser Galicia baixo un Goberno dos nacionalistas.


Informacion outros dias

 Barreiro afirma que o proxecto de Fraga está acabado e que o PP faría unha oposición eficaz. Xosé Luís Barreiro Rivas afirmou onte, no chat organizado por este especial para as eleccións, que Fraga xa non está en condicións de reactiva-lo seu proxecto aínda que obtivese de novo a maioría absoluta. Barreiro asegurou que, de momento, non ten ningún motivo que lle permita pensar que as cousas cambiaron "con respecto á miña posición política dende que tiven que abandoa-la política".
En canto á presentación de Democracia Galega a estas eleccións, Barreiro opinou que esta forza calibrou mal a súa oportunidade e perdeuna debido fundamentalmente ó evidente centramento do BNG, que achica os espacios útiles do voto nacionalista.

 O Consello de Administración da RTVG aprobou a realización de debates electorais televisados para os días 9 e 13 de outubro. Aínda que o candidato do PP á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, xa descartou someterse a un debate televisado cos outros líderes, a TVG celebrará, segundo aprobou o seu Consello de Administración, dous debates entre candidatos situados noutros postos das listas. As diferentes materias dos programas electorais dos principais partidos repartiranse entre o día 9 e 13 para o seu debate. Agora son as forzas políticas quen teñen que decidi-lo candidato que levarán para a confrontación.

 Os candidatos inician hoxe a campaña electoral coa tradicional "pegada". A partir das 24 horas de hoxe comeza oficialmente a campaña electoral, que se extenderá ata o vindeiro 17 de outubro. Os candidatos inaugurarán a campaña nas principais cidades galegas coa tradicional pegada de carteis. Para estas eleccións preséntanse once candidaturas, aínda que as posibilidades reais de conseguir escano redúcense a tres forzas.


Informacion outros dias

 Pérez Varela artellará o aparato da campaña do Partido Popular. O presidente da Xunta e candidato polo PP, Manuel Fraga, decidiu reforza-lo equipo de campaña electoral da súa formación. Aínda que o responsable da campaña é o secretario xeral do PPdeG, José Cuíña, Fraga optou por situar en primeira liña o actual conselleiro de Cultura e Comunicación Social, Xesús Pérez Varela.
Por outra banda, o presidente provincial do PP e da deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, calificou a candiatura deste partido na provincia lucense como "a mellor do mundo" e recoñeceu que se produciu unha renovación parcial. A principal novidade é a inclusión como número dous do avogado Mauro Varela, que presentou a renuncia á súa acta de deputado no Congreso logo de dúas lexislaturas neste cargo.

 Caballero reta a Fraga a compara-los seus pasados políticos. O candidato á presidencia da Xunta pola coalición electoral, Abel Caballero, retou onte a Fraga a compara-lo seu labor á fronte do executivo autonómico coa actividade do primeiro como ministro de Transportes. Perante a acusación do PP de ter sido un mal ministro para Galicia, Caballero citou a realización dunha serie de proxectos durante a súa etapa no goberno central, como as remodelacións dos aeroportos galegos, o plano de telefonía rural e a iniciativa de construí-la autovía das Rías Baixas, entre outras.
Caballero tamén destacou que os comicios galegos "van ter unha enorme importancia en España" porque son os primeiros tralo cambio de presidente na Moncloa e porque a súa coalición "xera enorme atención para ver cómo funciona a unión de todo o centro-esquerda".

 Beiras aposta por un pacto de lexislatura coa coalición de Caballero. En resposta ás declaracións do socialista Abel Caballero que propuña un pacto de goberno dun ano, o candidato do BNG, Xosé Manuel Beiras, manifestou que é necesario un acordo global de lexislatura que dea estabilidade a unha coalición multipartita. Aínda así, Beiras congratulouse de que Caballero vaia mudando os seus criterios sobre posibles pactos de goberno.
O BNG tamén presentou onte en Monforte a súa candidatura por Lugo. O número un por esta provincia, Alberte Rodríguez Feixoo, resaltou a receptividade da xente ante a mensaxe dos nacionalistas e asegurou que" o BNG ten cada vez máis credibilidade, debido ó seu traballo e ó seu programa real de goberno".


Informacion outros dias

 Cuiña preve só a perda dun escano nas próximas eleccións. Segundo o infome que Cuiña presentou onte en Madrid á Comisión Permanente do Partido Popular, este partido lograría 42 escanos o vindeiro 19 de outubro, polo que só perderían un a respecto das eleccións de 1993. O mesmo informe outorga 18 escanos á coalición electoral de Caballero e 15 ó BNG.
Por outra parte, o secretario xeral adxunto do PPdeG, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, será o encargado de abri-la campaña electoral desta formación en Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai). Esta é a primeira vez na que se simultanea a campaña das autonómicas dentro de Galicia e en dous países americanos onde hai numerosos emigrantes.

 A coalición de Caballero comeza a barallar pactos postelectorais co BNG. Polo de agora, a coalición PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes descarta formar un executivo coa participación do BNG, pero Abel Caballero considerou onte a posibilidade de chegar a pactos anuais cos nacionalistas. Caballero tamén reiterou onte o seu convencemento de que ningunha forza conseguirá a maioría absoluta o 19 de outubro e, polo tanto, el se convertería no xefe do novo executivo. O líder da coalición afirmou que as promesas electorais que fixo nos últimos días baseanse no recorte dos gastos improductivos que está a face-lo goberno autonómico actual.

 Beiras afirma que o BNG está atraendo ó electorado de centro e parte do empresariado. O candidato nacionalista, Xosé Manuel Beiras, móstrase convecido de que se está producindo un cambio na conciencia dos galegos e que o BNG está convencendo ó electorado de centro e boa parte do empresariado. Nunha entrevista concedida a Efe, Beiras afirmou que o programa de esquerdas do BNG non impide que o electorado de centro se sinta atraído.
O diputado do BNG, Henrique Tello León, tamén se mostrou convencido de que o Bloque se convertirá na segunda forza galega. Tello León presentou onte na Coruña os candidatos por esta comarca para as vindeiras eleccións.


Informacion outros dias

 Fraga loitará para evita-la ampliación das 200 millas de augas territoriais. Entre as liñas mestras do programa de goberno do Partido Popular, Fraga citou onte en Vilanova da Arousa a loita por impedir que se amplíe o límite das augas territoriais máis alá das 200 millas e apostou por unha loita "implacable" contra o furtivismo. Na presentación do programa do PP para os sectores pesqueiro e mariñeiro na vila arousá, Fraga afirmou que a colaboración do Goberno central coa Xunta se incrementou notablemente. Por outra parte, o Partido Popular tomou a decisión de mudar de estratexia na campaña electoral, limitando a chegada de ministros do goberno español para facer unha "campaña máis galega". Aínda así, Fraga espera contar con José María Aznar nun mitin de peche en Vigo.

 Caballero aposta por frea-la creación de grandes áreas para fortalece-lo pequeno comercio. A coalición de esquerdas liderada por Abel Caballero está disposta a modifica-la lexislación para evita-la proliferación de grandes áreas comerciais, como primeira medida de apoio ó pequeno comercio. Caballero tamén asegurou onte ós empresarios de Valdeorras que o seu programa de Goberno prestará atención especial ós capítulos de infraestructuras, pacto ambiental, formación de profesionais e comercialización. Tamén precisou que o tren de alta velocidade non ten que entrar en Galicia pola Gudiña ou Valdeorras senón que, seguindo o modelo do País Vasco, debe beneficiar toda a comunidade.

 O BNG xa se converteu nunha alternativa de Goberno, segundo Beiras. Despois de cumprir 15 anos de historia neste mes de setembro, o candidato nacionalista Xosé Manuel Beiras considera que o BNG xa pasou de ser unha forza política coñecida por tentar solucionar dende a oposición os problemas de Galicia, a converterse na única alternativa de Goberno. Beiras tamén criticou, na mesma liña de días anteriores, a utilización de Galicia como un campo de experimentación para as forzas estatais e reiterou a necesidade de que esta campaña electoral se centre exclusivamente en Galicia. Por último, o candidato do BNG considera que o programa desta formación política ofrece unha alternativa verosímil ó electorado defraudado do Partido Popular.


Informacion outros dias

 Fraga rechaza "definitivamente" o debate coa oposición. Despois de que fontes do Partido Popular afirmasen onte que a decisión sería tomada a próxima semana polo comité de campaña, Manuel Fraga non dubidou en pechar definitivamente esta posibilidade e anunciou que non debatirá coa oposición. Abel Caballero e Xosé Manuel Beiras interpretan a decisión polo "medo de Fraga a manter unha confrontación con eles". A ambigüidade de Fraga en torno á oportunidade de participar nun debate televisado cos candidatos da oposición foi unha constante ó longo da precamapaña destas eleccións.

 O PSOE define o seu vídeo electoral como un "acontecemento cinematográfico". A coalición de Caballero espera non defrauda-la audiencia perante as expectativas creadas polo seu vídeo electoral. As acusacións do conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, sobre "a recuperación do espírito-dóberman" en referencia ó vídeo socialista nas últimas eleccións xerais, levou a que José Luis Méndez, coordinador da campaña da coalición e candidato ó parlamento autonómico, negase que o vídeo fose "compara-la Xunta cun bichiño", pero que a crítica sería dura aínda que tamén "se afondará no aspecto explicativo do documento".

 Beiras insistiu na necesidade dunha reforma da Administración, "máis achegada ós cidadáns". O candidato do Bloque Nacionalista Galego á Presidencia da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Beiras, afirmou onte nun mitin na localidade do Carballiño (Ourense) que a Administración precisa dunha reforma que simplifique a súa burocracia e achegue os actos administrativos ós cidadáns. Tamén denunciou as continuas actuacións caciquís nos concellos gobernados polo PP, "como en Ponteareas ou Escairón onde os alcaldes do PP impediron utiliza-la megafonía e un auditorio público para a celebración dun mitin do BNG".


Informacion outros dias

 O PP decidirá a próxima semana se accede ó debate televisado. O Partido Popular de Galicia tomará unha decisión definitiva sobre a posibilidade dun debate televisado a próxima semana. Durante os últimos días, o partido socialista e o BNG insistiron na necesidade dun "cara a cara" co presidente da Xunta. Manuel Fraga negárase nun principio polos "insultos" que, segundo el, estaba a recibir da oposición, pero a decisión final será tomada a próxima semana na reunión do comité de campaña do Partido Popular.

 A coalición dos socialistas aínda non ten decidido o lema da campaña. A coalición eleitoral do PSdeG-PSOE, EU-EG e Os verdes non tomou unha decisión definitiva sobre o lema que utilizará ó longo da campaña, mais aposta pola idea de progreso e alternativa a Fraga, que se resumiría en "O momento de avanzar". Por outra parte, os problemas de financiamento da campaña levou a que a coalición non se decidise a utilizar os valos publicitarios ata outubro, aínda que intentarán compensalo con anuncios e cuñas nos medios de comunicación galegos.

 Beiras recomenda a lectura do programa do BNG ás mulleres do PP. O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, amosou onte a súa sorpresa perante as declaracións de Manuel Fraga, no acto electoral ó que asistiu Ana Botella onte en Santiago de Compostela. O candidato do PP afirmou que "hai que arrebatarlle o protagonismo á esquerda na loita polos dereitos das mulleres". Beiras instou ás mulleres simpatizantes do PP a leren o programa de goberno da forza nacionalista neste aspecto, pois, segundo el, "apóstase por unha política integral para as mulleres que favoreza a promoción política, social e económica das mesmas".


Informacion outros dias

 O desembarco dos líderes estatais, criticado polo BNG. Despois de que o novo líder estatal do PSOE, Joaquín Almunia, suxerise en A Coruña que o BNG debía sumarse á coalición do PSdeG con Esquerda Unida e Os Verdes, e de que varios ministros acudisen a Galicia a amosa-lo seu apoio a Fraga, o candidato nacionalista, Xosé Manuel Beiras, lembrou que o BNG é a única forza nacida en Galicia e que só ten que dar contas ós galegos. Beiras tamén aclarou que as bases do Bloque non aceptarían unha coalición co PSOE.

 ¿Que "cousiñas" sabe Baltar?. Despois de que o presidente do PP de Ourense afirmase onte que tiña no seu poder materiais que comprometían politicamente ó PSOE, o número un deste partido na provincia de Ourense, Manuel Veiga Pombo, cre que o PP se equivoca ameazando con dossieres e retou a Baltar a que revele esas "cousiñas" que sabe. Veiga Pombo, que ocupou a alcaldía da capital ourensana entre 1991 e 1995, ten ben presente que foi víctima de denuncias de todo tipo.

 Fraga rexeita o debate electoral que defendeu en anteriores campañas. O candidato do PP á Xunta de Galicia, Manuel Fraga, mantén a súa oposición a enfrentarse cos líderes do PSOE e BNG porque entende que a campaña electoral está sendo pouco limpa. En 1989, Fraga consideraba un feito negativo a ausencia de debates televisados nunha campaña electoral e, en 1993, aceptou debatir co socialista Sánchez Presedo.


Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións