Galicia97


- Datos electorais definitivos


- Informacións do día 19-O

- Datos de participación

- Composición do novo parlamento

- Evolución do voto

- Resultados por provincias




Noticias de portada

As principais noticias aparecidas durante a campaña electoral e publicadas en portada en Galicia'97


Os partidos e Internet

O BNG e a Coalición electoral do PSOE mostran as súas opinións sobre a rede internet, a importancia que lles merece e cómo a están aplicando nas súas respectivas organizacións.


Chats e entrevistas en Galicia97

Reproducción das conversas mantidas cos internautas sobre as eleccións do 19-O con:
- Joaquín Muñoz
- Xesús Díaz
- Martiño Santos
- Xosé Luís Barreiro Rivas
Entrevistas do especial Galicia'97 cos candidatos dos principais partidos políticos pola comarca de Ferrol:
- Juan Manuel Juncal Rodríguez
- M. Concepción López Fernández
- Xosé Díaz Díaz


Revista de prensa

Seguimento da campaña electoral a través dos principais xornais.
 
Despois dun mes ofrecendo en liña a información máis destacada sobre a campaña electoral galega, hoxe Galicia'97 despídese dos seus visitantes. Desde Vieiros queremos expresar o noso fondo agradecemento pola participación dos perto de 18.000 internautas que consultaron o especial ao longo destas semanas. Tamén gostariamos de facer fincapé na boa acollida que en xeral tivo Galicia'97. Entre os máis de 200 correos enviados a través da rede, predominaron enormemente as felicitacións, o cal nos causa unha grande alegría e compensa tódolos esforzos que viñemos realizando. Debemos mencionar tamén as solicitudes, principalmente de persoas da segunda e da terceira xeración de emigrantes galegos, que nos pedían a inclusión dunha versión en castelán debido á súa dificultade para comprenderen a nosa lingua.

En Vieiros, pretendiamos, por riba de todo, que Galicia'97 fose o foro de opinión dos internautas galegos, ofrecéndolles a oportunidade de interviren no debate electoral. En vista dos datos de participación nas seccións interactivas do especial, sentímonos orgullosas e orgullosos de comprobar que o obxectivo principal deste especial de Vieiros foi satisfactoriamente atinxido. Por darmos algunhas cifras, podemos dicir que: dos case 18.000 visitantes de Galicia'97, 1.800 expresaron o seu voto a través da enquisa virtual; o número de parlamentos virtuais construídos foi de 950; os chats e as entrevistas en liña contaron con 150 participantes e no taboleiro de debate 90 persoas deixaron escritas as súas opinións.

Mais o éxito do noso especial electoral en Vieiros ten moito que agradecer aos colaboradores e aos medios de comunicación tradicionais que nos permitiron confeccionar a Revista de Prensa e as Eleccións Comentadas. Neste sentido queremos facer unha mención especial á nosas plumas convidadas: Ana López Santiago, Victorino Pérez Prieto, Xavier Queipo, Xosé Gaciño, Xelís de Toro, Xosé López, Ramón Villares, Lois Celeiro e Ceferino Díaz. Tamén gostariamos de expresar a nosa gratitude a La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Faro de Vigo, El Correo Gallego e El País.

Galicia'97 remata aquí. De agora en diante, as noticias máis significativas relacionadas co resultado destas eleccións irán aparecendo na portada de Vieiros. Esperamos que os nosos visitantes disfrutasen desta longa viaxe electoral e que a travesía para eles fose tan grata como para nós. Un saúdo da tripulación!


 Gracias ao voto emigrante, o PP supera a barreira dos 800.000 votosA maioría dos electores galegos residentes no exterior depositaron a súa confianza nos populares. Das 56.604 papeletas chegadas do exterior o 68,8% foron para o Partido Popular, o que lle val ao PP a consecución do deputado número 13 pola provincia da Coruña e un novo récord electoral en Galicia, con 832.389 votos. A transferencia deste escano irá en detrimento das 7 actas de deputado que provisionalmente conseguira o Bloque Nacionalista Galego.

 Fraga critica a falta de vontade dialéctica do Bloque. Perante á desconfianza do Bloque Nacionalista Galego en canto á súa proposta de diálogo, Manuel Fraga afirmou que se non houbo comunicación foi porque o BNG nunca a pediu. O presidente electo da Xunta mostrouse amolado polos pedimentos dos nacionalistas xa que, segundo el, solicitan o imposible, reclamando a desaparición dunha censura inexistente ou a paralización dun plano como SOGAMA, aprobado por 265 concellos. Fraga declarou que a Beiras non lle interesa dialogar porque "xoga a outra cousa que non é o consenso". O líder do PP tamén tivo palabras sobre a polémica proposición de mudanza da Lei electoral e afirmou que "non se debe nunca unha lei a favor ou en contra de ninguén".

 As estatísticas auguran un sólido futuro electoral ao BNG. Segundo a directora do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS), Pilar Castillo, do 50 ao 60% da mocidade que estreaba dereito a voto optou por dar o seu respaldo á formación nacionalista. En opinión de Castillo, este dato "é de grande importancia como base de estabilidade electoral". Así mesmo, o estudio de Sondaxe sobre a transferencia de voto revelou que a suba do Bloque Nacionalista Galego se debía fundamentalmente á grande fidelidade dos seus electores, á actitude do electorado máis novo e ao trasvase de votos doutras formacións políticas, especialmente do PSdeG-PSOE.

 Continúa a polémica no seo do PSdeG-PSOE. Entre os pedimentos xeneralizados dun debate real que disipe de vez a confusión que actualmente vive o Partido Socialista de Galicia, continúan xurdindo voces críticas solicitando a demisión de Francisco Vázquez e Abel Caballero. Neste sentido, o ex-presidente do grupo parlamentario socialista, José Antonio Ventoso Mariño declarou onte aos medios que non lle parecía moi lóxico que Vázquez e Caballero agardasen pola postura do Comité Nacional, xa que a súa posible retirada política é unha cousa que terían que decidir por si mesmos. Por outra banda Ventoso comentou que "se o partido foi capaz de substituír a Felipe en 24 horas, poderá mudar a calquera de nós".


Galicia e o seu Parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións | English edition | Vieiros