APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR

Xavier Frías Conde




6. CONCLUSIÓNS

1.O galego exterior non é un conxunto homoxéneo de falares, senón que nel se dan máis diverxencias entre os distintos falares do ca no galego interior entre unhas bisbarras e outras.

2. Non se pode prescindir de toda esta franxa exterior a Galicia á hora de se facer unha dialectoloxía galega, nin sequera de todo o dominio galego-portugués no seu conxunto. Neste sentido, convería aproximarse con máis detalle aos puntos de fala portuguesa de Salamanca, Cáceres e mais Badallouce.

3. A zona de Baixa Limia xa non resulta un punto aillado dentro do dominio galego coma área de conservación das sibilantes sonoras, senón que se pode xa relacionar con Calabor, As Ellas e mais San Martín de Trebello.

4. O galego de Asturias, e máis concretamente o eonaviego xunto co ancarés en certas ocasións, presenta trazos comúns co asturleonés que non se dan no resto do galego, mais iso non significa que este sexa unha mestura de dialectos, senón, sinxelamente, que hai cruzamento de solucións; noutros casos, as coincidencias débense a mero arcaísmo.

5. O galego de Estremadura é basicamente galego, aínda que é indubidábel que se dá unha similitude enorme co portugués en moitas ocasións. Cómpre dicir que os naturais da zona identifícanse na súa lingua cos galegos e non cos portugueses, malia as estreitas relacións que con estes manteñen. Desta conciencia lingüística podo eu dar fe. Con todo, hai que explicar que en todas as áreas do meu estudo hai consciencia nos paisanos de falaren algo moi asemellado ao galego.

6. Non se pode permitir que nestas bisbarras o idioma galego desapareza. Durante séculos mantiveron o léxico e mais estructuras que en Galicia se pederon xacando e agora, por mor da desprotección lexislativa que teñen ao non pertenceren á Comunidade Galega, onde o idioma galego tén o seu marco legal de cooficialidade, corre perigo de esvaecerse, esquecido polas xeracións máis novas.

7. Non só se ha falar de arcaísmo ao se referir a todas as áreas (máis notorio en Asturias verbo da morfoloxía e en Estremadura verbo da fonoloxía), senón que a miúdo hai grandes innovacións en todos os terreos, con evolucións que rompen co forte arcaísmo do dominio galego-portugués. Estas novidades son, precisamente, máis numerosas en Xalma.

8. En Asturias estáse a levantar unha camapaña para desdebuxar a identidade do galego baseada en argumentos políticos que están a pór en grave perigo a sobrevivencia da nosa lingua.


APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR: LIMIAR

1. ÁREAS XEOGRÁFICAS DO ESTUDIO

2. TRAZAS FONOLÓXICAS SENLLEIRAS DO GALEGO EXTERIOR

3. O SISTEMA CONSONÁNTICO

4. NOTAS DE MORFOLOXÍA

5. NOTAS DE SINTAXE

APÉNDICE


 

Vieiros | Letras 99: Pola lingua que nos une