APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR

Xavier Frías Conde




5. NOTAS DE SINTAXE

Debido á complexidade de puntos que xa levamos tratados, soamente nos referiremos a dous puntos que salientan.

5.1. A comparación

Verbo da segunda partícula das comparativas, o porteño centro-occidental e o bierzano sur seguen ao galego literario en usaren ca e se tras del vai un pronome tónico, este toma a forma preposicional, vgr.: ela é máis alta ca ti/min, mentres no resto dos falares segue unha forma máis arcaica (idéntica á portuguesa): ela é máis alta que tu/eu.

En canto ao superlativo relativo, o eonaviego ten como modificador muito cando despois vén ben ou bon: ese paisano si que fala galego muito ben, cando no resto dos falares se usa mui. Tamén neste falar se emprega unha forma reforzada mui ben, vgr.: elos son mui ben ruíos.

Por último, cando hai como segundo termo da comparativa unha proposición subordinada, eonaviego e xalmego presentan dous usos característicos que non teñen igual no resto do galego.

- O eonaviego suprime do/del: leva máis peso que pode.- O xalmego segue ao francés e ao catalán introducindo non: merca máis cousas que non pode

5.2. Enclise e proclise dos pronomes átonos

Ao respecto do uso proclítico e enclítico, hai coincidencia co galego común agás en Xalma, onde se segue o castelán. Cómpre notar que en Asturias e Hermisende detectamos o uso dos pronomes átonos proclíticos co infinitivo e mais o xerundio con toda normalidade, como en: Vouche dar eso pra mo dares despois.

Por outra banda, en Xalma, ao nivel literario, recóllense exemplos de enclise do pronome co verbo en forma persoal, tal que dixéronme que...; falábase de..., etc.

5.3. O dativo de solidariedade

Rexístrase en toda a nosa área de estudo desde Asturias até a raia con Protugal, aínda que con menor forza en Zamora. Percíbese máis claramente nas zonas nas que se distinguen te e che.


APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR: LIMIAR

1. ÁREAS XEOGRÁFICAS DO ESTUDIO

2. TRAZAS FONOLÓXICAS SENLLEIRAS DO GALEGO EXTERIOR

3. O SISTEMA CONSONÁNTICO

4. NOTAS DE MORFOLOXÍA

6. CONCLUSIÓNS

APÉNDICE


 

Vieiros | Letras 99: Pola lingua que nos une