APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR

Xavier Frías Conde




4. NOTAS DE MORFOLOXÍA

4.1. O xénero e o número

4.1.1. Formación do xénero

Non hai importantes novidades en galego exterior no tocante á formación de feminino, agás algúns casos concretos. Así, en bierzano, non hai diferencia no masculino e femenino en cru cando no resto dos dialectos si a hai, e en xalmego pode haber indistinción de masculino e feminino en to/toa, bo/boa, so/soa.

A perda de /d/ nalgúns dialectos ocasiona xogos algo máis complexos, xa non só no xénero, senón tamén no número. Os falares que manteñen /d/ no feminino mais non no masculino (ancarés, porteño oriental), teñen paradigmas do tipo: faladho, falada, faladhos, faladas; partídho, partida, partídhos, partidas; mais o xalmego xa ten só faladho, faladha, faladhos, faladhas; partídho, partídha, partídhos, partídhas, que son regulares verbo dos anteriores.

Para as terminacións nasais, véxase o Apéndice. É interesante en eonaviego, bierzano, ancarés e galego do Eo o paradigma ruín, ruía, ruíos, ruías (ruin, ruiña, ruiños, ruiñas en boa parte do galego oriental e bierzano norte), que en galego común non ten varianza de xénero, mais si a ten en asturiano.

4.2. Formación do plural

4.2.1. Plurais en -l

Todos os falares, agás eonaviego centro-oriental e calaborés, perden /-l/ ao formaren o plural (sempre que estea en sílaba tónica). Así, son normais papeis, caracois, animais, adrais.

Porén, en eonaviego centro-oriental, malia seren zonas de conservación de /l/, hai constancia de que se deron estes plurais sen tal consoante: rais, animais, atafais son dúas mostras diso.

O xalmego segue ao portugués nos plurais de paroxítona que perden /l/, como facis, dificis. En todos estes falares moitos monosílabos perden tamén o seu /l/: cuais/cais, tais, rais/reis (xalm.).

4.2.2. Plurais en -n

Hai tres grupos:

a) falares que conservan -n mais perden a vocal ao engadiren -s, que son VF e Cal.: pantalóns, almacéns, razóns, cataláns.

b) falares que perden -n e engaden -s simplemente, que son lagarteiro e mañego: pantalós, almacés, razós, catalás

c) falares que perden -n, e -e- péchase en -i-, que son todos os demais: pantalois, almaceis, razois, catalais.

4.2.3. Outros casos

En xalmego oriental (AE e SM) unha consoante en singular xorda adoita tornarse sonora segundo este esquema, tal como era normal na lingua antiga:

- /s/ > /z/: portugués > portuguesáes.

- nada > //: vez, vecáes (13)

4.3. Conservación do xénero etimolóxico

O dialecto que mellor o conserva é o eonaviego fronte ao resto dos falares. Exemplos masculinos son: fouzo, couce, sal, mel, fel, mel, labor, leite, costume, crume (porteño cumio), lume. En xalmego consérvase ubre co xénero masculino. En eonaviego son tamén masculinos gripe, dote.

Entre os femininos encóntranse: calor, arbre, cal (porteño canle), ponte. Igualmente é feminino vruita (<VULTURE) en eonaviego. Cómpre engadir a este grupo as árbores froiteiras rematadas en -al que soen alternan con -eira: figal/figueira, nogal/nogueira, peral/pereira, cereixal/cereixeira, etc. En eonaviego, e nos outros falares tamén en menor medida, agás Xalma, abondan os casos de -axe con xénero feminino como é normal en galego-portugués: friaxe, fogaxe, fabondaxe, piaxe, mariaxe, etc.

4.4. Determinantes e pronomes

4.4.1. Artigos

Para o artigo definido, cómpre sinalar:

- A asimilación do artigo ao verbo cando remata en -r-ou -l dáse en eonaviego occidental, bierzano e porteño.

- A forma el en contorno vocálico perante calqueira xénero en masculino encóntrase en eonaviego e ancarés, alén dalgúns puntos do bierzano ao redor dos Ancares. Deste modo, a lingua tiña unha forma ante consoante e outra ante vocal (só no singular), mais hoxe ténse imposto el no masculino e neutro desparazando a o, mais en eonaviego centro-oriental do ca en eonaviego occiedental e ancarés. El segue a ser o normal diante de nomes femininos que empezan por vocal tónica (e ás veces átona), como en el herba, el outra, el ópera, etc.

- Unha forma equivalente á asimilada (querse dicir, que tén a mesma forma) aparece en Hermisende e ás veces en xalmego cando o artigo singular vai precedido e seguido de vocais iguais: daba l-ánima miña, collo l-outro.

Hai certas contraccións que presentan diverxencias: en eonaviego, para el danse al, del, col/coel mais polo e no (na Mariña non se adoita dar contracción en por a, por os); no caso de haber o, a contracción é ao (coma en ancarés e xalmego alternando con ó), mentres no resto dos falares galego-exteriores é sempre ó (incluíndo o Eo). O xalmego adoita presentar en o, en a sen contraer. En galego do Eo sur, bierzano e porteño a contracción de con e a é sempre ca, e non coa como na lingua literaria e eonaviego; en Xalma non se dá a contracción: con o/a.

Por tanto:

Singular Plural
Masculino Feminino Neutro Masculino Feminino
o; el a; el o; el os as


O artigo indefinido presenta variantes curiosas:

- uha é forma coñecida en todo o ancarés e mais o eonaviego agás Tapia occidental e algúns puntos da beira dereita do Eo (14)

- uns /us/, no plural, dáse en eonaviego (agás Tapia oc., Castropol e Ibias), mentres uis dáse en Ibias, ancarés e porteño occidental; doutra banda, unhos é a forma de todo o Eo, bierzano e xalmego oriental; VF e Cal. presentan uns.

Por tanto:

Singular Plural
Masculino Feminino Masculino Feminino
un unha; uha uns; uis; unhos unhas, uhas



4.4.2. Posesivos

O ancarés, o bierzano norte e o eonaviego teñen os arcaicos e etimolóxicos tou, sou (tamén rexistrados en trasmontano). O xalmego presenta, en conformidade coa súa evolución, mei, tei, sei. O eonaviego e o ancarés teñen, tamén confoorme a súa evolución, o feminino mía.

O resto dos falares teñen coincidentes co galego-portugués común. O uso tampouco presenta novidades, agás en Xalma, onde se pode prescindir do artigo cando o posesivo funciona de determinante: mei muiño, súa casáa.

Eis os paradigmas (sen incluírmos as formas de plural, pois abonda con engadir <-s> ao singular:

Un só posuidor Varios posuídores
Masculino Feminino Masculino Feminino
1∫ Persoa meu; mei miña; mía noso nosa
2∫ Persoa teu; tou; tei túa voso vosa
3∫ Persoa seu; sou; sei súa seu; sei súa



4.4.3. Demostrativos

Como peculiaridades de paradigma sinalaremos:

- Ancarés e eonaviego conservan os etimolóxicos estos, esos, aquelos. En eonaviego oriental, loxicamente, atópase aquelha, aquelho, aquelhos, aquelhas.

- O xalmego ten os neutros isto, iso, aquilo. Nesta falar existen unhas formas arcaicas aquese, aquesa, aquiso de uso enclítico ao nome.

Singular Plural
masculino feminino neutro masculino feminino
I este esta esto; isto estes; estos estas
II ese esa eso; iso eses; esos esas
III aquel aquela; aquelha aquelo; aquelho; aquilo aqueles; aquelos; aquelhos aquelas; aquelhas


4.4.4. Pronomes persoais

Neste apartado da morfoloxía, despois do verbo, atopamos as maiores diferencias entre dialectos e subdialectos. Velaquí singularidades en canto a formas:

1PS:

- eu xeral, mais iou en Villallón, Navia e até ancarés (alternando con ieu cando enfático; ei en xalmego.

- comigo xeral; coimigo en xalmego.

2PS:

- tu xeral

- non existe che para dativo en porteño centro-oriental e xalmego. No resto distínguese entre te e che.

3PS:

- Formas átonas de C.D: As idénticas ao galego literario só se usan no Eo norte. En bierzano e porteño son tamén as mesmas, agás que non se toma -n- antihiático tras ditongo. En eonaviego occidental, ancarés e galego do Eo sur hai un masculino enclítico -l (en Ibias -el): véxo(e)l. En eonaviego centro-or. normalmente lo, mais tras nasal admite no (enténdenno) e en nav. or. lho. tras infinitivo: falalho, sabelhas. En eonaviego consérvase un neutro elo.

- Forma de C.I.: lle en xeral, mais le en xalmego e porteño centro-oriental.

- 3PP - eles en xeral, elos (elhos) en eonav. e anc.

- Cortesía - vostede xeral, vós en xalmego.

4.4.5. Indefinidos

Non hai grandes diferencias verbo do galego común, mais aquí se encontran ás veces arcaísmos desaparecidos da lingua hai xa séculos ou ben formas partilladas con linguas e dialectos veciños.

Entre as formas descoñecidas no galego común, cómpre salientar as eonaviego-ancaresas daqué e daquén. En eonaviego úsase unha especie de partitivo que é del, dela [delha], delos [delhos], delas [delhas], que tamén se atopa en bierzano e xalmego coa forma da contracción de de co artigo: do, da, dos, das.

En Xalma teñen formas "regulares" dentro do seu sistema: oitro, poico, muto, todho, etc. Obsérvese unha forma híbrida entre galego e portugués en niñunha.

4.5. O verbo

A forma máis rica ao respecto de paradigmas do noso estudo é, como é normal en calquera traballo de dialectoloxía, pois que se trata da parte máis longa, polo cal vémonos obrigado a citar algunhas características xerais do verbo en galego exterior segundo os dialectos.

4.5.1. Uso de tempos verbais

- As formas simples do verbo son as de uso común, coma en galego-portugués, aínda que hai unha excepción moi importante en xalmego e calaborés, que usan as formas compostas de perfecto coma en español: hei visto, has dito, ha faladho.

- O futuro de subxuntivo, propio do portugués, aínda se acha feblemente en xalmego.

- O infinitivo conxugado aparece en eonaviego, só en plural, en Ibias, Oscos e Suarna amais dalgúns puntos do centro coma Eilao. Localízase tamén en Ancares e Hermisende.

4.5.2. Terminacións

As terminacións navianas son prácticamente idénticas ás do galego común, coa excepción de ter perfectos da segunda conxugación fortes en -iche en vez de en -eches.

- A forma literaria da 2PS no perfecto descoñécese en xalmego, porteño e ancarés, que prefiren -ste (agás en Porto e Pías: comiche, bebiche).

- Na rexión limítrofe con Galicia é frecuente que a terminación -ei (incluidas formas como hei e sei) tomen -n paragóxico: tomein, falein, subirein, falarein, hein, sein. O mesmo fenómeno ocorre en Fonsagrada e Navia de Suarna.

- En presente de subxuntivo aparece en todas as falas unha acentuación do plural analóxica co imperfecto de indicativo: cómamos, cómades:cómais; séñamos, séñades: séñais, alternando coa máis normal na lingua.

- En canto á acentuación do imperfecto de indicativo, do pluscuamperfecto e do presente de subxuntivo, o bierzano é o único dialecto que posúe a mesma acentuación da lingua normativa: falabámos, falabáis; falarámos, falaráis; falasémos, falaséis. Esta mesma pauta tamén aparece no concello de Porto, ao menos na súa capital e en Barxacova, amais de en ancarés e Suarna.

- O ancarés, xalmego e porteño centro-oriental non teñen nasalización nos pretéritos fortes: soupe, quixe, entendí, partí.

- O xalmego ten no indefinido dúas características: na primeira persoa do plural da primeira conxugación dá -i-: falimos e na terceira do plural de todas as conxugacións -oren en San Martín: faloren, comoren, partoren, que en Valverde dan -ran como en portugués. En As Ellas aparecen ambas as formas. Tamén en SM se dá a mudanza -eu > -ei na segunda conxugación: bebeu > bebei. Igualmente é propio de Xalma -ei > -i na primeira conxugación: falí, cantí, etc.

- En porteño, o perfecto distínguese do presente de subxuntivo polo timbre da vocal: falèmos (indef.)-falémos (subx.). A terceira persoa do plural do indefinido resulta -eron: agarreron e a segunda do singular tén /è/: falèste e tamén o plural: falèsteis.

- As Portelas e Ancares teñen en común o paradigma do pluscuamperfecto da primeira conxugación: guardèra, guardèras, con inflexión /a/ > /è/.

- En Ancares hai igualación da segunda e mais da terceira conxugación no perfecto en favor da terceira (con vocal -i-): comí, comiste, comiu, comimos, comistes, comiron, como no galego de transición de Lillo. En Porto tamén se dá comisteis.

- En Hermisende é normal na segunda persoa do plural a terminación -ndes: falandes, querendes, vendes. Na Mariña asturiana dáse, na zona de Portovélez, un tipo mixto -des/-ís: -ides: falaides, comeides.

- A metafonía verbal está moi viva en eonaviego, onde os verbos da segunda e terceira conxugacións con vocal rizotónica /e/ e /o/ sofren un proceso igual ao do galego estándar. En porteño o verbo mantense invariable e a súa vocal tónica soe ser /o/, aínda que /u/ é posible: zurcir, lucir, dormir. Idénticas formas rexístranse en xalmego. En Estremadura a vocal rizotónica iguálase á da terminación do infinitivo: siguir, mintir, vistir.

- Os verbos incoativos son plenamente regulares, coma en todo o galego.

- Os verbos da terceira conxugación, cuxa vocal rizotónica é -a-, teñen un comportamento particular en eonaviego do sur e bierzano norte, onde toman un iode na primeira persoa do singular do presente de indicativo e mais en todo o presente de subxuntivo:

Partir: partio, partes, parte, partimos, partides:partís, parten

partia, partias, partia, pártiamos, pártiades, partian

4.6. Palabras invariables

4.6.1. Adverbios

Algúns que presentan pequenas diferencias de forma verbo do galego común son ailí (Ibias, León), aichí (Calabor), cá, lá (Xalma), aiquina, ailina (Bierzo), hoi (Asturias e León), amiñán (VF), lougo (Asturias), antias (Asturias), endenantes (Xalma), despous (Portelas centro), ia (=xa) (Xalma e Calabor), axina (Asturias), agó (Xalma), asina (Asturias e Xalma), que ten outras variantes coma eisí en bierzano e ancarés e esí en Suarna, onde tamén se encontran equí e mais elí.

Como distribución curiosa, obsérvese:

Acó, aló, acoló: Asturias e Bierzo norte con Ancares.

Acá, alá, acolá: Bierzo sur, Portelas e Xalma, aínda que nesta rexión é máis común que aparezan con aférese da vocal incial: cá e lá.

Case todos os falares coñecen diantre con -r- (variante eonaviega delantre). En porteño dáse a literaria no lusco-fusco e en bierzano e xalmego a tamén literaria ao serao [serán], cuxo equivalente en eonaviego é á tardiquía.

4.6.2. Preposicións

As que teñen varianzas de forma son: atá (SM), até (Hermisende), fhasta (VF), todas equivalentes ao literario ata. A preposición arcaica so (>SUB) aínda se atopa en Villallón e Hermisende. Nesta derradeira vila coñécese tamén a forma literaria onda. En bierzano norte e galego do Eo sur a preposición pra tén a forma pre, alcanzando a zona sur de A Veiga.

En Hermisende lado equivale ao literario a carón de, o cal tamén se coñece aquí. Forma co mesmo significado que esta é a bierciana ó ax de. En eonaviego dáse unha locución moi curiosa: no chao de (=na superficie de).

4.6.3. Conxuncións

A conxunción e presenta variantes ia/ie en Ibias, Ancares, Bierzo e Portelas centro. Outras variantes son: nen (xalm.), maguer (eonav.), agá (eonav.).

En Ibias e Calabor rexístrase embora, e mais coñécese na Mariña da Terra Navia-Eo, bierzano e porteño.

Formas especiais son poro (bierc.) e escasí (bierc. e port.).


APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR: LIMIAR

1. ÁREAS XEOGRÁFICAS DO ESTUDIO

2. TRAZAS FONOLÓXICAS SENLLEIRAS DO GALEGO EXTERIOR

3. O SISTEMA CONSONÁNTICO

5. NOTAS DE SINTAXE

6. CONCLUSIÓNS

APÉNDICE



NOTAS

13. Tamén en Porto e Valverde, -z final é mudo máis retómase a pronuncia en formando o plural. En Calabor, nembargante, -zá soa perfectamente.

14. Malia ser ua forma de pouca extensión, nembargante atópase alguha e ninguha en moitas áreas que teñen unha, como Padornelo (no concello de Lubián), os concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada en Lugo e todo o bierzano norte.
 

Vieiros | Letras 99: Pola lingua que nos une