APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR

Xavier Frías Conde




2. TRAZAS FONOLÓXICAS SENLLEIRAS DO GALEGO EXTERIOR

2. 1. O sistema vocálico actual

2.1.1. Vocais tónicas

Todos os falares, agás o de Xalma, posúen un sistema de oito vocais tónicas. Quizais sorprenda un pouco sentir de oito vocais cando en todos os manuais de lingua galega se fala de sete. Iso é debido a que atopamos unha vocal /A/ con dous timbres: /à/ e /á/, tal como aparece nalgunhas parellas:

+ en eonaviego: càl (canle) e cal, chá e cha.

+ en porteño: ; e ma, capitàis e capitáis.

Estes son só algúns exemplos aillados aínda que existen máis. Lémbrese que a contracción à ten vocal aberta, e as antigas nasais derivadas de -ANA deixaron en csase todo o galego exterior (igual que no galego oriental e boa parte do central) unha vocal aberta /à/ en irmà, chà, ventà, semà, campà, etc.

Os exemplos de /è/ e /é/ e mais /ò/ e /ó/ non os citaremos porque coinciden en boa medida cos do galego literario.

O galego de Xalma, a diferencia de todo o galego-portugués, reduciu as sete (oito) vocais a cinco coma o castelán, deixando así inexistentes moitas parellas que noutras partes se distinguen polo timbre, como présa/presa, óso/oso, etc.

En eonaviego, a diferencia do resto do galego, hai vocal aberta en dous casos:

1.Cando as vocais /E/ e /O/ van trabadas por nasal: pònte, bèn, chèn

2.Coas terminacións de perfecto, pluscuamperfecto e imperfectode indicativo da segunda conxugación: comèron; comèra, comèras; comèse; fòra, fòses; foron.

2.1.2. Metafonía

A metafonía típica, tal coma hoxe se dá en portugués e algunhas áreas do galego, só se dá no bierzano, é dicir, con peche de /O/ e /E/ tónicos paroxítonos cando a vocal final é -o. O exemplo típico son os adxectivos de dúas terminacións tipo: féro, fèra, fèros, fèras.

Outro tipo moi distinto de metafonía é a das nasais que se dá en eonaviego coas antigas nasais, mais no norte e centro e mais no sur dá resultados distintos:

- ten peche dun grao no sur: chèn, chéa, chéos, chéas; roubòn, roubóa, roubòis, roubóas.

- ten peche de ata dous graos no norte e centro: chèn, chêa, chêos, chêas; roubòn, roubôa, roubòis, roubôas.

En ancarés e xalmego dáse o fenómeno da palatalización de "a" cando se atopa precedida de /i/ ou /u/ na sílaba anterior ou na súa propia. O fenómeno está moito máis enraigado en ancarés, mais só se produce en xalmego cando a vocal se acha trabada con nasal: muiñändo, adhiäntre, afiändo, etc. Nestas mesmas condicións dáse o fenómeno no veciño concello beirao de Sabugal.

2.2. Vocais átonas

En todos os dialectos son moito máis inestábeis cás átonas. Sinalaremos que en xalmego teñen moita máis tendencia a pecharse /E/ e /O/ en /I/ e /U/ respectivamente. Tamén é notábel o relaxamento que sofre /A/ átono en Calabor e Porto que lo leva a se pronunciar coma en portugués.

No terreo das vocais finais o xalmego presenta un estadio moito máis evoluido có resto dos falares, xa que non coñece máis que tres vocais finais: /a/, /i/, /u/, igual ao portugués brasileiro e algúns falares asturleoneses.

2.3. Vocais nasais

As vocais nasais consérvanse en ancarés mellor ca ningures, en máis casos mesmo có portugués actual, xa que todas as vocais e sílabas nasais da lingua medieval pódense aínda sentir nesta rexión leonesa. Máis atenuadamente escóitase tamén nasalización nas terminacións no galego eonaviego raiano ao leonés, é dicir, na serra do Rañadoiro, nos concellos de Navia, villallón e Allande norte (Verducedo). Doutra banda, certa nasalidade, especialmente nas terminacións -ao e -á escóitase en Calabor.

2.4. Fenómenos históricos relativos ao vocalismo

2.4.1. Prótese de vocal inicial

Dos moitos que se dan en todos os falares, imos sinalar os tres máis importantes:

1. ar-, típica do eonaviego, aínda que non en exclusiva, en exemplos coma: arroubar, arrecender, arremedar, arrebentar, etc. Con todo, pódense atopar as mesmas formas sen prótese.

2. e-, propio do lagarteiro: elán, alanterna etc.

3. i-, tamén en lagarteiro, cando /z/ empeza palabra, a fin de evitar que fique en posición inicial. Historicamente xustifícase porque este /z/ provén de /3/, o cal si podía ir inicial absoluto, mais cando se confundiu con /z/, a tradición da fala impedíalle tomar esta posición, polo que arranxou pondo un iode de apoio protético; en realidade, é un caso parello ao de ar-. Algúns exemplos son: ixáunto, ixáente, ixáardón, etc.

2.4.2. Aférese

Abondan os casos de aférese inicial en eonaviego e ancarés; velaí algúns: garrar, pañar, guillada, sistir (anc.), lerica, maxinar, Sidro, Sabel, Milio, etc.

A aférese final tén en xalmego un caso especial, que chega a superar mesmo ao portugués: reduce -oa- > -ó- de moi diversas procedencias: todha > tó, moa > mó, soa > só, boa > bó. Téñase en conta que o portugués adoita reducir soamente en -ó- < -oa- < -ola.

2.4.3. Perda da vocal final

Hai cinco casos que salientan (8):

1. -ANU > -án en xalmego: gran, verán, man.

2. -ANA > -án en xalmego: mañán/miñán, ran, soán, campán.

3. -ENU > -én en eonaviego: chen, centén, fren, sen, estén

4. -INU > -ín en eonaviego, bierzano norte, ancarés e galego do Eo sur.

5. -ALE > -al en porteño central e bierzano sur: val, fol, mol

Como caso aillado citarei cras en nav. (cf. clas en asturiano) e fouz en bierzano norte e ancarés. Na toponimia da Terra Navia-Eo dáse con moita frecuencia a perda de -o tra -l: Castropol, Tul, Bustarel, Xestadel.

2.4.4. Conservación da vocal final

Hai algúns casos peculiares. En xalmego consérvase cando procede do latín -CE: face, coice, foice. En todos os falares do galego exterior, agás ancarés e eonaviego (bloque raiano), dáse a conservación de -e de -ATE: ciai (xalm.), verdai, bondai, calidai.

2.5. Algúns tratamentos de ditongos

Certos ditongos teñen un tratamento peculiar nalgúns dos falares e caracterizan mesmo a algúns deles (véxase logo o apéndice ):

1. -eu- :-ei-, onde a segunda é evolución típica xalmega: ei, mei, tei, sei, bebei, comei.

2. -ou-:-oi-, con moitos tratamentos:

- o xalmego soe dar -ou- > -oi-: roibar, poico, oitro, toiro, dois, foice. Hai casos tamén de monotongación: dou, vou, estou, sou, ou.

- o falar de Porto prefire -oi- tamén, mais non tan xeralizado coma en Xalma.

- o ancarés distingue os dois ditongos, mais decote hai doblete -ou-/-oi-: foiz/fouz, dois/dous.

- o porteño central tén moitos casos de -oi- > -ou-: noute, couro, despous.

- o eonaviego ten algúns casos de -ou- > -au-, en parte coñecidos en bierzano: auteiro, aurego, autono, que alternan coas respectivas formas con -ou- (amézase o topónimo Sautelo).

3. -ai-:-ei- ten moita abaliación

- -ai- féchase en -ei- con moita frecuencia en eonaviego e xalmego; exemplos comúns de ambos os dialectos son: feirás, seirá, treirán, reis, reíz. Exemplos só eonaviegos (sempre máis no norte que no sur): ameicer, esqueicer, beilar, meíz, reíz, vei, peisano, etc. (9) En xalmego a desinencia de imperativo -ai pode sentirse -ei: falei, cuai.

- -ei- ábrese en -ai- con máis frecuencia en ancarés e bierzano: aira, mazaira, aisí, aixada, sen que falten exemplos noutros falares.

4. -uit-:-ut-:-uti- teñen igualmente moita abaliacioón nalgunhas áreas:

- -ut- é a única forma que se coñece en xalmego, bierzano sur e porteño: muto, cudado, escutar, truta.

- -uit- é o normal en todo o eonaviego e galego do Eo sur; coñécese en bierzano, mais en galego do Eo norte xa se coñece -oit-: muito, luito, enxuito.

- en ancarés alternan -ut-, -uti- e -uit- sen moita orde. O sur de Ibias coñece -uti-, como tamén áreas do norte do Bierzo: mutio, lutia, escutiar, cutielo. (10)

5. Outros fenómenos: sinalaremos que en eonaviego centro-oriental hai unha grande tendencia a reducir QUA e GUA a -co- e -go-: condo, conto, agordar, contía, coresma, colqueira, mais cuatro, cuase, cuallar, aínda que o eonaviego occidental, como o galego do Eo norte, xa presenta formas como as literarias. O resto dos falares manteñen o ditongo.

- O eonaviego ditonga -o- en -ou- cando lle segue -g-: lougo, fougo, rougo, avesougo, etc. O xalmego oriental dá -dr- > -ir- como indicaremos máis abaixo.

- O eonaviego e bierzano norte non desenvolven -aix- en -ax- , aínda que se pode tamén oír unha forma reducida en porteño central: caxa, abaxo, faxa, axada. En xalmego (VF, AE), pola contra, hai un iode perante as sibilantes.

- En eonaviego, amais, hai casos de ditongos arcaicos conservados: escaecer: esqueicer, amaecer:ameicer, paolla, maollo.

- Tamén neste dialecto asturiano, -g- provoca que ditongue calqueira vocal en moitos casos: lougo, rougo, hougano, vougar, avesougo, fougo, eugua, leugua, fraugua, augua, áiguela.


APROXIMACIÓN AO GALEGO EXTERIOR: LIMIAR

1. ÁREAS XEOGRÁFICAS DO ESTUDIO

3. O SISTEMA CONSONÁNTICO

4. NOTAS DE MORFOLOXÍA

5. NOTAS DE SINTAXE

6. CONCLUSIÓNS

APÉNDICE



NOTAS

8. Verbo destas terminacións, convén recordar varios detalles:

- o galego do bloque occidental (e o literario) tén tamén o resultado -ANU > -án.

- zonas do galego occidental e do central coñecen -ANA > -án.

- os falares fronteirizos trasmontanos de Riodonor e Guadramil coñecen -ANU > -án e -ENU > -én, e no feminino simplemente perden a nasal. O asturiano occidental coñece en Cangas, Somiedo, Tineo e Allande a terminación -ENUS > -én , e é xeral en todo asturleonés -INUS > -ín, agás, precisamente, nos falares trasmontanos que aquí presentan resultados típicos galego-portugueses.

9. Cómpre notar dous fenómenos. Primeiro, o eonaviego pecha -ei- de -ai- máis no norte (A Mariña) e o centro do ca no sur. Segundo, o xalmego tén amais outros tratamentos, pois -ei- monotonga en -e- en veiga, hé, sé, sér, quér, trer, fer; doutra banda, na desinencia -ei do galego común, en xalmego dáse -í: falí, cantí, tenrí, dirí, etc. Obsérvese, amais como tamén en hiato /ai/ pasa a ditongo /ay/ para logo seguir o mesmo proceso.

O eonaviego da Mariña reduce -eit- > -et- nalgúns casos: aprovetar, teto, colleta, sospeta, dereto.

10. En As Ellas, despois de que /S/ pasase a /s/, mantívose a antiga iode: empuixar, páixaro, abaixo, que nembargante en VF se perdeu.
 

Vieiros | Letras 99: Pola lingua que nos une