VALVERDEIRO, LAGARTEIRO E MAÑEGO:
O "GALEGO" DO VAL DO RÍO ELLAS (CÁCERES)


Xosé Henrique Costas González




DELIMITACIÓN XEOGRÁFICA

No recanto noroccidental da actual provincia de Cáceres (Estremadura-España), nas estribacións da Serra de Gata, sitúanse tres concellos nos que aínda hoxe se falan maioritariamente tres variedades do antigo galego(-portugués). Nos concellos de Valverde do Fresno -antigamente Valverde da Serra-, As Ellas e San Martiño de Trebello -antigamente San Martiño dos Viños-, a práctica totalidade dos seus cinco mil habitantes empregan a cotío as variedades lingüísticas denominadas valverdeiro, lagarteiro e mañego, respectivamente. Amais, debemos engadir a esta cifra outros tres mil naturais do val que seguen utilizando familiarmente estas falas na emigración.

Os tres concellos, cunha extensión territorial conxunta de 256 km", forman parte xeograficamente dun val que ata o de agora recibiu diversas denominacións segundo os autores que se ocuparon do estudio destas falas, Val de Xálima, polo monte Xálima, de 1.492 m., ó norte do val, ou Val do Río Ellas, polo río que atravesa o val. Os seus habitantes chámanlle á súa terra simplemente "Os tres lugaris". O val que nos ocupa, situado a unha altitude media de 500 m. está cinxido ó norte e ó leste por unha cordal montañosa de 1.200-1.500 m., ó oeste por outra serra de 900-700 m. e ó sur polo río Torto, que fai fronteira con Portugal. É, pois, unha cunca natural perfectamente delimitada e afastada dos territorios de fala castelá por dificultades orográficas.

Polo norte, na vertente sur da Serra de Gata, abundan as masas forestais de carballos e castiñeiros e pastos. Nas abas do leste e do oeste dominan as cancheiras, grandes formacións graníticas. No val a vexetación é fundamentalmente de oliveiras e prados. A auga e o verde están presentes todo o ano neste val, que por isto mesmo é coñecido como "a Galicia estremeña"; ducias de pequenos ríos e regatos nacidos nas montañas circundantes converxen no río Ellas que vai confluír no fronteirizo río Torto. A economía é basicamente agrícola (aceite e cereal), forestal e gandeira (ovino e bovino), aínda que nos últimos decenios creceu a actividade comercial en Valverde, debido principalmente á súa proximidade coa fronteira portuguesa, a 17 km.


II. ORIXE DAS FALAS DO VAL

As variantes lingüísticas que actualmente se empregan nestes tres concellos proceden, da lingua levada polos colonos instalados no val polo rei Afonso VIII de Galicia e León no século XIII. Con colonos do noroeste peninsular (galegos e asturianos) repoboou unha ampla área do que hoxe é o sur de Salamanca, norte de Cáceres e a franxa oriental da Beira Baixa portuguesa (comarcas do Sabugal e Ribacoa).

Á parte das noticias tiradas da documentación da época, o estudio comparativo da toponimia e da patronimia coetáneas entre Galicia e esta zona amosa ben ás claras a procedencia inequivocamente galega da meirande parte dos colonos (80-85%).

En época ben temperá, tan pronto como Sabugal e Ribacoa pasaron a pertencer ó reino portugués e o reino galego-astur-leonés foi anexionado por Castela, a fala dos colonos foi varrida. En palabras de Lindley Cintra (1958:535-536):

"O primeiro [o galego de Ribacoa e Sabugal do século XIII] sucumbiu perante a invasão do português da Beira que acompanhou a anexação do território por Portugal, nos fins do próprio séc. XIII. Sorte paralela tiveram certamente muitos falares galegos, vivos no séc. XIII em outras colónias da mesma proveniência fixadas na Estremadura leonesa; um tipo de leonês oriental fortemente castelhanizado veio nelas a impor-se e a apagar a linguagem primitiva dos repovoadores. O mesmo -e pela mesma época- estaria acontecendo nas colónias (...) dos próprios asturianos, de fala leonesa, ocidental ou central."

Restos da primitiva extensión daquelas colonias de repoboadores galegos témolos en numerosos vocábulos rexistrados nas falas castelás da Serra de Gata e do suroeste da provincia de Salamanca, onde podemos aínda hoxe escoitar voces como regato, rodera, murceguiño, chambra, fechadura, gomo, bocoi, cangallo, lombo, carozo, múa, bago, meda, sobrau, etc. Do mesmo xeito, a microtoponimia e a patronimia actuais revélannos sen dúbida ningunha a forte presencia de inmigrantes galegos hai setecentos anos.

Lindley Cintra, ó estudia-la "curiosa" lingua na que están escritos Foros de Castelo Rodrigo, uns documentos redactados en zona hoxe portuguesa pero de repoboación galega datados en 1.209, deduce que se trata dun galego-português lixeiramente interferido por trazos astur-leoneses e descobre soprendentemente que "a variedade de galego-português [dos Foros] de Castelo Rodrigo era, fundamentalmente, galega e não portuguesa, por estranho que isto à primeira vista pareça, dada a situação geográfica onde os Foros foram escritos." (1959:503-504); posteriormente pon en relación esta variedade lingüística coa que actualmente se fala no Val de Xalma, Xálima, ou Val do Río Ellas e afirma sen reservas que

"O falar fundamentalmente galego, mas com leonesismos, de Castelo Rodrigo e Riba-Coa no séc. XIII, o falar também essencialmente galego da região de Xalma, outra coisa não são, segundo creio, do que falares destes núcleos de repovoadores galegos tão frequentemente recordados pela toponímia."

A pregunta que intriga os estudiosos destas falas é ¿como se perdeu a fala dos repoboadores no resto das áreas colonizadas e, outramente, se conservou no Val do Xalma ou do Río Ellas? Evidentemente, e aínda que hai autores que negan este extremo, temos que pensar nun abandono secular destas áreas, xa de seu dificilmente accesibles ata hai escasas décadas, pois sabemos que desde Fernando III, o rei que anexionou o reino galego-astur-leonés a Castela en contra da vontade do seu pai, o noso Afonso VIII, o centro de atención da coroa de Castela foi a reconquista das terras do sur da península e, case inmediatamente, a conquista de América. Exprésao Lindley Cintra (1959: 535-536) moi atinadamente cando observa que
"Só en condições especialíssimas de isolamento geralmente correspondentes a um prolongado abandono- estes falares dos repovoadores, ou, pelo menos, algumas das suas características, puderam persistir. Foi exactamente o que se produziu na região de Xalma, vizinha da Serra de Gata, durante muitos séculos uma das zonas mais isoladas de toda a Espanha."

Este illamento secular debeu se-lo argumento principal para a conservación das falas obxecto do noso estudio. Cando esmorece o reino galego-astur-leonés e o poder cae en mans castelás, os colonos foron doadamente asimilados pola lingua e cultura dos poderosos reinos portugués e castelán. Estas falas son, conseguintemente, o resultado dun galego antigo implantado neste val no século XIII que perdeu todo contacto co territorio orixinario e camiñou setecentos anos por libre, son, en palabras de Lindley Cintra (1959:535) "o resultado da impressionante persistência (e retardada evolução independente) duma linguagem galega do século XIII".


III.- AS FALAS COMO OBXECTO DE ESTUDIO.

Podemos indicar que é a partir de Leite de Vasconcellos (1927 e 1933) cando comezan os estudios en exclusiva das falas deste val. Con anterioridade, son sobranceables os traballos dos alemáns Fritz Krüger (1925), Studien zur lautgeschichte westspanischer Mundarten, e Otto Fink (1929), Studien über die Mundarten der Sierra de Gata, que incluían referencias parciais a estas falas ó estudiaren as variedades castelás occidentais ou da Serra de Gata.

É Leite o primeiro en aborda-lo estudio das falas deste val, principalmente do mañego de San Martiño de Trebello. Leite cría firmemente na lusitanidade destas falas e rexeitaba a hipótese, formulada por el mesmo, da repoboación galega para explica-la orixe destas falas porque "Galiza fica muito longe como para ter exercido aqui influência". Leite nega a galeguidade destas falas por prexuízo ideolóxico e, malia a seren os seus dous excelentes traballos descritivos, rexistra fenómenos fonéticos e fonolóxicos dos que nunca antes falaran Krüger e Fink e dos que nunca despois falará máis ninguén, fenómenos que acaroaban de cheo estas variantes no común dos falares portugueses limítrofes (existencia de vocais e ditongos nasais, distinción entre dúas realizacións fricativas xordas, unha apicoalveolar [s1 ] e outra predorsal [s], etc), é dicir, pretendeu estirar dos fenómenos para demostrar unha continuidade lingüística entre o falado a un e outro lado dos montes e ríos da fronteira político-orográfica. Tódolos autores posteriores (Onís, Viúdas, Gargallo, etc) negaron a existencia de nasais e da realización predorsal, máxime cando transcorreron setenta anos desde as visitas de Leite ó val e aínda viven algunhas das persoas que el entrevistara e que non presentan en absoluto os fenómenos descritos polo investigador portugués.

Leite pretendía catalogar estas falas ó mesmo nivel do portugués exterior falado en puntos fronteirizos do estado español, en Olivença e Ferreira de Alcântara (Badallouce), e Alamedilha e A Bouça (Salamanca), pois semelláballe "estranha coincidência" ter que recorrer ó galego, "tão distante", para explica-la orixe das falas do val, sobre todo tendo como tiñan o portugués a escasos quilómetros.

Se Leite foi o pioneiro dos estudios sobre estas falas, debemos mencionar tamén o traballo de Federico de Onís (1930) sobre o mañego. Para Onís, discípulo de Menéndez Pidal, é evidente que esta fala non é leonesa, e así o afirmaba xa nunha carta redactada en mañego e dirixida ó seu mestre, con data de 3 de agosto de 1910, na que lle di, entre outras cousas:
"Con istu que vos escribu poeis formal idea da fala Sanmartiñega que desde logu ten que queal fora do nosu dialectu leones porque nun hay sombra de diptongación en niñuna das formas de istu. Creu que poyu afirmal istu con toa a seguriai."

No devandito traballo de 1930 destacamos un detalle importante: denuncia Onís que a oposición entre os fonemas sibilantes xordos e sonoros está neutralizada, aínda que se poidan rexistrar realizacións sibilantes xordas e sonoras, pero a oposición xa non é fonoloxicamente pertinente.

Agás Cintra e Maia, ata os anos oitenta a maioría dos autores que se ocuparon destas falas catalogáronas dentro do portugués ou, alomenos, falaron dunha "lingua ponte" ou "cruce" (sic) entre portugués e asturiano oriental. O filólogo portugués Luís Filipe Lindley Cintra (1959), como xa vimos máis arriba, estudiou a lingua dos Foros de Castelo Rodrigo e deduciu que se trataba dun galego interferido por leonesismos, un galego semellante ó falado na actualidade no val que nos ocupa. A idéntica conclusión chegou Clarinda de Azevedo Maia (1977) ó compara-lo portugués beirão de Sabugal coas falas do val do río Ellas, para Maia lagarteiro, valverdeiro e mañego son variantes do galego-portugués antigo máis próximas do galego ca do portugués actuais.

De entre os traballos e investigacións realidados sobre estas falas nos últimos dez anos, que versaron principalmente sobre descrición lingüística, sociolingüística e intentos de clasificación tipolóxica, son de destaca-los elaborados por Gargallo Gil (1994, 1995 e 1996), romanista da Universidade Central de Barcelona, Carrasco González (1996 e 1997), profesor de portugués na Universidade de Extremadura, Frías Conde (1995 e 1997), e as nosas aportacións (1992a, 1992b, 1996, 1998 e 1999). Tanto Frías coma nosoutros estamos convencidos da "galeguidade" innegable destas falas, galeguidade por orixe e galeguidade de as comparamos cos resultados actuais das variedades galegas do sueste do noso dominio lingüístico. Gargallo Gil, gran estudioso das falas arraianas da península, acabou por admitir que, efectivamente, dentro da singularidade das mesmas, a vinculación coas falas galegas é moito máis evidente que coas portuguesas, por máis que formen parte todas do mesmo diasistema lingüístico. Para Carrasco González, profesor de portugués na Universidade de Extremadura, estas falas son unha póla á parte dentro do galego-portugués, a terceira póla da familia. Estándomos de acordo con Carrasco, cando asegura de que estas falas non poden ser "galego" en sentido estricto, debido principalmente ás evolucións particulares sufridas ó longo de setecentos anos de illamento, deberemos todos concordar que valverdeiro, lagarteiro e mañego son a terceira póla, pero unha póla que arrinca desde o antigo galego.

  ----Falas galegas actuais
Galego antigo---- ----Falas do Val do Ellas
  ----Falas portuguesas actuais


Resumíndomos este apartado, nos diversos estudios sobre dialectoloxía española e portuguesa sempre as falas do Val do Ellas figuraban dentro do ámbito lingüístico portugués e, duns autores a outros, limitábanse a repetir que no noroeste de Cáceres, os concellos de "Valverde del Fresno, Eljas y San Martín de Trevejo" eran de fala portuguesa. Teñamos en conta un feito que axudará a comprende-lo cambio de óptica do problema: os estudios sobre dialectoloxía galega son relativamente recentes, e máis recente aínda é a súa difusión entre os estudiosos da romanística, polo que non é de estrañar que non se tivese en conta ata hai poucos anos a diversidade dialectal galega para o estudio destas falas. Cando comparámo-los fenómenos sobranceiros do val e comprobámo-la súa presencia en áreas marxinais do galego moderno chegamos doadamente á conclusión de que estas falas representan, grosso modo, unha maqueta de moitos fenómenos dialectais, fonéticos, morfolóxicos e léxicos, esparexidos polo noso dominio lingüístico actual (véxase Costas González, X.H. (1992): "Breve caracterización das falas fundamentalmente galegas do Val do Río Ellas", en Cadernos de Lingua 6).

No léxico do valego é onde máis se nota o seu carácter de fala galego-portuguesa arcaica e arraiana, de illa diferente rodeada de portugués beirao e castelán aleonesado e con interferencias importantes do segundo (llaris, jeno, bodón, etc). Con todo, percíbese perfectamente a orixe galega antiga de boa parte dos nomes comúns, dándose a curiosa coincidencia que nun espacio xeograficamente tan reducido coexisten con plena vitalidade sinónimos de distribución dialectal por toda Galicia. No val recóllense as parellas de sinónimos estadunchu-funqueiru, cirdeira-cireixeira, subreira-carrasqueira, chíchari-ervilla, dinuciña-duniña, rebolu-carballu, etc, que se distribúen por Galicia en grandes áreas.

Están ben presentes tamén arcaísmos do tipo o mú, a múa, ou estoxar (aforrar), busu (burato), atró (trono), atroar, folló (filloa), cesto asnal (<*acinale, para transportar acios) etc. Para o galego medio o máis sorprendente son os cambios de significado dalgúns significantes comúns. Indiquemos que, por exemplo, xeira pasa de "xornada de traballo" a "campo ou leira" (que se dá traballado nun día); argola pasa de aro común a "pendente da orella"; babeco pasa de "parvo, fato" a "chafalleiro, zoupón"; cacheira e cachola non son sinóminos: cacheira é unha pucha para cubri-la cachola; choqueira non é o poñedoiro senón a pubertade, a época na que as persoas "chocan"; cileiru pasa de designar almacén de gran ou despensa a significar dormitorio pequeno, porque naquel antigo almacén era onde durmían os criados e xornaleiros; fato non é un traxe (de festa), senón o enxoval ou as pertenzas que se levaban nun envoltorio de tea; lambón pasa de significar "larpeiro" para especializarse en "mangante, ladrón", quizais porque o seu primitivo significado foi ocupado polo castelanismo gulosu; orfandai designa unha fatada de rapaces, sós, sen acompañamento de adultos; sobrau ou palleira é o faiado, sobrau porque queda sobre a casa, palleira porque no oco entre o teito e o tellado era onde se gardaba a palla; sequeiru (secadeiro) ou niazu (niño) é o palleiro, sequeiru porque é onde se secaban os cereais, niazu porque entre a palla acostumaban a aniña-las galiñas e a parir outros animais; xaneiru/a non é un substantivo (foi substituído polo castelanismo eneru) senón un adxectivo que designa tanto a primeira cría dun animal nacida nese ano, sexa o mes que for, coma os froitos ou crías que veñen en xaneiro; boiga (bodega) non é só almacén onde se garda o viño, é todo cuarto situado na planta baixa, tanto onde se garda o viño coma onde se gardan os animais, así temos boiga dos cochinus ou cortella, boiga das ovellas ou cortellu, boiga dos animais (vacas e cabalos) ou corte e boiga, sen máis, que é a do viño por antonomasia; encoirarse é, como se poden entender, "poñerse en coiros"; xabri é só a argamasa empregada para facer muros de pedra, etc. Un galego entende sen problemas o que queren dicir estas e outras voces, pero decátase asemade dos pequenas ou grandes mutacións semánticas que tiveron lugar ó longo de setecentos anos.

Con todo e falaren habitualmente case tódolos naturais deste val nalgunha das súas variantes, o que constatan os propios valegos é que nos últimos trinta anos tense producido unha avalancha brutal de castelanismos na fala dos máis novos, debido sobre todo á escolarización obrigatoria (en castelán), o incremento de relacións comerciais pola mellora das comunicacións, os medios de comunicación, a administración, a igrexa, etc. Os máis novos son descoñecedores parciais dos traballos e oficios tradicionais, do léxico da flora e da fauna, etc, polo que non é de estrañar que castelanismos do tipo bubilla, nutria, gulundrina, lombrí de terra, cirueleiru ou deu miñiqui, estean presentes na fala dos máis novos en lugar dos tradicionais bubela~popa~galu do campu, lundria, anduriña, miñica, ameixeira ou deu minguichi. A escola en castelán está a conseguir un dos seus obxectivos: varre-las peculiaridades lingüísticas das falas autóctonas, uniformizar pouco a pouco en castelán. A xeración intermedia, boa parte deles semianalfabetos, tenden a imita-los fillos xa escolarizados e caen no coñecemento pasivo de moita eco-terminoloxía, coñecemento que non transmiten senón é por descoido. A xeración máis vella é imperturbable nos seus hábitos lingüísticos, é a xeración á que recorremos para o mellor coñecemento destas falas, pois a meirande parte dos anciáns son analfabetos ou semianalfabetos, a penas saíron do val e desde sempre son monolingües nalgunha das súas variedades. A transmisión xeracional está garantida, o que non o está é a calidade de lingua transmitida.


IV. HISTORIA DUNHA REIVINDICACIÓN

No Val vénse usando a fala en carteis de festas, anuncios de diversa índole, carteis e rótulos luminosos de festas, etc, desde o máis negro franquismo. Co advenimento da democracia estes usos vanse extendendo -a golpe de iniciativas persoais- a outros ámbitos, por exemplo na rotulación dos letreiros das rúas, nomes de establecementos comerciais, etc. Anos atrás existíu unha emisora de radio, Radio Valverde, que emitía media hora diaria en valverdeiro, sobre cinco de programación case exclusivamente musical. Úsase tamén a fala en pegatinas turísticas ou en rotulación de productos gastronómicos propios (feito polo que mantiveron un duro contencioso coas autoridades autonómicas). Máis recentemente debemos falar da aparición da revista A Nosa Fala, da que só saíu un número, que pretendía se-lo voceiro da Asociación Fala i Cultura. Anos máis tarde viu a luz a revista trimestral lagarteira Anduriña, da que polo de agora se levan editados cinco números. Anduriña está impulsada conxuntamente por Fala i Cultura e polo colectivo Amigus dAs Ellas i du sei castelu. Verbo da ortografía empregada para escribir nas tres modalidades, digamos que se ensaiaron múltiplas solucións, case todas elas con base no galego ou no castelán e algunha con base portuguesa, pero sempre dunha maneira moi irregular para o vocalismo átono (codiña~cudiña, piquenu~pequeno, cumía~comía, figuiriña~figueiriña, etc) e para as realizacións das sibilantes, grafía sh para [S ], [z1 ], [Z ], grafía xi~xj para /S /, etc.

A recuperación e dignificación da fala ten un fito senlleiro na constitución, o 3 de agosto de 1.991 en As Ellas da Asociación Fala i Cultura do Val do Ríu Ellas, entidade que promove a recuperación e normalización absoluta da lingua nos tres concellos do Val. É significativo tamén que nos seus estatutos fundacionais suprimisen o termo galego-portugués e o sustituísen por galego de Estremadura. Fala i Cultura asumiu como tarefa inmediata a recollida de léxico patrimonial dos tres lugares, a elaboración dunha pequena gramática e unha normativa bastante elástica, a recuperación toponímica, a introducción da fala nas escolas, a posta en funcionamento dunha emisora de radio, a fundación de bibliotecas sobre temas galegos e do Val -que contan na actualidade con máis de mil títulos galegos e portugueses-, a celebración tódolos anos do "Día da Fala" -que leva cebrándose desde aquela con gran éxito e asistencia de grupos de música tradicional e cantautores galegos convidados expresamente, etc, etc. Todo isto vai indo adiante sen ningún apoio institucional máis que o chamado "Manifesto dos Alcaldes" (3 de agosto de 1993), un manifesto asinado polos alcaldes dos tres concellos nos que demandaban das autoridades provinciais e autonómicas a adopción de medidas inmediatas para a conservación da fala, "o respetu i aixúa que a Constitución i o Estatuto dAutonomía dExtremadura contenin sobri defensa do Patrimoniu Cultural dos lugaris, animandu a to o vidindariu a mantel i sustel o mismu con orgullu i poel alimental, desde as nosas reídis, un Patrimoniu pa disfruti de tos."

Sociolingüisticamente, das enquisas que fixemos hai catro anos no val (entrevistamos trescentas vinte persoas sobre unha poboación total de case cinco mil individuos) podemos resumir algúns datos interesantes: reside moi pouca xente fóranea no val, os que figuran como nacidos fóra son maiormente fillos de valegos nacidos na emigración. Practicamente todo o mundo sabe falar nalgunha das tres variantes, agás os moradores chegados recentemente de fóra do Val: saben falar nalgunha das variedades o 100% dos residentes nas Ellas e San Martiño e o 97% dos residentes en Valverde, o 3% restante corresponde a mestres, funcionarios, policía, etc, de orixe foránea. O 80% dos valegos aprendeu o castelán no medio escolar, e o 20 % restante aprendeuno na emigración ou no servicio militar. Agás os maiores de 60 anos, todos afirman falar un castelán "máis correcto" có que falan os seus veciños salmantinos e cacereños (quizais porque non aspiran o -s implosivo). Aínda que case toda a poboación entende o portugués e o español, só algo menos da metade, un 43 %, di poder expresarse en portugués, aínda que habitualmente non o fan "porque nos entendemos ben" (esta porcentaxe baixa moitísimo nas camadas novas) e todos din poderse expresar en español, aínda que as camadas máis vellas recoñecen que con certas dificultades. O 100 % di entender perfectamente o galego (contan anécdotas de cando coinciden con galegos na emigración ou no servicio militar e se fan pasar por galegos sen problema ningún). Ó 90-95 % gustaríalle ter medios audiovisuais e escritos na fala "pa adeprendela a escribir e a falar ben". Un 84% querería que a fala se estudiase na escola, e mesmo estaría disposto a asistir a cursos para aprender a escribir na fala, aínda que isto contrasta co 45 % que afirman que estas falas non son aptas para escribir. Case todo o mundo usa a fala en función familiar e social, sobre todo nas Ellas e San Martiño; vexamos algunhas porcentaxes esclarecedoras destes usos familiares e sociais:

%
VALVERDE AS ELLAS SAN MARTIÑO
Saben falar valego 97 % 100 % 100 %
Fálano a cotío 88 % 98 % 94 %
O home coa muller 93 % 100 % 98 %
O home cos fillos 76 % 99 % 85 %
A muller cos fillos 73 % 98 % 82 %
Os fillos cos pais 73 % 92 % 75 %
Cos veciños 91 % 100 % 95
Nos traballos 69 % 93 % 91 %
Os nenos entre eles 78 % 97 % 84 %


A pregunta que deita unhas respostas máis variadas é a da consideración da adscrición da súa fala: o 22% coida que é un chapurreado de fronteira, unha mestura entre portugués, leonés e castelán; o 21 % opinan que é máis ben unha variante galega (curiosamente neste grupo inclúense os que mantiveron contactos con galegos ou estiveron algunha vez en Galicia); uns poucos, o 15 %, responden que unha fala astur-leonesa; por unha variedade de portugués aposta o 13 %; unha mestura de galego e astur-leonés é a crenza dun 11 %; por último, un significativo 18 % contesta que non saben o que pode ser nin de onde pode vir.

Agora ben, todos, absolutamente todos, queren que a fala se conserve, cren que é unha avantaxe para aprender outros idiomas e andar polo mundo, e queren tamén que os seus fillos a falen e llela transmitan ós seus netos. A conciencia idiomática, a conciencia de comunidade diferenciada, é forte; a conciencia de pervivencia como tal comunidade tamén; dáse mesmo o caso de que os fillos de persoas procedentes de fóra do Val (médicos, empregados de banca, comerciantes, etc) -de lingua familiar castelá- aprenden a fala mesmo antes de chegaren á escola, xogando cos outros nenos na rúa ou no campo. Para nós este val é unha especie de sanatorio a onde levamos periodicamente alumnos galegos con problemas de intoxicación psicolingüística, e asegúrolles que volven curados a Galicia de doenzas tan enxebres como a diglosia e outros males semellantes. A terapia do shock ou do flash funciona.

O Estatuto de Extemadura dá por suposto o monolingüismo da súa Comunidade Autónoma e non inclúe ningún artigo nin apartado no que se mencione o apoio institucional ou legal ás variedades non castelás que se falan en Extremadura (portugués en Olivença e Ferreira de Alcántara, "galego" no Val do Ellas), entre outras cousas porque non as recoñecen. A pesar de que teoricamente en Olivença estudian portugués centos de alumnos como materia optativa na escola primaria (datos recentes do Instituto Camoes ) isto non nos cadra cos casos de abandono lingüístico nos medios escolar e administrativo denunciados por oliventinos na prensa extremeña. Malia as promesas da Administración, a indiferencia e a ignorancia das autoridades educativas é patente.

Outra mostra de intolerancia foime relatada por Antonio Bellanco, presidente da asociación cultural e deportiva "Amigus das Ellas i do sei castelu": Esta asociación inscribiu un equipo de futbol na liga provincial de Cáceres; como queira que os lagarteiros, estean en As Ellas, ou en Uzbequistán, entre eles sempre falan lagarteiro, os siareiros do Coria (ou o equipo que fose) cando alá van xoga-los "Amigus das Ellas" animan a cadanseus equipos berrando "España, España, España". Hai un problema moi grande de intolerancia, de facer casar pola forza Estado Español e lingua castelá, resquicios dunha pésima e resesa educación estereotipada que aínda se transmite neste Estado pola prensa, a escola, a administración e as leis, cando das dezasete comunidades autónomas só seis (un tercio delas) son monolingües en español. Moitos cidadáns non castelán-falantes de tan democrático e libérrimo Estado noso non teñen recoñecido ningún dereito nas súas falas naturais, autóctonas. Uniformizar a machada e por decreto estas micro (e non tan micro) áreas é un crime sen castigo e un atentado salvaxe contra un patrimonio cultural que é de todos, que é universal.


NOTA: Estas liñas son un resumo do relatorio titulado "O galego de Cáceres" que presentamos nas Xornadas sobre a normalización das outras linguas hispánicas, na Facultade de Filoloxía da USC en marzo de 1994. Agora co título "Valverdeiro, lagarteiro e mañego: o "galego" do Val do Río Ellas (Cáceres)", ampliación e actualización do devandito relatorio, forman parte dun libro de próxima publicación sobre minorías lingüísticas románicas, volume coordinado por Antón Santamarina e Francisco Fdez. Rei que verá a luz despois do verán publicado pola USC.

 

Vieiros | Letras 99: Pola lingua que nos une