A Lingua das Cantigas

A fontana viva.
Cancioneiros, cantigas e 'neotrobadores' na Galiza contemporánea.
María Teresa López
    Os cancioneiros medievais galego-portugueses foron redescubertos, inicialmente por e para un público erudito, no século pasado, case seiscentos anos despois de que concluíse o ciclo poético que compilan. Os primeiros estudios e edicións da lírica trobadoresca galego-portuguesa van desenvolverse en ámbitos académicos, principalmente por parte de estudiosos provenientes dos estudios filolóxicos romanísticos, primeiro na Alemaña e, tras o posterior descubrimento dos apógrafos quiñentistas, na Italia(1). O seu carácter especializado e a súa difusión restrita van condicionar a súa recepción, de forma que inicialmente as noticias sobre cantigas, cancioneiros e trobadores van ser escasas tanto na Galiza como en Portugal.

    Para o caso galego ata hai pouco era unha consideración aceptada que a difusión da lírica medieval non se producira de forma realmente efectiva máis que no século actual, concretamente a través das edicións xenéricas do cancioneiro amoroso preparadas por José Joaquim Nunes, Cantigas d'amigo dos trovadores galego-portugueses (1926-1928) e Cantigas d'amor dos trovadores galego-portugueses (1932). De acordo con esta visión, os cancioneiros medievais serían descoñecidos durante todo o século XIX e non influirían no Rexurdimento decimonónico, a pesar de que en 1886 Antonio de la Iglesia publicase El idioma gallego. Su antigüedad y vida, antoloxía de textos en tres volumes que inclúe cento vintecinco cantigas de trinta e oito trobadores diferentes. Para esta selección, o seu compilador, un dos activistas culturais máis destacados do noso século XIX, seguira a edición crítica do Cancioneiro da Vaticana preparada por Teófilo Braga, cos seus erros e acertos, publicada no ano 1878 en Lisboa, que coñeceu e chegou a adquirir gracias á intervención do propio historiador portugués(2).

    Mais cumpre distinguir entre a difusión dos textos das cantigas e o coñecemento da existencia dunha tradición lírica medieval, dous procesos diferenciados e con implicacións tamén diferentes. Lembremos que cando o Marqués de Santillana escribe o `Prohemio e Carta' ao Condestábel Don Pedro de Portugal, a mediados do século XV, apenas pode dar noticias vagas sobre a poesía galego-portuguesa e citar os nomes dalgúns trobadores. Ata ben entrado o século XIX esta seguirá a ser a norma: noticias dispersas e afirmacións difusas serán as únicas referencias á existencia dunha escola trobadoresca galego-portuguesa, de forma que esta acabará por identificarse con poetas posteriores, como Macías, dos cales si se coñecían composicións poéticas.

    Escasas noticias sobre a existencia dunha tradición literaria medieval e moitos interrogantes será o punto de partida para os homes e as mulleres implicados no proceso de restauración cultural que se desenvolve ao longo de todo o século XIX. Inicialmente, no período que vai dos anos cuarenta ata os sesenta, os primeiros estudiosos que se interesen polo pasado histórico-literario galego pouco máis van encontrar que algúns nomes asociados a un tempo ignoto e remoto e escasísimos textos, sempre posteriores a esa época nebulosa das orixes literarias. Poetas do Cancioneiro de Baena, como Villasandino ou, sobre todo, Macías, serán neste período -xunto con Afonso X como autor das Cantigas de Santa María- as únicas referencias para facer valer a existencia dunha literatura medieval galega xunto con alusións puramente nominais a outros poetas dos cales se descoñece calquera obra. O primeiro e máis importante esforzo por dar a coñecer os escasos textos que se conservaran do período medieval foi o realizado por Antonio de la Iglesia que publicou en Galicia. Revista Universal de este Reino -coodirixida co seu irmán Francisco- entre 1861 e 1865 oito cantigas do cancioneiro mariano de Afonso X, seis poemas de Macías e vinteseis de Villasandino.

    Haberá que esperar á década dos setenta para que esta vaguidade se traduza en noticias concretas: as primeiras referencias explícitas aos cancioneiros galego-portugueses, ás súas edicións e ás cantigas dalgúns trobadores. De entre elas, hai que destacar o artigo dedicado por Teodosio Vesteiro Torres á figura literaria de Martín Codax, publicado en El Heraldo Gallego en 1876, que reproduce tamén as sete cantigas do xogral do mar de Vigo. Para realizar este traballo Vesteiro serviuse da edición do Cancioneiro da Vaticana publicada en 1875 por Ernesto Monaci, do cal posuía un exemplar que doou pouco antes da súa morte á Biblioteca Universitaria de Santiago. Nesta mesma década Manuel Murguía, aínda sen tratar especificamente da lírica medieval galego-portuguesa en ningún dos seus traballos, vai deixar notar a súa familiaridade cos cancioneiros a través de varias referencias concretas ás súas edicións en varios artigos publicados en La Ilustración Gallega y Asturiana. Cónstanos tamén que Murguía coñeceu, na década dos oitenta, a edición crítica do Cancioneiro da Vaticana preparada por Teófilo Braga, a mesma que vai servir de base para a selección que Antonio de la Iglesia fai en El idioma gallego.

    Esta antoloxía vai ser a que permita a difusión efectiva dun número importante de cantigas trobadorescas galego-portuguesas e o achegamento real á lectura dos textos medievais, máis alá da pura referencia nominal á existencia de trobadores e/ou cancioneiros. Aínda que inicialmente vai ser o valor documental o que centre a apreciación da lírica trobadoresca, pouco a pouco van destacarse outros elementos -a apreciación estética será a que se manifeste máis tardiamente- á hora de xulgar a importancia da poesía medieval galego-portuguesa. O seu valor demostrativo da capacidade do galego para a expresión lírica, a súa calidade de elemento lexitimador da existencia dunha literatura galega na actualidade, o seu valor simbólico como mostra da importancia cultural de Galiza na Idade Media -época mítica na elaboración historiográfica do nacente galeguismo-, o seu funcionamento como argumento de prestixio para a lingua -dado que mostraban como o idioma galego fora escollido como lingua literaria, frente ao castelán, polas máis altas xerarquías sociais nun territorio que excedía xeograficamente o galego- van ser notas que inflúan na atención especial que reciban os cancioneiros galego-portugueses.

    A primacía destes valores simbólicos, a innaccesibilidade material das primeiras edicións dos cancioneiros ou as súas dificultades de lectura para un lector sen formación filolóxica, secundarizaron a atención ás cantigas como textos literarios e retrasaron a súa apreciación estética. Esta vai ter lugar sobre todo no século XX e unha das súas consecuencia vai ser a influencia que exercerá no ámbito da creación poética, no movemento que se deu en denominar `neotrobadorismo'.

    Nun sentido lato, o neotrobadorismo sería unha tendencia poética que toma como referente o corpus trobadoresco galego-portugués, nas súas características xenéricas, nos seus elementos formais máis característicos ou nos seus textos máis representativos para reescribilos, reelaboralos ou simplemente dialogar con eles. Esta tendencia esténdese desde os inicios de século ata a actualidade, aínda que cada texto poético `neotrobadorista' estableza relacións particulares coa produción poética coetánea e se defina non só a través da relación e o diálogo coas cantigas medievais mais tamén coa tradición poética precedente -e dentro dela, co propio neotrobadorismo.

    De acordo con esta concepción, o neotrobadorismo comprendería tanto o movemento poético que comeza a conformarse nos anos vinte e que se plasma, nesa década e na seguinte, en propostas textuais diferentes -os modelos de Fermín Bouza-Brey e Álvaro Cunqueiro, principalmente- como a súa derivación cara unha formulación de escola, especialmente na década dos cincuenta, onde Cunqueiro e a segunda edición de Cantiga nova que se chama RIVEIRA exercerían as funcións de modelos recoñecidos e o neotrobadorismo identificaríase cunha fórmula estrófica -o dístico monorrimo con refrán-, coa utilización de procedementos paralelísticos e de repetición e con certos significantes que frecuentemente funcionarían só nun nivel literal, desprovidos do seu valor connotativo e/ou simbólico. Este modelo supón, en certa medida, o afastamento do diálogo directo cos textos medievais que se recuperará, nunha terceira fase, cando teña lugar a liquidación da escola neotrobadorista como tal -aínda que continúe a produción e publicación de textos segundo ese modelo de escola- nunha orientación que atenderá sobre todo á dimensión simbólica dos textos trobadorescas. Con todo, non podemos establecer unha periodización con límites cronolóxicos precisos, pois cada unha das liñas definidas poden -e así o fan- sobreporse en determinados períodos históricos.

    Para comprendermos a aparición do neotrobadorismo como movemento poético nos anos vinte debemos ter presente o especial interese suscitado pola poesía medieval galego-portuguesa nesta altura e as interpretacións de que vai ser obxecto. A teorización nacionalista vai procurar unha definición dos elementos característicos do espírito galego para impulsalos como valores necesarios nas realizacións artísticas e culturais que se querían propiamente galegas. Estes trazos peculiares do `galego' van exemplificarse tamén a través dos produtos artísticos de épocas anteriores, aquelas en que o xenio galego se manifestara plenamente, como a lírica compilada nos cancioneiros medievais.

    A poesía galego-portuguesa da Idade Media vai ser unha referencia constante á hora de exemplificar o tipo de realizacións artísticas que se poderían obter se estas plasmaban o xenio galego. Lirismo e saudade, trazos caracterizadores do espírito galego nas teorizacións de Risco ou Viqueira, van ser dous elementos apreciados na poesía medieval galego-portuguesa que van determinar a súa lectura. A lírica trobadoresca, de forma especial xéneros como a cantiga de amigo, lerase como representación máxima do `xenio' galego no plano artístico e, por tanto, como unha realización característica da creatividade galega, autóctona, orixinal, específica, en suma, enxebre.

    Así, nas primeiras décadas do século o interese pola poesía medieval galego-portuguesa vai plasmarse no número crecente de traballos que lle son dedicados na Galiza, daqueles de carácter máis especializado -como Los Trovadores Gallegos de Manuel Murguía, o estudio de Eladio Oviedo y Arce sobre Martín Codax, a monografía de Eugenio López Aydillo Los cancioneros gallego-portugueses como fuentes históricas ou as investigacións surxidas arredor do Seminario de Estudos Galegos- aos que só procuran a difusión dos textos cancionerís en publicacións periódicas ou a través da súa incorporación a antoloxías publicadas en forma de libro -a Literatura Gallega de Euxenio Carré, Las mejores poesías gallegas de López-Aydillo ou a Antología de la lírica gallega de Álvaro de las Casas.

    Todos estes elementos deben terse presentes á hora de enfrentarnos á consideración do neotrobadorismo como tentativa que é, no plano da creación literaria, de recuperar esa tradición poética. Só este enfoque pode permitir unha valoración exacta do neotrobadorismo no conxunto da renovación poética que se produce nos anos vinte, en que vai contemplarse (e promoverse) como unha alternativa para a arelada actualización da lírica galega, moderna mais autoxerada, sen seguir un modelo `alleo' -cualificativo aplicado desde certos ámbitos ás propostas abertamente vangardistas, como a poesía de Manuel Antonio. A poesía de Fermín Bouza-Brey, como a de Luís Amado Carballo van ser os dous modelos de renovación `enxebre' para a poesía galega impulsados e potenciados desde un sector do nacionalismo por seren modernos e viren a continuar dúas realizacións poéticas xenuinamente galegas: a cantiga medieval e a cantiga popular.

    Neste período inicial -alén de Carles Riba do cal só coñecemos os seus `Cantares d'amigo' hai unha década- son nomes asociados ao neotrobadorismo galego os de Johán V. Viqueira, Fermín Bouza-Brey ou Álvaro Cunqueiro. O primeiro, porque nunha parte do seu "Poemeto da Vida", datado en 1919 mais inédito ata 1930, en que retoma elementos específicos do cancioneiro de amigo, especialmente dunha cantiga de Martín Codax. O segundo porque foi quen realmente abriu a posibilidade dun neotrobadorismo na poesía galega, ao elaborar, nalgúns poemas publicados na revista Nós desde 1926 -logo recollidos en Nao Senlleira, 1933- o que se convertería no primeiro modelo deste movemento, cifrado na utilización de procedementos paralelísticos e/ou estruturas estróficas constituídas por dous versos máis refrán, aínda que nos seus poemas neotrobadoristas haxa outros elementos -de carácter léxico ou simbólico- que os achegan do cancioneiro medieval mais sen tratárense nunca de aproximacións conforme un modelo xenérico. O terceiro porque en Cantiga nova que se chama RIVEIRA (1933) insere elementos procedentes da tradición medieval galego-portuguesa -o paralelismo, a repetición ou signos xenéricos do cancioneiro de amigo- nun discurso poético de vangarda, que caracteriza os seus outros poemarios dos anos trinta, Mar ao norde e Poemas do si e non.

    Seguindo o percurso histórico do neotrobadorismo, poderíamos individualizar unha segunda fase na posguerra, caracterizada por un novo concepto e un coñecemento diferente da lírica medieval. As cantigas trobadorescas van (re)difundirse sobre todo a través da antoloxía preparada por Xosé Mª Álvarez Blázquez para a editorial Galaxia e, como xa indicamos, os modelos seguidos á hora de compor poemas neotrobadoristas non van ser tanto as cantigas medievais como os propios poemas neotrobadorescos, en especial os de Álvaro Cunqueiro -a sección "Cantigas do amor cortés" de Dona do corpo delgado (1950) e Cantiga nova que se chama RIVEIRA reeditada con novos poemas en 1957. Nalgúns dos novos poemas Cunqueiro manterá unha maior fidelidade aos modelos xenéricos do cancioneiro medieval, introducirá alusións literais a cantigas trobadorescas e, en suma, achegarase da lírica medieval galego-portuguesa na mesma medida en que se afasta da linguaxe vangardista. Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Luz Pozo Garza, Ernesto Guerra da Cal, mesmo Manuel María ou Celso Emilio rendirán tributo, entre outros, de forma máis ou menos ocasional, ao neotrobadorismo ou ensaiaran o seu particular diálogo coa lírica galego-portuguesa. Mais de entre todas as obras que neste período se asocian ao neotrobadorismo hai que destacar o Cancioeiro de Monfero, inocentada literaria de Xosé Mª Álvarez Blázquez en 1953 que algúns aceptaron como un auténtico cancioneiro medieval. É neste período cando podemos falar dunha auténtica escola neotrobadorista que será a que nos deixe os frutos menos granados do intenso e prolongado diálogo dos poetas galegos co cancioneiro medieval.

    Por último, na terceira fase citada, a relación coa poesía medieval galego-portuguesa establécese desde unha lectura particular de trobadores ou cantigas de forma que o diálogo con estes textos se establece en clave persoal, colocándoos na mesma posición que outros textos e autores clásicos da tradición literaria occidental. Este diálogo sempre aberto privilexiará os elementos simbólicos e non se axustará a unha arquitectura estrófica determinada como acontecía, en maior ou menor medida, nas etapas precedentes. De novo Álvaro Cunqueiro, agora en poemas de Herba aquí e acolá (1980) como "Pero Meogo no verde prado" -do cal a primeira versión é uns vinte anos anterior- representará unha nova fase neste diálogo continuo coa nosa poesía medieval en que participan tamén poetas das xeracións máis novas, incidental ou reiteradamente, como Xosé Mª Álvarez Caccamo, Xavier Seoane, Darío Xohán Cabana ou Paulino Vázquez.

    Teríamos aínda que mencionar a existencia dun neotrobadorismo escarniño ligado á recuperación e divulgación deste xénero que supuxo a monumetal edición das Cantigas d'escarnho e mal dizer dos trovadores galego-portugueses preparada por Manuel Rodrigues Lapa (1965). Aínda que é o nome de Celso Emilio Ferreiro o que máis frecuentemente se vincula con esta modalidade de neotrobadorismo -asociación que levanta non poucos problemas-, o mellor do xénero circulou e circula en follas soltas, moitas veces anónimas, nas cales os nosos poetas modernos se entregaron ao exercicio da sátira e da invectiva seguindo o exemplo dos seus predecesores medievais.

    Por todo o anterior, tal vez resulte máis preciso falar en neotrobadorismos que en neotrobadorismo porque, mesmo adoptando unha definición ampla deste termo, o diálogo e a presencia dos textos líricos medievais nos contemporáneos non sempre adopta un ton homoxéneo e aínda menos se pode reducir a unha formulación en termos de escola.

    A modo de despedida, e para goce do lector/a que se achegar a este espacio virtual, reproducimos un poema de Don Álvaro Cunqueiro co convite a que se unan a nós no paseo que nos leva ata a fontana sempre viva da lírica medieval.
Agora trobo o vento e máila lúa fría,
non o cervo do monte que a ágoa volvía.

Agora trobo o mare e máila nao veleira,
non a amiga que canta só da abelaneira.

Agora trobo a lúa e máilo vento irado,
non o cervo do monte, meu amigo pasado.

Agora trobo a nao e máila mar maior,
e non aquela amiga, miña branca señor.

Álvaro Cunqueiro (Dona do corpo delgado, 1950)

NOTAS:
  1. O cancioneiro da Ajuda -anónimo por carecer de rúbricas atributivas- editárao en 1823 Stuart e en 1849 Varnhagen. O da Vaticana, Lopes de Moura en 1847 -unicamente as cantigas de Don Dinis-, Varnhagen -tamén de forma parcial- en 1870, Monaci en 1875 (edición diplomática) e Braga en 1878 (edición crítica). O Colocci-Brancuti, na parte que completa o da Vaticana, Molteni en 1880. Xa no século XX Carolina Michaëlis editará o Cancioneiro da Ajuda nunha completísima edición crítica.

  2. Da difusión dos cancioneiros na Galiza do século XIX ocupámonos extensamente en Névoas de antano, Laiovento, Santiago de Compostela, 1991.
Volver