A Lingua das Cantigas

A lingua do reino de GalizaXosé Ramón Freixeiro Mato
1. A importancia histórica do reino de Galiza

    Pretendermos estudar a situación da lingua galega na Idade Media sen coñecermos a verdadeira historia da Galiza nese período pode conducirnos -e de feito xa ten xeralmente conducido- ao paradoxo de falarmos dunha lingua importante, prestixiosa e mesmo dominante no ámbito da lírica peninsular, mais pertencente a un territorio sen nengunha relevancia política ou inclusive politicamente inexistente.

    A historia da Galiza medieval ten sido obxecto dunha manipulación interesada a favor do ideal castelanista, como ultimamente se vén pondo de manifesto(1), resaltando tamén o interese dos historiadores oficiais por faceren pasar por casteláns feitos e reis que o eran de Galiza, reino hexemónico en determinada altura, aínda que o ocultamento e a falsificación de que a nosa historia foi obxecto o fixeron pasar por subalterno ou subsidiario.

    Durante séculos, a Gallaecia foi o reino cristián alternativo da Hispania musulmana, así recoñecido polos árabes e polo papado, e con grande presenza en Europa(2). A pesar de na historiografía oficial española o reino de Galiza practicamente non existir ou simplesmente figurar como subsidiario dos reinos de Asturias, León ou Castela, na documentación medieval aparece constantemente citado, outorgándoselle grande relevancia. Así, segundo nos informa Colin Smith, en 1088 o papa Urbano II diríxese por escrito a Afonso VI, que pasa por ser rei de León e Castela, como "Regi Ildefonso Gallitie"; na Historia Turpini, libro IV do Codex Calixtinus, recompilado arredor de 1140, o reino de Galiza inclúe Lamego, Viseu e Coimbra, e nela aparecen expresións como "Yspaniam e Galleciam", "tellurem Yspanicam et Gallecianam", "Hyspani scilicet et Galleciani, totam terram Hispanicam e Gallecianam", dando a sensación de que, frente á parte da Península en poder dos mouros, só existe a Galiza cristiá; no libro V, Guía de peregrinos, volve a aparecer a expresión "in Yspania et Gallecia"; nas chansons de geste francesas Galiza ten máis de 50 referencias en 35 textos, mentres León, como nome de reino ou imperio, case que non aparece; para o cronista inglés Mateo Paris, que escrebe a meados do século XIII, á altura de 1184 Fernando II é rei de Galiza e non de León; para os escritores de Al- Andalus era normal distinguir só entre francos (cataláns) e galegos (habitantes dos demais reinos cristiáns do norte)(3); o rei `Abb-Allah, despois de ser destronado en Granada, escrebe nas súas Memorias entre 1090 e 1095 que o Conde Sisnando o informara de que Al-Andalus era nun prinicipio dos cristiáns até que os árabes os venceran e os arrecantaran en Galiza, sen facer nengunha alusión a Asturias nen a León; antes da metade do século X Al-Mas'udi escrebe en Bagdad unha especie de enciclopedia en que chama a Ramiro II rei dos galegos e designa Zamora como capital de Galiza, afirmando que entre as nacións viciñas dos francos "la plus puissante de celles que dominaient en Espagne était la Galice, au point que les Francs lui faisaient toujours la guerre; mais les Galiciens étaient les plus beliqueux" e deixando sempre claro que para el Galiza era toda a Hispania cristiá do norte agás as terras dos francos e dos bascos. Colin Smith, que non pretende negar rotundamente a versión castelanista da historia, non obstante non pode admitir a tese de Américo Castro sobre a constante cita de Galiza por parte dos historiadores foráneos como consecuencia da crecente importancia e proxección do culto xacobeu, pois isto non se producira aínda no século X, acudindo finalmente o ilustre hispanista e bon amigo de Álvaro Cunqueiro ao mago Merlín do noso escritor mindoniense para buscar unha explicación a tantos `erros" que engrandecen o reino de Galiza e contradín a historia oficial de España(4).

    Tamén Carolina Michaëlis de Vasconcellos resalta a relevancia da Gallaecia nos textos literarios xermánicos e europeus en xeral: "Houve uma era en que Gallaecia era nome generico da Hespanha christã, ao passo que Hispania designava a Mouraria. O curto período em que S. Salvador de Oviedo fôra capital dos territorios reconquistados não teve eco na memoria dos povos. O inmediato, pelo contrario, em que as Asturias e a Galliza formaram uma unidade, dentro em pouco augmentada pela planicie de Leão, repercutiu-se longe, espalhando todavia exclusivamente a fama das terras gallizianas, ou antes da terra de Santiago -pois fôra o descobrimento do sepulcro do Apostolo que lhe deu brilho e renome superior. Ha provas d'isso na poesía epica dos germanos, nas sagas escandinavas, nos historiadores flamengos, nos cantares de gesta da França, na poesia popular inglesa, nas obras dos trovadores, nos poetas de Italia, nos auctores árabes"(5).

    Repasemos, pois, de acordo tamén cos dados aportados polos artigos de Camilo Nogueira, algúns aspectos da nosa historia que nos permitan clarificar ao mesmo tempo o pasado da nosa lingua. Durante os séculos VIII e IX, cando a lingua galega se conforma como romance diferenciado do latín, sobre o territorio da Gallaecia foise estabelecendo unha autoridade real "progresivamente asumida pola dinastía galaica", tendo todos os reis Galiza como centro do seu poder e ostentando estes reis galaicos o título de emperadores posibelmente desde Ordoño II. A dinastía real galaica dominou o reino de Asturias sobre todo a partir de Ramiro I (ano 842), mais xa antes Afonso II fora titulado no ano 798 rei de Galiza e Asturias. Todos os reis se titularon reis da Gallaecia desde capitais diferentes (Oviedo, Santiago ou León), se ben moitos deles desde Afonso II asentaron a súa capital en Santiago ou na parte occidental de Gallaecia, como Ramiro I, Afonso III, Ordoño II, Sancho Ordóñez, Ramiro II, Afonso V, García e Afonso VII, fortalecendo e estendendo o seu reino, e mesmo chegando no occidente até Coimbra xa con Orduño II. Para Camilo Nogueira Ramiro II "constitúe unha referencia fundamental na construcción do reino galaico", pondo de relevo a ocultación por parte de Sánchez Albornoz de documentación histórica onde se cualifica a Ramiro II como rei dos galegos e estes a nación máis poderosa. Bermudo II, fillo de Ordoño III e neto de Ramiro II, foi educado en Santiago e coroado rei de Gallaecia na catedral compostelá, reinando até o ano 999. No reinado do seu fillo Afonso V (999-1028) a Gallaecia vaise estender cara aos territorios de Al-Andalus, ao sul da Cordilleira Central. A Afonso V vaino suceder Bermudo III (1028-1037), que é recoñecido como emperador por Sancho o Maior de Navarra; o seu cuñado Fernando, consorte de Sancha e fillo de Sancho III, fora nomeado por este, en 1035, como gobernante de Castela sobre un reducido territorio na fronteira oriental de Gallaecia, cando o reino galaico levaba séculos de existencia(6).

    Con Sancha (1037-1067), emperatriz da dinastía galega e irmá e herdeira de Bermudo III, comeza unha segunda etapa da evolución da autoridade real galaica, pois ao dividir os territorios entre os seus fillos Afonso VI (León), García (Galiza), Sancho (Castela), da súa herdanza dedúcese que a expansión cristiá cara ao sul pertencía a Gallaecia, ficando Castela limitada á expansión cara a Levante, na Tarraconense, mais tamén a súa sucesión vai provocar, por problemas dinásticos, a división de Gallaecia e a creación do Estado portugués, feito de grande transcendencia para a historia da nosa lingua.

    Afonso VI, a pesar de herdar o reino de León, gobernou a Galiza e Castela en períodos distintos entre 1065/1067 e 1109, mentres o seu irmán Sancho gobernou en Castela entre 1065/1067 e 1702, mais coa aspiración de ser rei da Gallaecia, título principal da monarquía. García gobernou Galiza desde 1067 a 1071, mais conservou o título de rei até a súa morte en 1090. A filla primoxénita de Afonso VI, dona Urraca, e o seu marido, Raimundo de Borgoña, gobernaron Galiza desde 1093. Arredor de 1096, Afonso VI encárgalle o goberno de Portucale e de Coimbra á outra filla, dona Teresa, casada con Henrique de Chalon.

    Cando dona Teresa, xa viúva, busca o auxilio de nobres galegos e os nobres portucalenses ven así perigar a autonomía de Portucale, estes deciden apoiar a Afonso Henriques, fillo de dona Teresa, quen vence e expulsa a súa nai en 1128, de forma que aquel pasou a gobernar Portucale e súa nai, con Fernán Peres de Traba, seguiu gobernando o condado de Coimbra, sempre en mans de condes galegos; ou sexa, que dona Teresa goberna ao sul do Douro e o seu fillo Afonso Henriques entre o Douro e o Miño; á morte de súa nai en 1130 trasládase de Guimarães a Coimbra. En 1139 tomou o título de rei e en 1143 recoñécese mediante tratado a independencia do novo Estado portugués, confirmada por Roma en 1179. García, como rei de Galiza, asumira tamén a autoridade dos condes de Portucale, sendo a súa sobriña Teresa e o fillo desta Afonso Henriques os seus herdeiros e por tanto continuadores da liña histórica, polo que a independencia de Portugal constitúe un problema dinástico dentro da Galiza.

    Para comprendermos o papel da lingua galega como lingua cortesá debemos ter en conta, ademais, que o infante herdeiro do trono de Galiza Afonso Raimúndez, fillo de dona Urraca e neto de Afonso VI, foi proclamado como rei de Galiza polo conde de Traba Pedro Froilaz e polo arcebispo Xelmírez en 1110 ou 1111; como rei de Galiza gobernou Toledo en vida de súa nai a partir de 1117, continuando coa tradición galaico-toledana do seu avó. E cando en 1126 morre súa nai, o rei galego Afonso Raimúndez (Afonso VII) herda os reinos de León e Castela, afirmando así a Gallaecia a súa hexemonía política na Península; no Concilio de Carrión de 1130 recoñécese o triunfo da Gallaecia compostelá ao se ver confirmado Afonso VII como rei co apoio de Galiza e en 1135 é coroado Emperador na cidade de León coa participación de nobres e bispos galegos, feito que non significa a supremacía de Castela, senón a dun rei "feito e criado en Galicia e por galegos, un rei galego"(7).

    O reinado de Afonso VII significou o triunfo da política galaica coa vitoria de Gallaecia fronte a Navarra/Aragón, sen que Castela tivese nengún papel relevante nese conflito histórico, pois non pasaba de ser unha encrucillada entre eses reinos; mesmo Afonso VII tivo que a recuperar para o seu reino ao principio do seu reinado, pois daquela estaba incorporada a Aragón. Afonso VII pretendía a transformación do Imperio galaico dos seus antepasados nun Imperio en toda a Península. Mais esta política veríase condicionada posteriormente pola perda de Toledo e pola separación de Portugal, que conseguira a súa independencia en 1143, despois da proclamación de Afonso VII como Emperador; estes dous factores son os que debilitan a forza de Galiza no que acabará por ser o Estado español(8).


2. A denominación da lingua do reino de Galiza

    Así pois, dado o predominio político da Gallaecia, non resulta raro constatar tamén a preponderancia do primitivo galaico como base do galego-portugués, do leonés e, a través deste, do castelán, segundo xa nos explicara o profesor Carballo Calero, converténdose a Gallaecia nun "viveiro de romances"(9). De todas as formas, a distancia entre os diferentes romances peninsulares antes do século X era moi pequena; Roger Wright mesmo se atreve a falar de monolingüismo na Península: "antes del milenio y a lo mejor antes del siglo trece desterremos también los conceptos diatópicos poco útiles y anacrónicos tales como gallego, leonés, castellano (etc.) que entonces sólo valían con sentido geográfico (sin, en esa época, usarse para distinguir entre lenguas claramente distintas); todos estos conceptos modernos estorban la vista clara. La Península (aparte los que hablaban el vascuence, el árabe, el hebreo, etc.) formaba una gran comunidad de habla, compleja pero monolingüe"(10).

    O romance que arredor do século IX d. C. se orixinou do latín falado na Gallaecia, que superaba amplamente as actuais fronteiras do país, é o galego, pois `galego' deriva de `Gallaecia' e á Gallaecia pertencía o núcleo principal de Portugal, como afirmara Carolina Michaëlis de Vasconcellos: "Nessa verdadeira Galliza medieval (quer comprehenda apenas a orla marítima da península até ao Porto, quer se estenda até ao Vouga, ou mesmo até Coimbra) entra sempre o núcleo fundamental de Portugal: o condado portucalense"(11). Para José Mattoso, xa por algunha razón "os romanos tinham feito do Douro a fronteira entre a Galécia e a Lusitânia"(12). Até meados do século XII vai existir certa unidade política neste territorio do occidente peninsular, que, de o non impediren os acontecementos políticos, provocaría que Galiza e Portugal mantivesen moi probabelmente desde aquela altura a unidade político-cultural hexemónica dentro da Península.

    A lingua romance común falada ás dúas bandas do río Miño débese chamar con propriedade galego por ser a lingua da Gallaecia(13); ao se dividir esta coa creación primeiro do condado e logo do reino de Portugal, o galego será a lingua da Galiza e tamén a lingua de Portugal, feito que posibilitará a aparición do nome composto galego-portugués, por pertencer a estes dous reinos peninsulares. Mais galego-portugués é unha denominación serodia, introducida polos eruditos portugueses a fins do século XIX. Así a xustificaba a propria Carolina Michaëlis de Vasconcellos: "Esta fragmentação da Galliza em duas metades, occorrida exactamente no momento psychologico da primeira florescencia da supposta poesia popular, obriga-nos a empregar o termo composto gallego-português"(14). José Joaquim Nunes, falando dos numerosos dialectos en que se dividiu o hispano- romano, afirma que "tem para nós particular interesse o que se usava nas margens do rio Minho e ao qual podemos dar o nome de galécio-português, pois foi dele que, mercê das diferenças que mais tarde vieram alterar a sua homogeneidade, primitivamente quase completa, se originaram depois as duas línguas faladas em toda a faixa ocidental da Península - o galego e o português"(15).

    Ora ben, se esta denominación non se empregou na época medieval, ¿cal foi, entón, o nome que se lle deu ao idioma da Gallaecia (e dos reinos da Galiza e de Portugal cando esta se dividiu) durante a Idade Media? O asunto non deixa de ter o seu interese ou, cando menos, non deixa de despertar certa curiosidade, pois pode resultar indicativo a respeito do que vimos tratando. Na Historia Compostellana, texto latino do século XII, aparece a expresión gallaeco vocabulo; e nunha relación de libros da biblioteca do arcebispo compostelán Bernaldo II dáse noticia, arredor de 1226, dun libro vello de sermóns de littera galleca, que con seguridade quererá indicar que estaba escrito en galego (e non en latín)(16). Mais a denominación predominante era, en contraposición a latín, a de romanço (aparece a fins do século XIV na Crónica Troiana e tamén nos Milagres de Santiago, por exemplo), xuntamente coa de lenguagem, linguagem ou a nossa linguagem, estas máis frecuentes en textos escritos en territorio portugués.

    Mais é ben sabido que a fins do século XII e principios do XIII xa se cultiva a poesía lírica nos reinos de Galiza e de Portugal. ¿Como se lle chamaba á lingua en que se escrebían as cantigas de amigo, de amor ou de escarnio e maldicer? O catalán Jofre de Foixá, autor dunhas Regles de Trobar escritas en occitano arredor de 1290, cita as linguas que el considera naquela altura habilitadas para a lírica: o francés, o provenzal, o siciliano e o galego; galego, pois, e non galego-portugués nen portugués, é a denominación que se lle daba á lingua dos cancioneiros, polo menos nos ambientes eruditos e trobadorescos(17). E nada pode resultar máis natural que esta denominación, pois o galego é a lingua da Gallaecia; e Portugal, como dicía Carolina Michaëlis de Vasconcellos, xorde no interior da Gallaecia.

    Non cabe dúbida de que, ao se converter Portugal en reino inependente da Galiza e ao esta ir entrando progresivamente na órbita de Castela, os portugueses van acabar por denominar o galego que falan co nome "político" de "portugués". Na Crónica Portuguesa de 1344 aparece a expresión segundo a linguagem de Portugal, mais aínda no século XVI João de Barros denomina a súa lingua como linguagem. En territorio galego, nos Milagres de Santiago, de fins do XIV ou de principios do XV, figura a expresión lingoajem galego. Será cara a meados do século XV cando o Marqués de Santillana, perante a consolidación de Portugal como reino, termine por denominar a lingua dos cancioneiros como "gallega o portuguesa", entendemos que por ser a lingua de Galiza e de Portugal, reinos xa definitivamente separados politicamente: "E despues fallaron esta arte que mayor se llama e el arte comun -creo- en los Reynos de Gallizia e de Portugal, donde non es de dubdar quel exerçiçio desta sçiençia más que en ningunas otras regiones e prouinçias de la España se acostunbró en tanto grado que non ha mucho tiempo qualesquier dezidores e trobadores destas partes, agora fuessen castellanos, andaluçes, o de la Estremadura, todas sus obras componían en lengua gallega o portuguesa"(18).

    Convén, con todo, insistir en que a división política de Galiza en dous reinos, consolidada a meados do século XII, non rompe a unidade lingüística, continuando a lingua a ser a mesma a ambos os lados do Miño. Ora ben, a partir da segunda metade do século XII, a política portuguesa trasládase definitivamente cara ao sul, estabelecéndose finalmente Lisboa como capital do reino; o galego de Portugal convértese así en lingua protexida polos reis e, cada vez máis, irase transformando nun poderoso instrumento cultural e mesmo político.

    Mais o modelo lingüístico que se irá conformando na corte lisboeta non será o do norte, senón o do sul, máis influído polas falas mozárabes. Tal modelo, convertido en lingua oficial do Estado, acabará por se denominar "portugués", perdendo o nome de "galego", indicador da marca de orixe. Como consecuencia dos descobrimentos, en que Portugal participou como grande potencia colonizadora, o (galego)portugués vaise estender por diferentes continentes, converténdose tamén nunha das principais linguas do mundo. Para María Xosé Queizán esta lingua continúa a ser a galega: "Non existe o galego- portugués (sería como dicir castelán-español). Portugal debe superar o autoodio, o medo a recoñecer os principios e admitir orgullosamente que fala Galego, o romance derivado do latín vulgar. Orgullosamente, tanto porque a eles, ao teren conseguido a independencia de Castela, se debe a permanencia do idioma e a eles tamén a súa conservación, extensión e prestixio. Aquí na Galiza debemos superar a mentalidade colonizada e adoptar a posición forte. Proclamar que o galego é a lingua de millóns de persoas en varios continentes, con cultura e literatura importantísimas e unirnos a elas, falando como falamos. O Goberno Galego ten a obriga de publicalo, de difundilo nos países onde se usa, e de normalizar a situación"(19).

    Só algúns eruditos farán referencia a que esa lingua tan importante no mundo tivo a súa orixe na Galiza, antes grande e poderosa e hoxe pequena e esquecida. As normas e orientacións lingüísticas que, desde o primeiro momento en que Lisboa se converte na capital do reino, emanan da mesma, acaban por chegar ao norte de Portugal, mais non traspasan o río Miño, primeiro ponte de unión e prolongación dunha mesma identidade xeográfico-cultural e agora fronteira de separación política.

    Así pois, mentres Portugal, "gallego-português nas suas origens", "integrado com sangue mozarabico", se vai converter lentamente nunha "nacionalidade nova, como genio seu e missão individual"(20), a Galiza constitúe un reino que vai ir ficando sen rei exclusivo e sen unha corte que potencie o idioma. Cando Compostela alcanza un grande esplendor, durante o século XII, a lingua escrita era aínda o latín, e cando no século XIII xorde unha brillante literatura en galego, Galiza xa vai camiño de se submeter ao reino de Castela, que acabará posteriormente por afogar a conciencia lingüística dos galegos, sumindo a súa lingua e literatura nese longo túnel dos séculos escuros. Galiza mantense como reino independente até 1230, cando comeza a hexemonía de Castela na coroa centro-occidental. Mais debe ficar claro que o galego entra en crise neses séculos escuros, por exemplo, en Pontevedra, mais non no Porto.

    Transcorrido o período do galego medio, ao intentar recuperar o uso escrito do noso idioma no século XIX, xa se terá perdido o vínculo coa primitiva lingua galega na súa forma escrita, reaparecendo agora un galego literario graficamente -e tamén nalgúns aspectos léxicos e morfolóxicos- inserido no ámbito da cultura española. Este será o galego moderno, que, igual que o medieval, se caracteriza polo polimorfismo, consecuencia directa da carencia dunha entidade encarregada de rexer ou regular o idioma, entidade que si houbo en Portugal; aínda para quen con máis énfase defende a separación xa temperá entre galego e portugués, como R. Lorenzo, este será curiosamente o factor máis importante da diferenciación: "O escritor galego atopouse en tódolos tempos do idioma cunha morea de posibilidades fonético-morfosintácticas e, en vez de se decidir por unha delas, combinounas constantemente na súa produción. Isto vale tanto prós escritores de hoxe coma prós do séc. XIII ou XIV. Nos textos portugueses medievais tamén hai alternancias, pero son menores e desde o comenzo vanse atopando unhas normas xerais. Nisto está a grande diferencia entre as dúas comunidades lingüísticas"(21).

    De todas as formas, se a cuestión da identidade entre galego e portugués na actualidade é polémica e caben argumentos nunha ou noutra dirección, parece evidente que durante toda a época medieval existe unha clara unidade lingüística galego-portuguesa, a pesar de certas preferencias a un lado ou a outro do Miño, que nunca nos deben impedir falarmos dunha única comunidade lingüística(22). Para Carolina Michaëlis, a esa esencial "uniformidade da lingua desde o extremo da Galliza até o extremo do Algarve, apenas com algumas variantes provinciaes, dentro de um typo commum" uníase unha "grande semelhança nos modos de viver, sentir, pensar, poetar -uniformidade e semelhança que fallam eloqüentemente a favor da affinidade primitiva de lusitanos e gallaïcos"(23).


3. Etapas do galego medieval

    Tres son os grandes períodos en que podemos dividir a historia da lingua galega: o galego antigo, o galego medio e o galego moderno. O galego antigo ou galego-portugués medieval comprende desde a súa aparición, arredor do século IX, até fins do século XV e, por tanto, tamén da Idade Media; o galego medio abranxe os séculos XVI, XVII e XVIII, chamados xeralmente séculos escuros pola práctica desaparición do galego como lingua escrita, aínda que convén distinguir os dous primeiros do XVIII, século da Ilustración; e o galego moderno, que inclúe o século XIX, século do Rexurdimento literario, e o XX, onde a lingua pasou por diferentes fases que desembocaron na situación actual.


3.1. O galego, lingua oral

    No período medieval ou galego antigo podemos sinalar dúas grandes etapas: unha primeira en que o galego é lingua oral, mais non escrita, que comprende desde o século IX até fins do XII, e unha segunda en que o galego se converte tamén en lingua escrita, que comprende os séculos XIII, XIV e XV.

    A primeira delas, que podemos denominar etapa primitiva ou preliteraria, comprende os catro primeiros séculos da vida do idioma, desde que este apareceu como forma diferenciada, por evolución do latín vulgar falado na antiga Gallaecia, até á aparición dos primeiros textos escritos no novo romance a principios do século XIII. Durante este período o galego vaise caracterizar por ser unha lingua exclusivamente falada, conservando o latín o carácter de lingua escrita, pois funciona en todo o Occidente como verdadeira lingua internacional, aínda que para a pequena minoría letrada, fundamentalmente clérigos, non houbese máis nación que a cristiá; o pobo ágrafo vai basear a súa identidade no seu romance particular, deturpación do latín vulgar, que no noso caso será o galego, elemento diferenciador con relación aos pobos viciños e vertebrador da nación galega, constituída en torno a el(24).

    Antes do século IX aínda podemos falar dun galego prehistórico que despontaba nos primeiros séculos da era cristiá aos dous lados do río Miño de modo substancialmente uniforme, mais do que non existe outra documentación que a do latín vulgar das inscricións peninsulares. A partir do século IX existen documentos públicos ou privados, ou ben documentos xurídicos, escritos nun latín bárbaro e artificial que nunca tivo vida propria na fala; era este latín obra de escribáns obrigados a usaren unha lingua que xa ignoraban en boa medida, caíndo por iso en irregularidades consistentes, en parte, na intercalación de numerosas locucións e vocábulos do novo romance que eles falaban; a este conxunto podemos chamarlle galego protohistórico, que comprende os séculos IX, X, XI e XII; ao finalizar este último século comezarán a aparecer textos literarios que van pór fin ao reinado do latín bárbaro, iniciando unha nova etapa(25).

    Ao longo da Idade Media o galego vai asumir todas as funcións proprias dunha lingua normalizada, salvo a internacional, reservada ao latín en todo o ámbito da Romania; así, o galego é a lingua de identidade, familiar e de relación social de todos os galegos, sen distinción de clase social nen de ubicación rural ou urbana; tamén é o galego a lingua propria do mundo laboral en todos os seus ámbitos e a que se utiliza para a relación do individuo coas diferentes institucións sociais, como concellos, igrexa ou gremios; a función cultural, reservada nun principio ao latín como lingua escrita, vai ser tamén asumida posteriormente polo galego, e de forma espectacularmente brillante na época trobadoresca no campo da lírica, aínda que o latín sexa a lingua xeral de comunicación entre persoas de linguas diferentes durante toda a época medieval(26).

    No período anterior ao nacemento dos novos romances o latín apresentaba unha variedade culta, utilizada como lingua escrita e nos ámbitos máis formalizados, e outra variedade vulgar, empregada como lingua oral nos contextos informais -o chamado latín vulgar-, orixinando unha situación de endodiglosia ou diglosia interna, por se producir entre variantes dunha mesma lingua; dese latín vulgar xurdiron as linguas románicas. Nos catro primeiros séculos de vida do noso idioma -aproximadamente desde o ano 800 ao 1200-, dáse certamente unha diglosia -agora exodiglosia por se tratar de dúas linguas- entre a variedade culta ou formal do latín e o galego, continuación natural do latín vulgar, o primeiro utilizado como lingua escrita -por tanto nun ámbito culto e nuns usos sociais privilexiados- e o segundo como lingua oral; aínda que, de atendermos as suxerentes hipóteses de Roger Wright, a diferenza entre a lingua latina (latín escrito ou `gramática') e a lingua vulgar (romance galego falado) non sería percebida como se se tratase de dúas linguas distintas, senón máis ben como dous estilos dentro dunha mesma lingua: "Lo escrito entonces era exactamente `elaboración estilística del habla', como el gallego o el castellano escrito de hoy lo es del gallego o del castellano hablado... El latín y el romance no eran entonces, aunque lo fueran a ser más tarde, dos lenguas conceptualmente `autónomas'. Creer en este espejismo anticuado nos causa problemas a los filólogos; dejar de creerlo los puede solucionar"(27).

    Mais, de todas as formas, non deberíamos deducir de aquí que a nosa lingua pasou nese período por unha etapa de diglosia ou de anormalidade social semellante á que se deu nos últimos séculos e aínda se está a producir na actualidade(28). A pesar de o latín ser a lingua escrita, o galego tivo durante eses séculos a mesma 'normalidade' que o resto das linguas que, igual ca el, proviñan da evolución do latín vulgar; o galego foi, pois, tan 'normal' no seu territorio como o foron o castelán, o catalán, o francés ou o italiano nos seus respectivos. Inclusive Wright, en coherencia cos seus atrevidos postulados, nega a existencia de diglosia: "No hay indicio alguno de que entonces hayan distinguido de manera metalingüísticamente tajante entre lo hablado y lo escrito como dos lenguas autónomamente distintas. No creo que sea ni siquiera posible que hayan tenido entonces tal situación de diglosia, la cual requiere sistemas pedagógicos de una complejidad que no podemos postular para la Galicia del siglo diez"(29).

    O latín era a lingua oficial das cortes cristiás de todo o Occidente de Europa durante a Idade Media polo feito de ser tamén a única lingua oficial que a Igrexa, auténtica institución de carácter internacional naquela altura, utilizaba. Mais o galego pasou a ser a lingua falada por todos os estamentos sociais, sen complexos nen distinción de clases. Estes catrocentos primeiros anos de vida do idioma debemos contabilizalos, pois, como de plena normalidade lingüística no noso territorio con relación ao contexto histórico, social e político en que o galego estaba inscrito.

    Mais tamén debemos contemplar o dominio e expansión territorial do galego no ámbito oral á luz da verdadeira extensión e importancia do reino de Galiza no período que estamos a tratar. Se do primitivo romance galaico oriental ou leonés naceu o castelán no seu límite oriental, o galaico occidental ou galego foi a lingua cortesá do reino da Gallaecia por ser no occidente onde estivo o centro do Imperio galaico, con Santiago de Compostela como corte máis importante en moitos momentos da súa historia. Andrés Pena Graña considera que con Ordoño I (914-924) "comeza o que será a tónica dominante na historia do reino de Galicia, ao darse o caso de o rei galego herdar os outros reinos do NW peninsular", feito que segundo el os historiadores casteláns e leoneses teñen interpretado intencionadamente como unha absorción do reino galego por León ou Castela; e engade: "O reino galego non se absorbe, figura sempre a carón dos outros nos diplomas, outra cousa é que os historiadores sobreditos silencien este feito. Seguindo esta metodoloxía podiamos argüir con moita máis razón que é Galicia a que engule os outros reinos. Ordoño I foi proclamado rei como Ordoño II de Asturias e León (914-924). A partires de agora a lingua dos monarcas será o galego. Os infantes serán criados polos titores das grandes familias galegas e a cultura e diplomática levarán selo galego"(30).

    Se a principios do século X o galego é a lingua cortesá empregada polos monarcas, dous séculos despois temos un testemuño documental que nolo ratifica. Afonso VI, rei de León, mais tamén de Castela e Galiza como se viu, nacido en Compostela segundo Murguía(31), prometera o reino de Galiza ao fillo de dona Urraca Afonso Reimúndez, mais reservábase León e Castela para o seu fillo don Sancho, morto na batalla de Uclés arredor de 1109; nunha crónica de Frei Prudencio Sandoval, historiador nacido en Valladolid a meados do século XVI, nárrase que o rei Afonso VI recebeu en Toledo a triste nova da morte do seu único fillo "y en la lengua que se usaba dijo con dolor y lágrimas que quebraba el corazón: «Ay meu fillo! ¡Ay meu fillo! ¡Alegría do meu corazón et lume dos meus ollos, solaz da miña vellez!...»(32). Temos, pois, que a principios do século XII o galego era a lingua que se usaba na corte de Afonso VI e que usaba o proprio rei mesmo nas súas manifestacións máis íntimas e espontáneas.

    A propósito de Afonso Reimúndez, afirma Mercedes Brea: "É decir, houbo un momento no que un rei, nacido e criado en Galicia (cos condes de Traba), foi primeiro, e durante un tempo, só rei de Galicia, e logo foi extendendo o seu poder (sempre por vía de herdanza) ó resto do territorio cristiano peninsular (excepto Portugal, que é xa cousa aparte). Que a lingua da súa corte fose o galego non sería de extrañar"(33). Inclusive no século XIII Fernando III e o seu fillo Alfonso X estiveron vinculados con Galiza e co galego, seguramente a súa lingua familiar, como demostra o dominio que este último posuía dela(34).

    Emilio González López sostén que o galego-portugués foi a lingua culta do reino de León nos primeiros séculos da Reconquista e moi ben puido ter sido a lingua común de todo o occidente peninsular se non acabase por se producir o dominio político de Castela: "A língua galaico-portuguesa, convertida máis tarde no idioma portugués, na língua nacional de Portugal, puido ter sido tamén a língua común aos outros pobos hispánicos do occidente da península que se agruparon arredor de León. Nos primeiros séculos da Reconquista foi o galaico-portugués a língua culta do reino de León. Soio coa ascendencia política de Castela, que someteu ao seu influxo ao reino leonés, comezou a declinar a influencia de Galicia e con ela da súa língua"(35).

    Menéndez Pidal, empeñado en resaltar o papel preponderante de Castela e do seu idioma seguindo o ideal castelanista, fala da loita entre o galego e o castelán pola hexemonía lingüística no reino de León, sen poder ocultar totalmente o importante papel que Galiza tivo(36). O mesmo Castelao ten reparado en que o galego fora lingua lírica e cortesá de Castela: "o romance galego percorreu un ciclo literario compreto, de tan outo valor artístico que traspuxo as fronteiras do noso país, chegando a ser língoa lírica e cortesán de Castela"(37). O profesor alemán Hans Schneider resalta así mesmo que, na súa fase arcaica, "el gallego fue lengua literaria de gran prestigio en Europa"(38).

    Á vista do poder político de Galiza nese período histórico, non parece, pois, arriscado pensar que o galego non só foi unha lingua moi valorada na lírica, senón que tamén gozou con anterioridade de prestixio como lingua de comunicación oral, xustamente por ser Galiza reino hexemónico e por ser o galego a lingua cortesá por excelencia. Tampouco resulta difícil concordar con Sebastián Martínez-Risco cando afirma: "Contemplando á luz desta perspectiva histórica a esgrevieza e dignidade de que entón gozaba a lingua galega, fica un, máis que doído, abraiado de que a esa mesma lingua, pervivente ao longo dos séculos, pretenda negárselle hoxe, por algúns moito menos outos varóns, o pan e o sal, e poda ser tida por outros como «pouco fina»"(39).


3.2. O galego, lingua escrita

    A distribución de funcións entre o latín, lingua escrita, e o galego, lingua oral, facíase cada vez máis difícil de manter porque somente un moi reducido número de persoas era capaz de entender xa a lingua do Lacio, progresivamente distanciada do romance pola propria evolución deste, ou de escreber un texto nela. Os mesmos escribáns tiñan graves dificuldades para a correcta utilización do latín, polo que, cunha frecuencia crecente, vertían nos seus documentos palabras e estruturas lingüísticas do romance en lugar das correspondentes formas latinas; e as persoas que encarregaban os documentos ou eran destinatarias dos mesmos tiñan tamén cada vez maiores problemas para os entenderen.

    Así pois, por ineludíbel necesidade de comprensión, o galego vaise converter tamén en lingua escrita, primeiro nos documentos privados e con posterioridade en documentos públicos. Tal uso do galego como instrumento útil e necesario na escrita de carácter documental vai coincidir co emprego literario do mesmo, iniciándose así unha nova etapa na vida do idioma, que comeza co século XIII, en cuxa primeira metade aparecen en galego documentos de compra-venda, testamentos, doazóns, etc., mais tamén as primeiras cantigas da escola trobadoresca galego-portuguesa, algunhas datadas mesmo no inicio do século.

    No dominio lingüístico da Península Ibérica o castelán, o catalán e o galego- portugués convertéronse moi rapidamente en linguas "oficiais" nos textos escritos. O galego(portugués) pasou a ser desde moi cedo lingua escrita oficial de Portugal, potenciada durante o reinado de Afonso III o Boloñés e definitivamente impulsada polo rei D. Dinís (1279-1325), sendo aínda maioritariamente utilizada con posterioridade en todos os seus usos na época en que Portugal vai ficar baixo o poder de Castela (1580-1640), a pesar de nese período de monarquía dual boa parte dos escritores portugueses se converteren en bilingües(40). Mais non aconteceu así en xeral con outras linguas románicas, pois, por exemplo, o francés non sería oficializado formalmente até ben entrado o século XVI, as discusións sobre o italiano chegaron ao século XIX e o romeno oficializouse na segunda metade dese mesmo século XIX.

    Durante esta etapa o galego segue a ser a lingua falada por toda a poboación galega, substituíndo tamén agora o latín como lingua escrita maioritariamente. Esta etapa xa literaria podemos subdividila en dúas épocas: a trobadoresca e a postrobadoresca, tomando como referente a manifestación máis rechamante desa lingua escrita, que é a literaria. A época trobadoresca comprende desde a aparición dos primeiros textos escritos a principios do século XIII até 1350, cando se dá por finalizada a escola lírica galego-portuguesa. É a época de esplendor do galego medieval, pois nela desenvólvese esta escola lírica que dá lugar ás espléndidas cantigas de amor, de amigo e mais de escarnio e maldicer recollidas nos Cancioneiros, así como ás Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio e a outros textos en prosa. As primeiras cantigas conservadas corresponden aos inicios do século XIII, podéndomos afirmar que o galego escrito se manifestou en primeiro lugar a través da poesía lírica.

    A época postrobadoresca comprende desde 1350 até finais do século XV, sendo esta unha época de decadencia coa desaparición da esplendorosa escola lírica galego- portuguesa e a súa substitución pola menos brillante escola galego-castelá, que pretendía imitar o estilo daquela, mais cuns resultados pobres tanto desde o ponto de vista artístico como lingüístico, chegando mesmo nalgúns casos a unha especie de hibridismo galego- castelán.

    Tamén a principios do século XIII se documentan os primeiros textos en prosa tabeliónica conservados, aínda que son un pouco posteriores aos líricos. Por volta de 1214 están datados dous documentos de carácter notarial de grande importancia para o estudo da lingua, o Testamento de Afonso II e a Noticia de Torto, aparecidos alén Miño, mais perto do que hoxe é territorio galego, sendo de arredor de 1230 o primeiro documento aparecido até agora en galego dentro dos límites xeográficos da Galiza actual, como afirma Filgueira Valverde: "Mais o certo é que o primeiro documento con frases galegas sigue sendo a doación de Petrus Cipriaes ao mosteiro de Samos no 1227, dez anos posterior, como creo, ao primeiro do Alén-Miño. Con meirande texto e quizais tamén coa conciencia de non escribir en latín aparece o galego no litixio de Munio Fernández de Rodeiro e os viciños de Moreira no 1230, publicado por López Peña"(41). Con todo, até 1255 non se documenta unha significativa cantidade de textos en prosa romance(42).

    Desde a segunda metade do século XIII o galego comeza así mesmo a ser utilizado na prosa literaria de carácter narrativo, fundamentalmente na tradución, refundición, adaptación ou recriación das lendas artúricas (Libro de Xosé de Arimatea, Libro de Merlín, A Demanda do Santo Graal, Libro de Tristán), troianas (Crónica Troiana, Historia Troiana) ou xacobeas (Miragres de Santiago, Corónica de Santa María de Iria); algúns destes textos consérvanse fragmentariamente e outros perdéronse nas súas primitivas versións, mais hoxe sabemos con seguridade que os galegos podían ler na súa propria lingua as novelas cabaleirescas que estiveron de moda en Europa na época medieval.


4. O galego, lingua lírica peninsular

    A lingua empregada nas cantigas medievais é máis depurada que a da prosa documental, apresentando unha notábel perfeición e un carácter substancialmente unitario a un lado e outro do Miño, chegando a se converter en lingua lírica de todos os reinos cristiáns da Península, coa excepción de Cataluña. Xa se citou anteriormente a afirmación do Marqués de Santillana de que todos os trobadores, fosen "castellanos, andaluces o de la Estremadura", compuñan as súas cantigas en lingua galega ou portuguesa. E isto resulta evidente con citar casos como o de Martin Moxa, aragonés, ou o tan socorrido do rei de Castela Afonso X o Sabio.

    Para Rodrigues Lapa a lingua trobadoresca é a que "denuncia o verdadeiro falar corrente", constituíndo para el un absurdo "dizer-se que a língua dos trovadores era artificial", pois iso suporía negar "toda a bela sinceridade e autenticidade do antigo lirismo galego-português"; porén, "o instrumento de que se serviam os trovadores era uma língua estilizada, que pairava por cima das variações dialectais", sendo "este convencionalismo, esta aspiração de universalidade que garantiram o prestígio e a irradiação do idioma galego- português como veículo da poesia lírica da Península"(43).

    Ao tratar das orixes da cantiga de amigo, Tavani di que esta "non pode ser máis ca un producto do específico ámbito literario dunha superestructura dada, á súa vez en relación dialéctica cunha base histórica ben precisa, que é a do reino galego-asturiano-leonés, isto é, da entidade socio-económica e superestructural en vías de consolidación, entre os séculos XI e XII, no recanto noroccidental da península ibérica, en función antagonística respecto tanto da árabe-andaluza á que se arrepón, coma da área castelán-navarra que se lle opón concorrencialmente". Tal superestrutura non pode ser outra que o reino da Gallaecia, aínda que Tavani non o mencione expresamente, co núcleo básico do seu poder no territorio galego e fundamentalmente en Santiago de Compostela. Este non recoñecemento parece ser o que lle impide a Tavani achar unha explicación coherente á caracterización galega da lírica, cando afirma que "falta aínda por explica-lo motivo polo que a poesía lírica expresada por esta entidade socio-económica e superestructural foi galega e, pola contra, non asturiana ou leonesa"(44), explicación que vai achar na importancia de Santiago de Compostela como único "centro cultural de relevo internacional existente en todo o reino galego-asturiano-leonés, e mesmo o máis prestixioso de toda a península ibérica", a pesar de resaltar a importancia política de León: "Así a todo, aínda non abonda isto para explica-la posición de privilexio asumida no ámbito literario pola área galega, tanto no interior do estado leonés coma en comparación coas outras zonas hispano-cristiás: unha posición de privilexio que para realizarse en forma dunha hexemonía cultural de dimensións peninsulares esixía a presencia dun centro axeitado, no cal confluísen, para seren oportunamente e autonomamente reelaborados, os estímulos á creación de productos superestructurais condicionados por unha base socio-económica dada e ó mesmo tempo capaces de condicionárena. Na área galega existía tal centro cultural, e era a cidade desenvolvida arredor do santuario xacobeo de Compostela"(45). Mais, como xa se viu con anterioridade, isto non pode ser alleo á importancia política do reino da Galiza.

    Así pois, o feito de o galego se converter en lingua lírica peninsular tamén o debemos pór en relación co dominio político da Gallaecia, que non se pode dar por terminado no século XII coa independencia formal de Portugal, pois a separación dos reinos non foi ríxida desde o seu inicio. As dióceses galegas, salvo Santiago, pertenceron durante séculos a Braga; e Lisboa, Évora, Lamego, Salamanca e Zamora, entre outras, a Santiago, producíndose a separación de Lisboa da diócese compostelá a partir de 1400. Ademais, como afirma Camilo Nogueira, entre 1143, ano en que Afonso Henriques é recoñecido como rei de Portugal, e 1230, cando morre Afonso IX de Galiza, houbo dous reinos galaicos independentes, pois: "Tan galego era o reino de Gallaecia-León con Fernando II (1157-1188) e Afonso IX (1188-1230) -os dous enterrados en Santiago-, como o reino de Gallaecia-Portucale, con Afonso Henriques (1128/43-1185), Sancho I (1185-1211), Afonso II (1211-1223) e Sancho II (1223-1248)". Da identidade galaica destes dous reinos serían boa mostra "o Pórtico da Gloria, as Cortes de Gallaecia en León, os forais municipais que inzaron toda Galicia, a expansión por toda Extremadura, a literatura en galego florecendo en toda a Península"(46).

    A identidade lingüístico-cultural que reflicten as cantigas trobadorescas galegas e portuguesas (galego-portuguesas), posta de manifesto polos estudiosos das mesmas, e por que non achamos máis diferenzas entre os textos dun trobador de Lisboa e outro de Compostela que as derivadas do proprio estilo persoal do autor -aliás moi condicionado polo carácter paradigmático da nosa `escola' trobadoresca-, hai que a pór en estreita relación con esa identidade política "galega" dos dous reinos, resaltada tamén por Castelao: "Imos supor que houbo dúas Galizas -a que se foi e a que se quedou, a que se axuntou con Castela e a que enxendrou a Portugal-; pero é induvidable que ambas as dúas tiñan un mesmo mecanismo sonoro, un mesmo xeito tonal e rítmico, unha mesma língoa, unha mesma arte e unha mesma cultura; en fin, unha mesma alma patria; e, polo tanto, a división de Galiza en dous Condados, que dispois se convertiron en Reinos diferentes, non autoriza a distinguir dúas modalidades creacionistas, según estas se produxesen nunha ou noutra beira do río Miño, pois a nación galega chegaba até o Douro, e todo canto se veu chamando `galaico-portugués' é realmente e unicamente `galego'. Don Dinis de Portugal non era, de certo, un rei de Galiza; pero como trovador foi tan galego como seu abó, o Rei Sabio de Castela, cando este compuxo as Cántigas" (47).

    Tal identidade evidénciase ao comprobarmos que moitos dos altos cargos do goberno portugués mantidos por Afonso Henriques eran nobres con posesións e raíces familiares ao norte do Miño, o que leva o historiador portugués José Mattoso a afirmar: "As relações familiares entre os nobres dos dous lados da fronteira, e as fáceis oscilações dos senhores entre os dois reinos, mostram uma perfeita ósmose entre as nobrezas galega e portuguesa, senão uma verdadeira identidade"(48). As fronteiras non estaban aínda consolidadas no século XII, producíndose constantes invasións dos reis de Portugal ao norte do Miño e influíndo os reis galegos en Portugal, sen que esa rivalidade fronteiriza conxuntural impedise "as intesas trocas culturais entre Portugal e a Galiza de que a poesia trovadoresca é expresão bem conhecida"(49), segundo tamén afirma Mattoso, quen subliña o importante papel da nobreza galega no dominio da cultura cortesá dos séculos XIII e XIV, xusto no período de esplendor da lírica; este mesmo historiador portugués considera que só a fins do XIII comeza a xurdir unha lenta conciencia de diferenciación da nobreza portuguesa a respeito da galega, o que explica con claridade a identidade da lírica galego- portuguesa: "A nobreza portuguesa, todavia, só para o fim do século XIII parece ir emergindo lentamente para uma consciência da sua diferença em relação com a galega"(50).

    Cabe, pois, contemplarmos outra interpretación máis verosímil sobre a preponderancia do galego na lírica peninsular durante os séculos XIII e XIV, en contra da tópica e pouco consistente apelación ás especiais características `espirituais' da nosa lingua ou das nosas xentes; e isto con independencia da adecuación entre linguas e xéneros de escrita, xa que, segundo dixo Carballo Calero, no século XIII existían na Romania catro linguas habilitadas para a lírica (o galego entre elas, como única lingua peninsular) e empregar outra "tenía que resultar grotesco"(51).

    A explicación posibelmente haxa que a procurar na hexemonía da Gallaecia, que faría que a cultura, nesa altura posta de manifesto a través da lírica, se expresase no idioma do poder político dominante, como sostén C. Nogueira: "Por outra parte é unha cousa absurda, que non sei porque se sigue repetindo, dicer que o galego era utilizado por ser unha língua máis apta para a lírica. O que sucede é que a cultura da época expresábase através da lírica, como anos despois, cando a autoridade real se expresa através das leis, comezan a ter importancia os textos lexislativos. O castelán é posterior. Lapesa, Menéndez Pidal ou Sánchez Albornoz non se explican como o galego era a língua de cultura en Castela. Pois igual que hoxe o inglés é a língua da informática pola existéncia dos Estados Unidos. Afonso X, o Sábio, non facia máis que escreber na língua dos seus avós. Era fillo de Fernando III e neto de Afonso IX, que está enterrado en Santiago. Fernando II, o seu bisavó, foi o que lle encarregou o Pórtico da Glória ao Mestre Mateo. Afonso X xa tiña o poder no Sul, estaba enfrentado politicamente a Santiago, era xa un rei castelán, pero falaba galego"(52).

    Téñase en conta tamén que Salamanca foi unha Universidade galaica instituída polo rei galego Afonso IX (1188-1230) e administrada durante séculos por Compostela, sendo tamén os seus profesores case todos galegos. Por outra parte, que en certos lugares de Estremadura se fale aínda hoxe galego podería así mesmo achar unha explicación máis convincente a partir da consideración da Gallaecia como reino hexemónico na Idade Media: "Non hai nada de extraño en que en certos lugares de Extremadura, dos que hoxe se está a falar moito, se fale galego: non estamos máis que ante os restos da sua própria língua"(53).

    Mais, aínda circunscrebéndomonos aos límites territoriais da Galiza actual, ao norte do Miño, é de resaltar a importancia do elemento galego na escola lírica trobadoresca, como puxo de manifesto o profesor Rodrigues Lapa: "Quando dizemos `o nosso lirismo', pretendemos significar o lirismo galego-português. E, se repararmos bem, fora de toda a preocupação nacionalística, as primeiras manifestações da arte trovadoresca e até os maiores trovadores, tirante D. Dinis, acusam o predomínio evidente do elemento galego sobre o elemento português, o que pode fazer supor que o foco irradiador da nova poesia esteja sobretudo na região de Além-Minho. Pelo menos, a procedência averiguada da maior parte dos trovadores assim o indica"(54).

    A pesar dos problemas que apresenta a documentación peninsular para a localización xeográfica de grande parte dos autores da escola, especialmente no referente a aqueles de procedencia non aristocrática, con todas as reservas e cautelas, podemos considerar xograis e segreis de orixe galega, entre outros máis dubidosos, os seguintes: Abril Perez, Airas Paez, Bernal de Bonaval, Fernan do Lago, Golparro, Joan Baveca, Joan de Cangas, Joan de Requeixo, Joan Servando, Juião Bolseiro, Lopo, Martin Campina, Martin Codax, Martin de Caldas, Martin de Ginzo, Martin Padrozelos, Meendinho, Nuno Porco, Nuno Treez, Pai Calvo, Pero da Ponte, Pero de Armea, Pero de Berdia, Pero de Veer, Pero Meogo ou Vasco Fernandez Praga de Sandin. No grupo dos trobadores, considerados em sentido lato, serían de procedencia galega, entre outros, Afonso Eanes do Coton, Afonso Soares Sarraça, Airas Carpancho, Airas Moniz de Asme, Airas Nunez, Airas Perez Vuitoron, Diego Moniz de Asme, Fernan Figueira de Lemos, Fernan Padron, Fernan Paez de Tamalancos, Joan Airas de Santiago, Joan Garcia, Joan Lopez de Ulhoa, Joan Nunez Camanez, Joan Romeu, Lopo Lians, Nuno Fernandez de Mirapeixe, Nuno Fernandez [Torneol?], Osoiro Anes, Pae da Cana, Pai Gomez Charinho, Pai Soarez de Taveiros, Pedro Eanes Solaz, Pero Garcia de Ambroa, Pero Velho de Taveiros, Roi Fernandez de Santiago, Roi Paez de Ribela ou Sancho Sanchez.

    En total, seguindo e ponderando as hipóteses das últimas investigacións de conjunto, poderíamos concluír que dos cerca de 150 autores de que a tradición manuscrita galego-portuguesa nos fixo chegar obra poética, uns 64 serían, probabelmente, galegos de aquén Miño, uns 70 portugueses, uns 11 doutros reinos peninsulares (Afonso X, Afonso XI, Joan Vaasquez de Talaveyra, Pero Garcia Burgales, Men Rodriguez Tenorio, Martin Moxa, D. Gomez Garcia, Galisteu Fernández, Caldeiron, Estevan da Guarda, Joan de Leon) e 4 extrapeninsulares (o xenovés Bonifacio Calvo, o provenzal Arnaldo(55) [Arnaut Catalan?], Picandon, Rimbaut de Vaqueiras)(56). Todos eles poetizaron en lingua galega, conferíndolle a esta o carácter de lingua lírica peninsular.

    Ora ben, falarmos da importancia da componente galega no lirismo trobadoresco en nada altera a substancial unidade cultural e a homogeneidade linguística, estilística, retórica, métrica ou musical que conferen a este corpus lírico conservado a denominación de lírica trobadoresca galego-portuguesa, reflexo cabal da unidade política e cultural do antigo reino da Gallaecia a que esta lírica serve e de que esta lírica deriva.

    Cara a meados do século XIV a escola lírica galego-portuguesa entra en decadencia, a que non pode ser totalmente allea a evolución da situación política na Galiza. A partir do reinado de Fernando III (1230-1252) o reino de Galiza, conservando sempre o seu proprio carácter, viuse integrado na coroa de Castela-Toledo-León, iniciando moi lentamente o camiño da decadencia política e económica, que finalmente tamén acabará por se converter en decadencia cultural. A unión de Castela e León, coa crecente influencia de Toledo como centro da cultura substituíndo en parte a Santiago (Afonso X e a Escola de Tradutores), vai ir pouco a pouco disolvendo a realidade política galega na coroa de Castela, aínda que isto non se logrou até o século XVI(57).

    A estas circunstancias políticas van unidas outras causas que explican o inicio da decadencia: Castela afianza o seu prestixio político e cultural na Península; Portugal consolídase como nación e oriéntase cara ás campañas ultramariñas; Galiza inicia o proceso de substitución da súa nobreza por outra allea como consecuencia da guerra civil entre Henrique de Trastámara e Pedro I, impedindo as guerras irmandiñas a consolidación dunha burguesía mercantilista propria; a cultura e os modos de Castela vanse ir introducindo progresivamente tanto en Portugal, aínda que máis tardiamente, como en Galiza, consecuencia do proceso de perda de identidade política; consolidación de Toledo como capital do lirismo hispano, alleando a lírica galego-portuguesa do seu ámbito lingüístico e cultural; así mesmo, as peregrinacións a Santiago de Compostela tamén decaen, perdendo importancia como centro de irradiación cultural.


5. O galego, lingua "oficial" da Galiza na Baixa Idade Media

    O feito de que a partir da segunda metade do XIV e durante o XV a lírica entre en decadencia e se vaian dando as circunstancias político-culturais que posteriormente han conducir paseniñamente aos séculos escuros non implica que a lingua galega entrase xa en crise naquel período; o noso idioma continuou até o fin da Idade Media o seu camiño de plena normalidade, asumindo aqueles ámbitos de uso que foron comúns ás linguas do seu contorno.

    Se desde o século IX ao XII o latín desempeñou en toda a Romania, e por tanto tamén no dominio lingüístico galego, o papel máis ou menos correspondente ao que hoxe chamaríamos "lingua oficial", pois esta era a lingua utilizada nos textos escritos, tanto de carácter documental como literario, a partir do século XIII ese papel pasouno a desempeñar no noso territorio o galego principalmente.

    Se o galego(portugués) se converte moi cedo en lingua "oficial" de Portugal, con relación ao territorio coincidente coa Galiza actual, e seguindo o estudo documental de H. Monteagudo Romero(58), é na primeira metade do XIII cando aparecen os primeiros documentos en galego, estendéndose o seu uso na segunda metade dese século e xeneralizándose no século XIV, en que o galego non só se emprega nos documentos particulares, senón tamén nos públicos; no século XV continuará esta situación, aínda que na súa segunda metade o uso do galego se vai ir reducindo aos documentos particulares, onde perdurará durante a primeira metade do século XVI. E isto contando a lingua galega na parte final dese período co grave inconveniente de non posuír un monarca e unha corte de seu que impulsasen o uso da mesma, tal como aconteceu en Portugal ou en Castela.

    Constata H. Monteagudo que a documentación de carácter privado é "practicamente unánime" no uso do galego durante os séculos XIV e XV, que os poucos documentos que aparecen en castelán nos séculos XIII e XIV proceden sen excepción da Chancelaría Real e que os orixinarios da Galiza son "practicamente unilingües" en galego no século XIV. Aínda na segunda metade do XV, cando comeza a aparecer o castelán en documentos non emanados directamente da Chancelaría Real, a súa presenza é mínima con relación ao galego, pois contabiliza no corpus manexado cinco na lingua de Castela, fronte aos 1029 no noso idioma. Afirma o autor deste estudo: "Vemos polo tanto que a documentación privada, que foi por onde o galego comenzou o seu uso instrumental, constitúe un baluarte ben firme e seguro ata o S. XVI"(59).

    Ademais da utilización do galego en todo tipo de documentación privada, este tamén foi empregado polos organismos civís libremente conformados polos cidadáns, principalmente concellos e gremios, así como pola Igrexa nas catedrais, conventos, mosteiros, etc. Faise constar no estudo referido que a documentación dos concellos da Coruña, Santiago, Ourense, Betanzos ou A Póboa do Deán estaba redixida "integramente (ou case) en galego, polo menos durante os séculos XIV e XV. Quizais este uso perdurou, aínda que fose ocasionalmente, durante o S. XVI". Apórtase como exemplo o libro de actas do Concello de Santiago no período de 1416-1422, onde de 326 documentos 308 están en galego e só 18 en castelán, aínda que a maior parte destes con encabezamento e colofón realizados en galego polo proprio Concello e con procedencia da Chancelaría Real ou de autoridades non galegas, o que vén demostrar a normalidade e `oficialidade' do noso idioma naquela altura.

    Tamén se constata que a Igrexa comeza a facer uso público do galego a inicios do XIV, xeneralizándoo durante a segunda metade do mesmo tanto en asuntos internos como na relación con outras institucións ou con particulares; a pesar da forte presenza do latín na vida da Igrexa, rexístrase o uso do galego en numerosas actas dos Sínodos das dióceses de Mondoñedo, Ourense ou Santiago durante os séculos XIV e XV, regulándose tamén en galego as cuestións e actos de culto.

    De 1681 documentos privados do arquivo da Catedral de Ourense pertencentes ao período 888-1554, 550 están en latín, 1086 en galego e 45 en castelán, correspondendo a maior parte dos primeiros á primeira época e a dos últimos ao século XVI; de 276 documentos do Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil comprendidos entre o ano 921 e 1525, 54 están en latín, 207 en galego e 15 en castelán, dándose a circunstancia de que os 7 que pertencen ao século XVI están en galego; de 406 documentos do Mosteiro de San Pedro de Rochas, 38 están redixidos en latín, 318 en galego e 50 en castelán, dos que 31 corresponden ao século XVI(60).

    Por outra parte, aínda que non hai coñecemento hoxe da existencia de nengún código xurídico íntegro en galego, o feito de se conservaren fragmentos traducidos ao noso idioma do latín ou do castelán é unha mostra de que se quería evitar recorrer a esas linguas nos procedimentos legais, revelando unha clara vontade por parte dos galegos de utilizaren o seu proprio idioma como lingua normal das actividades xudiciais.

    Perante a observación deses e doutros dados tirados do exame da documentación medieval(61), cabe afirmar que o galego foi a lingua normal e "oficial" entre os habitantes do país durante a Baixa Idade Media, como afirmou tamén Ferro Couselo: "O galego entón é a fala dos vasalos e dos señores, dos cregos e dos labregos, e óucese o mesmo nos concellos que nas eirexas, misturado co latín nas prédicas e cerimonias"(62). E foino así por propria vontade dos galegos, a pesar dos intentos de impor un idioma alleo que só tivo na Galiza de fins da Idade Media a presenza que os reis casteláns lle deron cos seus escritos ou que os nobres de Castela e séquito correspondente, enviados aquí como mandatarios colonizadores polos mesmos reis, conseguiron implantar.

    O pobo galego no seu conxunto continuou desenvolvendo a súa vida en galego, nunha situación de monolingüismo case absoluto. Evidentemente, ese núcleo nobiliario estranxeiro, instalado co seu séquito en Galiza a partir da segunda metade do século XIV co obxectivo propositado de suplantar a nobreza galega, vai constituír un foco diglósico non asimilado que, co paso do tempo e usando o enorme poder de que dispón, acabará por impor o castelán como lingua "oficial", mais non real, de Galiza en contra da vontade de todas as capas sociais galegas, sobre todo pola substitución nos cargos importantes de persoas galegas por outras que o non eran. Aínda que ese foco diglósico fica inxectado na sociedade galega, coas consecuencias consabidas para o idioma proprio, os seus resultados non terán unha repercusión significativamente perceptíbel na vida social do noso idioma até o século XVI, cando a diglosia comeza a se enraizar na sociedade e o galego vai ir perdendo o uso escrito.

    De todo este conxunto de consideracións parece lóxico deducir que o galego funcionou desde o século XIII até fins do XV como lingua "oficial" entre os proprios galegos, independentemente de que desde a segunda metade do século XIV unha ínfima minoría de xente estranxeira, aínda que detentadora do poder, usase o castelán.


6. A perda do carácter "oficial" do galego e da normalidade lingüística da Galiza

    O emprego instrumental das linguas vulgares, elevando o seu rango oficial, consolídase ao ser impulsado polas cortes reais. Serán os monarcas Fernando III en Castela e Afonso III en Portugal os que ordenen os escribáns utilizaren o romance vulgar, dándolles así ao castelán e ao galego (portugués) un grande impulso, que se viu incrementado na segunda metade do XIII con Afonso X o Sabio no trono de Castela e con Don Dinís no de Portugal. Galiza, que a partir de 1230 se convertera nun reino sen rei exclusivo, verase cada vez máis vinculada á coroa de León e Castela. Así explica C. Nogueira o declive político de Galiza e a xénese dos dous Estados peninsulares hoxe existentes: "No tempo crucial analizado, do tronco galaico orixinal agromaron dúas gallas políticas diverxentes e finalmente contradictorias. Unha mantivo a cultura e tradición galaica e tomou o nome, Portucale, dun territorio galego. A outra anexionou politicamente a Galicia, despois de responder inicialmente a unha tendencia expansiva galaica, para finalmente marxinar ao reino orixinario. Non foi estraño a este feito o debilitamento galaico causado pola separación de Portugal" (63).

    A separación de Portugal supuxo, pois, para Galiza o seu debilitamento político e a perda progresiva da súa importancia cultural anterior, transferida paulatinamente para o sul: "Mas na essencia a desmembração de Porgugal significava incorporação no reino de Leão, e d'este na monarquia central; annullação da vitalidade popular, quebra das tendencias separatistas dos nobres godos, comquanto a resistencia d'estes se prolongasse por seculos, sendo precisa toda a energia dos reis catholicos para a extirpar. Significava reducção á posição subalterna de provincia. E significava ainda, apesar de Santiago, transferencia gradual dos pequenos focos de cultura mundana para o sul: Guimarães, Coimbra, Leiria, Lisboa, Santarem, Evora i. é. para Portugal"(64).

    Na obrigada relación de Galiza cos monarcas utilízase primeiramente o latín, mais xa en 1250 o rei Fernando III se dirixe aos composteláns en castelán; en 1252 estes últimos aínda se dirixen ao rei en latín. Afonso X, poeta prolífico en galego, que reina desde 1252 a 1284, consagra definitivamente o uso do castelán como lingua oficial da súa corte, utilizando en exclusiva esta lingua na súa relación con Santiago. Os reis sucesivos consolidan o castelán como lingua para todos os usos dos seus reinos, inclusive para as relacións coa Igrexa.

    Na segunda metade do século XIV, como consecuencia da derrota de Pedro I, apoiado pola nobreza galega, frente ao seu irmán Henrique II de Trastámara, vai entrar na Galiza unha aristocracia castelá acompañada da súa correspondente corte, traendo tamén consigo un idioma alleo, o castelán, que até entón só se fixera notar aquí neses contados escritos enviados desde a corte de Castela a partir do reinado de Fernando III e que agora o poder foráneo irá impondo. Algúns sectores da nobreza e do clero galegos serán os primeiros en seren asimilados lingüisticamente: "durante o século XV, especialmente durante a segunda metade, a nobreza e o clero galegos comezan a seguir a pauta que lles marca a nobreza e o alto clero castelá empoleirados no cume dos poderes de Galicia, e comeza a converterse nun núcleo diglósico asimilado"(65).

    As negativas consecuencias para o futuro do galego desta penetración do castelán veranse incrementadas coa vitoria, a fins do século XV, de Isabel a Católica na loita polo trono de Castela, en contra tamén da causa apoiada pola nobreza galega, e o posterior reinado dos Reis Católicos, inspiradores do brutal castigo infrinxido a Galiza. Esta, de dominadora e hexemónica, vai pasar agora a dominada e colonizada por Castela, feito tamén favorecido polo debilitamento xeral da sociedade galega como consecuencia das revoltas sociais que enfrentaron as clases populares con sectores da nobreza ou estes entre si nas guerras irmandiñas; a derrota dos irmandiños significou sobre todo "o fracaso político da burguesía galega, por canto aí se truncaron as súas posibilidades de acceder á dirección do país"(66). Esta carencia dunha burguesía propria enraizada na cultura e na lingua da Galiza será nos séculos posteriores un factor determinante para nos explicarmos o desprestixio e a perda de funcións do noso idioma.

    Baixo o reinado dos Reis Católicos, infortunados monarcas para a historia do noso país, vaise consumar a imposición definitiva do castelán, símbolo dunha verdadeira opresión nacional que o reino de Castela perpetra contra o reino da Galiza: os nobres galegos deberán derrubar os seus castelos e disolver os seus exércitos, sendo substituídos pola "Santa Hermandad", auténtica policía da coroa dirixida por Alonso de Aragón, foránea e economicamente moi gravosa para os galegos; Fernando de Acuña, gobernador e Xustiza Maior do Reino, é tamén de fóra de Galiza, igual que o Alcalde Maior Garci López de Chinchilla, e Mudarra, capitán dos soldados mercenarios que deben facer cumprir as ordes dos anteriores; é castelán o novo sistema de pesas e medidas; as apelacións á nova Audiencia de Galiza, composta case en exclusiva por maxistrados non galegos, fanse depender de Valladolid.

    A partir de 1480 os escribáns públicos galegos han de ser examinados polo "Real Consejo" en Toledo, mudando os seus formularios galegos polos casteláns, feito que Ferro Couselo(67) considera determinante para a desaparición do galego da escrita e que tacitamente vén supor a supresión do carácter "oficial" de que até entón na práctica gozaba o galego, sen necesidade dunha prohibición explícita do seu uso público, como afirma Francisco Rodríguez: "A respeito da lei de 1480, dada polos procuradores das Cortes de Toledo, é un exemplo dunha estrutura cada vez máis centralizada desde o ponto de vista administrativo (a lei refere-se á maneira en que deben redactar-se os cartulários por parte dos escribáns) e dos comportamentos sócio-lingüísticos que xera a colonización, sen necesidade de que haxa que recorrer a unha explícita lexislación lingüística. O galego queda excluído da categoría de língua "nacional", isto é, de língua de Estado, precisamente porque este se articula sobre a base de domínio dunhas oligarquias, con valores culturais específicos, sobre povos heteroxéneos. Domínio que conlevou a imposición dunha ideoloxia dominante, castelanista primeiro, españolista máis tarde"(68).

    Ademais, son prohibidas toda clase de ligas, confederacións, confrarías e mesmo reunións numerosas en bodas, enterros ou bautizos; incentívase a participación de nobres e viláns galegos na guerra de Granada, que lle custará ao noso país importantes cantidades de diñeiro e moitas vidas humanas; a nobreza galega máis poderosa é atraída á corte ou castigada duramente se se nega a abandonar o país(69); concédeselles bula papal aos bispos de Ávila, Segovia, Córdoba e León con dereito de visita sobre os mosteiros galegos, moitos dos cais son suprimidos, terminando os restantes por pasaren en pouco tempo a depender dos casteláns, aos que subsidiarán, e mesmo chegando a limitar nos nosos mosteiros a presenza de frades galegos, que van marchar para Castela.

    En fin, Galiza afronta o fin da Idade Media e o paso do reinado dos Reis Católicos ao dos Austrias convertida nunha provincia case tan remota como as ultramariñas, segundo expresión de Pilar Vázquez Cuesta, e representada perante o poder central pola provincia de Zamora, unha vez privada do dereito ao voto en cortes, que logo terá de recuperar pagando unha forte cantidade de diñeiro; economicamente Galiza vai ser saqueada polo fisco, tendo que soster as cada vez maiores necesidades dunha nobreza estabelecida na corte e duns bispos maioritariamente foráneos e absentistas. Mentres boa parte da nobreza galega ten que loitar ao servizo dos reis de Castela tanto na Península como fóra dela, Galiza é gobernada por xente forasteira, sendo vítima periódica da fame e das pestes, coa súa poboación castigada ademais pola leva de soldados, a emigración e os saqueos dos piratas nas súas costas; durante o reinado dos Austrias Galiza vai andar ao ritmo que lle marquen intereses alleos, encerrada en si mesma e sen poder desenvolver a súa propria personalidade política nen cultural(70).

    Se Castela exerce todo o seu poder colonizador sobre a Galiza, Portugal tamén lle vai virar as costas, de maneira que se verá desprezada e marxinalizada polos dous reinos peninsulares xurdidos, dunha forma ou doutra, do antigo imperio galaico. Afirma ao respeito Carolina Michaëlis de Vasconcellos: "A situação dubia em que o Noroeste ficou, suspenso entre dois polos de atracção, provocou malevolencia de ambas as partes. Castella, considerando Portugal como um fragmento ficado por nefas fóra da nacionalidade haspanhola, nunca viu com bons olhos os hespanhoes da Galliza, atreitos á lingua do bello mas perfido reino vizinho que se havia subtrahido á soberania de Leão. Portugal, por sua vez, considerava e considera a Galliza como um `territorio que ethnicamente lhe pertence', `fragmento ficado por nefas fóra da nacionalidade lusitana'. Por isso mostra ora afeição ostensiva, ora desprezo aos que, irmãos seus pelo sangue e pela lingua, lhe eram politicamente adversos e se deixaram immobilizar pela absorpção castelhana"(71).

    A partir da definitiva consolidación destas dúas nacionalidades peninsulares, nas cortes castelá e portuguesa irase desenvolvendo a "tendencia de ridicularizar tanto a falla gallega como o typo gallego, exagerando as suas qualidades e as suas fraquezas", de forma que o galego "passou a ser figura comica de theatro em Hespanha e Portugal: a imbecilidade personificada. Tosco, lorpa, boçal, bronco, excitou em farças, autos e comedias a hilaridade de gerações com as parovïces e grossarias que dizia e praticava. Em contos, coplas, dictados, proverbios, ambos os paises chasqueavam á compita da rudeza, ingenuidade e villania do gallego"(72).

    Como consecuencia de todo o anterior e dada a opresión dos direitos galegos, incluídos loxicamente os lingüísticos, o noso idioma acabará por se sumir nese longo túnel dos séculos escuros. O pobo galego no seu conxunto, como se viu anteriormente, continuará desenvolvendo a súa vida en galego, nunha situación de monolingüismo case absoluto, até o século XVI, en que a colonización política a que o país estaba submetido por parte de Castela comeza a dar os primeiros froitos significativos tamén no que respeita á escrita do idioma, terminando así un longo período de setecentos anos de normalidade lingüística e iniciándose outro de conflitividade que abre un lento proceso de substitución da nosa lingua por outra allea, proceso que xa dura cinco séculos na actualidade e que os galegos e as galegas debemos superar definitivamente se é que queremos manter a nosa propria identidade e a supervivencia como pobo diferenciado, con lingua e cultura de noso.
 
Volver