Siareiros Galegos -denominación baixo a que se agrupan diferentes a "peñas" de afeccionados do Celta, Dépor e Compos- veñen de retoma-la campaña que iniciaron o pasado ano a prol da selección galega de futbol.

      A campaña -cos lemas "Selección galega xa" e "Unha nación, unha selección"- ten como obxectivo recupera-lo estado de opinión favorable que conseguiran crear e poñe-los piares para facer realidade esta iniciativa.

      As primeiras actividades terán lugar o vindeiro sábado na localidade Pontevedresa da Estrada e van consistir nun partido de futbol entre representantes das "peñas galegas" e coñecidos escritores, músicos, xornalistas... Aínda que os respectivos adestradores non darán a coñece-las aliñacións ata o mesmo día do Encontro, en Vieiros estamos en condicións de afirmar que no Campo Municipal da Estrada poderemos ver vestidos de curto ós escritores Xosé Cid Cabido, Manuel Rivas e Darío Xoán Cabana; ó afamado cociñeiro Paco Feixó ós escritores e cantantes Antón Reixa e Xurxo Souto; ós xornalistas Alfonso Eiré, Xoan Barro e Carlos Blanco... Aínda que non poderán estar presentes, amosaron a súa adhesión xogadores como Fran, Xosé Ramón, David, Nacho, Viqueira...

      Rematado o encontro, ás 22.00 h vai ter lugar un concerto no que actuarán os grupos Joxé Ripiau (ex-compoñente de Negu Gorriak), Skatalá e Os Diplomáticos de Monte Alto.

      A campaña "Selección galega xa" prodúcese nunha tempada na que a aplicación da chamada "Lei Bossman" traduciuse en masivas contratacións de xogadores estranxeiros, cos conseguintes prexuízos para as respectivas canteiras. Visitando as páxinas non oficiais de Deportivo, Compostela e Celta -equipo que conta con este outro web- resulta doado comprobar como a presencia nas mesmas de xogadores galegos é moi pouco significativa.

      Neste contexto, a reivindicación da selección galega de futbol ten unha dobre dimensión: dunha banda, reafirma-la nosa identidade coma comunidade -Cataluña e Euskadi teñen dende hai anos as súas respectivas seleccións-; doutra banda, representa unha aposta polos xoves valores formados nas canteiras dos diferentes clubes galegos e por recuperar para un proxecto desta natureza a aqueles xogadores que militan noutros equipos tanto do Estado coma de Portugal.


Volver a Vieiros