| E S P E C I A L S A R A I B A S |
Comezaron aló polo 1978 aínda que todos eles, por
razóns familiares ou mesmo amorosas, tiñan botado a
andar algúns anos antes por toda canta voda ou
celebración existía presentando cancións en
castelán e portugués, aquelas do Padre Ceiciño,
dende Espasante ata Mugardos, enfrontándose a algún que
outro crego que non deixaba esas guitarras na súa igrexa. E
mesmo con "Lamas Abataní", un latinazo irónico que
botaban en plena Semana Santa na igrexa de San Sadurniño, a
vila natal e o centro deste grupo de amigos que cantan porque lles
gusta.E na Festa das Somozas do 78, nun concurso que eles gañaron porque só eles participaban, comezaron a súa carreira Saraibas, aínda que daquela tiñan outro nome, Chorima, mudado ó pouco de comezar e que deu lugar a unha fermosa peza do seu primeiro disco. Martín e Miguel Sanjurjo, Avelino e Regina Cinza, Enma Calvo e Elisa García foron a formación orixinal deste grupo que quere, e só iso pretenden, facer música folk, non tradicional, non pechada a novas tendencias e arranxos, pero música folk galega e en galego. O primeiro dos seus traballos, en 1980, "Unha terra, un pobo e
unha fala", responde a unha necesidade vital para eles:
defende-lo país e a súa lingua, como símbolo
esencial da cultura, dentro e fóra do escenario. O tema
central deste primeiro vinilo, Nación,
e o Rebola-Bola, son xa clásicos da nosa música que,
como comentou Martín Sanjurjo, trouxeron no seu momento
máis dun problema.
Na súa primeira viaxe de promoción fóra do país, en Venezuela, compartían xira co Ballet Galego Rei de Viana e uns daquela descoñecidos Milladoiro. A primeira xira oficial de Milladoiro foi con Saraibas, e a quendas comezaban un espectáculo que sempre remataba con un "y ahora lo mejor de la noche" dun presentador que adoecía polos pasos do Rey de Viana. Nesta xira conxunta, na que estrañados lles preguntaron onde estaba o seu traxe folclórico, tiveron o primeiro dos problemas ó non deixar que soara o Rebola-Bola. En "plena" democracia e asentándose a autonomía a sensibilidade dalgúns aínda estaba quente. "Ou cantamos ou nos imos". E cantaron. Logo da súa xira venezolana, despois de compartir actuación con Suso Vaamonde no Palacio de Deportes de Pontevedra ficharon por Ruada, a primeira casa discográfica de Galicia, convencidos de que así podían facer País. Con Fuxan os Ventos e Milladoiro formaron o triángulo cabeceira da editorial antes do seu peche. Por apostar polo país rexeitaron unha oferta da todopoderosa Philips. Quen sabe onde estarían agora se aceptasen a oferta madrileña. A partir de aí Lorient, Xenebra, Loussane, Zurich,
París, no Palace de l´Unesco diante de dúas mil
cincocentas persoas, Ámberes e Bruxelas, acompañados
por Carlos Beceiro, de La Musgaña, grande amigo e
compañeiro, Londres e finalmente Zurich, no ano 1995.
Saraibas, grupo ó que no segundo traballo se incorporou Manuel Alonso "Bacalao" e Mariela Soto, para despois posteriormente chegar Óscar Sanjurjo, membro na actualidade de "Os Cempés", Rosa Ces, Amparo Calvo, Vicente Bermúdez e Ánxela Loureiro, teñen editado ademais do xa mencionado "Unha terra, un pobo, unha fala", "Xa non podemos calar" en 1981, "Careca" en 1986, "Camiño Longo" no 92 e finalmente "Cancións" no 96, repertorio que completa unha discografía na que o último traballo é froito da colaboración coa escritora Ánxela Loureiro, membro do grupo durante anos, e Edicións Xerais de Galicia, unha experiencia na que se agrupan máis de 60 cancións pensadas para nenos e que recrean os diferentes ciclos do ano. "A run run", "O maio", son algunhas destas cancións populares, o alicerce fundamental do grupo, instrumentadas modernamente para mellor se achegar ó público. ![]() ![]() ![]() Ademais de todos estes discos, colaboracións para a radio e a televisión e a homenaxe xunto outros grupos galegos ó grande Celso Emilio Ferreiro. Pero Saraibas non se entende sen Cantareliña e
tampouco Cantareliña sen Saraibas, un fillo amado que durante
oito anos, dende 1983 a 1991, conseguiu reunir a moitos nenos e nenas
dos distintos centros escolares e asociacións cantando
produccións propias. "Mentres canten os meniños,
Galicia será inmorrente" podería ser ben o lema
deste concurso que só se pode entender estando nas súas
fases preparatorias e na final, tal e como aconteceu no caso de
Carme Fernández co coro Ledicia
o primeiro ano do festival."A Buxaina Brincadeira", "A Vaquiña verde" e "Chámome Don Polbo" son algunhas das cancións que agora xa forman parte das experiencias didáticas deste país e que apareceron gracias ó traballo dos membros de Saraibas, especialmente Miguel e Martín Sanjurjo, ademais de Ramón, crego que foi durante moitos anos de San Sadurniño e encargado da preparación día a día destes encontros musicais. ¿ Nunca máis Cantareliña? Non o podemos saber, o tempo dirá se este espectáculo do que beberon no seu fundamento experiencias tan modernas e actuais coma o Xabarín Clube, volverá vivir dentro dun ciclo estable a partir deste ano 1998. Novos traballos, novas músicas e novas influencias que de seguro aparecerán logo da incorporación de Juanjo Porta Vizoso, guitarrista que foi dos coñecidísimos Gwendal, e que agardamos dean os seus froitos nestes novos vinte anos que comezan. |