Vieiros Ferrol


Miguel Tranquilo e a música de María Manuela

Idioma meu, humilde, nidio, popular,
labrego, suburbial e mariñeiro,
que fas avergoñar
ó burgués, ó señorito e ó tendeiro;
levas sangue do pobo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nin tristuras.

Teño escrito hai uns anos que a de María Manuela era a mellor voz da nova canción galega. Despois de escoitala este 12 de Maio no auditorio do Centro Cultural de Ferrol, reafírmome de novo no dito. Esa voz melodiosa e forte a un tempo, con un inconfundible timbre e unha harmoniosa modulación, segue a resultar engaiolante despois de vinte anos do seu soberbio "Idioma meu". Gardo como unha prezada xoia da miña discoteca aquel disco de vinilo, con portada e carpeta de ar trobadoresco, que ven a estar de actualidade este ano coas Letras Galegas dedicadas a Martín Códax, Mendinho e Johan de Cangas.

Pero nunca escribín que a súa voz brillaba con luz propia en parte gracias á música e á compaña de Miguel Varela, o seu home e infatigable compañeiro en toda súa carreira. Aquel disco e tódolos seus está cheo das súas composicións. Precisamente, no recital aludido cantou Xoán Rubia, en versión moi libre, unha canción deste gran home, "Manual do señorito", con aguda e satírica letra de Manuel María, igual que a canción que da nome ó disco, á que pertencen os versos que encabezan este artigo, e que foi musicada polo mesmo Miguel. Nunca escribín de Miguel "Tranquilo", e hoxe compre facelo, por xustiza e sincero agradecemento.

Coñecín a Manola e a Miguel nos comezos dos anos 80 cando, de acordo coa Comisión de Festas de San Xoán de Lagoa, arranxei para que viñeran cantar na verbena desta pequena parroquia do concello lucense de Pastoriza. Acollinos moi gratamente na miña casa, a vella rectoral parroquial. Chegaran pola tarde e tiveron que agardar polo cura, que andaba tomando un café e unha copa nas casas dos veciños; afortunadamente atoparan a casa aberta, como adoitaba ocorrer sempre. A pesar do mal tempo que lucía como cada ano a verbena de San Xoán, tal que fose a maldición dunha meiga noxenta, a voz e a música de Manola e Miguel encheron a noite de Lagoa de tras da Corda.

Emocionoume o remate do recital de María Manola e Xoán Rubia cos sons do "Kumbaiá", unha cantiga relixiosa, que se utilizara tamén como himno de batalla polos anos setenta. Os seus versos repetitivos parécenme unha boa forma de rematar:

Kumbaiá, meu Deus ¿onde estás?
¿Onde estás, Señor? ¿onde estás?
¿Non nos ves sofrer? ¿onde estás?...
Estamos a sofrer...
Estamos a morrer...
Estamos a viver...

 

 

 

 

 

Volver a Vieiros Ferrol