OS INTERNAUTAS ENTREVISTAN A LUIS TOSAR

Creo que non existe o cinema galego.

Dossier: O audiovisual agora

Luís Tosar é un nacho duro. Un nacho duro, un nacho tímido, un nacho gardacivil, un nacho de aldea namorado dunha dominicana e, no novo proxecto, un nacho maltratador. Tamén é un nacho Goya. E é un nacho que contestou unha gran batería de preguntas sobre o mundo do cine e da fama, pero tamén das poémicas dos premios e da dimensión social dos actores..

Luis Tosar





"Habería que pensar en destinar os productos galegos directamente á distribución estranxeira, non á española"

















"Gustaríame facer de José María Aznar" 'Y salir a la calle y decirlo también'

















"Sempre me gustaron as historias sinxelas, baseadas no peso dos personaxes"

















"Te doy mis ojos, vai ser unha película polémica, porque fala do maltrato dende unha visión máis crítica do que estamos habituado"

















"En Galicia estamos acostumados ás listas negras"

















"Nos últimos anos houbo moitas produccións que, francamente, non lle interesaban a ninguén"
















"A trashumancia é inherente á profesión de actor. Prefiro ir e vir, que decidir quedar nalgún sitio"
<opoti> ¿Cando descubriches que querías ser actor?
<Luís Tosar>
Empecei a descubrilo no instituto, na primeira curtametraxe que fixen con Jorge Coira, "Noctifer, lucero vespertino". Duraba 50 minutos, e era unha curtametraxe.

<berto> ¿Con que te sentes máis cómodo? ¿Facendo cine, teatro... ?

<Luís Tosar>
Máis comodo, facendo teatro. Pero pásoo mellor facendo cine porque, en xeral, os proxectos que me chegan son máis interesantes.

<Papoula> ¿Para cando monólogos?
<Luís Tosar>
Se son como os do clube da comedia, ¡nunca!

<Papoula> ¿Por que?
<Luís Tosar>
Porque non me gusta ese formato... Antes de facer monólogos, preferiría unha cousa mais convencional no sentido artístico da palabra. O que non me gusta do clube da comedia, do seu estilo, é o ton, para min, excesivamente amable. Parece que vivimos nun mundo feliz...

<santa> Supoño que terás bos recordos da maior parte das películas en que traballaches, pero se tiveses que escoller un papel, ¿cal sería? ¿Flores de otro mundo? ¿Os luns ao sol?
<Luís Tosar>
hehehe... É que os dous son bastante paradiños, pero escollería un papel que estea por facer. O feito, feito está.

<xustas> ¿Xa coñecen os Magical Brothers en Madrid, ou seguen pensando que es un tipo serio e tímido?/b>
<Luís Tosar>
Hai xente de Madrid que coñece os Magical, pero non estivemos en Madrid.

<xustas> ¿Retomarás algún día a túa carreira musical?
<Luís Tosar>
Estou agardando a que me medre o pelo...

<Vieiros> ¿Os actores e actrices galegos estades de moda, sodes baratos, ou sodes bos?
<Luís Tosar>
¡Somos 'nós'! ;) Baratos, eu creo que non. O que pasa é que igual que medran as autovías medran as infraestructuras noutros ámbitos. Daquela, os actores galegos comezan a saír da canteira.

<santa> Falamos moito do cine galego, dos actores galegos... ¿como ves esa denominación? ¿Non cres que e un pouco perigoso?
<Luís Tosar>
Creo que non existe o cinema galego. Alomenos, polo de agora. Non creo que exista un proxecto que poida denominarse "cinema galego". O que pasa é que hai intereses por parte dos productores en crear un producto que serve unicamente para abaratar custos.

<opoti> ¿Non cres que hai xente galega, facendo cinema na Galiza, coa intención de que sexa cinema galego, amosando unha realidade diferente, quizais?
<Luís Tosar>
Creo que hai intención de facer cinema en Galicia coa intención de que sexa "cinema galego". Pero a niveis moi "pequenos", sen subvencións, sen financiamento, e por suposto, sen posibilidades de distribución. Creo que hai moita xente que non sabe que rodar unha película en Galicia en galego significa condenarte a nivel distribución.

<Docho> ¿A distribución é a clave, non si?
<Luís Tosar>
Polo menos, en España. Entón, habería que pensar en destinar eses productos directamente á distribución estranxeira. O caso é conseguir un productor disposto a facelo. Hoxe en día, se non hai distribución a priori, estás condeado.

<Docho>¿Condenado a facer algo que a priori poida interesarlle á industria, non?
<Luís Tosar>
Non ten porque ser á industria pero si que lle tes que interesar a un productor.

<roi> ¿Non cres que o cinema de hoxe en día perdeu o seu contido de arte, quedou baleiro e soamente se busca a parte comercial?
<Luís Tosar>
Creo que hai de todo. O que é máis dificil é poder acceder ás películas que están fóra deses circuítos.

<opoti> Se 'Os luns ó sol' chegase ata os óscar e che tocase saír recollelo, ¿que dirías?
<Luís Tosar>
Non me tocaría a min recollelo, Pero tendo en conta as circunstancias, habería que falar de Bush, aínda que no meu pobo (Lugo) dubidan que tivese o atrevemento. Houbo unha carta ao director do Progreso dun señor que compartira o premio lugués do ano comigo e que se sentía moi decepcionado pola miña actitude con respecto ao presidente "da nación" (sic). Pero iso non foi todo, porque despois recibín unha carta persoal dunha señora que me mandaba recurtada a carta do anterior, e que me poñía a parir igual ca el! O máis curioso é que ao final das dúas cartas, os dous enorgullecíanse de ser meus paisanos. Non entendín nada...

<Vieiros> ¿E non cres que esa utilizacion mediática dos micros pode resultar xa algo ritual? María Casares, Max...
<Luís Tosar>
Pois si, creo que pode resultar algo ritual, pero é como en todo: cando empezas todo resulta máis espontáneo, máis doado. Pero a verdadeira loita está en manter unha liña coherente.

<AzwarNo> ¿Cres que estas mobilizacións servirán para algo?
<Luís Tosar>
Eu creo que están servindo para algo. Polo menos, para que caian as carautas por aí. Polo menos, podemos identificar os inimigos ;-)

<roi> ¿Farías unha película de guerra?
<Luís Tosar>
Depende do que contase esa película de guerra. Hai moi boas películas de guerra. Non faría unha peli de guerra con Chuck Norris. Miña nai estaría encantada, pero... ;-)

<opoti> Se fixesen unha peli sobre o Prestige, ¿que papel che gustaría facer ou cal che desgustaría menos?
<Luís Tosar>
Gustaríame facer de José María Aznar. ¡É un reto para calquera actor! "Y salir a la calle, y decirlo también"

<berto> ¿Con que director (de aquí ou estranxeiro) che gustaría traballar, ou en que peli che gustaria ter estado?
<Luís Tosar>
Que difícil... dependería do proxecto. Gustaríame estar en calquera das de Scorsese.

<Vieiros> E xa que non te quixeches pronunciar polo teu director, se te chaman para cameos, cando sexas un actor (máis) veterano, ¿que prefires: unha nova entrega de 'Chicago', de 'Aterra como poidas', ou de 'Rambo'? ¿Ou outra?
<Luís Tosar>
A oferta está complicada. Pero creo que 'Aterra como poidas', haha!

<opoti> De todos os xéneros do cine ¿cal che gusta máis?
<Luís Tosar>
O cinema social. Xa sei que soa raro...

<opoti> ¿Por que? ¿Recordos da infancia, da adolescencia?
<Luís Tosar>
Non, porque me resulta máis próximo. Sempre me gustaron as historias sinxelas, que estean baseadas no peso dos personaxes. Creo que hai historias máis apaixonantes detrás dunha señora da limpeza ca detrás dun executivo.

<rafa> ¿A quen prefires ver (no cine, claro): a Daniel Day Lewis, a Richard Gere ou a Antonio Banderas?
<Luís Tosar>
Gústanme moito os tres, pero prefiro da Daniel D. Lewis.

<rafa> Tal e como vai o mundo, ¿que pensas que é mellor para a humanidade, sentar a ver 'Chicago' ou 'Os Luns ó Sol'?
<Luís Tosar>
Ben... hai que ver de todo, pero prefiro que a xente vexa 'Os luns ao sol'. Para ver cómo son os estadounidenses, e cómo responden ante situacións como a que estamos vivindo, con mirar 'Chicago' xa fas unha idea.

<rafa> Pero é que cos 'Luns ó sol' chorei, e con 'Chicago' paseino moi ben.
<Luís Tosar>
Aí está. Rir e chorar, como dicía Kiko Veneno.

<opoti> Dime unha peli para chorar, unha para rir, unha para pasar a tarde dun domingo de inverno e unha para pasar unha noite acompañado....
<Luís Tosar>
Aaahhhhhhhhh. Para chorar 'O fillo da noiva', para rir 'Unha terapia perigosa', para o domingo invernoso, 'Indiana Jones' e en compañía, ningunha. Mellor non ver a tele.

<opoti> ¿Para cando poderemos verte no 'Lapis do carpinteiro'?
<Luís Tosar>
O 25 de abril, con tricornio incluído.

<xustas> Seica vides rodar a Lugo con Jorge Coira... ¿Que nos podes contar do proxecto? ¿Que se sente ao vir rodar á terriña, feito un actor de verdade?;)
<Luís Tosar>
Hehehe! Vou voltar onde empecei, a ver se segue sendo igual ;-) A película é moi bonita e divertida. Titúlase 'O ano da carracha'. Vai deses tipos que prolongan a súa estadía na Universidade ata o último extremo ;-)

<xustas> ¿É certo que está nel Javier Veiga?
<Luís Tosar>
O de Javier Veiga non está confirmado.

<Vieiros> ¿E andas en mais proxectos có da carracha?
<Luís Tosar>
Agora comezo unha película, "A vida que te espera" de Gutiérrez Aragón. Ródase en Cantabria. Empezamos despois de Semana Santa.

<xustas> ¿Cando se poderá ver "Te doy mis ojos"? ¿Ten tan boa pinta coma as anteriores de Icíar Bollaín?
<Luís Tosar>
Ten mellor pinta. Vai ser unha peli que vai levantar polémica, porque fala sobre o maltrato, pero desde unha visión máis critica do que estamos habituados. Fálase da familia, da tradición, da falsa moral...

<tiago> ¿Que pensas da programación "creativa" da TVG ?
<Luís Tosar>
Hehehe..., que é pouco "creativa". Pero pouco se pode agardar da TVG, porque non hai nin un ápice de independencia á hora de crear proxectos.

<tiago> ¿Por que? ¿Hai censura actualmente na TVG?
<Luís Tosar>
Claro, ¿de quen é a TVG?

<delcuento> ¿Sabes algo dos motivos polos que suprimiron a serie 'Mareas vivas' sen dar explicacións? ¿Quizais tería que ver coa participación dos teus compañeiros na Plataforma contra a Burla Negra...?
<Luís Tosar>
Non, a decisión é anterior. A serie foise consumindo co tempo, loxicamente. Iso non quita que a participación dos compañeiros na Plataforma non estea influíndo en proxectos actuais.

<couso> A túa valente postura contra os incompetentes do chapapote e sobre a maldita guerra, ¿cres que che pode prexudicar en futuros proxectos?
<Luís Tosar>
Supoño que si... pero aquí en Galicia xa estamos acostumados ás listas negras. Aínda que son tan burros que creo que ata lles dá marcha que os poñan a parir...

<delcuento>¿Apoias os traballos do audiovisual que se fan en institutos e universidades?
<Luís Tosar>
Ultimamente non teño tempo. Pero teño feito moitísimas curtas na Escola de Imaxe e Son, e cando podo, colaboro sobre todo cos colegas que me quedan desas etapas. Pero cada vez é mais dificil, porque ando moi liado (de verdade).

<santa> ¿Como ves o tema da invasión estadounidense (a cinematográfica), as subvencións ao cinema de aquí...? Queixámonos moito diso, pero logo son catro os que deixan de ir ver Harrypotter por estar en castelán...
<Luís Tosar>
O problema é do público, de nós mesmos... Actuamos por comodidade, e en canto hai un lixeiro nivel de compromiso botámonos atrás. De todos os xeitos, creo que o cinema español ten o que merece. Porque nos últimos anos houbo unha cantidade inmensa de produccións que francamente non lle interesaban a ninguén, e feitas por xente á que tampouco lles interesaban eses productos.

<santa> Entón, ¿para quen son?
<Luís Tosar>
Iso hai que preguntarllo a quen as fixo...

<tiago> ¿Por que non se fan series e produccións conxuntas con Portugal ?
<Luís Tosar>
Non sei por que non se fan coproduccións galegas e portuguesas. En cine hai algo, mínimo. En Lena había coproducción, habíaa en 'O regalo de Silvia', pendente de estrea...

<berto> Se tiveses a oportunidade de traballar en calquera lugar do mundo, ¿quedarías aquí ou irías a outro lugar?
<Luís Tosar>
Creo que a trashumancia é inherente á profesión. Prefiro ir e vir que decidir quedar nalgún sitio.

<xustas> ¿Como ves o de aprender idiomas para rodar fóra? ¿Confórmaste de momento co que hai aquí ou está o panorama de tal maneira que hai que ir pensando en emigrar? Mira Eduardo Noriega, currando en Francia, ou os que rodaron en Estados Unidos...
<Luís Tosar>
Depende do que che ofrezan. Os proxectos interesantes non teñen que vir necesariamente de fóra. Eu teño visto a Banderas facendo cousas aquí máis interesantes ca algunhas que fixo nos Estados Unidos.

<Docho> ¿Sendo tan bo actor (en serio), por que é tan difícil para os actores galegos dar o salto a Madrid e ser recoñecidos?
<Luís Tosar>
Dar o salto a Madrid empeza a non ser tan difícil. O que pasa é que levamos anos de atraso con respecto a outras comunidades como a catalana, por exemplo. ¡Pero todo se andará!

<roi> ¿Como ves o mercado de Hollywood? ¿É doado entrar nel? ¿A ti gustaríache chegar á fama mundial?
<Luís Tosar>
Francamente dáme igual a fama mundial. Prefiro pensar en traballos. Sei que é moi difícil o mundo de Hollywood, sobre todo porque tes que pagar unha peaxe para poder acceder a proxectos realmente interesantes. Unha peaxe, por exemplo, facendo de latino en películas comerciais.

<Vieiros> Os actores de teatro non van ao teatro, e os de cine ¿van ao cine?
<Luís Tosar>
Hai actores que van moito ao cine. Eu non son especialmente cinéfilo.
.



Transcrición íntegra do chat (08/4/2003)



Dossier: O audiovisual agora | Vieiros