|
| Dende a súa posición de profesor de Xornalismo, o estadounidense Steven Ross ten unha ollada privilexiada sobre a censura nos medios de comunicación e sobre o papel da verdade e da mentira nos xornais e nos ámbitos científicos. Participou no Congreso de Novas Tecnoloxías e Sociedade en Pontevedra, e dende alí chateou cos lectores de Vieiros, que lle fixeron esta entrevista.. |
![]() "Internet non está atada; podes ralentizala pero non parala." "Ninguén ten tempo abondo como para tratar, procesar e editar todos os datos." "Sen internet non teriamos estas grandes manifestacións." "Preocúpame Bosnia, pois a economía é tan pequena que non permite un bo xornalismo." "O fuel vai seguir causando problemas nos vindeiros anos, e os afectados seguirán escribindo sobre o Prestige en internet." |
<juan> ¿Que papel xogou internet na crise do 11-S? ¿A información dos medios estadounidenses en liña foi veraz? ¿Cal foi o lugar dos blogs nesta crise? <Ross> Á hora de informar sobre a crise, os blogs proporcionaron unha información rápida de parte da poboación que polo xeral se ignora. Por exemplo, familias de traballadores mal pagados da zona. Pero, tamén os medios de comunicación profesionais realizaron un gran traballo cubrindo a resposta de emerxencia. Por exemplo, o New York Times ten a capacidade de facer mapas de GIS ¡e os equipos de emerxencia da cidade usaron os mapas do NYT! <annamaria> ¿Cre que nesta segunda guerra do Golfo lle fallaron as estratexias de comunicación ao goberno americano? <Ross> O goberno americano recoñeceu que non pode seguir controlando as comunicacións tal e como fixo en 1991. Eu podo viaxar cun teléfono satélite, cun GSM, unha boa cámara de vídeo costa 1000 euros... E eu adoitaba informar dende o estranxeiro empregando o telex... <annamaria> ¿Por que lles fallou a estratexia de comunicación? <Ross> Fallaron porque a tecnoloxía se converteu en algo moi barato, á disposición de todos, e porque hai un mercado para todas as historias nunha gran variedade de publicacións. <tania> ¿Que opina da estratexia aquela de Bush de pagarlles aos xornalistas para que informasen positivamente sobre Estados Unidos? <Ross> Penso que é noxenta :), pero cría que só os reporteiros de viaxes ou os críticos de restaurantes podían mercarse ;) :D <juan> ¿Considera que os xornalistas en España están máis preparados fronte ás "mentiras" de internet que, por exemplo, os norteamericanos? <Ross> Ninguén está ben preparado, pero nun estudio realizado no ano 2000 en España, os xornalistas españois estaban mellor preparados cós americanos. <lucky> ¿Que pensas a respecto de censura da internet polos medios gobernamentais? <Ross> Asumo que estades falando do goberno dos EEUU, que emprega as súas propias webs para publicar información cuestionable, por exemplo, respecto ao aborto, e que incluso está empregando o terrorismo como escusa para conseguir información. É noxento. Xa que a nosa sociedade é tan aberta.. descubrimos estas cousas rápido. Incluso oo goberno chinés xa se está a decatar. :) <Vieiros> Nestes momentos, a web de Al-Iasira está haqueada, leva así boa parte do día... ¿Cres que internet segue sendo incensurable, realmente incensurable? <Ross> Sempre hai xente tola... No pasado, varias web do Pentágono foron haqueadas. Internet só pode ser censurada se se curta de todo, pero se hai forma de conectarse, podes superar calquera tipo de vixilancia. <Parker> Internet nace como unha aposta militar para descentralizar a información. ¿É esa natureza de "ter sempre un lugar onde escapar" a que a fai tan imbatible para os censores? <Ross> Internet non está atada. Podes ralentizar a información, pero non podes parala, podes facer que a información sexa máis difícil de atopar, pero non imposible. A embaixada de Arabia Saudí en Nova York queixóuselle unha vez á Universidade de Columbia de que os estudiantes saudís alí estaban enviando fotos de mulleres espidas a Riad. O goberno saudí botoulle a culpa á xente de Columbia e a universidade dixo: ¿Como imos facer que os estudiantes deixen de facer isto? :D Os estudiantes aprenderon axiña a encriptar as fotos.... así que o goberno pensou que o problema desaparecera :) É unha historia real... din clases sobre isto :D <NARAHIO> O abaratamento da tecnoloxía e a súa sinxeleza, ¿son a solución definitiva para o problema da democracia da comunicación? <Ross> A tecnoloxía cada vez é máis barata, e canto máis barata, mellor. <NARAHIO> Se a tecnoloxía é tan barata e a rede leva traza de aumentar a súa capacidade de transportar cada vez máis datos ....entón ¿para que fai falla o xornalista como mediador se calquera vai poder informar? <Ross> Os datos non son información. Ás veces quero datos, e outras veces preciso datos explicados e filtrados, cunha perspectiva... <NARAHIO> Referíame a datos como capacidade, non como contido <Ross> Ninguén ten tempo abondo como para tratar, procesar e editar os datos. Cantos máis datos... máis traballo hai para os xornalistas. Os xornalistas están comezando a empregar a capacidade para mandar vídeos e a tecnoloxía do vídeo ben logo premitirá que estes vídeos se indexen e se poidan buscar como se fosen textos. ¡Pero aínda precisamos os xornalistas para explicar os videos! :) <annamaria> ¿Que conclusións pensa que desde a teoría da comunicación se poderán sacar do conflicto actual? <Ross> Habería menos espacio para a propaganda se a xente estivese mellor informada. Por exemplo, calquera pode ver que están a matar civís, pero calquera pode ver, tamén, que os soldados foron con moito tento para evitar matar civís. Por iso.. poderíamos discutir de xeito con máis información na man... en lugar de insultarnos. Podemos ver que os soldados non son carniceiros desapiadados, pero tamén podemos ver que cando comezan os tiros os civís morren inevitablemente. <juan> ¿Cre que a internet está axudando a conseguir unha nova sociedade civil, que sexa quen de rebelarse contra os grandes centros do poder? <Ross> Está claro que sen internet, non teríamos estas grandes manifestacións. Internet tamén pode transmitir unha mensaxe que ten que conter unha verdade, ou polo menos unha boa idea, para ser eficaz. <juan> ¿Considera que culturas minorizadas como a galega, na súa situación actual, teñen aínda oportunidades na era dixital? <Ross> Unha gran oportunidade. Pero a maior oportunidade non está en traducir simplemente informacións españolas ou inglesas ao galego. O beneficio real é empregar a internet para difundir e conservar a tradición literaria. Internet é mellor nisto ca tecnoloxías máis antigas como a radio ou a televisión, que fixeron que a lingua fose máis uniforme en todos os países. Incluso nos EEUU, os dialectos locais desapareceron. Con internet a xente pode responder. <Parker> ¿Coñece vostede a corrente norteamericana do Civic Journalism? ¿que pensa sobre ela? <Ross> Deberiamos explicar primeiro o que é o Civic Journalism. Os reporteiros pregúntanlle ao público qué é o que máis lles importa, e interactúan con el para atopar solucións. Estou moi a favor deste enfoque, pero nos EEUU algúns xornais perderon esta oportunidade de facer o traballo con cidadáns en troques de con xornalistas. E precísanse os dous. <Parker> ¿É mellor formarse como científico e logo como xornalista, ou polo contrario é preferible ser primeiro xornalista e especializarse cun máster despois? <Ross> Para min funcionou ser científico, ter un título en Física e Astronomía, e despois conseguir un título en xornalismo. Pero creo que cada persoa é distinta. <NARAHIO> ¿internet, television e radio, acabarán confluindo nun único medio? <Ross> Si. Xa hai 6.000 emisoras de radio na internet, comparadas coas 9.000 emisoras fóra de internet. Isto axuda a superar o monopolio, pois unha empresa en Estados Unidos controla 1.400 emisoras. <Parker> Creo que vostede coñece ben os países da Europa do Leste. ¿Como valora o seu estado de democratización e, por extensión, a situación do xornalismo? <Ross> Vexo que estás ben informado! :) Estiven 20 veces en Iugoslavia. En Croacia as cousas están indo moi ben, porque a economía está mellorando. Iso significa que a xente pode permitirse a publicidade e coa publicidade xorden os medios de comunicación. Preocúpome moito, sen embargo, por Bosnia: a economía é moi pequena como para facer fronte a un bo xornalismo. Os xornalistas nesa parte do mundo fixeron un traballo heroico, senón seguirían aínda loitando e Milosevic seguiría no poder. <iria> ¿Estás a aprender algo de nós nestes días, ti que ves aprendernos cousas? <Ross> Por suposto, estou aprezando cada vez máis a profundidade da lingua galega. De todos os xeitos, xa visitei España varias veces. Aínda que esta é a primeira vez que estou en Galicia. A gastronomía e o viño branco de aquí son fantásticos. ;) <iria> ¿Que seguimento fixo vostede do accidente do Prestige? ¿Considera que a información dada en internet foi suficiente, eficaz, mobilizadora? <Ross> Son xornalista especializado en temas de medioambiente e eu mesmo vivo na costa, así que seguín a noticia de preto. Este fuel vai seguir causando problemas nos próximos anos, moito despois de que saia nos titulares dos xornais. E as persoas afectadas seguirán escribindo sobre o Prestige en internet. Incluso hoxe, os científicos da universidade de Columbia están a recibir información valiosa sobre os efectos do fuel a través de internet. Son especialmente interesantes as entrevistas cos mariñeiros. <Vieiros> Con respecto ao Prestige... Aqui descubrimos que tamén os científicos mentían... ou, polo menos, que había uns que dicían 'si' e outros que dicían 'non'. ¿Como valoras iso dende a túa posición de xornalista-cientifico? ¿O principio de incerteza é finalmente coñecido pola poboación? <Ross> Moi poucas cousas na ciencia son certas e, certamente, os camiños que o fuel percorre polo fondo do mar son difíciles de predicir. O responsable da toma de decisións con respecto ao Prestige perdeu axiña o seu traballo porque o debate científico era moi público, estaba na rúa. O último desastre espacial de EEUU é outro exemplo. Alí o debate técnico está aberto. Os científicos tamén son humanos... ¡e ás veces téñennolo que lembrar! :D Adoitaba dicirlles aos meus alumnos, cando non entendían algo: "non fai falta que sexas un científico espacial para comprendelo". E cando eles descubriron que eu era un científico espacial... :D Dicían... "por iso ti o entendes tan ben". Ai, se algunha vez chegades á miña idade, con que pensedes que gozastes a metade do que gocei eu, podedes considerarvos afortunados! :). Transcrición íntegra do chat (27/3/2003) |