OS E AS INTERNAUTAS ENTREVISTAN A ANDRÉS TORRES QUEIRUGA

"A Igrexa galega cambiará conforme cambie a universal"


O día en que se facían 25 anos de pontificado de Xoán Paulo II visitou a sala de chat de Vieiros o teólogo Andrés Torres Queiruga. Fundador da revista insignia Encrucillada, académico da Lingua, Torres Queiruga sitúase na á máis progresista e galeguista da Igrexa. Podes tamén consultar a transcrición da conversa exacta que mantivo o teólogo cos nosos lectores e lectoras.







"Non creo que Rouco Varela teña posibilidades de ser papa"





















"Xoán Paulo II foi un papa preocupado pola disciplina, e iso sempre é perigoso"





















"A saudade segue a ser actual, pero non pode ser o único problema, nin sequera o principal"





















"Espero aínda ver algunha muller sacerdote na Igrexa católica"





















"O decisivo é optar por falar e escribir galego"
<Vieiros> En Vieiros temos unha enquisa sobre a Igrexa en Galiza e o seu compromiso co país. De momento, son máis os que pensan que a aínda non está suficientemente incardinada coa sociedade e a Terra... Que opinas disto?
<Andres> Penso que por desgracia é verdade, aínda que ese tamén por degracia é un problema da sociedade galega no seu conxunto.

<anxo> Cales son as prioridades da Igrexa en Galiza neste comezo de século?
<Andres> Prioridades serían ante todo galeguizarse de verdade, nunha sociedade que tamén empeza a querer selo, aínda que cómpre recoñecer que o camiño vai ser longo. Outra prioridade é como conseguir máis autonomía na formación teolóxica e mesmo no goberno pastoral. Galicia ten unha entidade que debe notarse nunha postura orixinal ante os problemas. Neste sentido, é preciso que os problemas reias, a desigualdade económica ou o trato dentro do estado pasen á consdieración e, se fai falla, á denuncia pública.

<sito> ¿Como son as relacións entre o nacionalismo politico e a Igrexa galega?
<Andres> Teño a impresión de que están practicamente estancadas a nivel oficial. Outra cousa son grupos moi vivos, comprometidos con Galicia. A mágoa é que non teñen moito eco nos medios. Por exemplo, 'Encrucillada' vai celebrar un foro sobre o Prestige, o 9 de novembro. Esperamos que sexa incisivo, e gustaríanos que os medios lle prestasen a atención debida. Pensemos que, de ordinario, acoden a estas xuntanzas ao redor de 500 persoas, aínda que despois ao público xeral non lle chega, se ben tanto os de dentro como sobre todo os que veñen de fóra quedan entusiasmados e mesmo admirados de algo que non agardaban atopar.

<anxo> Serviu para algo o Concilio Pastoral de Galicia? Debemos recuperalo ou superalo definitivamente?
<Andres> Serviu para bastante. O malo é que ficou coutado pola metade, pois non houbo a coraxe de poñer en práctica o que ía xurdindo del.

<sito> E na Igrexa da nosa terra haberá cambio? O de Ourense parece un bo bispo...
<Andres> Na igrexa galega notarase un cambio conforme se produza un cambio na igrexa universal. O bispo de Ourense é novo e é amigo, e agardo que cada vez se meta máis a fondo na realidade de Galicia

<melmac> ¿Como cres que será a Igrexa galega dentro de 50 anos? Quedará algo máis ca Xacobeo?
<Andres> Non o sei. Son moitos anos para facer prediccións. Ademais a Igrexa galega non está illada e depende da evolución xeral.O relixioso está na entraña humana, e non sei cómo se manifestará no futuro, pero teño a convicción de que atopará novas formas de se manifestar, quizais por onde menos o esperemos. De feito, a min sorpréndeme que continuamente aparecen novas iniciativas e novos movementos. Moitos desaprecerán, pero outros prenderán e crearán futuro. Non me preguntes cales...

<Vieiros> Cal é a túa valoración destes 25 anos de papado?
<Andres> Ambigua: hai aspectos positivos e outros negativos. Sei que esta non é moita resposta, pero fai pensar. En conxunto creo que se perdeu moita da oportunidade do Concilio. Había un impulso de renovación que en gran medida se cortou.

<giovanni> Cres que o Papa se retirará? Cres que debería retirarse?
<Andres> Esas son dúas preguntas. Parece que non se retirará. E paréceme evidente que debería retirarse. E teño a convicción de que para os vindeiros pontificados isto vai ser dalgunha maneira asumido. Quero dicir que se vai ver normal que ao chegar a unha certa idade, coma os bispos, o papa lle deixe camiño á renovación. Doutro xeito a Igrexa non pode manter o paso do tempo.

<giovanni> E a quen ves sentado na cadeira de San Pedro logo de Wojtyla? Tal vez Rouco I?
<Andres> Iso é impredicible. Rouco desde logo non creo que teña posibilidades. Aquí, por fortuna, ninguén pode ser profeta. Pero cambio vaino haber necesariamente.

<catu> Un cambio a dereitas ou a esquerdas?
<Andres> Un cambio a mellor. Aínda que non resulta posible calibrar a amplitude, a situación por si mesma pide unha apertura, unha maior particpacion dos fieis en todo, unha maior igualdade da muller,  unha maior autonomía das igrexas locais, unha maior claridade na manifestación das opinións dentro da Igrexa... En definitiva, maior pluralismo e vitalidade.

<desorriba> O poder da igrexa norteamericana notarase neste próximo papa?
<Andres> Os americanos poden ter poder, pero non decisivo. O cónclave por sorte é libre, e os cardeais senten unha auténtica responsabilidade. Non poden deixar a propia mentalidade, pero buscan o mellor. E tamén hai que confiar que Deus algo irá facendo.

<desorriba> A influencia da igrexa norteamericana pode ser por cartos ou a través doutra vía?
<Andres> Non sabería responder. Os cartos teñen influencia polo necesario financiamento. Pero ademais están na nación que goberna o mundo, para ben ou para mal. De todos os modos, non creo que o seu influxo sexa decisivo, nin sequera predominante.

<Vieiros> Nun recente artigo, Hans Küng sinalaba que Xoán Paulo II se mostrara progresista cara fóra, pero reaccionario cara dentro da Igrexa. Isto é así?
<Andres> Ten a sua razón. Xoán Paulo II foi un papa moi preocupado por restablecer 'disciplina' dentro da Igrexa, e iso sempre é perigoso. De feito, mermou a creatividade, se ben hai grupos moi vivos que por desgracia non son os que saen á prensa.

<Vieiros> Sénteste libre como teólogo ou a sombra de Ratzinger é demasiado poderosa?
<Andres> Si, doutro xeito non escribiría. A sombra de Ratzinger é alongada, pero por fortuna non ten poder coercitivo. Posiblemente son outras forzas menos 'ilustradas' as que coas denuncias, sen entenderen moito, fan máis difícil a situación. Pero certamente se a teoloxía non é libre deberá calar. No fondo, como en todos os campos.

<Vieiros> Refíreste a grupos influíntes dentro da estructura actual da Igrexa coma o Opus ou Comuñón e Liberación?
<Andres> Non vou negar que tamén falo deles. Teñen as súas razóns internas, pero o malo é que adquiriron un protagonisto descomunal. Creo que esta é unha das sombras deste pontificado.

<giovanni> Que opinas de que Xoán Paulo II fose candidatado ao Premio Nobel e que teña unha postura tan reaccionaria sobre a homosexualidade, por exemplo?
<Andres> Eran cuestións distintas. Pola paz traballou moito e diso se trata, aínda que creo que en cuestión de premios e cousas parecidas non debe entrar o papa como candidato. O seu é o testemuño, o servicio desinteresado. Pareceume moi ben que fose unha muller e musulmá a premiada. Ao papa non lle cómpren premios.

<catu> Dicía Ramón Piñeiro que ti eras o primeiro teólogo galego. De cara á sociedade parece que sexas o único. ¿Como o ves?
<Andres> Iso foi o cariño de Piñeiro. Por sorte hai máis e cada vez mellores, pero o malo é non termos unha facultade de Teoloxía. Iso fai que haxa que se formar fóra, e outros, algún moi bo, teñen que ensinar fóra. De todos os modos ao redor de revistas como 'Encrucillada', 'Irimia' e 'Lumieira' estase a producir pensamento interesante. Tamén hai libros, algúns moi bos, á altura do que se poida facer en calquera outro sitio.

<anxo> No Instituto Teolóxico Compostelán hai tres anos comezou o segundo ciclo de Teoloxía. Que opinión tes do nivel? Convidáronte a dar clases nese ciclo?
<Andres> Creo que se está a avanzar, aínda que non ter facultade autónoma está resultando un hándicap forte. Eu como teño dedicación exclusiva na Universidade limítome a unha certa formación de segrares unha vez por semana. Á parte teño grupos máis privados nos que tratamos de profundizar temas. Ademais teño entre as miñas obrigas a da revista e outros compromisos máis xerais.

<catu> Tes escrito sobre a 'saudade'. Non cres que está xa un pouco resesa e que a reflexión e as propostas sobre a nosa identidade debería ir por outros camiños?
<Andres> A saudade depende de como se trate. Se a vemos na fondura filosófica, penso que segue a ser actual. Pensa que a filosofía de Heidegger, tan actual, lle prestou enorme atención. E segue viva, pois nun libro que rematei de ler onte un francés trataba destas cousas cun refinamento incrible. Iso si, ese non pode ser o único problema, nin sequera o principal. A verdade é que tampouco na miña obra ese tema ocupa tanto. Hai outras de moito máis callado. De todos os modos o espírito debe estar sempre aberto a todos os ventos. Ademais, ao termos algo especificamente (non exclusivamente!) noso, paga a pena que o coidemos

<Vieiros> En que estás traballando na actualidade desde o punto de vista da reflexión teolóxica?
<Andres> Neste momento estou sacando adiante compromisos inmediatos: artigos sobre a morte, os coidados paliativos, a revelación en Zubiri... Libros, teño dous na cabeza, e aínda non sei por cal vou empezar... Non é doado decidir cando hai tantos problemas e tan pouco tempo.

<anxo> Ao longo da traxectoria persoal de calquera teólogo ás veces cambian de parecer nalgún asunto importante. Mudaches a túa opinión teolóxica sobre algo relevante? Arrepínteste de escribir algo?
<Andres> O cambio é necesario, senón a vida morre. Eu cambiei sobre todo en profundización. Como empecei a escribir máis ben tarde e non son rápido... A verdade é que máis ben me vexo nun proceso de apertura e profundización. De feito non lamento, que eu lembre, nada do que escribín, aínda que hai cousas que escribiría doutra maneira. Por exemplo, algún libro como 'Recuperar a creación', ten algo de reedición do anterior 'Recuperar a salvación'.

<desorriba> A teoloxía do futuro será europea ou terá outra forma?
<Andres> Terá outra forma, aínda que iso non significa que Europa vaia desaparecer. Deixará só de ser o embigo do mundo. De feito, a teoloxia da liberación en América, os teólogos hindús e mesmo africanos, e mesmo algunhas univesidades norteamericanas están a introducir novidades moi importantes. Hoxe hai que saír de Europa para ter unha visión de conxunto. A teoloxía será distinta en ter que deixar de ser a mesma. Esa é sempre a vida: ser si mesmo coma outros, tal como di en xeral Paul Ricoeur.

<anxo> Despois dos pronunciamentos do Maxisterio, cres que é posible, realizable e defendible teoloxicamente na Igrexa católica un sacerdocio feminino?
<Andres> Si. Máis aínda, teño a convicción de que non pasarán demasiados anos ata que iso cambie. Espero aínda ver algunha muller sacerdote na Igrexa católica. Haberá que agardar.

<anxo> E que o último documento da Comisión Teolóxica Internacional sobre o diaconado e o papel da muller me pareceu máis ben tépedo; ben traballado, pero tépedo. Leches o documento?
<Andres> A verdade é que non. Penso que de momento o que se diga oficialmente ten que confirmar o dito polos documentos anteriores do papa. Para novidades hai que agardar.

<giovanni> Como académico da lingua, como ves o proceso dos cambios normativos?
<Andres> Foi un bo paso adiante. Pero o decisivo é optar de verdade por falar e escribir galego, e despois o demais é secundario. E aí convén ser abertos e buscar acordos. En xeral, todas as opcións teñen fundamentos serios, pero temos que buscar a incidencia na realidade, buscar o que sexa máis eficaz para que Galicia se galeguice, aínda que case dá vergoña ter que dicir estas cousas.

<melmac> Nunha conferencia comparabas o futuro da Igrexa aquí co futuro do galego. Cres que a xente que traballa neses dous ámbitos ten problemas para comunicarse coa sociedade?
<Andres> Si, á fin e ao cabo, a Igrexa está na sociedade e nela hai xente en punta e xente no medio, como en toda a sociedade. Iso non quita que a Igrexa, pola súa misión e pola súa tradición, debería estar máis en punta. Se hai unha forte incomunicacion entre Igrexa e sociedade, como en xeral todo o que se intenta renovar en calquera campo, sempre resulta difícil de introducir na maioría. É a eterna loita por romper a rotina e manter o dinamismo social e cultural.



Transcrición íntegra do chat (16/10/2003)



Vieiros