ENTREVISTA CON JESÚS PALMOU, SECRETARIO XERAL DO PPdeG

"A BNG e PSdeG só lles preocupa unha cousa: quedar segundos"



Se Jaime Pita é o 'can de presa' do PPdeG (segundo a oposición), Jesús Palmou sería a cara amable dos populares. Ten sona de home dialogante, de amansar feras pero tamén de contar con pouco poder. Sen embargo, é o secretario xeral do partido no Goberno. Din que foi el quen puxo no seu sitio aos baróns provinciais, pero agora achéganse novos retos: as vindeiras eleccións, a sucesión de Fraga, o voto urbano...












"Nós trataremos de transmitir á opinión pública que un goberno de coalición podería reproducir os problemas que hoxe estamos a ver nestes concellos"













DiNiro









"Aspiramos -lexítima e razoablemente- a ter a maioría suficiente para gobernar"
























"Fraga decidirá en que momento se pon en marcha o mecanismo sucesorio, pero iso non acontecerá ata a vindeira lexislatura"



























"Eu mesmo pedinlle á militancia que non nos fiasemos das enquisas, que as eleccións hai que gañalas"

VIEIROS. O PP afronta as súas primeiras eleccións logo de perder o poder nas cidades. ¿Como cre que lle afectará iso ao PP?

JESÚS PALMOU. Nós entendemos que isto non vai ter relevancia nos resultados das eleccións e cremos que a xente vai valorar un proxecto de goberno para Galicia, e ten que valorar 11 anos de goberno Fraga. Nese sentido, as municipais son unha cousa e as autonómicas son outra.
Por outra banda, eu creo que nalgunhas destas cidades os cidadáns terán sufrido unha decepción cos gobernos do pactos, sobre todo nos casos máis palpables de Vigo, Pontevedra e Ferrol. Nós trataremos de transmitir á opinión pública é que un goberno de coalición podería reproducir os problemas que hoxe estamos a ver nestes concellos.

V. ¿Cre que a alternativa BNG-PSdeG está preparada para o asalto ao poder?

JP. Eu creo que nestas eleccións hai dúas alternativas: unha o PP e outra un goberno de coalición BNG-PSOE. E o problema deste alianza é que estamos a falar de proxectos políticos moi dispares, só hai que ver os programas que están a presentar. É por iso que é moi difícil que poidan coincidir nun proxecto de goberno se teñen opinións tan distintas para cousas fundamentais. Estas diferencias puxéronse de manifesto ao longo destes dous anos e tamén na acción de goberno.
Por outra banda, eu vexo que moitas veces as cousas que fixeron nestas cidades obedecían máis a intereses de partido que aos intereses xerais das cidades. E iso non sería bo para o conxunto de Galicia. Por iso digo que "transplantar" estes pactos locais ao Goberno galego non sería o máis desexable para Galicia.

V. Pero queda unha cidade que é case un mundo á parte. Falamos da Coruña, onde goberna Paco Vázquez que forma co PP case unha parella de feito. ¿Cando faredes oficial a vosa relación?

JP. Vamos a ver... Vázquez goberna na Coruña con maioría absoluta e nós estamos na opisición facendo un labor que é o que nós cremos que debe ser unha oposición: constructiva, onde hai discrepancias co Goberno en moitos temas, hai coincidencias noutros, pero en todo caso sempre en función dos intereses xerais da cidade. En definitiva, non hai ningún tipo de relación que haxa que oficializar, a relación é goberno-oposición, con cordialidade e tendo presentes os intereses da Coruña.

V. O semanario A Nosa Terra publicou esta semana unha información referida a un pacto Cuíña-Paco Vázquez en virtude do cal se o PP perdese a maioría absoluta, os deputados socialistas fieis ao alcalde apoiarían unha investidura de José Cuíña, que implicaría a retirada de Fraga. ¿que opina disto?

JP. Eu non sei absolutamente nada dese pacto. O PP non ten falado de pactos con ninguén. Aspiramos a ter a maioría suficiente para gobernar. Eu creo que iso é un rumor, un bulo interesado que non ten nada que ver coa realidade.
Eu podo asegurar, como secretario xeral, que o PP non ten ningún acordo nin ten falado con ninguén de ningún pacto. Nós aspiramos -lexítima e razoablemente- a ter maioría suficiente.

V. ¿En que sector da poboación vai centrar o PP a súa campaña? ¿Nos da boina ou nos do birrete?

JP. A nós basicamente interésanos Galicia no seu conxunto, e polo tanto imos centrar a nosa mensaxe en todos os sectores. Acabamos de presentar 20 libros brancos, un para cada sector, e polo tanto nós imos facer chegar a cada sector a súa mensaxe concreta. Imos tratar de que todos os galegos coñezan o noso programa, pero tratando de que cada sector coñeza aquela parte do programa que lle é específico.

V. Xa... pero a estratexia non ten que ver con iso. Porque se cadra queredes incidir nun aspecto que é o que está máis descoidado ou onde se perderon votos...

JP. Nas últimas municipais perdemos votos nas grandes cidades, pero iso non quere dicir que agora teña que repetirse, porque xa nas xerais o comportamento electoral foi distinto. Nós imos chegar a todos os sectores, tamén ao electorado urbano. Temos unha mensaxe para eles, pero tamén para o electorado rural. Nós temos un obxectivo claro e fundamental que é o pleno emprego, que lle interesa tanto aos do rural coma aos das cidades.

V. Síntoo, pero non podemos evitar preguntar polo obvio, pola sucesión de Fraga (risos). Non vou preguntar nomes, porque non mos vai dar, pero si perfís. ¿Clásico político saído do rural ou tecnócrata neoliberal engominado? Dígame...

JP. Eu, dende que estou na secretaría xeral... non tiven moito tempo para distraerme coa sucesión de Fraga (risos). De momento nós só pensamos en acadar un gran proxecto político para a vindeira lexislatura, que queremos que desenvolva Manuel Fraga.
Polo tanto, o inmediato para nós é seguir gobernando, que Fraga siga sendo presidente da Xunta durante os próximos catro anos. E logo será nesa lexislatura cando Fraga decida...

V. ¿É o propio Fraga quen vai decidir o seu sucesor?

JP. Non, non. Pero é el quen ten que decidir en que momento se pon en marcha o mecanismo sucesorio. Pero repito que é un tema no que eu non perdo nin un segundo e que non preocupa neste momento no PP, porque o máis inmediato é a campaña e as eleccións, xunto co proxecto para Galicia. E a persoa que leve adiante ese proxecto xa a temos, e é Fraga. A sucesión é para a seguinte lexislatura.

V. ¿E sobre a sucesión de Beiras opina?

JP. Eu diso non teño nada que dicir. Simplemente, o que lle teño oído a Beiras: que se nestas eleccións non gaña, pensaría en retirarse. Ou sexa, que a sucesión de Beiras si que está máis próxima polo que el mesmo dixo, pero a partir de aí, eu non digo nada...

V. Home, pero por cuestións biolóxicas, antes irá Fraga, ou?

JP. A sucesión política prodúcese por causas non biolóxicas. Hai persoas que se retiran en plena xuventude.... Eu digo que, á vista das manifestacións realizadas polo señor Beiras, creo que está máis preto no tempo a sucesión de Beiras que a de Fraga, con independencia da idade. E que, polo tanto, debe estar máis preocupado o BNG pola sucesión de Beiras que nós pola de Fraga.

V. Non pretendiamos ser orixinais... (Risos) As sondaxes falan dunha nova maioría absoluta, pero Arenas alertou contra os excesos de confianza... ¿Vai ser outra campaña para sacar votos ata debaixo das pedras?

JP. Eu mesmo o outro día, na presentación dos libros brancos, pedinlle á militancia que non nos fiasemos das enquisas, que as eleccións hai que gañalas. Pero é certo que todas as enquisas que coñecemos nos dan a maioría absoluta, aínda que non imos baixar a garda por iso. (Risos) Toda a militancia vai traballar arreo nesta campaña para que o PP acade esa maioría.

V. Os vosos datos contradín os do PSdeG e din que a segunda forza sigue sendo o BNG, ¿non?


JP. Si, as que nós coñecemos din que os segundos seguen a ser os do Bloque. Pero tamén é certo que non temos ningunha enquisa posterior a esa que deu Touriño na que eles aparecían de segunda forza. E, por certo, cando se anuncia unha enquisa e se dan os resultados, pois dise quen a fixo, onde se fixo, a canta xente se lle preguntou, etc. Non sei, eu non vou dubidar, pero sen dar eses datos fundamentais resulta difícil de crer. E logo escoito a Beiras dicir que unha suposta enquisa do CIS que di que eles seguen a ser a segunda forza... pois eu chego a unha conclusión: o gran dilema entre o BNG e o PSdeG é quen dos dous vai ser a segunda forza. E a súa campaña vaise centrar niso: quedar de segundos, porque saben que non lle poden gañar ao PP.

Pero a pregunta importante é: ¿Que proxecto se vai executar se nós non temos maioría absoluta? Iso si que ninguén o vai saber (risos). E iso eu quéroo poñer de manifesto, porque esa incertidume eu creo que debe preocupar ao cidadán.

¿A alternativa? Si, é un goberno de coalición... pero o proxecto que se vai executar para gobernar Galicia cal vai ser? o do BNG, o do PSOE? os dous? E esa é unha incógnita que, polo que se ve, non están dispostos a despexar estes señores. Porque podían enfocar a campaña dicindo: imos gobernar xuntos e damos estas liñas do que queremos facer nos vindeiros catro anos. Pero non o fan...

V. O censo electoral é o principal cabalo de batalla da oposición. Sabendo que hai evidencias de irregularidades, ¿que ten que dicir o PPdeG na súa defensa?

JP. Vamos a ver, nós hai moitos meses pedimos que se actualizara o censo. É que non é que haxa irregularidades no censo, senón que o censo está sen actualizar. Cando se fixo o no ano 95 -estamos a falar do Censo de Residentes Ausentes- non houbo excesivo rigor, digamos, e -por outra banda- a lei establece que os censos da emigración deben estar actualizándose permanentemente. Pero para actualizalos é preciso que a xente que cambia de situación vaia ao consulado e o modifique.
Entón, se é certo, como dixo o señor Touriño, que votou un home de 120 anos... pois no 95 xa tiña 114... E eu non digo que se fixera a mala fe, fíxose cos datos e cos medios que tiñan... e saíu un pouco 'chapuceiro'.
Entón atopámonos cun censo que ten moitas deficiencias, iso non quere dicir que nas eleccións vaia haber irregularidades. Pero nós queremos un censo actualizado, real e veraz. E así o temos pedido no Goberno. O PPdeG, o presidente da Xunta, dirixiuse ao Goberno reiteradamente para pedirlle que se actualizara o censo.

V. Pero non se solucionou o tema, non?

JP. Neste momento incrementouse o persoal, sobre todo en Sudamérica, para traballar nesa actualización. Estánse a actualizar pero é difícil que haxa unha revisión total de aquí a outubro, por moito que insistamos.
Despois, o PSdeG solicitáralle, xunto co BNG, á Xunta Electoral Central que nas eleccións os emigrantes tiveran que solicitar previamente o voto. Nós cremos é un disparate, iso sería tanto como impedirlles votar. Iso non garante para nada maior limpeza no proceso, o único que fai é poñer un elemento que impide votar á xente porque non hai tempo material dende que se convocan as eleccións para que pida o voto, lle manden o voto e despois que vote. Iso é o que pasa nas eleccións municipais por razóns moi especiais e vemos que a xente non vota.
Agora a Xunta Electoral Central xa se pronunciou, xa dixo que iso non era procedente e tamén que non había ningún indicio de irregularidades en eleccións. Así que o único que pedimos é que, por unha parte, que se actualicen os censo, e pola outra, que cando a xente vaia votar, que se lle pida o carné de identidade, igual que aquí.
Sobre o pacto do censo con Touriño... agás o tema do voto "rogado", no demais hai un acordo básico: el mandoume unha carta coas súas propostas, eu fixen o propio coas do meu partido e basicamente estamos de acordo, agás -insisto- no de esixir a petición de voto. Non ten por que haber un pacto expreso nin que asinar nada. Estamos de acordo, non é unha xestión que poidamos facer nós, é cousa do Goberno, e a min cónstame que neste momento se incrementou o persoal de consulados.

V. Fálase de renovación nas listas do PP, sobre todo na persoa de Inmaculada Rodríguez, número 1 por Ourense. ¿Atendendo a que criterios se confeccionaron estas listas?

JP. Nós entendemos que un partido ten que renovarse constantemente, entón, esta renovación faise pública nos congresos e nas eleccións. Nós pretendiamos que a mocidade se vaia incorporando á vida política, igual pasa coas mulleres, ás que lle hai que ir dando responsabilidades progresivamente, iso si, sen fixar porcentaxes concretas, pero avanzando cara a igualdade real.

V. ¿Cantos militantes ten o PP en Galicia?

JP. Pois estamos preto dos 100.000 militantes, debemos andar polos oitenta ou así...




Unha cifra para rematar, que nos di que aproximadamente 4 de cada 100 galegos son militantes do PP. Non o esquezan.


Texto:
Rocío Castro Tarrío

Fotos:
Roberto V. Noguerol



Vieiros