|
| Velaquí tedes unha entrevista que os internautas lle fixeron o sociolingüista Henrique Monteagudo, a través do chat de Vieiros. Nesta ciberconversa (que aquí podedes consultar de forma íntegra) o secretario do Consello da Cultura Galega abordou o Plan Xeral de Normalización Lingüística proxectado pola Xunta de Galicia... e as posicións máis ou menos enfrontadas. |
![]() "O bilingüismo harmónico é auga que non move nigún muíño" "O Plan de Normalización de Santiago paréceme excelente, e sería inxustificable a falta de apoio da Xunta" |
<vieiros> Henrique ¿que opinas do Plan Xeral de Normalización que propuxo a Xunta? <henrique> De momento, só podemos falar da idea de facer un Plan, pois o Plan en si non está feito. <ranha> ¿Que pensas sobre a forma, a metodoloxía con que comezaron o proceso? <henrique> A idea non é nova. Facer un plan é totalmente imprescindible, xa veremos o que sae. De momento está en fase técnica, non sei se deberan ter consultado previamente o procedemento, pero coido que é pronto. <vieiros> As queixas principais van precisamente cara ese procedemento, non? <henrique> Si, pero estando de acordo no que esas queixas expoñen (eu mesmo o dixen publicamente diante do Director Xeral), preocúpame que esas queixas poidan ser interpretadas publicamente como unha toma de posición contraria ao propio plan. <velotodo> Algúns artigos, como por exemplo o que ti publicas en Vieiros, ¿non contribúen precisamente a dar esa imaxe? ¿non van no sentido de atribuírlles una posición contraria a que se faga un PNL? <henrique> Canto ao meu artigo, reproduce a presentación da conferencia do Director Xeral, así que foi escrito antes de que xurdisen as críticas. Diríxese a todo o mundo, pero especialmente aos poderes públicos. <ranha> O manifesto por un Plan Xeral de Normalización xa circulaba e tiña moitas adhesións antes dos encontros. Alí, naquela conferencia de presentación, o director xeral etiquetou os/as asinantes do manifesto como os do "batallón de enfronte". ¿Non cres que el xa incorporara na súa conferencia o discurso do manifesto constructivo e dialogante? <henrique> Antes dos Encontros de Normalización, o gran tema de debate público era o do famoso concurso de adxudicación da contrata do plan; despois dos Encontros, a discusión pasou a centrarse no propio Plan, ou mellor dito, de momento, no procedemento de elaboración. <pdam> Partindo da base de que non hai ningunha solución milagreira, ¿cal cres que sería o punto básico que debería afrontar este plan de normalización? <henrique> O plan debe fixar uns obxectivos mínimos (aínda que ambiciosos) e procurar os medios máis eficaces para conseguilos. <pdam> Xa, está claro que deberiamos facer o mellor plan posible. Pero indo máis ao concreto ¿qué cousas cres que deberían recollerse nel? <henrique> Hai sectores clave: o ensino, que debe ser preferentemente en lingua galega; os medios de comunicación, en que o galego ten que ter unha presencia moito maior; as administracións públicas... <dozinhos> ¿cre que os medios de comunicación están actualmente preparados para expresárense en galego? <henrique> O problema dos medios non é tanto a preparación, canto a actitude diante do uso da lingua. Hai xornalistas que escriben en galego e que se queixan dos atrancos que lles poñen para empregalo. Coido que estiman que o uso do galego non é rendible. <dozinhos> ¿que opina acerca dunha pronuncia estándar, debería de impoñerse no galego? <henrique> Coido que o Plan non trata tanto dunha cuestión de normativas (como a pronuncia), senón de promoción do uso social. <susana> ¿Cal é a posición pública do Consello da Cultura Galega a respecto do Plan Xeral de Normalización? <henrique> Penso que as recomendacións do Consello a respecto da política lingüística da Xunta colaboraron a que esta se mentalizase sobre a necesidade dun Plan Xeral. A nosa posición é apoiar, dentro das nosas posibilidades, a realización do Plan. <vieiros> A propósito da Comisión do Plan, en principio hai catro lingüistas xa escollidos para dirixir a elaboración do Plan, e dende a Dirección Xeral insístese en que son independentes. Pero... ¿non teñen unha leve escora cara a certas institucións próximas ao Goberno autonómico? <henrique> En principio son persoas con preocupación pola lingua, e se se asesoran ben, poden perfectamente coordinar a elaboración do Plan na fase técnica. Loxicamente, o Goberno bota man de persoas da súa confianza (digo eu). Cousa distinta é que o Plan non se pode elaborar sen participación dos axentes da normalización e sen respaldo político dos grupos máis importantes. <pdam> ¿Que cres que é máis perigoso cara ao proceso normalizador, a apatía lingüística ou a crispación?, ¿e cal é o mellor metodo de combater eses problemas? <henrique> A apatía é mala se significa que non se fai grande cousa. A crispación é pésima, pois impide avanzar. <marisa> ¿O Consello da Cultura axudou a que a Xunta se mentalizase do "bilingüísmo harmónico"? ¿Pode facerse un Plan Xeral con ese prexuízo? <henrique> O bilingüismo harmónico é auga que non move ningún muíño. O Consello non ten nada que ver con esa formulación tan pouco afortunada. <velotodo> ¿Cres que o discurso do Director Xeral ía ir no sentido de falar tanto de diálogo e de consenso se non houbese un certo movemento demandando precisamente iso? <henrique> Non teño nin idea, nin me preocupa pescudar as intencións íntimas das persoas. Prefiro xulgar polos feitos. <lois> ¿Non cree vostede que a unificación ortográfica co portugués axudaría a multiplicar as posibilidades da lingua? <henrique> Cara fóra, si; dentro do propio país, temo que só crearía dificultades. <velotodo> O movemento crítico e constructivo que reclama outro procedemento para facer un Plan Xeral de Normalización está conformado por unha ampla representación dos axentes lingúísticos, anteriormente mesmo enfrontados entre si. Esta unión non che parece un paso adiante que habería que ter en consideración? <henrique> Si, penso que é fundamental que a xente tome consciencia da necesidade dun Plan, pero que sexa capaz de dar pasos constructivos, tamén. <krakovio> ¿Está o galego en condicións de esperar polo plan de Política Lingüística, sen definición de prazos nin de actuacións transitorias? <henrique> Un Plan como é debido debe conter obxectivos concretos, compromisos, e medios. Se non é unha perda de tempo. <krakovio> ¿Consideras suficiente o traballo realizado pola Academia, que aínda non acadou unha gramática e só ofrece oficialmente un léxico de 25000 palabras? <henrique> Teño idea de que viñamos falar do Plan, pero por min se queredes, falamos tamén de pronuncia, de ortografía, da Academia e do Prestige. <velotodo> ¿Que posibilidades lle ves de saír ben a todo isto? <henrique> Son un pouco escéptico, pero coido que hai que tentar non desaproveitar a oportunidade. Non, polo menos, a causa dos que precisamente defendemos o futuro da lingua e a necesidade dun Plan. <dozinhos> ¿O plan ao final vai quedar en recomendacións á administracion e aos medios ou vai ser de caracter impositivo? <henrique> Non o sei con certeza, pois non formo parte da comisión redactora, nin estou no segredo do asunto. Pero para ser serio, ten que prever medidas de obrigado cumprimento, cando menos á administración. <loism> ¿Non cre que a ortografía galegoportuguesa sería a máis normal para a nosa lingua? ¿Por que había de crear problemas? <henrique> En ortografía, o normal é un concepto elástico. Para min o normal é escribir como escribo, aínda que acepto que para outras persoas o normal pode ser outra cousa. <Cordal> Esta pregunta vai no nome das Redes Escarlata. ¿Pódese negociar o progreso dunha lingua con quen persegue a súa agonía no culturalismo? ¿Pódese negociar de ecoloxía con quen non pon barreiras legais nin físicas á contaminación? <henrique> O teu razoamento é un pouco entrambilicado. Para sentarse a negociar, hai que presupoñer unha certa vontade de solucionar o problema. Os antecedentes non son precisamente bos, pero eu non prexulgaría a boa vontade neste momento concreto. Noutro caso, apaga e vámonos. <ranha> ¿Sabes en que fase de elaboración se atopa o Plan Xeral? ¿A quen lle están consultando? Paréceche que hai ou houbo secretismo? <henrique> Coido que están na fase de consultas, e seique chamaron ou teñen pensado chamar a moita xente. Polo que se soubo, por exemplo a Mesa foi convocada. Outra cousa é que a Mesa valore se quere participar ou non nas condicións actuais. <krakovio> ¿É posible un plan sen cumprir a legalidade? Refírome á ausencia de control sobre os premios de Entre nós, ao réxime de contratación do profesorado, ó cumprimento do decreto do ensino... <henrique> Unha base imprescindible para o Plan é a vontade de levalo á práctica, pero iso tamén depende da resposta da sociedade. <krakovio> ¿Pódese presupor vontade sen cumprir co que está lexislado, malia o pouco que hai? <henrique> Na miña idea, a elaboración dun Plan debe ser pasar a folla e recomezar, tomando a serio o problema. <krakovio> ¿Pasar folla é soterrar transgresións e dar marxe para mantelas? <henrique> O futuro da lingua debe ser, na miña modesta opinión, unha cuestión por riba da loita partidista diaria. Se non, imos dados. <loism> Xa sei dos seus dotes académicas, ¿pero en que se basea vostede para dicir que a escrita do galego á castelá é normal? <henrique> Precisamente nos meus dotes académicos, e o meu simple coñecemento de como se escribiu o galego nos últimos douscentos anos. <loism> ¿Non cre que é unha cuestión máis de interese político españolista? <henrique> Home, a respecto do españolismo, a verdade é que moita da xente que viña reclamando un Plan Xeral desde hai tempo non o fixo precisamente desde o bando do españolismo, que eu saiba. <loism> Se podemos ter unha lingua internacional que é a sétima máis falada do mundo por que imos quedar nun galego rexional condenado á desaparición. É absurdo, ¿non cre? <henrique> A solución do galego (se a ten), atópase aquí en Galicia, non no mundo mundial. <aqueloutr> ¿Que papel están xogando institucións como a Academia, o ILG e os departamentos de galego das universidades? <henrique> Academia, ILG e departamentos carecen de poder político, e aí está a cerna do problema. <xabarin> Non teñen poder político, mais tiveron un papel histórico determinante. ¿Acaso perderon algo dese relativo poder? <henrique> Papel histórico si tiveron (sobre todo a Academia), pero non poder político, nin absoluto nin relativo. <vieiros> Recentemente dicía o lingüista Joshua Fishman, o pai do concepto de diglosia, que o problema das linguas que se mantiñan polo sistema de ensino é que acaban como o latín. ¿Non cres que centramos demasiado o debate da lingua no ensino e non noutros ámbitos? <henrique> O ensino non é elemento suficiente, pero si imprescindible, e agora mesmo é imperativo fixar prioridades. <xabier> ¿Non cre vostede que desde o poder político debería mirarse polo cumprimento da legalidade e aumentar o número de clases na nosa lingua? <henrique> Estou totalmente de acordo. <xabarin> ¿Que che parece o Plan de Normalización do Concello de Santiago? ¿E as declaracións de González Moreiras de hoxe, afirmando que o concello non ía poder realizar o plan porque non dispuña de recursos? <henrique> O Plan de Santiago paréceme excelente. Xa lle dei os parabéns. Todo un modelo a imitar. Ora que, obviamente, eles xa recoñecen que sen o apoio da Xunta, non van ter medios para implementar o Plan, e coido que sería inxustificable que non o obtivesen. <aqueloutr> ¿Que opinión che merecen os obxectivos e as áreas que xa están delimitadas no Plan Xeral e que fixo público o Director Xeral? <henrique> Como idea xeral, non está mal. Así e todo, coido que faltan aspectos importantes, e eu redefiniría tamén a filosofía e obxetivos do Plan. Xa llo fixen saber á Comisión Técnica, que me chamou no proceso de consultas. <xabarin> ¿Estará o Director Xeral mirando este chat (ou tal vez participando)? ¿está preto da sociedade? <henrique> O Director Xeral debe estar moi atento ao que di a sociedade e os axentes normalizadores. De todos os xeitos, tamén nós lle temos que facer chegar as nosas ideas. <vieiros> Vieiros convidou o Director Xeral a parolar ao chat, pero González Moreiras declinou participar. <xabier> ¿Quen ten o poder para asegurar a presencia do galego no ensino? Estamos en mans da vontade dos nosos políticos? Se as leis existen, ¿por que non se cumpren (e non só no ensino)? <henrique> O poder sobre o ensino teno o Goberno galego. As preguntas sobre as leis tamén as fago eu, que teño tanto poder político coma ti. <aqueloutr> ¿Sabes se teñen previsto contar con todos os sectores da sociedade, non só coa parte que está preocupada pola lingua? <henrique> Polo que sei, pensan facer un proceso de consultas amplo, pero tamén é moi importante contar co respaldo político dos outros sectores parlamentares. <xabarin> Este debate é moi productivo e penso que a iniciativa do manifesto das asociacións activou, en certa forma, unha reacción constructiva. ¿Estás de acordo? <henrique> O manifesto, como tal, valóroo positivamente, e como podes comprobar, estou plenamente en sintonía coas ideas de fondo (participación, diálogo, consenso). Non me gustaron tanto algunhas propostas concretas que contiña, que penso que se deben tratar no plano estrictamente político. <xabarin> ¿Asináchelo ou propuxeches que o Consello da Cultura Galega se sumase a ese proceso constructivo? <henrique> Non asinei o manifesto, entre outras cousas por iso último que dixen. O Consello está plenamente disposto a apoiar (como organismo consultivo e de expertos técnicos) as iniciativas que gocen de amplo consenso político. Outra cousa está fóra das nosas posibilidades e do noso papel. <aqueloutr> ¿Daquela, a cuestión non é política e non nos atinxe a todos e a todas? <henrique> A cuestión ten un aspecto político indubitable, outro social, e outro técnico. O Consello ten algo que dicir no segundo, e sobre todo no terceiro aspecto. |