Entrevista con Domingos Merino, deputado polo BNG no Parlamento de Galicia

"A batalla polo goberno só a perde o que non ten vontade de gañala"



Non se lembrarán os máis novos, pero antes de agora houbo outros alcaldes na Coruña dende a chegada da democracia. O primeiro foi un axedrecista, Domingos Merino, que baixo as siglas de Unidade Galega tería a difícil tarefa de mover as pezas necesarias para madurar unha institución municipal aínda fortemente marcada polo periodo anterior.
Foi alcalde en tempo de filigranas políticas, de aprendizaxe urxente dos recén estrenados resortes democráticos. Afondamos na súa memoria política para atopar un dos periodos máis apaixoantes da historia política do país. Dende a entrada en política ata o ingreso nas ringleiras do actual BNG, pasando pola consecución da alcaldía da Coruña. Pactos, alianzas, contactos, distanciamentos, diálogo e acordos.


"dende que teño uso de razón creo que teño unha preocupación social e sobre todo unha insatisfacción ó ver o mundo que me rodeaba"































"Nas cidades representabamos unha forza democrática, galeguizadora, nacionalista, unha forza que pretendía avanzar en positivo nun panorama difícil"
¿Como chega Domingo Merino, consumado axedrecista, ao taboleiro político?

Pois hai un momento en que como persoa que vive nun entorno, empezas a tomar conciencia da situación. Eu dende que teño uso de razón creo que teño unha preocupación social e sobre todo unha insatisfacción ó ver o mundo que me rodeaba.

¿Parece que o eido cultural inflúe nese paso?

Efectivamente, comecei a interesarme por todos os actos culturais que se celebraban na Coruña. Tampouco eran moitos, estamos falando dos anos 60 e 70. Pero calquera deles por pouco comprometido que fora en si mesmo xa era un acto de afirmación e de oposición.
O feito de acudirmos xa supuña unha afirmación e un compromiso con algo. Estou falando dos que organizaban por exemplo O Facho ou o Círculo de Artesanos.

¿Algún episodio en particular?

Era unha época onde resultaba complicado compartir certas inquedanzas e unha vida social en torno a certas ideas. Recordo unha visita que fixo o ex-presidente Bosch, da República Dominicana, que se convertiu nun acto a favor da liberdade. Había alí un grupo de republicanos coruñeses e a verdade é que foi un acto que hoxe en día nos parecería moi convencional. Pero naquel momento foi un canto á liberdade e a democracia que tivo un significado moi especial. Dixéronse cousas que non se escoitaban facilmente, aplausos enfervorizados, vivas á liberdade....

As circunstancias danlle sentido...

Si, naquel tempo eran cousas que tiñan unha enorme importancia. Actos que cobraban importancia dentro daquela situación. Así, atopei acómodo finalmente no entorno de xente de O Facho moi vinculada naquel tempo ó PSG.

Cóntanos como evolúe o PSG nese momento

Sufrirá un cambio, aínda que non foi un cambio contrastado a través de debates internos. Hai que lembrar que o PSG non era un partido de masas, senón de cadros...

¿Ese cambio produciuse nunha dialéctica entre socialismo/nacionalismo?

Certamente iranse manifestando posicións que por unha banda poñían máis o acento nunha sociedade de esquerdas e pola outra nun nacionalismo aínda que tamén dende unha perspectiva de esquerdas. Iso sáldase logo dos resultados do 77 onde unha parte do PSG se vai naquel momento, algúns deles buscando acomodo no PSOE.

¿Aparece entón o momento de Unidade Galega?

UG é posterior a iso. Nós (PSG) tiñamos unha posición intermedia. Desexabamos que todo o mundo puidera ter un lugar dentro do partido, pero realmente iso non foi posible. UG xurde moito máis tarde, a finais de 1978. Virá da necesidade que ve o PSG de que haxa un acordo de todo o nacionalismo. Dende o PSG haberá unha vontade de unión de todo o nacionalismo e galeguismo ante o que vén enriba.

¿Como se canalizan na práctica esas conviccións?

No 77 o nacionalismo quedara fóra das cortes constituintes. Ábrese tamén un novo periodo que será o proceso estatutario. Iso dá lugar a un debate onde o PSG chegará á conclusión de que é necesaria a maior unidade que se poida acadar. Inícianse entón unha serie de reunións. De aí saíra o acordo de UG, que nós definiremos como a maior unidade posible do nacionalismo galego. Porque non foi posible con outros partidos. Fixemos inicialmente unha alianza de tipo electoral, cun documento político e cun compromiso de acudir ás eleccións xerais e municipais.

Non deixa de ser unha manobra algo precipitada...

O éxito foi importante pese a precipitación. UG presentarase ás eleccións xerais e ás municipais que se celebrarán sucesivamente en marzo e abril do 79. E cuns excelentes resultados a pesar da premura coa que se forma e as dificultades para espallar o proxecto.
Nas xerais serán uns resultados aceptables dadas as circunstancias. Nas municipais, e sen poder presentar listas en moitos concellos, cinguíndonos ós máis relevantes, os resultados serán tremendamente satisfactorios.

¿Con non moitas semanas entre xerais e municipais, como pode analizarse ese avance tan pronunciado?

Nas cidades representabamos unha forza democrática, galeguizadora, nacionalista, unha forza que pretendía avanzar en positivo no panorama que tiñamos, que era un panorama difícil. E iso foi premiado, sobre todo nese contexto dos concellos.



Vieiros| Parte 2 | Parte 3