ENTREVISTA A JOSÉ LUIS MÉNDEZ ROMEU

"Os concellos non teñen un papel significativo na política lingüística"

Dossier: Letras 2003

José Luis Méndez Romeu é un veterano político socialista e coruñés. Concelleiro de Educación e Cultura na cidade gobernada por Francisco Vázquez dende 1987. Licenciado en Ciencias da Educación, é seareiro da doutrina lingüística do rexedor herculino. Ademais é responsable da área de Educación do grupo socialista no parlamento galego e, polo tanto, responsable tamén dos temas que afectan a posición política do PSdeG respecto á lingua.

Mendez Romeu





"A querela pola normativa ten aspectos fundamentalmente políticos, e nese sentido é un problema que só ten solución política"

















"Galicia é un país máis plural, no ideolóxico e no lingüístico, do que o pensamento monolítico do nacionalismo quere facer ver"

















"A polémica do topónimo durará o tempo que dure esa absurda decisión de implantar un termo que non ten ningunha base nin científica nin histórica"

















<Vieiros> ¿Como valora vostede estes 20 anos de lei de normalización?
<Méndez Romeu> Estes 20 anos supuxeron un paso adiante moi importante en varios sentidos: dunha banda cumpriuse o obxectivo que sinalaba a lei de normalizar o uso na vida cotiá, en ámbitos onde ata esa data non estivera nunca presente. En segundo lugar, a incorporación e a normalización do mundo do ensino permitiu un feito histórico, que é contar hoxe con xeracións que teñen dominio oral e escrito. A escrita foi tradicionalmente un ámbito de discriminación, pois unha fracción importante de cidadáns se sentían incomódos en contextos elaborados, porque tiñan dificultades para escribir e mesmo ás veces para ler. Agora, nos mozos que teñen menos de vintecinco anos, ese problema xa non existe. Iso tamén representa un pulo importante para as industrias culturais galegas: hoxe o mundo editorial está nun nivel de desenvolvemento que, anque poida parecer pequeno, é malia todo o máis alto da historia, e en termos comparativos con outras rexións que teñen o mesmo problema está nunha posición interesante.

<Vieiros>Un panorama positivo o que ve vostede...
<Méndez Romeu> Si. Estes 20 anos significaron tamén a inexistencia de conflictos relevantes. Hai conflictos puntuais, pode haber conflictos locais, pero non existe ningún conflicto relevante agora en Galicia, e practicamente nos últimos anos non houbo conflictos importantes. Certamente quedan algunhas eivas pendentes. Por exemplo, segue habendo unha certa querela pola normativa lingüística. Pero é unha querela que ten aspectos fundamentalmente de carácter político, máis ca derivados da práctica dos falantes, e nese sentido é un problema que só ten solución política. Tamén existe no momento unha certa dificultade de normalización nalgúns ámbitos moi especializados, profesionais, comerciais, pero son ámbitos onde, polas súas características, vai ser máis fácil avanzar do que o foi noutros grandes temas da Lei de Normalización.

<Vieiros> ¿Cal cre que debe ser o papel destinado aos concellos na normalización de aquí en diante?
<Méndez Romeu> Non creo que os concellos teñan un papel especialmente significativo. Son parte das administracións públicas, as máis pegadas aos cidadáns, pero os concellos non teñen nin os medios nin as funcións legais para desenvolver campañas que incidan claramente (non só superficialmente) no cambio de actitudes. Polo tanto, creo que os concellos xogan un papel de colaboración, pero non poden ser en modo ningún os responsables de avances ou retrocesos en materia lingüística.

<Vieiros> O feito máis relevante no ámbito local nestes 20 anos é probablemente os Plans de Normalización de Santiago e Ferrol, onde cogoberna o Partido Socialista. Por outra parte, o concello da Coruña tense destacado por ser o máis refractario á normalización. Tamén está gobernado polos socialistas...
<Méndez Romeu> Galicia é un país máis plural do que o pensamento monolítico do nacionalismo quere facer ver. Somos un país plural no ideolóxico e no lingüístico. Iso é un feito sociolóxico que se pode ignorar, confrontar ou aceptar. Certamente as condicións sociolingüísticas en Santiago e na Coruña son diferentes. Para calquera observador ou para calquera veciño é unha evidencia. E a iso correspóndenselle actuacións distintas. Hai un dato: A Coruña é a primeira cidade de Galicia consumidora de literatura en galego. Polo tanto, o problema de conflicto non parece existir de xeito xeral, agás cuestións puntuais. Non hai conflicto de ningún tipo. E os concellos, como dixen antes, deben atender fundamentalmente as súas obrigas. É difícil sen medios desenvolver outro tipo de políticas activas.

<Vieiros> ¿A longa polémica do topónimo da Coruña beneficia o galego?

<Méndez Romeu> Para o galego é indiferente. A polémica do topónimo é totalmente artificial e política.

<Vieiros> ¿E beneficia a cidade?
<Méndez Romeu> Para a cidade creo que é unha polémica moi beneficiosa, porque pon de manifesto a vontade de resisitir diante de imposicións alleas ao sentido común, alleas á razón, e que teñen estrictamente un fondo contido político. Nese sentido a polémica durará o tempo que dure esa absurda decisión de implantar un topónimo que non ten ningunha base nin científica nin histórica.

<Vieiros> ¿Como cre que se podería impulsar dende as administracións o emprego do galego nas zonas urbanas?
<Méndez Romeu> A lingua usarase na medida en que sexa necesaria, e será necesaria na medida en que as situacións laborais, de lecer e de formación fagan conveniente a súa utilización, ben porque a utilicen as persoas de máis autoridade, ben porque a impoñan os sectores con máis influencia neses ámbitos. Para implantar o seu uso no ámbito xudicial ou no clínico hai que ter evidentemente en conta circunstancias específicas: coñecer a lingua, dominar un vocabulario moi preciso de carácter científico-técnico que ás veces é complicado adquirir, que non abonda só con ser falante. En ámbitos artísticos non existe ese problema, por exemplo. Cos medios de comunicación enfrontámonos a un problema diferente. Os xornais fanse para os lectores e aínda unha parte importante dos lectores ten dificultades coa escrita. Esa situación vai ir mudando lentamente por influxo das novas xeracións. Por certo, os xornais escritos exclusivamente en linguas minoritarias en España non resisten o mercado. Nin en Galicia, nin no País Vasco, nin en Cataluña.

<Vieiros> Se aplicamos as leis do mercado, en Galicia non subsiste case ningún, nin en galego nin en castelán...
<Méndez Romeu> Pero en Galicia non hai clientes... é dicir, non hai ningún xornal en galego nos quioscos. O voluntarismo produce efectos febles. O que funciona ao final son as apostas continuadas, sistematizadas e que asuman a realidade social do país. Os cambios de actitude, non soamente na lingua, son moi lentos.

<Vieiros> ¿Como valora o Plan de Normalización Lingüística que está a elaborar a Xunta?
<Méndez Romeu> Estase a facer unha consulta previa a unha serie de persoas bastante grande, ata onde eu sei, para que dean a súa opinión, a súa valoración, e para coñecer sobre todo os ritmos, os atrancos e os obxectivos que se deberían acadar. Ese xa é un bo procedemento, o da consulta social representativa, e non o da análise de laboratorio ou de gabinete. Certamente nós temos insisitido en que todo o que se faga en normalización lingüística ten que ser como hai vinte anos: por consenso. Dentro dese consenso debe existir un acordo político, sobre cuestións como a normativa ortográfica, a toponimia... Aí non hai principios de verdade filolóxica, hai opcións... Entre as opcións ten que existir un acordo. Non ten moito sentido que en Galicia aínda esteamos discutindo se se chama Galiza ou Galicia, e que a única razón para facelo sexa a vontade de afirmar o propio ideario político. Dentro diso o Plan ten que ser posibilista e de longo prazo. Non se pode cambiar, terá que asumirse que vai durar outros vinte anos, e que as medidas deberán ser fundamentalmente de pulo. Non creo na coerción de ningún tipo, nin na represión, nestas cuestións de cambio de actitudes. O que ten que haber son medidas positivas.

<Vieiros> ¿Poñámonos no 2013. Como cre que vai ser, ou debería ser, lingüísticamente Galicia?
<Méndez Romeu> Semellante á actual.

<Vieiros> ¿Que orientacións vai seguir o PSdeG en normalización lingüística? No programa para as autonómicas sorprendía o escaso número de alusións...
<Méndez Romeu> Imos apoiar que existan normativas de consenso, que a política lingüística non sexa motivo de confrontación, e un desenvolvemento semellante ao que tivo a actual Lei de Normalización.

<Vieiros> ¿Que medidas consideran máis interesantes para abordar os problemas lingüísticos dos inmigrantes?
<Méndez Romeu> O mellor que se pode facer cos inmigrantes é respectar as súas opcións. Os inmigrantes que se están establecendo en Galicia non van quedar aquí durante moitas xeracións. Crear circunstancias artificiais que non van necesitar na vida laboral (eles veñen aquí por razóns laborais) non creo que teña especiais vantaxes. Non son os inmigrantes africanos xentes que se vaian establecer aquí definitivamente...

<Vieiros> ¿Cre que un Plan de Normalización debería contemplar o inglés, o portugués...? ¿Ou debería limitarse a un reparto de poderes e funcións entre galego e castelán?
<Méndez Romeu> Son cuestións distintas. No Plan trátase de garantir a pervivencia dunha lingua minoritaria nun contexto de fronteiras cada vez máis permeables. Polo tanto non ten nada que ver nin coa lingua española nin coas linguas estranxeiras. Nós temos defendido no Parlamento de maneira sistemática a necesidade de que en Galicia se lle dea un impulso estratéxico (non só oportunista) á aprendizaxe do inglés, seguindo as pautas, precisamente, que se seguiron nos países pequenos de Europa que tiñan necesidade de competir, países onde o inglés é unha segunda lingua aceptada en todas as partes. En Galicia e no estado español estamos moi lonxe de conseguilo. O tema do portugués é unha cuestión distinta. Para o inglés hai razóns obxectivas de carácter laboral, vemos a CNN e está en inglés... Hoxe xa non se conciben profesionais que non teñan un nivel de inglés suficiente, e mesmo para traballos moi sinxelos, como o das secretarias, pídese un nivel de inglés aceptable. O problema das demais linguas é distinto, de oportunidade: rematar co illamento secular que temos con Portugal, etcétera. pero é unha cuestión minoritaria. E sería un erro poñer no mesmo plano o inglés e as demais linguas: francés, alemán, portugués... e dende logo nada que ver co Plan de Normalización do galego.



Dossier: Letras 2003 | Vieiros