|
| Un mes despois de publicar Casa SkyLab, premio Xerais 2003, Jaureguizar achegouse a sala de chats de Vieiros para manter unha conversa cos lectores. A súa arriscada proposta literaria e o seu xeito de entender a cultura, ‘en Galiza todo é flok e só flok’, provocou unha animada ciberparolada na que tremeron os lugares comúns sobre os que está instalado o status quo cultural do país. A Jaureguizar gústanlle as cancións con relato e referiuse a Chuck D: ‘o rap é a CNN dos negros?’, falan do que lles acontece, ‘non copian diccionarios’. Poden consultar tamén a transcrición íntegra da conversa. |
![]() “A construcción nacional quedou nuns cantos tipos que cambiaron de coche co que gañan na poítica, pero iso non é abondo”. “Éche un país ben curioso este, xa o dixo Laxeiro: “que bonito país pero que carallo de xente”. ”O galego móvese por cuestións básicas que manteñen o sistema de “favor por voto”. O galego vota por unha ‘beca’ ou unha subvención e iso parece mudar moi lentamente”. “Hai novela mala de máis por aí que nos dá mala fama a todos os que queremos arriscar en literatura”. |
<duracell> Con quen casa Skylab? <jaureguiz> Skylab non casa, é un laboratorio espacial. Un parvo confía en que o leva a un planeta no que el poida casar coa rapaza que lle gusta. Algo así como o do Príncipe. <melmac> Por que utilizas na túa novela símbolos do nacionalismo dunha forma paródica? <jaureguiz> Porque son nacionalista e moléstame o pouco que se avanzou en 90 anos. O único que se logrou son dous alcaldes e tres concelleiros. A construcción nacional quedou nuns cantos tipos que cambiaron de coche co que gañan na poítica, pero iso non é abondo. Soñouse e falouse de chegar ao poder e todo o que se fai é pactar co PSdeG, a sección dun partido español en Galiza. <vieiros> De novo volves utilizar na túa última novela referencias a unha Galiza imaxinaria... Non temes que o país real supere as túas fantasías? <jaureguiz> A Galiza real sempre supera todo.. Éche un país ben curioso este, xa o dixo Laxeiro: “que bonito país pero que carallo de xente”. <catu> Que foi do movemento Bravú? <jaureguiz> Nada, quedou aí, como debía ser. Creouse para mudar un pouco a situación cultural do país. O Bravú permitiunos a unha serie de xente darnos a coñecer. Como todo movemento, ten principio e final. Non non terá continuidade. A ver se inventan outro Bravú, sería bo para o país. <duracell> Que é da túa andaina musical? <jaureguiz> A miña filla acabaou con ela, deixoume sen tempo nin forzas. <vieiros> Cales son os autores que máis che interesan? <jaureguiz> Galegos: Cid Cabido , Camilo Franco eXabierLópez López. Estranxeiros: Handke, Updike e Sebald. Pero agora estou lendo orixinais do Blanco amor. <duracell> Como xornalista metido no allo, descúbrenos algunha nova promesa interesante que leras ultimamente… <jaureguiz> Lin un libro moi interesante de Xerardo Quintiá que non ten que ver co que facía. É moi experimental, pero non sei cando sairá. Tamén vai haber novo libro de Gonsar en Galaxia. É un vello que arrisca moito. ‘Cara Times Square’ puxo patas arriba a nosa literatura. Tamén me interesa Kiko Neves e o seu ‘Baile de moscas’, pero creo que hai pouca xente enviando orixinais ás editoras. <catu> Por que elixiches o galego como lingua literaria? Non venderías máis se o fixeses en español? <jaureguiz> Ata os vinte anos falaba soamente en español. Ten que ver coa concienciación nacionalista. PoderÍa vender ou non, non o sei. O 90 por centro dos escritores en español non vende máis de 500 exemplares. <orballo> Que hai da relación entre o teu traballo de xornalista e o que escribes? <jaureguiz> Moita, Fridom Spik sae do meu traballo de reporteiro pola provincia de Lugo. Vin cousas moi raras e divertidas que me inspiraron contos. Antes cubría ese tipo de información pola provincia, agora son un puto cultureta pechado na redacción con telefono e internet. Andar por aí era máis divertido. Trato de compaxinar o traballo coa escrita a base de erguerme ás sete para escribir unha hora antes de que se levante a miña filla. De todas formas, as novelas requiren máis correccións que as noticias. Éstas son rápidas e non hai tempo para pensalas. <duracell> Como xornalista, pensaches algunha vez en escribir non-ficción? Que tema escollerías se tes que escribir un ensaio ou crónica? <jaureguiz> Unha novela lévame un par de anos. Dáme medo entrar aí e o páis é o que é. Supoño que escollería literatura ou gastronomia, no fondo é o importante na miña vida. <duracell> Cociña galega ou vasca? <jaureguiz> A cociña vasca é máis elaborada. En Galiza hai boa materia prima, pero non hai elaboración. En Euskal Herria a cociña é un culto. Esto indica tamén unha forma ser: o galego móvese por cuestións básicas que manteñen o sistema de “favor por voto”. O galego vota por unha ‘beca’ ou unha subvención e iso parece mudar moi lentamente. <vieiros> Pensas deixar algún día El Progreso e dedicarte só á literatura? <jaureguiz> Non, non quero depender das vendas e gústame o meu traballo. Dedícome a cousas de cultura e iso é ben divertido. Ser profesional é moi escravo e condiciona a escrita. Non hai máis que ler a Rivas ou De Toro, como cambiaron! Publicaron con présa e empezaron a ser dous xenios. Xa eran bos antes, pero ata que non apareces no Babelia…Suso de Toroé agora premio nacional de narrativa, pero intentaron facelo un dos seus e non sei en que quedou iso. Creo que siguen contando con el. O premio nacional é curioso, parece que aos de provincias (como din eles) nos dan os premios eses cada x anos para cubrir cupo. <duracell> Cres que isto da literatura en internet ten futuro? <jaureguiz> Si, o futuro da literatura é internet. Rápido, eficaz, universal… Pero a lousa do libro parece demasiado pesada. A min gústame moito os libros, olelos, tocalos… Imprimir permite entrar na canle comercial, pero a literatura é outra cousa e internet abre moitas portas. <duracell> Despois da experiencia musical, postos a ser artistas multimedia, o que che queda é o cinema. Non che interesa escribir para cine ou que adaptaran algo teu? <jaureguiz> Andiven traballando con Reixa nun guión de todo a cen. Facíanos falta cen millóns e quedamos en quince. O cine é moi caro e é moi dificil de rodar en galego. Galiza é todo folk e nada máis que folk. Moi triste o panorama. Os electrónicos cantan en idiomas de fóra, por iso nin pensan facelo en galego pola falta de público. <Tarsi> Se a musica está mal, xa me dirás os libros... estase editando moito e moi malo… <jaureguiz> Si, en 2002 publicáronse 1490 libros. Demasiado para os que somos. Ademais falta orientación nos xornais. Hai novela mala de máis por aí que nos dá mala fama a todos os que queremos arriscar en literatura. Atrevéronse os de Nós, nos anos 20, pero agora poucos son quen de facelo. Todo é volver a modelos de Castelao e Cunqueiro. Agora poderiase facer algo co nome de ‘Vós’. Os anos 20 virán dentro de 17, e nos colleran no século pasado coma sempre. Por outra parte, o público tende ao mínimo esforzo: seino porque traballo nun xornal. De todos os xeitos sempre hai unha minoría de longo percorrido para a que paga a pena escribir. <Tarsi> Como ves o tema das Redes Escarlata? <jaureguiz> Moi ben, moi ben, pero os inventos dos poetas sempre quedan en recitais. Gustaríame que fosen máis aló e non en lecturas colectivas para contarse o que están facendo. Son moi endogámicos. A poesía é artificio e a min abúrrenme as pallas mentais. A min gústanme as cancións con relato. ‘O rap é A CNN dos negros’, dixo Chuck D. Falan do que lles acontece, non copian diccionarios. Transcrición íntegra do chat (3/11/2003) |