OS INTERNAUTAS ENTREVISTAN A CARME AVENDAÑO

"Aínda hai persoas en prisión que levan vinte anos e non mataron a ninguén"



Máis de 30 anos de traballo a favor dos marxinados e contra o poder sombrío do narcotráfico e a corrupción. Carme Avendaño, presidenta de Érguete, a Asociación de Axuda ao Toxicómano, segue afirmando coa mesma enerxía serena de sempre que “se non crera na reinserción, marcharía para casa”. Na actualidade, máis de 5.000 persoas reciben atención por parte de Érguete en programas de asesoramento a familias e ao afectado, asistencia en comisaría e xulgados e proxectos de axuda nos cárceres. Este ano, o director Gerardo Herrero fará unha película baseada na súa vida.

Carme Avendano














“Un dos reproches que se me fixeron na pasada asemblea foi precisamente que me pronunciase nalgúns foros a prol da legalización do haxix como unha maneira de asumir unha realidade entre a xente nova”



















“Aqueles primeiros tempos onde os narcos nos chamaban “nais tolas” pasaron á historia, porque soubemos buscar a solidariedade no contorno en que nos desenvolvemos”




















“Traballar en asociación significa que poidas expresar todo sentimento de dor e de impotencia que non poderías manifestar noutros sitios. Iso chega a crear unha formación persoal solidaria e política que engrandece o interior das persoas”
<Vieiros> ¿Cal é o proxecto principal no que está trabando neste momento?
<Carme> Un programa que se nos acaba de aprobar e que estará en funcionamento en setembro na prisión da Lama. Agardamos que se consolide para que se leve a cabo despois noutras prisións do Estado. É un programa deformación laboral para presos cunha área de 25 persoas libre de drogasno que intervirán os funcionarios e profesionais da prisión e tamén profesionais e voluntarios das ONGs, que serán os que lles dean a formación laboral, cultural e deportiva. Trátase de preparar os individuos para que se reincorporen á liberdade dunha maneira organizada e motivada.

<catu> ¿Non existen xa programas parecidos nos cárceres?
<Carme> Non. O que hai son programas moi sectorializados con falta de persoal especializado, o que dificulta a preparación para a integracióin dunha maneira ampla e con formación. Intentamos que as reincidencias tan habituais cando saen en liberdade se poidan superar coa seguridade de que o individuo ten que ter de si mesmo e aumentando a súa autoestima para que afronte unha vida que en moitos casos está moi lonxe no tempo. Cómpre dicir que aínda hai persoas en prisión que levan vinte anos e non mataron a ninguén.

<palmira> ¿Que opina do caso dun mozo de Vilagarcía que tivo que entrar agora no cárcere, despois de rehabilitarse e superar a súa dependencia das drogas?. ¿Cre que habería que darlle unha segunda oportunidade?
<Carme> Aínda estiven o sábado en Santiago con el, nunhas xornadas da federación galega... Por suposto que hai que darlle unha segunda oportunidade. O que lle levou a delinquir foi a propia toxicomania, que afortunadamente xa superou. É totalmente ilóxico que teña que entrar na cadea por roubar 5000 pesetas... a unha tia del, ademais!.

<xoubinha> Van facer unha película baseada na túa vida.  ¿Como vai o proxecto? ¿Que se sinte ao saber que van levar a túa vida ao cine?
<Carme> Neste momento teño o guión para lelo, na casa. A pelicula vaina dirixir Gerardo Herrero. O que sentín é difícil de explicar...Ao principio dixen que non pero animaronme, entre outros a familia e metinme nese “berenjenal”. De todas formas, e non o digo con falsa modestia, non me parece que sexa tan importante como para realizar unha película da miña vida.

<Vieiros> ¿Como combina o seu traballo en Érguete coa súa actividade política? ¿Non ten conflictos por este motivo?
<Carme> Non. A verdade é que non teño moita actividade política. Teño unha militancia de hai vintetantos anos, pero realmente actividade politica so tiven no ano 95-99 cando fun concelleira en Vigo. Sen embargo, a miña vida é facer política diaria, porque me sinto socialista de verdade e creo na igualdade dos seres humanos. Na medida en que poidamos contribuír a conseguir esa igualdade e os dereitos que desgraciadamente unha parte da sociedade ten secuestradois, aí estaremos. Síntome tan socialista como militante social.

<Vieiros> ¿Cal é a súa opinión sobre a legalización das drogas, cando menos as chamadas brandas?
<Carme> Un dos reproches que se me fixeron na pasada asemblea foi precisamente que me pronunciase nalgúns foros a prol da legalización do haxix como unha maneira de asumir unha realidade entre a xente nova e ademais de separar o mercado doutro tipo de drogas como as pastillas, a coca. Pero quero deixar claro que esta resposta a da Carme Avendaño a nivel persoal sen representar a ninguén.

<catu> Dá a impresión de que o peso da xusticia cae con mais forza sobre o toxicómano que sobre o narcotraficante. ¿É porque teñen mellores avogados?
<Carme> Sen dubida. A a xente que dispón de diñeiro ten maiores facilidades para contratar non só un avogado senón bufetes completos especializados na fraude e no narcotráfico. Un rapaz que delinque xustamente para que os outros teñan tanto diñeiro ten que recorrer ao avogado de oficio que, aínda con boa intencion, non ten nin os medios nin a maneira de poder exercer unha defensa tan ampla como desexaría en moitos casos. A sociedade é moito máis permisiva co ' bonito' que co 'marxinal'.

<Vieiros> ¿Está superada a época na que os narcotraficantes estaban tolerados socialmente?
<Carme> Creo que en Galicia avanzamos dunha forma importante na conciencia colectiva sobre este asunto, pero noutras comunidades non hai a mesma percepción. Desgraciadamente isto xera plantexamentos demagóxicos, porque a xente que non é moi dada a pensar en profundidade escoita con moita atención cando un dirixente político di que vai coller unha vasoira para varrer a porquería..., pero esquecémonos de que a porquería verdadeira queda tapada cos euros que os cobren.

<Vieiros> ¿Sénteste aínda ameazada?
<Carme> Non, eso xa foron tempos. Afortunadamente, como portavoz, teño a sensación de cumprir cun cometido que social e politicamente é respectado. Aqueles primeiros tempos onde os narcos nos chamaban “nais tolas” pasaron á historia, porque soubemos buscar a solidariedade no contorno en que nos desenvolvemos.

<Vieiros> En Érguete, as nais dos toxicómanos teñen un papel fundamental...
<Carme> A verdade é que o paso dos anos faiche repasar a historia máis inmediata e comprobas o sufrimento, sobre todo o das nais. Na maior parte dos casos son amas de casa ás que se lles presenta o problema a unha idade difícil, na menopausia, e teñen que enfrontarse cunha situación realmente complicada. Traballar en asociación significa que poidas expresar todo sentimento de dor e de impotencia que non poderías manifestar noutros sitios. Iso chega a crear unha formación persoal solidaria e política que engrandece o interior das persoas. Co paso dos anos fun vendo como compañeiras desesperadas, mesmo algunhas das que perderon a seus fillos, seguen ano tras ano xa non só traballando por elas, senón dedicándose a outros. Tanto pais como rapaces que necesitan saber de experiencias como as nosas para non cometer os mesmos erros que seguramente cometemos nós.

<palmira> ¿Habería que facer programas de reinserción tamén para os narcos?
<Carme> A reinsercion é posible en todos os seres humanos que recoñezan que cometeron erros. ¿Por que algún narco non pode estar entre eles? Creo na reinsercion e o día que deixe de crer marcharei para a casa.

<palmira> ¿Considérase feminista?
<Carme> Non, defendo o dereito de home e da muller con igualdade de verdade, non con esta igualdade disfrazada que temos en ocasións. Teño 57 anos e podo dicir que como muller nunca me sentín marxinada, empezando polo apoio do meu compañeiro.

<Vieiros> ¿Cantas persoas atendedes nestes momentos e que programas levades a cabo?

<Carme> Cuantificar o numero é difícil. Temos máis de 500 carpetas abertas e contamos con diferentes programas: asesoramento a familias e ao afectado, asistencia en comisaría e xulgados e programa en prisión. Dispoñemos de tres pisos de acollida, obradoiro de emprego para 48 persoas e cursos de formación laboral polas tardes, ademais de clases para copmpletar a ESO, o que antes era o graduado. Nas escolas taller hai un 40% de xente que non ten o graduado.

<catu> ¿Existe algún dato aproximado sobre o número de toxicómanos e a incidencia da droga en Galicia?
<Carme> Os datos que se dispoñen son do Plan Autonómico e quedan un tanto esvaídos porque só achegan informacións xerais. En zonas como o interior de Lugo e Ourense a incidencia de consumo é menor, pero nas zonas costeiras e nas grandes cidades existe unha porcentaxe de consumo realmente elevado. Con respecto a outras comunidades, Galicia non é das de menos consumo, pero tampouco das que máis destaquen. Andalucía ou capitais como Madrid ou Barcelona non teñen menos consumo ca nós, pero hai diferencias en relación ás clases de drogas que habitualmente se usan. Aquí a coca empeza a tomarse dunha forma máis xeneralizada. Antes consumíase máis entre a xente “guapa”, e agora entre colectivos de menor nivel económico. Sen embargo, a pesar de que Galicia é unha zona de entrada pola costa, a media de consumo de coca é bastante máis pequena que, por exemplo, no País Vasco, Castela, Cataluña ou Andalucia.

<Vieiros> ¿Hai relación entre heroína e marxinalidade?
<Carme> É certo que hai anos a heroína tiña o estereotipo de marxinalidade, pero en realidade a heroína é unha droga que chegaba a todas as clases sociais. De todas formas, todo tipo de consumo termina levando á persoa a ser un politoxicómano. Iníciase no haxix, alcol ou pastillas e ao final a coca termina apoderándose do individuo, de maneira que para regularizar a súa situacion, para poder durmir, ten que recorrer, na maioria dos casos, a consumir heroína. A dependencia por idades abrangue dende a infancia-adolescencia dos 13 de anos ata individuos que se inician a idades adultas. Eu non estou contra o consumo de drogas sempre e cando sexan consumidas por persoas maduras que coa súa vida fan o que lle dá a gana. Pero o inicio de rapaces que en moitos casos nin sequera chegan á adolescencia é un alto risco para seguir avanzando noutro tipo de consumos que lles leva irremediablemnente a ter unha dependencia. Ao longo destes anos de traballo coñecín moita xente que consumiu alcol e haxix en idades temperás e que non pasou a outras drogas, pero aínda non coñecín ninguén que consumise drogas duras sen iniciarse previamente con haxix ou con alcol.

<Vieiros> ¿Cal é a relación de Érguete coas institucións oficiais, a Xunta en concreto?
<Carme> As asociacións galegas temos unha moi boa relación coa Conselleria de Sanidade a través do Plan Autonómico de Drogas, quizais porque a nosa loita foi un punto de referencia para que os representantes políticos, os de antes e os de agora, se deran conta de que o tema era preocupante e que as denuncias e recursos que pediamos sempre foron serios e razoables. Creo que non hai un tecido social tan amplo en ningunha parte que traballe conxuntamente coa clase política en xeral como en Galicia.

<opoti> ¿A catástrofe do Prestige pode ter influencia no aumento da drogodependencia, sobre todo na costa, igual que o puido ter a reforma naval en Ferrol?
<Carme> Na drogodependecia seguramente non, pero os nosos narcotraficantes seguramente o terán máis complicado durante unha temporada: van ter moito máis vixiladas as entradas. Recoméndolles, por tanto, que se reconvertan e esperemos que o negocio lle resulte ruinoso.
É probable que a guerra teña mais influencia có Prestige, sobre todo para os que teñan que ir.
A de Vietnam puxo en evidencia, en EEUU e desgraciadamente tamén en Europa, o consumo desmesurado de heroina... Ten que ser difícil ter que ir a unha guerra. Guerra non!.


Transcrición íntegra do chat (11/3/2003)



Vieiros