
|
 |
Anxo Manuel Quintana González naceu en Allariz o 25 de febreiro de 1959 e é Diplomado en Enfermeiría pola Universidade de Vigo. Traballou no Hospital Cristal Piñor de Ourense e foi nomeado socio de honra da Sociedade de Medicina Xeral pola mellora da atención primaria no medio rural.
Dende mozo, colabora na introducción do sindicalismo agrario nacionalista na provincia de Ourense. No 1982 participa na fundación do BNG e un ano máis tarde entra na corporación de Allariz como concelleiro.
En 1989, dous anos despois de celebrarse as eleccións municipais e coincidindo cunha tempada de seca que deixou o río e as billas sen auga, as revoltas populares expulsan o antigo alcalde e danlle o temón do concello de Allariz a Quintana. Nas municipais de 1991, sae elixido alcalde, cargo que desempeñará ata o 2000. Entre 1995 e 2000, ocupa tamén a vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Durante o mandato de Quintana, Allariz recibe o premio do Consello de Europeo de Urbanismo pola “ordeación e recuperación do conxunto histórico e do seu río” (1994) e é un das vilas seleccionadas para representar a España no concurso Hábitat da ONU que recoñece os concellos que destacan na defensa do desenvolvemento sostible.
Quintana pasa a ocupar o cargo de Senador por designación autonómica na Cámara Territorial do Estado en 1999, como único representante do BNG. Na actualidade é voceiro do Grupo Mixto.
A X Asemblea do BNG, celebrada no 2002, designa a Anxo Quintana Coordinador da Executiva Nacional.
Máis información
UN HOME DE FE
Por Antón Losada
Se algo non é nin debería ser o actual proceso de elección do candidato do
nacionalismo á Presidencia da Xunta no 2005, é precisamente un deses
destructivos xogos de suma cero onde todo o que gaña un depende sempre de
canto perda ou lle arrebate ó outro. Constitúe obriga e responsabilidade de
ambos os dous candidatos, e tamén de quen os apoia, poñer no máximo valor un
proceso de democracia exemplar. Un reverso diferente e luminoso dese lado
escuro da “política moderna” que representan o “dedazo” inescrutable de
Aznar, o “tamayazo” chulapón de Zapatero ou o vazquismo maniático entre os
socialistas galegos. Por moitas veces que mo expliquen, nunca entenderei os
que, dende a simpatía ou compromiso co nacionalismo, se dedican a repetir as
simplezas e contos para nenos con que a 'prensa do Réxime' despacha todo o
que ten que ver co BNG.
Non se trata de escoller o menos malo ou o mal menor. Dirímese escoller o
mellor, e ese é Anxo Quintana. Non porque Camilo Nogueira sexa malo ou peor.
Tampouco porque este ou aquel cargo deba ser o principio, o final ou o medio
dunha carreira política. Menos aínda porque os votantes vaian querer a un
máis hoxe pero menos ca mañá, unha afirmación tan indemostrable como inútil.
Sinxelamente porque Quintana é o mellor candidato para un nacionalismo que
aspire a converterse na forza política de referencia desa maioría de galegas
e galegos que toman as súas decisións políticas en función das prioridades,
problemas e oportunidades que asignan a ese país chamado Galicia, que dá a
casualidade de que é o seu.
A consecuencia máis duradeira do Pestrige aínda está por constatar e por
medir, pero está aí. É este espertar á conciencia de país dunha maioría que
asumiu de súpeto, e de xeito tremendo, a situación de indefensión e
invisibilidade de Galicia nese océano cheo de cazadores e monterías
toledanas, “chirimoyos" de ouro e publicistas no que chapapotea a política
española. Resultados electorais conxunturais á marxe, Galicia entrou nun
cambio de ciclo político que avanza inexorable, abrindo unha oportunidade
inédita até o de agora na vida pública galega: a posibilidade real de
conectar cunha maioría que xa non ve nos populares nin en canto eles
representan o xeito máis eficaz de defender os intereses de Galicia, nin o
mellor e máis competente goberno posible e dispoñible.
Anxo Quintana é o mellor candidato para convencer e ilusionar a esa maioría
galeguista, porque deixou ben claro como cre na posibilidade e na necesidade
de chegar a ela e gañar a súa confianza como único camiño para derrotar o
Poder Popular. Tamén porque aposta firmemente pola desexabilidade de acabar
coas distancias inventadas entre nacionalismo e galeguismo, bandeiras de
comeniencia que tan bos servicios lles prestan ós partidos estatais. Ten a
visión para facelo e a consciencia de que se necesita un novo BNG para poder
inventar un novo territorio habitable para os que pensamos en clave de país.
Para transmitir algo con convicción e con ilusión hai que terlle fe. Hai que
crer firmemente, porque a función primordial dun candidato é transmitir
convicción e ilusión.
É o mellor candidato porque opera e encarna unha visión moderna e non
elitista da política. Quintana representa a incorporación dunha nova
xeración á vida pública e a asunción de responsabilidades no funcionamento
do sistema. Non somos nin mellores, nin peores. Somos nós e somos diferentes
porque nos tocou vivir outros tempos en que o Madrid xa non era campión de
Europa, en que ser galego non era unha desvantaxe competitiva e en que nin
sabiamos nin nos preocupaba 'con quien esta usted hablando, pollo'.
Acumulamos outro tipo de experiencias e de xeitos de entender a acción
política, unha ferramenta que pode servir para algo se se sabe manexar con
descaro, forza, ilusión e competencia. Anxo Quintana marca esa diferencia. É
ese candidato audaz que racha coa tristura insuperable da idea de que todos
os políticos son iguais, principal argumento que sostén a dereita tantas
veces no poder, especialmente cando é unha dereita incompetente como a do
Partido Popular. Non é casualidade que Ronald Reagan adoitase afirmar que a
política é a segunda profesión más baixa e que se dera de conta de que
gardaba unha estreita relación coa primeira. Sabía do que falaba. A dereita
sempre o sabe.
É o mellor candidato porque simboliza coma ninguén a posibilidade de cambio
e transformación real que compromete o nacionalismo dende o poder. Allariz
ten un valor simbólico que transcende os territorios da xente do BNG. Non
hai en Galicia hoxe un referente máis poderoso e evocador de cambio e
transformación ambiciosa, innovadora e imaxinativa. Non coñezo ninguén que
non queira vivir nun sitio como o Allariz. Contan que outro político
intrépido e rachador ós seus anos, o presidente Kennedy, cando falaba da
Casa Branca chamáballe Camelot, en alusión tanto ó formidable poder que alí
se concentra como á capacidade de empregalo ó servicio do sono de construír
un país e unha sociedade mellor e máis libre. Coincidencia ou causalidade,
don Álvaro Cunqueiro sempre sostivo que o reino artúrico había que situalo
entre Allariz e a Limia e a súa brillante capital nas ribeiras da Antela.
É o mellor candidato porque ten demostrado sobradamente practicar e ofrecer
un compromiso firme e crible cun xeito de entender e facer a política,
diferente a este ó que nos temos afeito en Galicia na longa noite de
formigón e tixolo que é a pax fraguiana. Precisamente o xeito aberto
e pluralista de entender e facer a política que pedimos a maioría das
galegas e dos galegos mentres enfiamos a era de Castelao na Rede e o
Deportivo campión na Champions League: diálogo sen prexuízos, integración e
cooperación entre xentes que se respectan porque pensan diferente, fronte
despexada e capacidade de aprendizaxe.
Eu vexo en Anxo Quintana a expresión e a oportunidade dunha política
revivida e rexenerada fronte á política de división e confrontación dos uns
contra dos outros que tan ben se lles dá ós gobernantes actuais do noso país
e coa cal tan ben lles vai. Esa é a mellor ferramenta capaz de acabar dunha
vez coa pena deste politiqueo triste e cutre ó que nos queren seguir
condenando. Que así non sexa esta vez. | |