BIOGRAFÍA

Camilo Nogueira


Camilo Nogueira Román naceu o 22 de novembro de 1936 no concello de Lavadores, integrado en Vigo logo da Guerra Civil. Estudiou na Escola Industrial de Vigo e pasou polas escolas de Enxeñería Industrial de Bilbao e de Madrid. Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago.

En 1964 entra a traballar na fábrica viguesa de Citroën como enxeñeiro e participa nas grandes folgas obreiras de 1972. Forma parte de Galicia Socialista, un grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa UPG en 1971.

Contribuiu a fundar a Asemblea Nacional Popular Galega e o Bloque Nacional Popular Galego (foi nas listaxes de 1977). Tamén estivo implicado na creación do Partido Obreiro Galego (POG), que evoluciona cara Esquerda Galega, un partido nacionalista de esquerdas que chegou a acadar tres deputados nas Autonómicas do 81. Nesta época, Nogueira participa na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Esquerda Galega fusiónase co Partido Socialista Galego e ambos os dous acabarían integrándose no BNG co nome de Unidade Galega en 1995. A entrada de Camilo Nogueira no Bloque foi recibida con satisfacción entre os militantes, ao considerar que se producía á fin a unión do nacionalismo galego.

Nogueira foi deputado no Parlamento galego nas lexislaturas 1981-85, 1985-89, 1989-93 e no periodo 1997-99 da lexislatura 1997-2001, ata que foi elixido deputado no Parlamento Europeo. Na actualidade, Nogueira é membro da Executiva do BNG e responsable de Relacións Internacionais.

Máis información


DIGO CAMILO E XA
Por Suso de Toro

Como cambiaron as expectativas no último mes e medio desde que apresentou a súa candidatura interna a candidato do BNG Camilo (Camilo Nogueira é para a xente Camilo sen máis).

E nese prazo brevísimo mudaron as olladas cara o BNG e a idea de Camilo como presidente da Galiza suscitou unha refrescante expectativa. Iso é debido á anómala constitución actual do Bloque, unha organización desproporcionadamente minoritaria para o estenso apoio electoral que recebe. Esa desproporción, esa distancia fai que os cinturóns concéntricos de xente, simpatizantes, votantes fieis e votantes por mera utilidade ollen ás veces cara a organización con lonxanía e sen moita expectativa e noutras ocasións ollen con expectativa e mesmo entusiasmo. Hai dúas visións sobre o Bloque, unha interna e outra externa, e esta separación é excesiva, coido eu. Penso que esta é unha desas ocasións nas que a xente olla con expectativa.

Hai un mes desde dentro do BNG e sobre todo desde algúns medios xornalísticos dábase por feito que no Bloque se daría un proceso moi semellante ao que naqueles días se estaba a dar no PP, tanto é así que algunhas noticias falaban dunha "sucesión", de que todo estaba xa escollido e decidido. Cousa que sería moi insoportábel para os votantes e a base social do BNG, e estou certo de que tamén o sería para a militancia, por moita docilidade que se lle pedise.

E afortunadamente para todos, e quizais por primeira vez na súa vida política, Camilo deu un paso adiante en solitario. E así fixose evidente o disparate inexplicábel de non contar con el como un recurso principal do BNG. Pois Camilo obtivera nas últimas eleccións un apoio electoral clarísimo por diante do apoio ás outras candidaturas, un dado importantísimo que sería rechamante en calquera contexto político pero que aquí ninguén vira ou moitos esqueceran.

E curiosamente o candidato mellor valorado pola sociedade tivo que combater nas primeiras semanas todo tipo de ataques insidiosos e cunha indisimulada irrespetuosidade. Soamente pouco e pouco foi abrindo camiño a evidencia do peso da súa figura. A sociedade sabía, sen necesidade de verbalizalo, quen era Camilo. Ignorábano algúns comentaristas frívolos que descoñecían a historia da esquerda e do galeguismo no franquismo, e que carecían da memoria do que foi a transición política na Galiza, a constitución da autonomía e os debates políticos no noso país. Ou que querían ignorar deliberadamente o que era Camilo para a sociedade.

Mais a xente sabía o esencial, que era unha persoa íntegra, que sempre defendera as mesmas posicións, unhas veces co vento de popa e case sempre co vento de proa, que o seu galeguismo era profundo mais que buscaba actualizalo permanentemente en cada coxuntura, e que encarnaba a paixón histórica do nacionalismo galego interpretado dun modo práctico.

O nacionalismo galego, debido ás campañas sucesivas contra el polos poderes máis reaccionarios e tamén debido aos seus propios erros e dificultades para adaptarse ao tempo que lle toca vivir, é percibido pola sociedade con ambigüidade,a xente sabe que é o máis firme defensor dos nosos intereses mais conserva certa desconfianza sobre o que pode esperar del. A figura de Camilo é entre os nacionalistas a que lle ofrece á sociedade máis confianza: sabe que non é un de tantos disque "galeguistas" que circulan coa complacencia deste poder político, sabe que é un nacionalista de esquerdas, e sen embargo grande parte da sociedade tenlle confianza, acredita na súa sinceridade, tanto no que respecta á democracia, á autonomía ou á mesma capacidade de gobernar. Se algún nacionalista galego ten autoridade moral sen volta para discutir sobre a autonomía, as súas posibilidades e tamén os seus límites a superar, ese é Camilo, un dos pais dese marco que temos hoxe. Camilo é para moita xente progresista e degoxada por un cambio na Xunta unha figura luminosa e sen sombra.

E isto non é unha cábala subxectiva, desde que emerxeu a súa candidatura os xornais fixeron enquisas sobre o candidato e o apoio social, a preferencia pola súa figura é abrumador. (Só nunha páxina dixital aparece por detrás do outro candidato). O aceptamento da sociedade pola figura de Camilo é perfectamente medíbel.

Porén, esta percepción entre a xente non afiliada ao BNG, no exterior da organización,ten detractores acérrimos dentro da propio Bloque. É ben lóxico, toda organización é un ser vivo e ten a súa propia memoria. O actual BNG mírase nunha refundación organizativa no ano 82. E sen embargo esa memoria de grupo é tan cativa, tan efémera. Esa memoria organizativa, marcada no seu nacemento por un acedo enfrentamento de familia, un debate dentro do nacionalismo galego coa outra liña, con outra interpretación da situación histórica que aparecía personificada en Camilo. Mais esa memoria concreta é unha memoria particular, non é a memoria do nacionalismo galego. O amor polas árbores que son da nosa propiedade ás veces empece para ver o bosque enteiro. E é unha característica común a case todas as organizacións, un defecto do que hai que ser conscientes, que o patriotismo de organización pesa tanto ou máis que o patriotismo de clase ou nacional que é invocado ideolóxicamente.A confusión entre o ideal, a causa política, e a organización na que a vemos encarnada conduce a perder de vista o esencial. E o esencial é a sociedade, nunca a organización.

Nos anos da República o PG ante unha conxuntura política nova tivo debates políticos que o esgazaron: había que tomar a decisión de seguir na inmadurez política, na resistencia, ou dar un paso adiante e dar a batalla pola República e pola autonomía e de gobernala. Risco, Otero, Losada..., defendían permanecer no campo da ideoloxía e dunhas esencias discutibeis, Castelao e Bóveda atrevéronse a atender á sociedade e camiñar pola historia asumindo responsabilidaes históricas. O Bloque parece debaterse hoxe nun dilema fondo tamén: atreverse a gobernar a autonomía ou non. Semellan pesar moito dentro reticencias a ocupar o goberno da Xunta. Se cadra é a incomodidade polas posicións que se tiveron no pasado frente á autonomía; se cadra é un dos momentos de cambio e crecemento, de mudar a pel para que naza a pel nova...Mais non debera esquecer o esencial: vivimos un momento único en moito tempo, a sociedade precisa un relevo na Xunta. Precísao. E non quere agardar, hai sectores sociais que non poden agardar máis, entre todos temos creado unhas expectativas que non poden ser frustradas e eses sectores sociais xulgarán con dureza ás organizacións da oposición que non respondan a esa necesidade nacional.

O que sabe a xente fóra paréceno esquecer dentro algún militantes: os cidadáns progresistas cando ollan ao Bloque non ven unha organización máis, coa súa limitada historia duns cantos anos. Os cidadáns ven á encarnación dunha corrente política histórica profunda que chega desde o século XIX, e dan por feito que dentro do Bloque están todas as tendencias e correntes do nacionalismo galego no século XX e as novas correntes sociais contemporáneas. Saben que o actual Bloque é a suma da UPG, de Galicia Socialista, do PSG, da AN-PG, do POG e EG, de UG, do BNG inicial, do PSG-EG, de numerosas persoas que non pertenceron a ningunha desas organizacións e que se foron adherindo, de ecoloxistas, feministas, sindicalistas...Iso é o que se ve desde fóra, con independencia do que vexan algúns militantes que parecen seguir ollando desde dentro da súa memoria persoal de rifas e preitos de familia. E desde logo moitos votantes verían con temor que este BNG fose en verdade o triunfo dalgunha desas faccións sobre as outras, até agora a idea que prevalece é que esta organización é unha síntese de todo o anterior. A elección de candidato non é unha votación para un cargo interno: os cidadáns non agardan que o Bloque lles apresente como candidato a unha persoa que sexa "de toda a confianza" do aparato da organización, os cidadáns agardan para votar a un presidente da nación, a alguén que goberne a Xunta e represente ao conxunto da sociedade.

Hai cousas que a sociedade sabe, a evidencia clamorosa do peso da figura de Camilo, iso é o máis importante.Pode ser que algúns militantes saiban cousas de Camilo que o conxunto da cidadanía ignora e que explicaría que a súa figura fose preteritada, algunha mácula infame na súa vida persoal, algunha corruptela inconfesábel..., se non é así vai resultar difícil de explicar que non se lle ofreza á sociedade como candidato.

Coido que iso non existe, e penso que os militantes todos do nacionalismo galego deberan coñecer a memoria interna desta corrente política que se refundou a principios dos anos sesenta desde a esquerda, afrontando graves dificultades de todo tipo. E se fan memoria desa historia que si que é a do nacionalismo progresista, aí estará a figura de Camilo, fillo dun directivo na República do PG vigués, cun papel fundamental na Asociación Cultural viguesa, na constitución de Galicia Socialista, na folga xeral do 72, nos inicios do sindicalismo nacionalista, e logo na UPG e na AN-PG,,,Camilo foi un dos creadores do "Hardware" do nacionalismo galego actual é, desde logo, quen saiba as posicións defendidas por cada un entre o ano 77 e a actualidade sabe que é o creador do "Software", os programas e as ideas, que manexa hoxe o nacionalismo galego.Se alguén encarna para a sociedade galega o galeguismo como forza modernizadora, capaz de sacala do atraso é este enxeñeiro que creou nos anos oitenta e noventa todo un programa de transformacións pendentes aínda e necesarias. Camilo é onde eu vexo actualizada para o noso tempo a madurez histórica alcanzada definitivamente polo galeguismo durante a II República e logo nas reflexións no exilio de Castelao. Porque nel o galeguismo non é temeroso nin encollido, nel é, como quería Bóveda, práctico, pacíficamente ofensivo e aberto ao noso tempo. En Camilo está a paixón nacional de Castelao e o sentido táctico de Bóveda.

E remato por dicir que Camilo é para min un amigo leal, de quen aprendín que o tempo que nos toca vivir, coas súas dificultades e posibilidades, non é o noso enimigo e que as transformacións socioeconómicas e tecnolóxicas que se suceden inevitabeis plantexan novos problemas mais tamén novas posibilidades. É un incansábel optimista histórico que desconcerta a quen fai da morriña e da queixa unha pose vital, pero que nos pon diante a todos constantemente as posibilidades que ten o noso país. E síntome ben orgulloso de telo acompañado na súa aventura nalgunhas épocas.

De par del vin que era unha persoa que sintonizaba coa xente común, tiña a dose xusta de paixón e de razón ao dirixirse á sociedade. E tamén vin que había algo nel que chocaba coa cultura política dalgúns militantes nacionalistas, coa súa desconfianza, buscaban en van en Camilo unha segunda intención nas posicións que defendía: nunca houbo tal, Camilo, errado ou non, sempre defendeu as posicións que defendeu non por protagonismo ou beneficio persoal senón porque coidou que eran as máis xustas e axustadas. E sempre houbo unha coherencia tremenda entre a súa vida persoal e o que defendeu en público. Tal coherencia persoal que lle creou reproches desde posicións de cinismo vestidas de falso progresismo. Contodo, ese ser dunha peza, esa coherencia ferreña probabelmente sexa o que o fai seguir sendo o que foi sempre, un tipo vital e animoso que sorprende e como non coñezo outro.

E todo Camilo se resume nun rapaz do barrio de Lavadores vigués, neto de campesiños e fillo de galeguista vigués comprometido coas sociedades agrarias. Un rapaz deportista e estudante que estudou enxeñería industrial, e logo económicas mentres traballaba. Que non dubidou en pagar uns altos prezos persoais por defender os seus ideais; se alguén demostrou valor persoal e entrega sen volta é ese home. E causa vergoña ter que lembrar aquí estas evidencias que deberan ser coñecidas ou lembradas, pois se a traxectoria vital e política desta figura pública, se a súa capacidade política, o seu prestixio persoal e o seu gancho electoral non é sentido como patrimonio non só dos galeguistas senón de toda xente que ame este país, que sexa progresista..., daquela é que non merecemos a Camilo Nogueira.



Dossier: Á sombra de Beiras | Vieiros