|
| Velaquí tedes unha entrevista que os internautas lle fixeron a Anxo Pintos, membro de Berrogüetto, a través do chat de Vieiros. Nesta ciberconversa (que aquí podedes consultar de forma íntegra) o músico falou dos seus novos proxectos, da situación actual da música de raíz en Galicia e ata do perfume que máis lle gusta... |
![]() "Non somos un pais nin celta, nin romano, nin árabe nin nada... Somos un tremendo 'melting pot' pasado por auga. Rezumamos a melancolía da auga ata polos sobacos". "Para que exista unha industria musical en Galicia falta capital e un maior grao de implicación por parte da sociedade". "Meu pai é 'folqui', a miña nai canta óperas e zarzuelas. E a miña irmá (Sylvia Superstar, cantante de Killer Barbies) saiu punki por iniciativa propia". "Gosto moito da linguaxe como xogo pra subvertir a realidade. É un xeito de darlle a volta ás cousas. Está ben poñerse patas arriba de cando en vez". "Berrogüetto recrea a tradición pero sobre todo crea partindo dela" "Para nós Sargadelos sempre foi un exemplo para o noso país. Unha empresa preocupada non só por obter o lexítimo beneficio económico, senón tamén por crear a partir de elementos presentes na nosa cultura e mesmo investir na súa posta en valor". |
<vieiros> Para abrir conversa, Anxo, vouche preguntar algo que sempre me sorprendeu moito, o feito de que Sylvia Superstar (cantante de Killer Barbies) sexa a túa irmá. ¿Como pode saír da familia unha que lle dá polo punk e outro que lle dá polo folc? <AnxoP> A todo o mundo lle sorprende. Os nosos pais tamén son músicos. <melmac> Punkis ou folkis? <AnxoP> Haha. Un folqui. A miña nai canta óperas e zarzuelas. E a miña irmá saiu punki por iniciativa propia. <melmac> Será a ovella negra, ¿non? <AnxoP> Para nada, o ambiente familiar sempre foi extremadamente liberal. <helena> ¿Como poden saír cousas tan diferentes coa mesma educación? <AnxoP> Son os gustos persoais os que se impoñen non a educación. <helena> Pois pola túa retórica... tes un punto punk ti tamén... <AnxoP> Será a xenética que tira para o seu lado. Non creo en etiquetas demasiado encorsetantes... están ben desde un punto de vista pedagóxico... <helena> ¿Como definirías ese momento surrealista que che dá nos concertos? Porque supoño que ti estás detrás dos textos dos discos, non? <AnxoP> Pois si. Gosto moito da linguaxe como xogo pra subvertir a realidade. É un xeito de darlle a volta ás cousas. Está ben poñerse patas arriba de cando en vez. <helena> ¿Es o líder ideolóxico do grupo, por dicilo así? <AnxoP> Noooon. Non son líder ás veces nin de min mesmo... Cada un realiza unha aportación que resulta clave pra o conxunto. Somos un grupo moi, moi coral. <melmac> ¿Cal é o instrumento que máis che gosta tocar? <AnxoP> Probablemene a gaita e a zanfona.. aínda que o saxo e o violín e o piano.. tamén teñen o seu aquel. Estou bastante centrado na zanfona, intéresame que se normalice o seu uso, porque creo que ten moitas posibilidades. Dúas oitavas cromáticas completas, ten máis rexistro que unha gaita, pero tamén dá máis a lata á hora de afinar. <melmac> ¿Non cres que ao folk lle falta como algo de espectáculo? (digo para ser unha música que chegue a máis xente). Nos concertos a xente quere algo máis... a posta en escena no folc é máis limitada. <AnxoP> Básicamente se fai música, a música é a materia prima da que se parte. Ás veces hai moito de espectáculo visual e pouca chicha. Nós vemos xente de todas as idades nos nosos concertos. E non creo que se trate de desternillalos a charcarrillos. En todo caso haberá grupos máis ou menos divertidos... <melmac> E unha das cousas positivas que eu lle vexo a Berroguetto son as postas en escea, sobre todo en comparación co resto. <AnxoP> A mín paréceme que hai moitos colegas facendo postas en escea máis que dignas, de todas formas, gracias pola apreciación. <vieiros> ¿Cres realmente que o folc podería ser unha música de consumo masivo? <AnxoP> Ten os seus límites naturais... Non creo que estea pensada pra chegar a millóns de persoas. Pero sí pra tod@s aquel@s que sinten a inquedanza de non se quedar co primeiro que lles chega. <vieiros> ¿Non cres que o feito de ser -na súa maioría- música instrumental tamén lle afecte? Quero dicir, que as voces chaman moito... non? <AnxoP> Si. A música vocal é sempre máis directa. Á xente gústalle cantar cos seus grupos preferidos. <helena> ¿Foi por iso que engadistes unha cantante? <AnxoP> Queriamos ofrecer unha visión completa de nos mesmos e para iso a voz é imprescindible. Nos cancioneiros galegos hai mías música cantada que instrumental. <melmac> Ahí vai unha crítica... Non vexo letras que falen do que pasa hoxe... Nin en vós nin en ninguén folqui, vaia... <AnxoP> Xa... Todo chegará. Quizais un excesivo apego á tradición. Imaxino que nun futuro non lonxano as letras mudarán de face. <melmac> É que... xa non ten sentido seguir falando como se estivesemos a primeiros do seculo XX... sobre todo no caso das pandereteiras, eu boto de menos un chisco de modernidade... <AnxoP> Todo leva o seu proceso de maduración. Estou convencido que as cousas iránse mudando a medida que troquen as mentalidades. <melmac> Pero estamos a falar de musicos, non da xente "normal"... Deberiades estar un chisco por diante, ¿non? Quero dicir: está ben recuperar a foliada esquecida de tal ou cal aldea, pero unha vez recuperado todo o folclore galego... ¿Por que non se recrea a partir de aí? <AnxoP> Berrogüetto recrea a tración pero sobre todo crea partindo dela. <melmac> ¿E que che parece que haxa grupos que repiten tal cual as estrofas castelanizadas dos vellos? (Non o digo por vós...) <AnxoP> Se ti utilizas temas tradicionais tes que ser respectuoso cos mesmos como o serías se atoparas un petroglifo no monte. <telega> Pero ás veces non se é "demasiado" respectuoso. Por exemplo, recoller unha versión dunha muiñeira moi coñecida e decir que é outra diferente. Hai casos así nos que a memoria falla... <AnxoP> Imaxino que na meirande parte dos casos non é con mala intención. A ignorancia é as veces moi atrevida. En calquera caso este tipo de debate repítese unha e outra vez en todos os países europeos. <telega> Outra crítica: ¿Por que tanto cambio de ritmo durante unha canción? Sobre todo neste último disco... <AnxoP> Hehe... As amalgamas son vellas queridas polos músicos de Berrogüetto. Quizais os ritmos regulares non exercen en nós o mesmo poder de seducción. <helena> ¿Podo cambiar de tema? Escoitei que ías publicar un disco en solitario... <AnxoP> Quero facer un disco adicado á zanfona, pero vai un tanto lenta a cousa. É é un instrumento que merece máis atención, aínda que estará acompañado de lixeiras aportacións doutros timbres amigos. Desde logo non é pra facerlle a competencia ós meus compañeiros. <helena> ¿Pero cando sae? <AnxoP> Non hai data porque o meu traballo aínda está en estado embrionario, aínda que supoño que sairá o ano que vén, pero non está claro a que altura... <helena> Pero segues con Berrogüetto, ¿non? <AnxoP> Claro, neste grupo todos temos liberdade pra acometer os nosos proxectos persoais sempre que non afecten a Berro. <helena> ¿Non é un cristo poñerse de acordo para crear algo? Quero dicir: tanta xente, tantos egos que coidar... <AnxoP> So ás veces. No esencial hai consenso total. É importante partir dun exquisito respecto polas individualidades como se chega á defensa dunha estética colectiva. <blue> ¿Tes algún proxecto máis á vista? <AnxoP> No conservatorio de Musica tradicional de Vigo temos un conxunto instrumental de alumnos e queremos gravar un CD co seu traballo. <blue> Unha pregunta á marxe da música... Dime un aroma que che resulte evocador... <AnxoP> He, Happy de Clinique. <blue> ¿O da botella laranxa? Está ben sabelo... <AnxoP> Pero sería mellor centrarnos no obxecto deste chat. <blue> ¿Por que apareces de cor azul en 'Hepta'? <AnxoP> É a miña cor favorita. Había qiue usar as sete cores que elixiu Georges Rousse, cada un colleu unha. <vieiros> Hepta foi un proxecto multidisciplinar: implicastes a Rousse, a Sargadelos... ¿Como foi a experiencia? <AnxoP> Sí, queriamos integrar artes que normalmente se viran de costas. Para nós Sargadelos sempre foi un exemplo pra o noso país. Unha empresa preocupada non só por obter o lexitimo beneficio económico, senón tamén por crear a partir de elementos presentes na nosa cultura e mesmo invertir na súa posta en valor. Sentímonos moi identificados co seu modo de traballar. <vieiros> Falando de país... ¿cres que sería posible montar unha industria musical en Galicia? <AnxoP> Debería ser posible. E é máis é necesaria. Pero aínda estamos na beira, hai moito que andar. Falta capital e un maior grao de implicación por parte da sociedade. Hai tempo que músicos, promotores e editores vimos a falar da conveniencia de xerar unha mínima infrestructura que permita consolidar o feito musical no país. <vieiros> ¿Que pensas das discográficas galegas? <AnxoP> Que teñen unha cota de mercado moi exigüa e así é dificil editar a novos grupos. Hai moito que falar aínda nestes reinos de taifas do noroeste peninsular. <helena> ¿Cantos discos vende Berrogüetto? <AnxoP> Soemos chegar aos vinte mil en tres anos e por goteo. De cada traballo, quero dicir. <melmac> Está moi ben... Logo sodes os que máis vendedes, ¿non? <AnxoP> Non. Está Luar na Lubre, Carlos Nuñez... De todos modos a industria discográfica vai ter que se pór as pilas... <melmac> Xa, pero Budiño e Uxía ficharon por multinacionais e non se comeron un rosco... <AnxoP> É importante coñecer a música coa que se traballa. Ás veces as multinacionais non saben orientar correctamente a promoción. <melmac> ¿Ti definirías Berrogüetto como un grupo de musica celta? <AnxoP> Non. Berrogüetto mistura a tradición galega co seu imaxinario colectivo. Hai elementos recoñecibles: timbres... <melmac> ¿Cres niso de que Galiza é un país celta? <AnxoP> Non somos un pais nin celta, nin romano, nin árabe nin nada... Somos un tremendo 'melting pot' pasado por auga. Rezumamos a melancolía da auga ata polos sobacos. <melmac> Só nos falta un POL POT. :)) <AnxoP> Cogno, nin en pintura. <melmac> Boeno, temos os nosos pequenos caciques, pero non chegan a Pol Pot, claro... <AnxoP> Creo que non hai ningún Asterix entre eles. <melmac> Non, pero hai un alcalde do PP q creo que é tan gordo coma Obelix... <AnxoP> O investimento en comida é un ben seguro para a época de vacas fracas. <melmac> ¿Cres que a música podería ter os efectos dunha poción máxica para este país? <AnxoP> Creo que todos temos capacidade para intentar que as cousas melloren, e que se abandonen algúns discursos fóra de lugar a estas alturas. <blue> Eu sinto correr o sangue de diferente modo cando escoito 'Samesugas'. <AnxoP> É que as samesugas teñen un poder anestesiante, que fai que non te enteres cando che chuchan o sangue. <blue> Si? Pois non me anestesio precisamente, toleo de ledicia, da mesma maneira que cando escoito as presentacións dos concertos... ¿de onde sacas tanto carrete? <AnxoP> Imaxino que o levo dentro. Resultame divertido xogar coas verbas ata retorcelas. <vieiros> ¿Gústache escribir? <AnxoP> Só para min, pero si. Non creo que o que escriba teña ningún valor ou interese para os demais. <vieiros> ¿Nunca pensastes en pedirlle letras a un escritor? <AnxoP> Sí, témolo pensado, pero ao final os facedores dos temas sempre acaban resolvendo. |