|
|
|
|
| Este espacio é un experimento de participación electrónica emprendido por Vieiros e La Voz de Galicia |
![]() |
![]() Lois Castrillo, candidato á Alcaldía de Vigo polo BNG |
|
|
|
Atención ao cidadán en liña Benvido señor candidato a esta primeira experiencia de participación electoral en liña. Vieiros e La Voz de Galicia agradécelle a súa colaboración e convídao a contestar a nosa primeira pregunta: ¿Creará vostede un servicio de atención ao cidadán para consultar datos a través de Internet? Vieiros Santiago 1999/06/02 Resposta: OBNG vai promover a criación do Servizo de Aténción Cidadá que terá como obxectivo facilitar a información que precisa a cidadania proporcionando maior rapidez nas respostas. As funcións básicas do SAC sumarialmente serán: a) a atención directa á cidadania dando conta de información xeral municipal;b) dar información sobre trámites xerais, servizos municipais, prazos e trámites para a apresentación de reclamacións,... e c) orientar as solicitudes de información cara ao servizo específico se asi o require a demanda do cidadán. Trata-se de garantir, en primeira instáncia, un servizo de información e orientación presencial e directo aos cidadáns e cidadás. Asegurado este servizos básico promoverán-se novos medios para facilitar as xestións dos cidadáns evitando inecesários desprazamentos ao Concello, de tal xeito que certas tramitacións administrativas simples poidan ser realizadas a través dun novo servizo:o teléfono de atención ao cidadán. Nunha terceira fase, e coa idea de poder desenvolver acaídamente novos servizos de atención aos cidadáns, descentralizar a información e axilizar o acceso á mesma, impulsará-se a elaboración e implementación dun Plano de Informático Municipal, actualmente inexistente, que permita formalizar os procedementos, criar os soportes e fondos informativos e documentais que fagan posíbel desenvolver novos servizos de información on-line e responder as consultas cidadáns vía Internet. Lois Pérez Castrillo Candidato á Alcaldia de Vigo polo BLOQUE NACIONALISTA GALEGO. Que pasou no tripartito? O señor Perez Castrillo xa participou moi activamente no governo de hai oito anos. Daquela aliarase co PSOE naquel coñecido tripartito, e os cidadans non quedamos moi convencidos das xestions daquela corporacion. Que pasou? Robero Lorenzo Vigo 1999/06/03 Resposta: Estimado Roberto Lorenzo: O BNG aspira a governar a cidade de Vigo despois do 13 de xuño. Somos sabedores de que non é factibel acadar ese governo, nas actuais circunstáncias, en base a unha maioría absoluta do BNG, de aí que nos declaremos partidarios de acadar un pacto de governo coas forzas progresistas que acaden representación municipal. Non queremos reeditar o goberno tripartito, queremos unha maioría de goberno nucleada en torno ao nacionalismo e un acordo programático que teña como cerna o modelo de cidade que o BNG defende, un modelo de cidade norteado pola procura dun maior calidade de vida dos vigueses, por políticas que aseguren o desenvolvimento económico da cidade como motor industrial de Galiza e fundamentado nunha intensa participación cidadá. Un acordo de governo construído sobre a alternativa programática do BNG e que esteña sostido por un constante diálogo cos cidadáns e cidadás e as mais súas organizacións representativas. Esta é a nosa proposta e o noso compromiso. Supoño que non é necesário lembrarlle os últimos anos da xestión de Manuel Soto, que, por mor dos seus comportamentos autoritários, alimentaron a crispación cidadá e bloquearon a administración municipal deturpando o seu carácter público e ao servizo dos cidadáns e cidadás. Hai oito anos, os resultados electorais posibilitaron un acordo das forzas progresistas e nacionalistas para abrir unha nova etapa na gobernabilidade municipal baseada nunha maior participación, maior transparéncia e diálogo coa cidadania. Tampouco é preciso lembarlle que o nacionalismo, daquela representado polo BNG e o PSG-Esquerda Galega,tina unha presencia institucional moi limitada o que impediu que o acordo de governo se fixera sobre as propostas programática do nacionalismo. Con todo, é bo reparar en que nese mandato, eu como Concelleiro de Participación Cidadá, consensuei a aprobación dun Regulamento de Participación Cidadá que se conta entre os máis avanzados en todo o Estado canto ao recoñecemento dos dereitos de participación e consulta dos cidadáns, daquela igualmente se contribuiu decisivamente ao reforzamento do asociacionismo veciñal de Vigo que é o máis dinámico de Galiza e un dos máis activos do Estado Español. Do traballo de Ana Gandón, como Concelleira da Muller, vaime permitir que saliente o apoio á creación da rede de vocalías de mulleres nas asociacións de veciños e a aprobación, igualmente cun amplísimo consenso asociativo e político, do I Plano de Igualdade de Oportunidades e de Trato das Mulleres, marco no que se concertaban numerosas actuacións en matería social, educativa, sanitária e asociativa para desenvolver políticas específicas de atención ás mulleres. Creo que non está de máis que repare no amplo consenso cidadán que tamén se acadou en torno a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Urbana, do que era responsable Xesús Costas como concelleiro de Urbanismo. A idea interesadamente promovida polo Partido Popular de que un goberno de coalición era máis inestábel e ineficaz que unha alternativa monocolor apoiada nunha maioría absoluta serviulle dialecticamente para convencer a moitos vigueses e viguesas de que Vigo necesitaba como solución un «governo forte». Un governo que, non será necesário que lle insista nisto, representa unha nesfasta etapa de despilfarro de recursos e descredito da institución municipal, o maior fraude político coñecido na nosa cidade e a etapa de maior desgoverno e crise da democrácia municipal en Vigo. Somos moitos os vigueses e viguesas desexosos de pasar esta triste páxina da nosa historia e sobre esa vontade queremos mellorar as cousas en Vigo logrando unha maioría de goberno liderada polo Bloque Nacionalista Galego. Reciba un cordial saúdo. Lois Pérez Castrillo Candidato á Alcaldia de Vigo polo BLOQUE NACIONALISTA GALEGO. |