|
|
![]() |
||
|
Última actualización: Martes 15, 11:45:47 AM Acordos entre PSdeG e BNG en 30 concellos O PSdeG-PSOE e o BNG chegaron onte a un acordo de colaboración política polo cal se apoiarán mutuamente para impedir gobernos do PP en 17 municipios onde os populares son a forza máis votada, e outros 13 no que estas dúas formacións teñen maioría simple. Neste último caso, as organizacións locais son as que terán a última palabra á hora de decidiren se gobernan sós ou buscan o apoio do outro. Así, os socialistas gobernarán en 55 concellos, entre eles A Coruña, Santiago e Lugo, e os nacionalistas en 12, contando Ferrol, Pontevedra e Vigo. O BNG duplicou o número de edís na comarca de Vigo O BNG obtivo na comarca de Vigo un total de 18.319 votos máis que nas eleccións do 95 e duplicou nestes concellos o seu número de concelleiros, ó pasar de 12 a 27 representantes, segundo informes facilitados onte polo seu responsable comarcal, Xabier Alonso. Máis información en Vieiros Vigo. Decepción no electorado emigrante O electorado emigrante, maioritariamente de esquerdas, non acolleu moi ben os resultados do 13-X, cun claro triunfo da dereita a nivel europeo. Os emigrantes laméntanse agora dos resultados destas eleccións claramente favorables aos partidos de dereita, xa non en España, senón en toda Europa. Máis información en Vieiros Alemaña, tamén cunha análise dos resultados no país xermano. PSOE e BNG pecharanlle paso ao PP onde for posible Malia que aínda non hai pacto formal entre estas dúas formacións políticas, os seus respectivos líderes xa manifestaron a súa intención de frear os gobernos do PP nos concellos onde sexa posible. Parece ser que ambos os dous queren seguir o criterio xeral de apoiar á lista da esquerda máis votada. O PSdeG rexeita así a oferta de pacto lanzada polo PP para impedir gobernos nacionalistas. Se todo transcorre sen problemas, os socialistas gobernarán tres cidades: A Coruña con maioría absolutísima e Lugo e Santiago co apoio dos nacionalistas. Mentres, o BNG gobernaría en Ferrol, Pontevedra e Vigo, aínda que nesta última xorden dúbidas sobre se Carlos Príncipe aceptará a Castrillo como alcalde. En virtude deste acordo, o Bloque gobernaría outros tres concellos, mentres que o PSOE faríao en nove. O PP mantense en Madrid As eleccións pouco cambiaron o panorama político de Madrid. O Partido Popular mantén a maioría absoluta na Comunidade e no Concello. Izquierda Unida, seguindo a pauta do resto do Estado, perde concelleiros e diputados autonómicos... Máis información en Vieiros Madrid. Cabezas, victoria con matices Manuel Cabezas revalidou a maioría absoluta que obtivera fai 4 anos pero moitos datos analizados na xornada post-eleitoral fan que a súa victoria sexa en certo modo relativa. O enorme índice de abstención, un 43 %, o número de votos en branco 1.122, e o número de nulos, 734, levan á conclusión que dos ourensáns con opción de voto, non escolleron PP 3 de cada 4. Ademais polos últimos números que se barallan, o voto da emigración podería ter sido decisivo para conseguir esta maioría absoluta. Máis información en Vieiros Ourense. Seguimento informativo tamén dende El Correo Tamén se pode seguir todo o aluvión de noticias relacionadas co 13-X e os pactos poselectorais dende a web de El Correo Gallego. Alí podemos atopar todos os resultados electorais en todos os concellos galegos, ademais dun amplo despregue informativo. E tamén unha curiosa noticia... Francisco Cacharro Pardo, presidente da Deputación de Lugo, e candidato popular número dous en Lugo, afirmou que o PP perdeu a maioría absoluta neste concello por culpa "dun día de praia"... Santiago seguirá rodeado por concellos do PP Na comarca de Santiago as cousas non cambian demasiado e segue a manter a hexemonía o Partido Popular, que goberna en seis dos nove concellos veciños con maioría absoluta. En Brión son os indepedentes quen revalidan a maoiría absoluta e en Touro segue o mesmo alcalde, só que en vez ir polo PSOE agora vai coas siglas de Democracia Galega. Destes concellos, só Vedra se alzaría cun goberno de esquerdas, encabezado polo PSdeG-PSOE. O Bloque non consegue mellorar nas vilas Malia o seu innegable progreso nos resultados xerais, o Bloque non conseguiu transmitirlles ás vilas a mellora das cidades. Así, perde as alcaldías do Morrazo -Cangas, Moaña e Bueu- e só gaña a alcaldía das Pontes (con maioría absoluta). No resto das vilas mantense o equilibrio anterior de forzas: Carballiño, Vilagarcía, Redondela e Betanzos para os socialistas e Lalín, A Estrada, Verín, Viveiro e Ribeira para os populares. O BNG mantén, con todo, Fene e Poio. O Bloque non consegue mellorar nas vilas Malia o seu innegable progreso nos resultados xerais, o Bloque non conseguiu transmitirlles ás vilas a mellora das cidades. Así, perde as alcaldías do Morrazo -Cangas, Moaña e Bueu- e só gaña a alcaldía das Pontes (con maioría absoluta). No resto das vilas mantense o equilibrio anterior de forzas: Carballiño, Vilagarcía, Redondela e Betanzos para os socialistas e Lalín, A Estrada, Verín, Viveiro e Ribeira para os populares. O BNG mantén, con todo, Fene e Poio. O PSdeG volve a ser a segunda forza en Galicia Atendendo a resultados xerais, o PSdeG recuperou nas municipais o terreo perdido en Galicia nas anteriores autonómicas. Os resultados xerais danlle ao PP un 44,69% dos votos, ao PSdeG 25,44% e ao BNG 19,16%. As enquisas déronlle demasiadas ás a un BNG que cría que ía gobernar en cinco cidades. Polo de pronto só podería facelo en Ferrol, Pontevedra e Vigo, e perde alcaldías tan importantes como as do Morrazo: Cangas, Bueu, Moaña... Pola contra, o PSOE volve arrasar na Coruña e faise contra prognóstico coa segunda praza en Lugo. O que queda no ar é que ao BNG fáltalle moito para chegar ao interior de Galicia, ao rural. Quédalle moito traballo por diante se quere ser segunda forza en cada pobo... En canto ao PP, nada hai que dicir, soamente que o seu poder vai a menos, sobre todo nas cidades. Resultados definitivos das sete cidades galegas Velaquí os resultados de cada unha das cidades galegas co 100% de votos escrutados. Nas ligazóns poderedes ver a nova composición de cada un dos concellos, co nome de todos os concelleiros: O BNG, o máis votado en Pontevedra, en Vigo o PP A provincia de Pontevedra abandeira o aumento do BNG en Galicia. En Pontevedra, co 14,97% dos votos escrutados, o partido máis votado é o BNG, cun 38,77% dos votos, o que lles daría 10 concelleiros. O PP ten un 38,35&, tería outros 10 e o PSOE cinco, cun 17,7%. Mentres, o candidato máis votado de Vigo é Juan Corral, do PP, cun 35,87% dos votos e 11 concelleiros, seguido de Lois P. Castrillo, cun 25,11% e oito asentos, mentres o PSOE consegue 7 e Progresistas de Vigo 1. Maiorías absolutas para o PP en Lugo e Ourense Os primeiros datos oficiais traen sorpresas para o Leste galego. O PP consegue maioría absoluta, en Ourense empatan na segunda posición PSOE e BNG con 6 concelleiros, mentres que en Lugo o PSOE consegue seis e o BNG 5. Velaquí os datos: Primeiros avances dos resultados oficiais Datos de Ferrol. 15,41% escrutado. Forza máis votada: BNG 8 concellerios, PP 8, PSdeG-PSOE 6, IF 2, IU 1 Datos de Santiago. 4,7 escrutado. Forza máis votada: PP 11. PSdeG-PSOE 9, BNG 5 Datos de A Coruña. 10,35 escrutado. Forza máis votada: PSdeG-PSOE 17, PP 6, BNG 4 Datos de Lugo. 13,47% escrutado. Forza máis votada: PP 14, PSdeG-PSOE 6, BNG 5 Resultados da Cadena Ser Resultados recollidos da TVE Primeira enquisa: só dúas maiorías absolutas A primeira enquisa publicada, realizada por Eco Consulting, só outorga maiorías absolutas en Galicia: na Coruña para o PSOE e Ourense para o PP. A formación máis votada nas cidades -agás a Coruña- é o PP. Pero vexamos os resultados das enquisas cidade a cidade: Xa votou máis da metade dos galegos Ás sete e media o Ministerio de Interior actualizou os datos de participación, que lle dan a Galicia un 53,10% de votos, por riba do índice estatal: 50,31%. Ademais, vén de informar que ás 22.00 horas faranse públicos os datos oficiais das europeas e ás 23.15 os das municipais. As eleccións desde Bos Aires As próximas eleccións municipais galegas e do representantes no Parlamento Europeo dispútanse tamén desde Bos Aires, un distrito con máis de 60.000 electores. Electoralmente a inmigración na República Arxentina encóntrase dividida en cinco circunscripcións: Bos Aires, Santa Fe, Córdoba, Mendoza e Bahía Blanca. Somente a primeira ten máis de 60.000 persoas habilitadas para votar. En toda a Arxentina a cifra supera os 100.000. Poden obter máis información da presencia dos partidos galegos en Arxentina en Vieiros Bos Aires. O Fianna Fail gaña as europeas en Irlanda Nada se sabe nin sobre a participación nin sobre os resultados das eleccións europeas nos países nos que xa se celebraron (Reino Unido, Dinamarca e Países Baixos). Somentes en Irlanda, onde se celebraron o venres, se saben xa os resultados, e iso gracias a un particular sistema electoral polo que os partidos tamén fan o reconto de votos. O caso é que o gañador resultou ser o Fianna Fail (Partido Republicano, actualmente no poder), que conseguiu sete dos quince escanos en xogo. A falta de dous escanos por definir, o Fine Gael conseguiu catro, os laboristas outro e un independente conseguiu outro. D.G. denuncia irregularidades en Melide Democracia Galega denunciou ante a Xunta Electoral de Zona de Santiago ó PP deste concello por presuntas irregularidades. Segundo esta formación axentes electorais do PP terían levado en veículos a persoas de Santa María e da fegresía de Cazallas para acudir a votar ó colexio electoral de "El Forte", despois de ir avisando nos domicilios que debían ir a votar si non o fixeran antes. Esta formación solicita na súa denuncia a impugnación desta mesa electoral e a adopción de medidas para a celebración dun "proceso electoral imparcial e democrático". Outra denuncia do BNG contra o PP en Santiago Na mesa situada no Colexio Cluny de Santiago, o apoderado do BNG, Manolo Díaz, denunciou que a súa homóloga popular estaba a repartir papeletas nas inmediacións do punto electoral situado na rúa da Rosa. Pola súa banda, a apoderada do PP asegurou que "tan só" proporcionara unha papeleta a "unha coñecida que ve mal". Mentres, o candidato do PP , Dositeo Rodríguez, fixo un chamamento á calma de todos os participantes nos comicios e referíuse a este incidente sinalando que se trata "dun intento de provocar un suceso electoral que non existe". Rodríguez manifestou que non hai ningunha actividade de inducción ao voto, "alomenos por parte do PP". Segundo avance: os galegos aceleramos o ritmo O Ministerio de Interior xa publicou ás 18.20 o segundo avance do índice de participación. A media galega (52,39%) supera xá á do Estado, 50,45%. Iso si, as cidades seguen cunha porcentaxe máis baixa. Continúa en cabeza Pontevedra, cun 52,40 por cento, logo Santiago cun 47,48%, Lugo cun 46,91%, Ferrol 46,47%, Ourense 46,32 e A Coruña 44,58%. Parece que os galegos nos deitamos onte tarde e non tivemos gañas de votar pola mañá, pero recuperámonos pola tarde... Denuncian ao PP por pedir hoxe o voto por teléfono Segundo informou Europa Press, o representante legal ante a Xunta Electoral da zona de Compostela do PSdeG denunciou ante a Xunta Electoral que, segundo a queixa presentada ás 12.30 de hoxe, "persoas vencelladas ao PP están a realizar chamadas persoais solicitando o voto para o candidato do PP en Santiago, Dositeo Rodríguez". Os socialistas lembran que segundo a Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, a campaña electoral remata ás 0 horas do día anterior á votación e que non se pode realizar ningún acto de campaña electoral a partir desa hora. O contrario constitúe un delicto electoral, que pode ser castigado con pena de arresto maior ou multa de 30.000 a 300.000 pesetas. Galicia vota menos ca o resto do Estado Se a media estatal de participación ata as dúas da tarde era do 35,16%, a media galega situábase no 34,7%. Pero nas principais cidades o índice descende aínda máis. Os cidadáns que menos votaron pola mañá foron os lugueses, cun 30,05% de participación, e os que máis os pontevedreses, cun 37,83%. Logo os ourensáns, cun 35,5%, e a continuación os vigueses (33,33%), os coruñeses (31,79%), os santiagueses (31,68%) e os ferroláns 31,44%). Ás dúas votara un 34,7 Nos primeiros datos oficias, a participación acada un 34,7 %. Á mesma hora nas Municipais do ano 1995, apenas chegaba ao 32,63. Nas pasadas autonómicas, os votos ían polo 33%. Especial 13-X Hoxe domingo Vieiros ofrecerávos un seguimento informativo de todo o que aconteza na xornada electoral. Daremos datos de participación e de enquisas a pé das urnas, e a partir do peche dos colexios irémos informando dos primeiros resultados oficiais ata que sexan definitivos. Asimesmo, daremos conta das reaccións dos principais partidos. Por outra banda, mantemos aberto o chat de Vieiros (no que poden entrar directamente dende esta páxina) para que a xente nos vaia contando o que pasa por Galicia adiante neste 13-X. Se o que queres é entrar na portada habitual de Vieiros, poderás ir desde aquí. Con saias e... ¡a rachar! Remata a campaña electoral na que se gastou máis rímel dos ultimos tempos. Abofé. Mais parece que as candidaturas galegas ás municipais non tomaron moito exemplo das listas europeas. Rosas e Loyolas á marxe, tanto PSOE como PP inclúen mulleres nas listas nun cincuenta por cento, mentres que o BNG meteu a tres nunha listas de dez persoas. Pero este mesmo partido, que lles reserva un tercio das prazas ás mulleres nas súas candidaturas municipais, é o único que ofrece en Galicia posibles alcaldesas: Branca Rodríguez Pazos e Encarna Otero. A presencia femenina é levemente máis notoria nas listas do PSdeG e nalgunhas do PP como é a da Coruña, cun cincuenta por cento, pero en ningún caso -agás algunha candidatura minoritaria- hai máis porcentaxe feminina. En calquera caso o importante é que nunca tanta muller se vira nos mitins, aínda que abunden de máis as "segundonas", e que por primeira vez en Galicia podemos ter cidades con alcaldesa. A ver se cambian de certo as cousas e dentro de catro anos podemos ver a máis femias no poder. Datos de participación na web oficial Aínda que o Ministro de Interior nunha comparecencia anunciou a disponibilidade de datos de participación a partires das sete da tarde, xa era posible obter datos das dúas desde as 16:00 hh. No especial Eleccións do 13 de Xuño do Ministerio de Interior poderedes atopalos. Web electoral para o Bloque de Ames A candidatura do BNG para o concello de Ames vén de sacar unha páxina web bastante completa na que, se dá a coñecer o programa, a lista e a biografía do alcaldable, Xosé Manuel Fernández López. Ademais, podemos botarlle unha ollada aos últimos números do voceiro do BNG en Ames e movernos a través das ligazóns polas principais webs do nacionalismo galego. Medra a tensión nos últimos días de campaña A incertidume que rodea os resultados electorais na maioría das cidades galegas -caso de Santiago, Lugo, Ferrol, Vigo e Pontevedra- fai que os nervios dos candidatos e dos principais líderes políticos anden cada vez máis crispados. Ninguén sabe a ciencia certa as posibilidades reais de que mude o panorama político municipal, pero o certo é que o medo a perder alcaldías estase a notar na actitude e na linguaxe dos políticos. Fraga pidelle á xente que se lembre de votar antes de ir á praia -por se caso- e Beiras, Nogueira e os alcaldables do BNG móstranse optimistas sen derrochar euforia, por se acaso tamén. Para paliar os nervos, mentres, o que queda é descalificarse mutuamente. ¿Que pasará? Só Paco Vázquez se mostra tranquilo na Coruña e aínda ten tempo para arengar en plena rúa subido a unhas caixas de cervexa (tempo que seica lle falta ao para contestar as preguntas dos lectores de Vieiros). Xa saben, o "menda lerenda" non precisa internet... Liña directa: Os do BNG os que menos respostan Despois de case dúas semanas de campaña electoral, o espacio Liña Directa cos Candidatos, que Vieiros e La Voz de Galicia, puxemos en marcha como mecanismo para achegar aos primeiros das listas a todos os internautas, vai discurrindo de forma exitosa... pola parte que toca aos que andamos pola web. Máis de 140 preguntas teñen sido enviadas e polo de agora os candidatos apenas respostaron 45. Os máis cumpridores son os do Partido Popular, todos os seus candidatos contestaron ás preguntas. Dos candidatos socialistas que se comprometeron a participar (Carlos Príncipe declinou facelo), Francisco Vázquez e Rosa Miguélez, aínda non lle deron ao "intro" e os aspirantes do BNG por A Coruña, Lugo e as europeas, tampouco o fixeron. A candidata máis activa é Encarna Otero, con sete réplicas, que, ademais, nos enviou unha mensaxe na que quere agradecerlles ás persoas que se dirixiron a ela a súa participación, así como "compartir con tod@s a ilusión que supón que o BNG sexa o vieiro que faga dos concellos institucións democráticas, participativas e abertas ás xentes". A resposta máis longa enviouna Fernández Lores, trinta e cinco folios a un espacio, 91K en formato texto. O máis lacónico Xosé Orozco. A súa única contestación di: "Si. Así consta no noso Programa". Os sindicatos tamén teñen que dicir... ...nestas eleccións. A CIG vén de publicar o seu voceiro, Tempo Sindical, no que achega temas relacionados cos vindeiros comicios. Para empezar, arrinca cunha reportaxe sobre o emprego: Galicia perdeu 9.600 empregos, superando así o 17%. Pero logo entra directamente en temática electoral cun especial sobre estes comicios, ademais de dúas entrevistas: unha a Anxo Quintana, alcalde de Allariz, e outra a Camilo Nogueira, candidato nacionalista ao Parlamento Europeo. Tamén falan sobre a morte do Grupo Lácteo Galego, a fusión de caixas do sur e a guerra dos Balcáns. As eleccións... en Madrid Os candidatos á alcaldía e á Comunidade de Madrid intensifican a súa campaña. Ruiz-Gallardón pide o voto da esquerda, Cristina Almeida promete o 0,7% para cooperación e Ángel Pérez promete unha xigantesca cidade das Artes. O BNG tamén se achega a Madrid para facer campaña... Máis información en Vieiros Madrid. Un alcalde, acusado polo xenro de prevaricación Ricardo Barros (aínda que parece ser que está en trámites de separación) denunciou ao seu sogro e alcalde de Vilaboa, Enrique Fernández, ao que acusa de falsidade en documento público, en documento oficial e prevaricación. Unha curiosa historia sobre a construcción da vivenda da filla do alcalde e do denunciado que non tén ningunha perda e lle dá un toque "minimalista" (que está tan de moda a palabra) á campaña. Lean a historia completa no Faro de Vigo. Os "Blues Brothers", Thais de Picaza e o PP O grupo norteamericano "The Blues Brothers" actuará o vindeiro venres no auditorio ó ar libre do parque de Castrelos. O concerto, de balde, está a ser financiado integramente pola empresa Construcciones Malvar, encargada da remodelación destas instalacións. E coincide, curiosamente, co remate da campaña electoral e cun acto do PP... A presidenta do consello de administración, Thais de Picaza, explicou na presentación deste evento que o concerto, pretende ser un agasallo desta empresa ós cidadáns "en compensación polos retrasos que sufriron os numerosos proxectos debido a suspensión de pagos da firma". Lembramos que a Xunta lle concedeu unha cuantiosa axuda para afrontar a súa crise. Castrillo vese xa coma alcalde... Lois Pérez Castrillo, "alcaldable" do BNG en Vigo, vese como xa como rexedor e afirma que estaría disposto a presidir a procesión do Cristo da Victoria, malia que non se define como "crente". E tamén aproveitou para retar a Juan Corral a que abandone o seu posto como director do Porto de Vigo e que se adique, se non gaña, a traballar na oposición. En Vigo as cousas están que estoupan: as enquisas non dan ningunha maioría clara e unha victoria aquí convertería ao partido en vencedor moral do 13-X. PSOE e PP disputan o voto a golpe de inauguracións A carreira electoral en Santiago, que as enquisas presentan máis que disputada, está a facer que á xa apretada axenda dos políticos se lle sume o labor de cortar cintas a esgalla. O pasado venres foi naugurado o Hospital Clínico Universitario de Santiago, unha mastodóntica obra de avanzada tecnoloxía que Fraga e Bugallo coincidiron en adxudicarse. Á inauguración deste "intelixente" edificio asistiron ducias de cargos do PP, incluído o candidato a Raxoi, Dositeo Rodríguez, e varios membros da corporación municipal. O actual alcalde e candidato socialista, Sánchez Bugallo, subliñou que o Concello achegara case mil millóns dos 21.000 que costou o proxecto e Cochón e Fraga lembraron o ben que funciona o SERGAS. Moita cinta e moito bombo para un hospital que non estará aberto ata despois do verán... Mítin só para mulleres O BNG de Chantada xuntou o sábado a máis de dous centos de mulleres nun mítin nun restaurante desta vila. Salvando algún xornalista e curiosos varios, alí só había mulleres candidatas que se dirixían a mulleres votantes. Laura Vázquez, Concepción Varela e Ana Casal explicáronlle ás chantadinas o programa dos nacionalistas, iso si, adobado cuns pinchiños e unha boa tertulia. Xa se sabe, as mulleres negociando son moito mellores cós homes... Pactos, enquisas e demais andrómenas A actualidade electoral está marcada por dúas cuestións: as enquisas electorais e os "convites a pactos". Cada medio de comunicación saca cadansúa enquisa. Hainas para todos os gustos: dende amplas maiorías ao PP en todas as cidades ata quen di que non consegue nin unha soa absoluta. E estas especulacións provocan reaccións non se sabe moi ben se á desesperada: o PP convida ao PSOE a un pacto global contra o nacionalismo ante o que parece ser unha debacle electoral, a perda de Vigo e Pontevedra. Fraga e Cuíña, arroupados por toda a tropa do PP estatal que chega a Vigo, piden axuda aos socialistas. Pero Touriño negouse: todo parece indicar que tanto Taboada como Príncipe apoiarían ao BNG, caso de quedaren segundos Pérez Castrillo e Fernández Lores. Para verdes como andan as enquisas, non tedes máis ca consultalas na sección Intención de Voto deste especial. Alternativa en Nigrán Acaba de chegar á rede unha nova web electoral, a páxina de Democracia Vecinal Libre de Nigrán, unha agrupación electoral independente constrituída por veciños desta localidade pontevedresa para reaxir ante o que eles consideran "graves abusos" que se están a producir. A súa intención é dar un xiro dende a iniciativa veciñal a estas actitudes do goberno municipal, que concorre a estes comicios cos primeiros postos copados por constructores, sempre segundo eles. Asimesmo, denuncian expulsións, embargos e ameazas cara os veciños e cara a esta candidatura. Calendario dos chats electorais Velaquí o calendario de chats, organizados en colaboración con El Correo Gallego, para as municipais e as europeas: Para participar nos chats non cumpre ter un programa de IRC, senón que se pode entrar directamente dende esta páxina, na que tamén poderás ver a programación dos chats día a día. O xoves, tres chats das municipais O chat con Dositeo Rodríguez resultou todo un éxito ao contar coa presencia de preto de corenta persoas. O candidato popular para acadar Raxoi contestou moi seriamente a todas as preguntas, demostrando que tiña ben sabida a lección. Nomes de leis, datos e respostas precisas para quen quixo escoitar (transcrición)... E o xoves agardamos a mesma ou máis sapiencia de parte dos nosos convidados. O primeiro será Ramón Arias, aspirante do PP á alcaldía luguesa, que estará connosco a partir das catro da tarde. Ás 20.30 será Carlos Dafonte (EU-IU de Lugo) quen responda ás preguntas dos internautas e ás 22.00 Juan Fernández (Independientes por Ferrol) fará o propio. Lembramos que para participar non cómpre ter un programa de IRC, senón que abonda con entrar directamente nesta páxina. Candidaturas "galeguistas" no Val das Ellas O galego parece que ten bo futuro nos "tres lugaris" (Extremadura), alomenos no que se refire a representación política. O actual alcalde de San Martiño, Maxi Gaspar (PSOE), é socio da asociación de defensa da lingua "Fala i Cultura"; o número 3 da lista socialista é o presidente desta organización, Domingos Frades. Neste concello só se presentan PSOE e PP. Mentres, nas Ellas, o número 2 do PSOE, Severino López, é vicepresidente de "Fala i Cultura", e como número 3 vai Toño Bellanco, presidente de "Amigus das Ellas i du sei castelu", asociación xuvenil que tamén defende a fala. No que se refire a Valverde, outro concello, na lista de Izquierda Unida van membros de Fala i Cultura, entre eles vai Xosé María Fernández, secretario de Fala i Cultura e actual concelleiro de IU. Agora mesmo esta asociación está tratando de recrutar xente nova e válida en Valverde, que é onde teñen unha presencia máis difuminada. Noites con Dositeo Dositeo Rodríguez, candidato do PP á alcaldía de Santiago, avanza máis na súa "cibercampaña" incluíndo a partir de hoxe un chat que estará aberto todos os días (da campaña, se supón) de dez a unha da noite. Dende esta sección -"Diálogo aberto"- os internautas poderán expoñer as súas opinións, pedirlle ao candidato un punto de luz, etc, que Dositeo promete responder.. O martes 1, chats con Juan Corral e Luís Toxo O martes 1 de xuño celebraranse en Vieiros -en colaboración con El Correo Gallego- dous chats con motivo das eleccións municipais. O primeiro será ás seis do serán con Luís Toxo (segundo na lista do PSOE en Santiago) e con Xosé Manuel Villanueva, concelleiro de Facenda e poñente do Estatuto de Capitalidade, por mor da imposibilidade de intervir do candidato e actual alcalde Xosé Sánchez Bugallo. O segundo chat terá lugar ás 20.30 horas e o convidado será Juan Corral, o candidato do PP á alcaldía viguesa. Para participar neste chat non cómpre ter ningún programa de IRC, abonda con entrar directamente dende esta páxina. E mañá mércores ás seis, o interlocutor dos internautas será Dositeo Rodríguez.... Dositeo Rodríguez percorre todos os recunchos... O candidato do PP á alcaldía de Santiago está a percorrer todas as parroquias do Concello, e son moitas... Varios actos ao día explicando "programa, programa, programa" son a receita que está a usar para que o PP consiga un dos sillóns máis anceiados. As enquisas parece que lle favorecen, pero todo o mundo coincide en que Santiago é unha auténtica incógnita. Non se sabe como a xente vai responder á candidatura de Sánchez Bugallo, nin tampouco ao desembarco de Dositeo. O que está claro é que todos os candidatos compiten por ver quen visita máis paisanos. Beiras reta a Fraga a que debata con el na TVG A pegada de carteis do BNG celebrouse na Praza do Toural. Alí Xosé Manuel Beiras prestou o seu apoio ao candidato ás eleccións europeas, Camilo Nogueira, e á aspirante a dirixir Raxoi, Encarna Otero. E foi alí onde o líder do Bloque retou a Fraga a que manteña un debate público con el na TVG. Se tal feito se producira, Beiras asegurou que sería quen de rebaterlle ao presidente galego todos os seus argumentos. Otero, moi segura de si mesma, prometeu que "no ano 2001 recibirei a Beiras como presidente da Xunta no Concello de Santiago" (enténdese que como alcaldesa). |