Galicia Hoxe

Vieiros  
  Especial Eleccions Xerais 2000


Eleccions nun clic
As ligazóns deste 12 de marzo, ordenadas e comentadas.


Candidaturas
Toda a información sobre líderes, programas e listas das candidaturas principais.


Eleccions anteriores
Evolución do voto das eleccións ao congreso e ao senado.


Intencion de voto
Os inquéritos de distintos medios coas previsións de voto nas eleccións municipais.


Cuestions xerais
A opinión de 7 galegos e galegas nas primeiras eleccións do século.


Última actualización: Luns 13, 1:02:24 AM

O PP gaña con maioría absoluta
O PP é o gran triunfador das eleccións xerais do ano 2000. Co 44,6% dos votos, consegue 183 escanos (27 escanos), sete por riba da maioría absoluta. O PSOE derrúbase, deixa 16 escanos e perde o seu líder, trala demisión inmediata de Joaquín Almunia. IU tamén cae estrepitosamente, malia o pacto, e pasa de 21 a 8 escanos. As forzas nacionalistas, privadas do seu papel de gonzo no novo parlamento, mantéñense: CiU perde un escano e fica con 15, o PNV aumenta 2 (a 7) CC conserva os 4 e o BNG aumenta 1 (de 2 a 3). Teñen cadanseu escano ERC, os andalucistas (que regresan ao parlamento), EA, Iniciativa per Catalunya e a Chunta Aragonesista, que entra pro vez primeira no Parlamento. Vede as gráficas dos resultados.

Dimite Almunia
Joaquín Almunia, candidato socialista, acaba de presentar a súa demisión irrevogable. Na súa comparecencia perante os medios de comunicación, o secretario xeral do partido afirmou que había que abrirlle camiño a novas ideas no seo da esquerda.

Resultados do Senado
Na Cámara Alta, o PP revalidou aínda máis a maioría absoluta, con 128 asentos de 200. Os socialistas quedaron con 60, CiU 8, PNV 6, Coalición Canaria 5 e o PIL (Partido Independiente por Lanzarote) 1. Polo que a Galicia se refire, os resultados repetíronse nas catro provincias: 3 senadores para o PP e 1 para o PSOE. En total, 12 para populares e 4 para socialistas.

E o PP arrasa aínda máis en Galicia
O PP case duplica os escanos de PSOE e BNG por xunto ao nivel de Galicia. Con 16 escanos, aumenta dous sobre os que tiña e sobe 5 puntos en porcentaxe. O PSOE perde dez puntos en porcentaxe (do 33 ao 23) e tres escanos, conseguindo o peor dos rexistros no país en eleccións xerais (6 escanos). O BNG é a forza que máis sobe en porcentaxes (10 puntos), pero esa suba non se reflecte en escanos (de 2 a 3, 2 pola Coruña e 1 por Pontevedra). Vede os gráficos de resultados.

Pouco cambian as cousas
Moito se agardaba destas eleccións, mais os resultados non amosan cambios importantes. O PP sube de 14 escanos a 16, o PSOE pasa de 9 a 6 e o BNG consegue un máis na Coruña, tres en total. Na provincia de Lugo o PP varreu completamente, cun 57,83% dos votos; e só deixou un deputado para o PSOE. O mesmo aconteceu en Ourense, onde os conservadores conseguiron case o 57% dos apoios. O PSOE perdeu tres deputados e, sobre todo, baixou 10 puntos: do 33,54% conseguido no 96 a un 23,45% en porcentaxe de votos. Pero as caras máis longas víronse na sede do BNG. Alí a decepción foi importante, as expectativas (e as enquisas) dábanlle o grupo parlamentario e tiveron que conformarse con 3 escanos.

Cataluña: o PP sobe e mantense CiU
O PSC gaña en Cataluña (porque mantén a provincia de Barcelona), aínda que perde 5 puntos e 2 escanos. CiU mantense porcentualmente e baixa un escano. O PP é o que máis sobe, 5 puntos, e pasa de 8 a 12 escanos. Polo resto, ERC conserva as súas posicións e os votos do que era Iniciativa quedan divididos de (2 a 1 escano) pero con vantaxe para os que quedaron en Iniciativa fronte aos de EUiA por case o dobre de votos.

En Euscadi o PP empátalle ao PNV
Aínda que sobe en escanos (de 5 a 7) e tamén en porcentaxes, o PNV ve como o PP lle empata na primeira posición en Euscadi. Ademais, o PP pasa á segunda posición en Guipúscoa e Biscaia (por riba do PSOE) e rolda o 40% dos votos na provincia de Araba. O PNV acada un 30% (de 5 a 7), o PP un 28% (de 5 a 7), o PSOE o 23% (de 5 a 4), EA un 7% (que se mantén con 1) e EB un 5% (que perde a súa representación). Pola banda de EH, cómpre salientar as declaracións de Arnaldo Otegi: "Os españois elixiron o seu goberno. E sendo España do PP, velaí unha razón máis para querermos a independencia de España".

Fraga: "Galicia é a vencedora"
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, comezou dicindo "non me considero vencedor, a vencedora é Galicia, e tamén o pobo español, por suposto". Salientou tamén o 70% de votos colleitados polo PP no seu pobo natal, Vilalba. "Galicia quere seguir sendo ela mesma, protexida polo Apóstolo Santiago".

Aznar xa non necesita aos nacionalistas
Estes resultados van ter consecuencias moi importantes para o futuro. A maioría absoluta dará "omnipoderes" ao Partido Popular, que xa non necesitará a CiU e nin sequera a Coalición Canaria. Os cataláns contaban ser de novo a chave que decidise a formación do goberno. Por parte vasca, quedará por ver cal vai ser a política que seguirá o novo goberno co proceso de paz. En canto á esquerda, vén de conseguir a maior derrota da súa historia. Almunia non foi quizais o líder máis axeitado para tentar vencer a un Aznar que conseguiu calar na sociedade o "España va bien". O pacto PSOE-IU non funcionou nin para uns nin para os outros. Os socialistas perderon o voto de centro e os de Frutos perderon o apoio dos sectores da esquerda máis radical. Quizais o que lle facía falta ao PSOE era unha renovación total (ou case), cousa que Almunia non era quen de facer. Terán tempo os vindeiros catro anos...

O PP tamén arrasa nas cidades
O PP arramplou coa maioría dos votos nas cidades de Galicia. En Lugo e Santiago mesmo superou o 50%. O BNG supera o PSOE en Ferrol e empata con eles en Vigo e Santiago.
  • PP: A Coruña 46%, Santiago 53%, Ferrol 47%, Pontevedra 48%, Vigo 49%, Lugo 51% e Ourense 47%.
  • PSOE: A Coruña 30%, Santiago 21%, Ferrol 23%, Pontevedra 26%, Vigo 23%, Lugo 26% e Ourense 26%.
  • BNG: A Coruña 18%, Santiago 21%, Ferrol 24%, Pontevedra 21%, Vigo 23%, Lugo 18% e Ourense 23%.


Euforia desatada na rúa Génova
A rúa Génova está xa ateigada de simpatizantes do PP que están xa a vitorear a Aznar e compañía. Xa se escoitan berros do tipo "Pujol, enano, habla castellano". Mariano Rajoy, ministro de Cultura e candidato pola provincia de Pontevedra, mostrou o seu agradecemento "ao pobo español" por confiar no PP e dixo que este triunfo dálles aínda máis responsabilidade para gobernar. "Imos responder á confianza depositada", dixo. Mentres, Cipriá Ciscar, polo PSOE, dixo que non confiaba na fiabilidade das enquisas, e polo tanto non farán ningunha análise ata que comecen a saír os resultados oficiais.

O Autónomo, o quinto partido de Galicia
O Partido dos Autónomos, con máis de 2000 votos, é a quinta forza de Galicia, por diante de Democracia Galega, a Fronte Popular Galega e Coalición Galega.

Máis de 21.000 votos por correo
Un total de 21.240 votos emitidos por correo foron repartidos ao longo do día de hoxe polos funcionarios do servicio postal en dúas entregas. Esta cifra supón que o 86,13 por cento dos 24.659 galegos que solicitaron a documentación necesaria para votar por correo. Por provincias, na Coruña repartíronse un total de 7.599; en Lugo 3.559; 4.381 nas mesas da provincia de Ourense, e en Pontevedra 5.701. Segundo a Delegación do Goberno en Galicia, estes datos poderían variar lixeiramente na hora que resta para o peche definitivo das mesas electorais.

Todos os datos a través do Ministerio de Interior
O Ministerio de Interior preparou unha web especial que está a achegar todos os resultados oficiais de participación e de votos. Alí poderanse obter todo tipo de datos a nivel estatal, por comunidades, por provincias e por concellos en tempo real.

Resultados das Xerais do 96
Aproveitamos para vos lembrar cales foron os resultados das anteriores eleccións lexislativas. En marzo do 96, o PP obtivo o 48,2% dos votos en Galicia, polo 32,8% do PSOE e o 13,1% do BNG. A provincia onde máis "arrasou" o PP foi Lugo, onde os conservadores obtiveron o 53,7% dos escrutinios, mentres que Pontevedra e A Coruña andiveron polo 47,1% e Ourense polo 48,7. Poden obter todos os datos na sección Eleccións Anteriores deste especial informativo.