Unha viaxe a Londres

O río do tempo
Del Riego


Outra das viaxes de maior interés entre as que levo realizado, foi a que fixen a Inglaterra, no trasatlántico de gran turismo "Montserrat", na compaña de Álvaro Cunqueiro. Era polos comezos de outubro do ano 1966. Cunqueiro empeñouse en que a finalidade da viaxe debiámola fixar na celebración do noventa aniversario da invasión de Guillermo o Conquistador. Saímos de Vigo nunha mañá chuviosa, e chuviscaba tamén cando desembarcamos en Southhampton. Iamos encetar a romaría normanda que o gran escritor mindoniense soñara. No mesmo porto de chegada collemos un taxi para que nos levara a Hastings. Xantamos nunha pousada do camiño que tiña por nome "A Camelia". Parámonos despois en Chichester para poder contemplar a fermosa catedral. Proseguimos a marcha polas ribeiras do canal ata que chegamos a Hastings. Aquí desembarcara hai 900 anos o duque de Normandía, á fronte dunha poderosa flota. Detivémonos de primeiras fronte á "Pedra do Normando", na que figuraba a data en que puxera pé en terras británicas Guillermo o Bastardo. Pola mañá do seguinte día subimos un s sete quilómetros ata o "hill" onde librara batalla o duque co rei saxón Harold Godwison. Estivemos, desde logo, en Battle Abbey, a cidade que lle debe nome ao memorable acontecemento histórico. Despois de contemplar as ruínas da grande abadía que mandara construír Guillermo o Conquistador, e cumprido xa o principal obxectivo da peregrinaxe, collemos o tren. Atravesamos nel unha boa parte do condado de Sussex, e ao final baixámonos na capital británica.

Viaxe a LondresEn Londres hospedámonos nun hoteliño moi confortable. Á hora do almorzo, serviunos un rapaz que se expresaba nun desaliñado inglés. Coa escusa da súa curiosa fala, preguntámoslle de onde era. Respostounos que procedía dunha pequena aldea de Corcubión, e que levaba varios anos na cidade londinense. Estrañounos que sendo así falara a lingua do país de xeito tan rudimentar. Clarexou que lle abondaba para se entender, pois o seu obxectivo reducíase a xuntar libras o máis axiña posible, coa axuda doutros traballos complementarios, para voltar a Galicia cun bo acomodo. Contou que ademais del servían no hoteliño outros veciños da súa mesma aldea, que se ocupaban da cociña e da limpeza. Permanecemos en Londres durante oito días. Percorremos os lugares de todos sabidos: Westminster, a City, os parques, os barrios solemnes. Pero para completar o circuito da romería normanda, desprazámonos á cidade de Waltham. Mesmamente, porque alí estaba soterrado Harold, o último rei saxón, derrotado e morto na batalla de Hastings. Visitamos a igrexa de Santa Cruz que el fundara, e tras da igrexa, nun campo murado, limos o texto da sinxela táboa que riba da campa sinalaba o soterramento. De entre os diversos feitos que vivimos en Londres, vénseme ás mentes o dunha cea que fixemos en "Simpson's-in-the-Strand". Convidáranos Celso Collazo, un vello amigo que daquela exercía coma delegado da Axencia Efe na capital británica. No restaurante, máis que centenario, seguían a rexer as grandes tradicións dos asados anglosaxóns. Xantamos troita afumada de Escocia, con acompañamento de berros e apio. Veu logo o cordeiro. O "carver" ou mestre asador tirou para nós talladas de lombo e xuxote co fino coitelo. De postre, os queixos e o delicado xeado de sangroexa. Noutra ocasión fumos ao "Flanegan", un restaurante ambientado ao estilo victoriano, especializado en productos do mar. Eu tiña debezo deles, e gostei con degoro unha langosta "ao rei Eduardo". Ao servirme trouxéronme, cun gran babeiro branco segundo norma da casa, un excelente viño bordelés. Na data de emprender o regreso á casa, collemos na estación de Waterloo o tren para Southampton. Subimos ao "ferry boat", e a pouco o "Montserrat" púxose en marcha. O último dato que conservo daquela viaxe, é o dun xantar noruego a bordo do "Sundward". Mesmamente cando o barco navegaba ao sur de Ouessant."


Unha viaxe a Londres"El año del cometa" Pechar